Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

Proxecto ACADIX

Unha visión innovadora cara a un futuro educativo
O presente artigo ten por obxecto a xustificación do proxecto elixido baseándoo tanto na formación profesional de grao básico coma na propia experiencia na realización de ACADIX e presentándoo como unha nova oportunidade para habitar, convivir e relacionarse entre alumnado e profesorado.

Manuel Magariños Llerena, docente de Economía
IES Xulián Magariños (Negreira - A Coruña)
manuel.magarinos [at] edu.xunta.gal (manuel[dot]magarinos[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

1. Contextualización

O papel estratéxico da formación profesional (en diante, FP) apóiase en dous alicerces básicos: a súa capacidade para reducir o abandono escolar temperán, por unha banda, e, por outra, o seu valor como motor de cambio na estrutura do mercado laboral.

Ademais, a oferta de FP, cada vez máis atractiva, e a aparición da FP básica, especialmente dirixida a evitar o abandono, son outros dos factores que contribúen de forma decisiva á redución da taxa de abandono temperán. Na situación actual, a FP debe responder non só con capacidades propiamente técnicas, senón tamén con outras recollidas no Sistema Nacional de Cualificacións: de comunicación, traballo en equipo, negociación, xestión de conflito, toma de decisións… Estas habilidades forman parte dos contidos dos módulos profesionais que se imparten nos diferentes departamentos, dotándoos, polo tanto, dun carácter transversal que desenvolve e favorece a capacidade de aprender do alumnado. Non debemos perder de vista, por unha banda, que na nosa sociedade actual a revolución tecnolóxica (Internet, redes sociais,videoxogos...) contribúe a constituír unha revolución sen precedentes, pero que, por outra, xera illamento social e a non comunicación entre as persoas. Por iso, incídese neste proxecto (con rexistro de propiedade intelectual 03/2024/1423) no desenvolvemento de actividades conxuntas que se fundamentaban en compaxinar o uso das novas tecnoloxías coas interrelacións humanas e o seu contexto social, que nos incitan a reflexionar e expor mecanismos que nos permitan habitar, convivir e relacionarnos nos espazos recreados no propio centro educativo. Non debemos esquecer tampouco que a formación coa que accede o alumnado ao mercado laboral actual xoga un papel fundamental na posibilidade de atopar emprego. Pero a inserción laboral de éxito das mozas e mozos xa non depende só do seu nivel de formación, senón tamén do seu nivel de competencia persoal e profesional. Na actualidade a FP son os estudos profesionais máis próximos á realidade do mercado de traballo e dan resposta á necesidade actual de demanda de emprego de persoal cualificado especializado nos distintos sectores profesionais. 

Considero que a formación profesional básica (en diante, FPB) constitúe unha ferramenta moi adecuada e motivadora para o alumnado que non alcanzou as competencias da ESO por diferentes causas. Algúns ven nesta nova etapa formativa unha oportunidade para volver empezar deixando os lastres que foron arrastrando. A planificación educativa desde unha perspectiva da inclusión require que, despois de avaliar o contexto educativo, se proceda a axustar as programacións dos módulos profesionais á diversidade do alumnado. Así, procédese ao deseño deste proxecto, que supón para elas e eles a súa participación activa na aprendizaxe para así facilitar o éxito de ACADIX.

Atopámonos cun perfil de alumnado de FPB no que existe baixa autoestima e carencias emocionais, o que os levaba ao convencemento de que nin tan sequera o esforzo persoal podería solucionar os seus problemas. As causas desta baixa motivación e autoestima xeneralizada veñen de lonxe en todos os casos, pero con bases distintas en cada un deles, as cales, pola súa vez, obrigan a darlles resposta de xeito moi individualizado. Nalgúns casos trátase de alumnado cunha historia persoal de fracaso escolar enraizada nos inicios da educación primaria, noutros son situacións socioeconómicas desfavorecidas sumadas a dificultades severas de relación social, problemas con substancias de abuso, casos de timidez severa e alumnado con diversidade no que destacamos alumnado con TEA ou diagnosticado con TDAH que provoca un illamento social de anos de evolución que conviven con outros perfís menos dramáticos, pero non por iso máis fáciles de motivar: alumnado afeito durante anos á lei do mínimo esforzo. O grupo que forma o alumnado de primeiro e segundo curso da FPB ten unha gran heteroxeneidade e por isto considero que o traballo que hai que desenvolver neste proxecto pode ser unha ferramenta didáctica moi adecuada porque nos permite que o alumnado parta da súa situación real, medre no seu coñecemento persoal e leve adiante un proceso educativo que, ancorado nas súas fortalezas, vaia desenvolvendo as capacidades necesarias para a obtención das cualificacións profesionais. O alumnado a través da realización das actividades irá traballando novas capacidades e ferramentas que xeran confianza e desta maneira buscan solucións a problemas, fanse preguntas, debaten ideas, comunican as súas e establecen conclusións.

A presentación ao Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2021, 2023 e 2024 é en recoñecemento ao traballo desenvolvido polo alumnado da FPB. A súa participación, colaboración, esforzo, enerxía e interese fai posible que o Proxecto ACADIX sexa unha realidade. Sempre sen esquecer a nosa consigna, prohibido renderse!

 

2. Descrición memoria

2.1. Título

O Proxecto ACADIX (actividade, convivencia, aprendizaxe, diversidade, igualdade e xénero) xurdiu no curso académico 2019/20 no IES Xulián Magariños de Negreira (A Coruña) no Departamento de Comercio e Márketing coa idea de constituír unha experiencia enriquecedora, creativa e práctica, utilizando recursos motivadores entre o alumnado do ciclo formativo de FPB en servizos comerciais. No curso académico 2022/23, ponse en marcha de novo este proxecto no IES Campo de San Alberto de Noia e, no curso 2023/24, no IES Fernando Blanco de Cee, o que supón unha nova oportunidade para levar á práctica aspectos transversais, por exemplo, respectar as ideas dos demais, resolver de feito pacífico os conflitos, o respecto, a igualdade entre xéneros e, por suposto, afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a autonomía, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo, o sentido crítico e o cumprimento das medidas de seguridade e saúde no traballo, tanto nas actividades propias dos módulos profesionais dos ciclos formativos coma en actividades conxuntas entre o alumnado de primeiro e segundo da FPB.

Image

Alumnado e profesorado do IES Xulián Magariños no comezo do proxecto ACADIX. Curso 2020/21. Ano da pandemia

 

2.2. Cursos e módulos profesionais nos que se desenvolve

Este proxecto lévame a reflexionar e expor mecanismos que nos permitan convivir participando nun proxecto común, onde fomentamos, potenciamos e promovemos as habilidades sociais, o benestar emocional e a convivencia. Ás veces o alumnado da FPB séntese o gran «esquecido», polo que o noso afán é convertelo en protagonista deste proxecto e coa realización das actividades propostas pretendemos deixar de lado os estereotipos e prexuízos e perseguimos como fin último que nos módulos profesionais de primeiro e de segundo curso o alumnado se sinta importante ao desenvolver un papel principal da súa propia aprendizaxe. Así, intentamos conseguir, por unha banda, mellorar a súa autoestima e espertar nelas e neles o interese por aprender facendo, con apoio de metodoloxías activas de aprendizaxe a través do deseño universal de aprendizaxe (DUA) para o seu axeitado desenvolvemento e benestar persoal e social e, por outra, poñer en valor os módulos profesionais que impartimos aproveitando os recursos dun xeito orixinal e innovador.

2.3. Profesorado implicado

A nosa función é a de planificar, observar, acompañar, estimular e avaliar situacións de aprendizaxe.

PLANIFICAR. Lévanos a establecer os obxectivos e a definir con claridade os aspectos transversais dos módulos profesionais que se queren traballar.

OBSERVAR. Nós observamos procesos, cambios, condutas, relacións, dificultades e potencialidades que poidan axudar o alumnado a ir desenvolvendo o proceso e establecer cambios ou melloras para chegar á consecución dos obxectivos.

ACOMPAÑAR. Neste proxecto, asumimos o rol de acompañantes ou mediadores e proporcionamos apoio.

ESTIMULAR. A clave está en confiar no alumnado de tal xeito que sexa capaz de desenvolver en equipo as solucións aos problemas e resolvelos. Trátase de implicar o alumnado na experiencia de aprendizaxe. É importante que teñamos claro o que intentamos conseguir e axudaremos así o alumnado a que descubra cales son estes obxectivos para captar o seu interese e provocar a súa resposta.

AVALIAR. A avaliación é un proceso que acompaña todo o proxecto formativo. Na FPB, dado o perfil do alumnado, podemos comezar por actividades de aprendizaxe máis sinxelas para que o alumnado sexa capaz de traballar autonomamente ata actividades máis completas e complexas.

2.4. Persoas destinatarias

As persoas destinatarias deste proxecto é o alumnado dos ciclos formativos de FPB con idades comprendidas entres os 15 e os 18 anos e que elixiu esta vía profesional para continuar os seus estudos ou porque busca unha formación básica para iniciarse no mundo laboral.

2.5. Obxectivos

O obxectivo xeral deste proxecto é desenvolver unha proposta pedagóxica que permita intervir segundo as necesidades do alumnado e desde o ollar do profesorado na facilitación de experiencias compartidas para avanzar e construír nun novo saber facer persoal e profesional.

Os obxectivos específicos son:

OE.1. Identificar os obstáculos que enfronta o alumnado no contexto educativo e social a través do desenvolvemento dos obxectivos dos ciclos formativos de grao básico.

OE.2. Comprobar a eficacia dos graos básicos para a continuidade no sistema educativo e para desenvolver estratexias de ensino-aprendizaxe que permitan dar resposta á diversidade, contribuíndo á equidade e á igualdade de xénero.

OE.3. Deseñar estratexias e recursos didácticos innovadores que a partir da análise de habilidades, das inquedanzas e dos intereses do alumnado melloren a súa autoestima.

OE.4. Fomentar a adquisición de competencias a través da educación en valores, a aprendizaxe cooperativa, a convivencia e o benestar emocional.

2.6. Actuacións, iniciativas e propostas

As actividades do grupo de traballo ACADIX desenvolven actuacións dentro dos módulos formativos que contribúan aos seus obxectivos. Cito algunhas a modo de exemplo:

a. Grupo de traballo (GT) sobre o proxecto ACADIX dentro do PFPP

Descrición: Participación en formación especializada en inclusión, diversidade, metodoloxías activas e xénero. Sesións de coordinación entre as persoas participantes do grupo de traballo para deseñar, avaliar e axustar as actividades do proxecto e tarefas como a planificación de actividades, creación de materiais didácticos e avaliación dos avances do proxecto.

b. Grupo lector dentro do club de lectura

Descrición: O grupo lector fórmano alumnado e profesorado de primeiro e segundo curso de FPB que len ao mesmo tempo a mesma obra, na súa casa. A biblioteca do centro presta un exemplar dun mesmo título, previamente escollido por un membro do club de cada vez, e realizamos reunións mensuais no centro educativo durante os tempos de lecer para comentar o que liamos, sempre en boa conversa e cun café na mesa. Obras como, por exemplo, A praia do afogados de Domingo Villar, Deixe a súa mensaxe despois do sinal de Arantza Portabales ou Mil soles espléndidos de Khaled Hosseini.

c. Técnicas de dinámicas de grupo

Descrición: As técnicas da dinámica de grupos aplicadas son procedementos para organizar e desenvolver a actividade de grupo, todos eles fundamentados na teoría da dinámica do grupo. Unha dinámica de grupo na aula é unha actividade na cal as alumnas e alumnos que se implican nela buscan afianzar as súas relacións. Ten que ver, polo tanto, co contacto coa comunidade, coa sociedade, coa convivencia e coa cooperación. Todas as técnicas teñen entre os seus obxectivos:

• Desenvolver as competencias da cooperación, intercambio, responsabilidade, autonomía, creatividade.

• Vencer os medos ou inhibicións, superar as tensións e os conflitos.

• Fomentar unha actitude que permitira resolver os problemas nas interaccións e nas relacións sociais.

Exemplos de técnicas de dinámicas de grupo que realizamos de xeito conxunto:

1. Solucións creativas dun problema

2. Dinámica grupal de discusión

3. Xogo de roles

4. Debate aberto

5. Busca de responsabilidade

6. Toma de decisións en grupo

Coa realización destas técnicas traballamos e promovemos a aprendizaxe da resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como dos valores que sustentan a liberdade de expresión, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, o pluralismo político, a paz, a democracia, o respecto por igual aos homes e ás mulleres e a pluralidade.

d. Programa Correspondentes Xuvenís 3.0

Descrición: Correspondentes Xuvenís 3.0 pretende ser unha «antena informativa» no centro educativo. O alumnado do primeiro e segundo curso da FPB é quen se responsabiliza de recoller a información que envía a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e de difundila entre o resto do alumnado do centro, contando co apoio do persoal do Centro Coordinador de Información Xuvenil e co profesorado participante no programa.

Neste programa traballamos aspectos transversais que lles permiten afianzar o espírito crítico e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a autonomía, a iniciativa, o traballo en equipo e o sentido crítico.

Fomentamos o desenvolvemento da igualdade efectiva entre homes e mulleres e traballamos a compresión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e da comunicación e a educación cívica.

Image

Alumnado participante no proxecto do IES Fernando Blanco de Cee. Curso 2023/24

 

e. Campaña de recollida de alimentos Luns Solidarios

Descrición: No marco da conmemoración do 20 de novembro, Día Universal da Infancia, o alumnado participante neste proxecto quere concienciar a comunidade educativa de que é un día para chamar a atención sobre a situación das nenas e nenos máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar as persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

A campaña faise baixo o formato Luns ou Martes Solidarios, de tal xeito que unicamente son os luns ou os martes (con clase en horario de mañá e tarde) os días habilitados para levar alimentos e produtos de primeira necesidade (leite, galletas, cereais, cueiros...).

f. Andaina contra violencia de xénero. 25N Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Descrición: Organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade e na que o alumnado participante do proxecto prepara e organiza un percorrido polas rúas dos concellos para que todo o alumnado do centro educativo participe nesta data co fin de promover a participación cidadá en cuestións a favor do rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Para a realización desta actividade colaboran activamente Vicedirección, Equipo de Igualdade, Departamento de Orientación e Proxecto ACADIX.

g. Obradoiro deseño e elaboración do Meco para o Entroido

Descrición: Organizado en colaboración coa Vicedirección do centro na que se elabora o MECO. Neste obradoiro trabállanse os valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non discriminación de calquera condición ou circunstancia persoal e social. Foméntanse tamén as medidas para que o alumnado participe en actividades que lle permitirán afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a autonomía, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico.

Image

Profesorado desfrutando do entroido

 

h. Actividades complementarias e saídas

Expoño unha a modo de exemplo.

Descrición: Charla «A violencia machista nas relacións de parellas na mocidade». Actividade dirixida a alumnado de cuarto da ESO e de primeiro e segundo de FPB no marco do Plan Proxecta+ no Programa «Por 365 días de respecto e igualdade» da Secretaría Xeral da Igualdade.

2.7. Organización de espazos, tempos e recursos

Son necesarios para a realización das actividades equipos informáticos, material de papelería, canón proxector, memorias USB, cámara de fotos, altofalantes e as aulas propias do centro; aula da FPB, biblioteca e o salón de actos. O período no que se desenvolve este proxecto comeza en outubro e remata en xuño. Os tempos nos que se realiza o proxecto son dúas sesións á semana.

2.8. Metodoloxía

Cada vez máis as metodoloxías de traballo na aula van evolucionando desde unha formulación máis dirixida e máis centrada no profesorado a outro paradigma de aprendizaxe máis centrada no alumnado. Vanse introducindo metodoloxías que superen un enfoque centrado en contidos e avancen cara a unha aprendizaxe máis integral, onde os contidos se asentan en destrezas de aprendizaxe que doten o alumnado de ferramentas necesarias para poder afrontar a formación na súa vida académica, profesional e persoal. Hoxe máis ca nunca fanse necesarias no alumnado da FPB habilidades que lle permitan ser capaz de aprender en grupo e por iso consideramos desde o equipo docente do Proxecto ACADIX que a FPB é un territorio idóneo para transformar as metodoloxías de aprendizaxe e, en moitos casos, poñer en práctica actividades que motiven o alumnado, melloren as súas capacidades e adestren as habilidades sociais tanto no ámbito individual coma grupal (empatía, escoita activa, asertividade, autocontrol, comunicación e resolución de conflitos) e, por suposto, facilitarlle unha formación moi próxima á realidade social e empresarial, que lle permitirá adaptarse á diversificación das tarefas e desenvolver diferentes postos de traballo. Co deseño universal de aprendizaxe (DUA), atopamos un medio polo que alcanzar fins educativos que permitan satisfacer o dereito do alumnado para recibir a mellor formación posible, aquela que o prepare para o seu desenvolvemento integral e efectivo, tendo en conta as súas peculiaridades, intereses e potencialidades. Así mesmo, podemos contrastar múltiples perspectivas de educación emocional, debullando todo aquilo que consideremos elemental para traballar as emocións e que poidan ser coherentes co contexto, entendéndoas tal e como son, un aspecto vivo, cambiante, diverso e persoal, que require dun ensino que se corresponda coas devanditas peculiaridades, é dicir, un ensino flexible, emerxente, vivencial, significativo, real, heteroxéneo e libre. É neste punto onde recae a innovación, no traballo de boas prácticas co Proxecto ACADIX aplicando unha iniciativa que favoreza unha aprendizaxe personalizada que achega todas estas características ao traballo coas emocións na aula.

Image

Alumnado e profesorado participante no proxecto no IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Curso 2024/25

 

2.9. Procedementos de avaliación

Nós empregamos no desenvolvemento deste proxecto as seguintes técnicas de avaliación:

Técnicas baseadas na observación: permítenos utilizar as mesmas actividades de ensino e aprendizaxe para a avaliación; podiamos comprobar a actuación das persoas destinatarias do proxecto nun contexto parecido á realidade e pódese ir adaptando a técnica en función do que se considere interesante no momento.

Técnicas orais: baseámolas no uso da palabra falada como medio de expresión. Podemos utilizalas para avaliar o coñecemento e a comprensión alcanzada polo alumnado, a capacidade de establecer relacións, o coñecemento de regras, datos ou técnicas... As técnicas que nós utilizamos son as entrevistas, debates e presentacións na aula.

Técnicas escritas: baseámolas na palabra escrita como medio fundamental de expresión do coñecemento alcanzado. Traballamos en resolución de exercicios de análise e solución de casos e traballos de grupo.

No proxecto inclúense as actividades tanto de ensino coma de aprendizaxe e de avaliación. En relación con estas últimas, a listaxe de posibles actividades que se vai expoñer, vinculadas ás diversas técnicas que se describiron no parágrafo anterior é ampla, pero a modo de exemplo, pódense incluír as seguintes:

• Probas orais como exposicións de temas, debates, entrevistas co profesorado, sistemas de preguntas, presentación de traballos ao grupo…

• Resolución de problemas ou supostos prácticos, análises de casos, simulacións escritas…

• Traballos e presentacións realizadas polo alumnado de xeito individual ou grupal.

Entre os instrumentos que utilizamos na aplicación das técnicas descritas cabe citar:

Listas de cotexo ou listas de control: son moi útiles para guiar observacións, por exemplo, durante a execución de actividades prácticas, e comprobar o cumprimento de certos pasos (procedementos) ou o respecto dalgunhas normas (actitudes).

Rúbricas: no caso das rúbricas, estas descríbennos sucintamente os aspectos incluídos en cada nivel de logro e son útiles na avaliación e no rexistro de procedementos e de actitudes.

Caderno de clase: recollemos información sobre o que a alumna ou o alumno fixo, o que permite de maneira sinxela transmitir unha información a cada persoa sobre o que conseguiu.

Para rematar, debo dicir que é moi importante que nós valoramos outros aspectos, como, por exemplo, os aspectos actitudinais especialmente relevantes como o esforzo persoal, a participación activa nas actividades, o respecto a un mesmo, aos compañeiros e compañeiras e ao profesorado, a convivencia, o pluralismo, a igualdade… e outros relacionados con competencias básicas e xerais propias de etapas anteriores, como a ortografía, a limpeza e a orde, a puntualidade, a boa presenza e o coidado do espazo de traballo, do mobiliario e do material da aula, entre outros.

2.10. Implicación da comunidade educativa

Neste sentido, a realización deste proxecto supón a posibilidade de ter un modelo de referencia para outros cursos académicos e, ao mesmo tempo, a comunidade educativa ten un papel fundamental na transmisión de valores, pautas, actitudes e comportamentos que afectan a toda a organización e vida do alumnado. É imprescindible a colaboración, por unha banda, do equipo directivo, do departamento de orientación, do profesorado e das familias e, por outra, das institucións públicas como os concellos ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Cóntase tamén coa inestimable colaboración de diversos departamentos que forman parte do Comisión de Coordinación Pedagóxica (CCP), como, por exemplo, Filosofía ou Inglés; cos equipos de Dinamización da Lingua Galega, Dinamización da Biblioteca, co Equipo de Convivencia e co Equipo de Igualdade.

 

3. Avaliación e impacto das prácticas no ámbito do centro

A posta en marcha de programas educativos non está completa se non se avalía o seu resultado. Realízaselle unha enquisa de satisfacción ao alumnado, ao profesorado, ao equipo directivo e ao Departamento de Orientación participantes no Proxecto ACADIX. Se temos en conta os resultados acadados na enquisa, os indicadores obxectivos o que revelan é que o Proxecto ACADIX é un éxito: os resultados académicos do alumnado tanto de primeiro coma de segundo curso son significativamente mellores ca os de cursos anteriores e dan conta de ata que punto o alicerce para a súa motivación que supón ACADIX é un éxito. Pero moito máis importante ca as cualificacións académicas que poidan obter é que o desenvolvemento do Proxecto ACADIX supón que o alumnado da FPB pasa a ser considerado dunha forma diferente por parte do conxunto do centro. A súa participación directa e destacada en actividades tan visibles como o festival do Entroido; a súa colaboración no acondicionamento de espazos grazas aos traballos realizados na aula-taller; a súa inclusión en obradoiros e actividades complementarias propostas para o alumnado da ESO e bacharelato; o coñecemento e difusión das súas realizacións a través dos taboleiros, páxina web etc., todo iso leva a un maior entendemento e, polo tanto, aceptación da realidade deste alumnado como un grupo máis do centro que simplemente cursa unha opción formativa diferente, sen matices negativos, e que esperamos teña continuidade nos vindeiros cursos.

Os criterios de avaliación e os indicadores de logro foron establecidos partindo da pretensión de acadar os obxectivos principais establecidos nos plans de convivencia dos centros educativos como concreción aos establecidos no que será o seu proxecto educativo.

Estes criterios de avaliación pásanse a relacionar a continuación:

1. Organización das actividades: as actividades seguen unha secuencia e cronograma, cumpríndose o 100 % dos obxectivos.

2. Asistencia regular do alumnado: mellora na asistencia nos días de actividades do proxecto. Incremento xeral da asistencia.

3. Participación activa: a participación evoluciona, sendo máis heteroxénea e mellorando as habilidades sociais do alumnado.

4. Interacción coa comunidade educativa: o alumnado recoñece a importancia de colaborar co resto da comunidade.

5. Mellora da conduta e das relacións: os conflitos diminuíron en comparación con anos anteriores.

6. Mellora nos resultados académicos: aumento dos resultados con relación a cursos anteriores.

7. Propostas de mellora do alumnado: o alumnado desexa a continuidade do proxecto con máis actividades.

8. Autoestima: o alumnado reflexiona positivamente sobre a súa autoestima ao finalizar o proxecto.

9. Colaboración do profesorado: a participación de docentes de diferentes disciplinas foi clave para o éxito do proxecto.

10. Valoración da comunidade educativa: o proxecto foi ben recibido por familias, alumnado e profesorado.

11. Repercusión social: o proxecto colaborou con institucións e tivo gran repercusión en medios e eventos locais.

12. Participación en proxectos inclusivos: o proxecto está vinculado a outros programas como Plan Proxecta+ e Contrato Programa INCLÚE.

 

4. Repercusión e difusión do proxecto ACADIX

O Proxecto ACADIX, iniciado en 2019, segue gañando repercusión non só no IES Fernando Blanco, onde continuou no curso 2023/24, senón tamén noutros centros como o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela no curso 2024/25 adaptado ao alumnado de cuarto da ESO ou, na actualidade, de volta no IES Xulián Magariños co alumnado de terceiro e cuarto da ESO.

Image

Alumnado e profesorado participante no proxecto ACADIX na actualidade no IES Xulián Magariños. Curso 2025/26

 

Unha educación inclusiva e atendendo á diversidade (tal e como aparece recollido no capítulo XIV do Decreto 20/2026, do 9 de marzo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia) é un instrumento imprescindible para corrixir e eliminar as desigualdades entre os membros da comunidade educativa e, ao mesmo tempo, constitúe unha garantía de que o alumnado poida participar en actividades sobre unha base de igualdade, de oportunidades e equidade. Por todo isto, é fundamental realizar medidas concretas de difusión e visibilización das actividades realizadas, algunhas das cales se expoñen a modo de exemplo a continuación:

Autoestima y destrezas para alumnos de FP en Negreira gracias a Acadix

El proyecto que consigue que los alumnos de FP tengan fe en sí mismos

Vinte correspondentes do IES Fernando Blanco de Cee fomentan a convivencia e a igualdade

La directora xeral Cristina Pichel visitó las aulas de FP del Fernando Blanco

 

Repercusión en medios institucionais:

A Xunta aplaude o traballo do alumnado do IES Fernando Blanco de Cee que participa no programa Correspondentes Xuvenís

La Xunta aplaude el trabajo del IES Fernando Blanco en el programa “Correspondentes Xuvenís”

Unha vintena de alumnos do IES de Cee participan no programa Correspondentes Xuvenís – NH Diario

Lara Meneses destaca la importancia para la salud emocional del Programa Correspondentes Xuvenís - Xunta de Galicia

Visita institucional Concello de Cee. Correspondentes Xuvenís. IES Fernando Blanco

La Xunta destaca la labor dinamizadora e informativa que realizan los Correspondientes Juveniles - Xunta de Galicia

 

 

Palabras clave

recursos

Proxecto ACADIX

metodoloxía

Proxecto ACADIX

Innovacion

Proxecto ACADIX

proxecto

Proxecto ACADIX