Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

Primeiro da ESO visita un museo

O presente artigo recolle unha actividade educativa que se leva a cabo na aula de Plástica de primeiro da ESO nun IES da provincia de Lugo. Percorremos, en forma de liña temporal, o camiño da historia da arte coñecendo obras pictóricas e artistas de prestixio. Con esta actividade, o alumnado coñece pezas do patrimonio mundial, sitúaas no tempo e no espazo, e emprega as súas destrezas en debuxo e creatividade para resolver «retos» artísticos.

Andrea Mariz Rodríguez, profesora de Debuxo 
andreamariz [at] edu.xunta.gal (andreamariz[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Contextualización

Esta actividade desenvólvese na aula de Plástica de primeiro da ESO nun IES da provincia de Lugo no que se imparten ensinanzas de ESO, bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior.

No presente curso 2025/26 estudan primeiro da ESO un total de 44 alumnos e alumnas, repartidos en dous grupos de 22. Acoden dúas sesións á semana á aula para cursar Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

Esta aula dispón dunha distribución de mesas distinta á habitual: 17 mesas formando unha U invertida que rodea unha gran mesa rectangular situada no centro, con espazo para outros 8 alumnos. A aula dispón de materiais variados para uso do alumnado, así como espazo para exposición de traballos artísticos que realiza o alumnado de todos os niveis.

Todo isto contribúe a crear un clima de aula positivo: o estudantado sae da súa aula ordinaria para situarse noutra cunha decoración específica e onde traballa a carón dos seus compañeiros, cos que pode compartir experiencias propias, aprender das alleas e prestarse axuda mutua.

Os alumnos de primeiro da ESO do presente curso caracterízanse, en xeral, pola súa curiosidade e ganas de aprender, pola súa motivación para desenvolver proxectos propios, polo desexo de participar nos debates e tarefas da aula, pola súa inquedanza e polo carácter infantil propio da súa idade. Os grupos son diversos, tanto no relativo ao académico como ao emocional, e o alumnado ten diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe e traballo.

Estas características, xunto coas dificultades que desenvolve o alumnado para manter a atención durante longos períodos de tempo e reter estes contidos máis adiante, foron as que impulsaron o desenvolvemento da presente actividade. Así, coñecemos obras pictóricas e artistas de prestixio combinando estratexias metodolóxicas tradicionais baseadas na exposición oral breve con outras máis lúdicas e de desenvolvemento persoal consistentes en empregar as destrezas motrices, a imaxinación, a creatividade… para resolver «retos» artísticos.

 

Obxectivos

Traballar co alumnado esta actividade na aula ten como obxectivos principais:

  • Desenvolver a súa capacidade de observación de obras artísticas, recoñecendo nelas estilos, técnicas e temáticas variadas.

  • Dinamizar e mellorar a atención e retención dos contidos académicos ao tratarse de breves exposicións orais por parte da docente.

  • Favorecer a súa capacidade de análise e crítica de imaxes.

  • Espertar a súa motivación e interese por coñecer máis obras e artistas ao ir avanzando cronoloxicamente na liña temporal e ir completando a súa actividade.

  • Motivar o desenvolvemento de ideas propias a partir dos contidos explicados por medio do debuxo e da creatividade.

  • Poñer en valor o patrimonio artístico mundial, comprendendo as pinturas e a súa evolución ao longo da historia.

 

Recursos empregados

Para poñer en orde as ideas, darlle forma física á actividade e obter o produto final, utilizáronse diversos recursos:

- Libros e webs de historia da arte para a selección e recompilación das obras pictóricas.

- Arquivo que recompila cada obra coa súa identificación (título e autor), a súa contextualización histórica (data, estilo ou movemento artístico no que se enmarca e localización actual) e a súa análise formal (dimensións, técnica, temática e características plásticas).

- Medios dixitais para a montaxe e maquetación dos arquivos previos á impresión en papel.

- Ordenador e proxector da aula para as exposicións orais.

- Material escolar de debuxo que emprega o alumnado: lapis de grafito hb e 2h, goma de borrar, afialapis, lapis de cores variadas…

- Tríptico en papel que contén «Primeiro da ESO visita un museo». Entrégaselle un exemplar a cada alumno a principios de curso e gárdao na súa carpeta de aula para telo dispoñible cada vez que corresponde traballar nesa actividade. O tríptico ten o tamaño dun A4 en vertical cando se pregan as páxinas. Unha páxina contén a portada na que o alumnado se identifica con nome, número e grupo. Outra páxina recolle o sistema de avaliación. Tres páxinas conteñen a actividade en si: liña temporal cronolóxica con 15 obras pictóricas, espazo para apuntar os datos básicos (título, autor e data) e resolver o reto artístico asociado a cada unha. A continuación, xúntanse tres imaxes do tríptico: a primeira e a segunda son o anverso e o reverso da actividade que se lle entrega ao alumnado; a terceira contén as obras, títulos e autorías.

Image

 

Image

 

Image

 

Descrición da actividade

Primeiro da ESO visita un museo é unha liña temporal artística que abarca desde a Prehistoria ata a arte contemporánea. O camiño a puntos incorpora imaxes, etiquetas, movementos artísticos, datas… E tamén espazos para que o alumnado tome nota dos datos de cada obra e resolva os «retos» artísticos.

Dado que esta materia dispón de dúas sesións semanais e se concibe como unha materia práctica e non eminentemente teórica, temos a oportunidade de coñecer en detalle quince obras pictóricas de distintos momentos históricos, cinco en cada avaliación. Céntrase a atención no século XX e nas vangardas artísticas de comezos do século, pois as obras desta época, polas súas características plásticas, adoitan chamar máis a atención do alumnado de primeiro da ESO.

A actividade iníciase a finais de setembro e finalízase a principios de xuño, realízase unha sesión cada dúas semanas. Nesa sesión dá tempo a observar, escoitar, analizar, debater, apuntar datos e resolver o «reto» artístico emparellado a cada obra:

Obra, autor e data

Reto artístico

Pinturas rupestres

en Valencia

5000-4000 a. C.

Como debuxaban na prehistoria?

Elixe a cor máis apropiada e completa animais como os que aparecen na pintura, facendo debuxo por imitación, de maneira que parezan orixinais do sitio.

Arte funeraria

en Exipto

5000 a. C.-30 d. C.

Agora que es quen de diferenciar entre planta, alzado e perfil dun obxecto, mira en detalle esta obra de arte exipcia… Que adoitaban representar en perfil? E en alzado? É a túa quenda de debuxar.

Pantocrátor da igrexa de San Clemente de Tahull

s. XI-s. XII

Un pantocrátor cun eixe de simetría vertical claro, pero unha metade é case coma un lenzo en branco. Nesta ocasión toca pintar mesturando cores. Atina ben cos tons e sombreados.

A Gioconda

Leonardo da Vinci

1503-1506

Non se propón reto artístico.

As meninas

Diego Velázquez

1656

Meninas na obra de Velázquez, meninas na expo urbana que vimos en Madrid… Agora queremos ver as meninas de primeiro da ESO, así que imos facer un pouco de deseño de moda.

Camiñante fronte a

un mar de néboa

Caspar David Friedrich

1818

Seguro que oíches dicir iso de «existen moitos tons entre o branco e o negro». Nesta obra hai moitos tons de azul que imos recoller nunha escala de cor desde o máis claro ata o máis escuro.

A noite estrelada

Vincent Van Gogh

1889

Fíxate ben, colle a lupa se fai falla… Vaia marabillosa pincelada que facía este pintor nas súas pinturas! Atréveste a mesturar cores mediante liñas imitando o estilo Van Gogh?

O bico

Gustav Klimt

1907-1908

Fixándonos agora nas características plásticas desta obra, ademais das cores intensas, que máis destaca? Si, as texturas visuais! Mira ben a pintura e imita tres exemplos nas circunferencias da parte inferior.

Harmonía en vermello

Henri Matisse

1908

A obra de Matisse que figura no noso museo está un pouco incompleta respecto da orixinal... É que falta pintar o cadro dentro do cadro! Toca facer debuxo por imitación.

Guernica

Pablo Picasso

1937

Se a obra anterior estaba incompleta, esta nin se aprecia… E iso que o seu tamaño non é precisamente pequeno… Tes aquí unhas cantas pezas de quebracabezas para compoñer o Guernica.

Autorretrato con mono

Frida Kahlo

1938

Agora que coñeces os trazos máis importantes de Frida Kahlo e da súa obra, é fácil que atopes o que falta neste autorretrato, non si?

O fillo do home

René Magritte

1964

O elemento máis característico desta obra está incompleto! Colle varios tons de verde para pintalo. Transmite sensación de volume deixando zonas de luz e de sombra.

Inmersión azul

Joan Miró

1961

Algunha vez, cando viches unha obra abstracta con poucos elementos, dixeches: «iso faino calquera!»? É a túa quenda de amosar se podes transmitir o mesmo ca esta peza abstracta de Miró.

Muller con cinta

na cabeza

Roy Lichtenstein

1965

Esta muller está pálida! Falta empregar a técnica do puntillismo para lle dar cor á súa cara, técnica moi presente nesta e noutras obras pop art.

Baile

Keith Haring

1986

Levas un anaco mirando como bailan estes coloridos personaxes, pero agora perderon a súa cor. Como funciona a túa memoria visual? Recordas de que cor era cada personaxe? E o fondo?

 

A continuación, xúntanse tres imaxes de detalle do tríptico que exemplifican o desenvolvemento da actividade descrita. 

Image
Image
Image

 

Metodoloxía

Emprégase unha metodoloxía que combina a exposición teórica por parte da docente coa posta en práctica posterior por parte do alumnado.

A clase comeza observando unha obra de arte. A docente comenta as súas características básicas, ofrecendo datos sobre o contexto no que se enmarca e a súa autoría. Ao rematar a exposición, o alumnado pode facer preguntas ou achegas converténdose, ás veces, nun breve debate de aula.

A continuación, o alumnado ten que escribir, no espazo provisto, o título, autor e data da obra. Despois, teñen uns minutos para resolver o reto artístico asociado a cada obra. Ao acabar, hai un breve momento para que o alumnado lles amose o seu traballo aos compañeiros.

 

Avaliación

Esta actividade supón o 10 % da nota de cada avaliación. En cada unha realízanse e avalíanse cinco obras. Cada unha destas ten un valor de 0,2 puntos, nos que se ten en conta o seguinte:

  • Recollida de datos da obra de forma completa e correcta.

  • Presentación, caligrafía e ortografía correctas.

  • Cumprimento co reto artístico proposto.

  • Presentación, creatividade, corrección no debuxo e nivel de acabado do reto artístico.

Unha vez recollidas e avaliadas as actividades, devólvenselles aos alumnos para que vexan posibles erros e aprendan e melloren de cara á seguinte entrega, ademais de ver a puntuación que acadan.

 

Conclusións

A implementación desta actividade xera actitudes moi positivas no alumnado, quen reclama cada dúas semanas facer a actividade. Gústalles o formato de aprendizaxe, xa que o asimilan como pequenas doses de coñecemento que poden aplicar posteriormente nas súas creacións. Ilusiónaos ver como van percorrendo camiño, avanzando na historia da arte e completando pouco a pouco o seu tríptico de Primeiro da ESO visita un museo. Queren saber axiña o reto artístico que vai asociado a cada obra e, cando o teñen feito, gústalles amosarlles o resultado á docente ou aos seus compañeiros.

Aínda que este é o primeiro curso no que se realiza esta actividade, o resultado está sendo positivo. É unha actividade extensible a outros niveis, como Plástica de terceiro da ESO ou Expresión Artística de cuarto da ESO; e tamén a outras disciplinas, xa que se poderían incluír esculturas, fotografías, gravados… Poderíase formular tamén como un traballo de investigación para os alumnos e que sexan eles os que lles expoñan as obras aos compañeiros.

En definitiva, formúlase como unha actividade flexible e adaptable á aula. Unha actividade coa que percorremos camiño histórico e artístico á vez que debuxamos, compartimos e aprendemos.

 

 

Bibliografía

Gasparini, L. (2008). Obras maestras del arte. Barcelona: Editorial Blume.

VV. AA. (2016). El libro del arte. Madrid: Ediciones Akal, S. A.

VV. AA. (s. d.). Historia/Arte. Recuperado de https://historia-arte.com/

Palabras clave

aula de plástica

Primeiro da ESO visita un museo

historia da arte

Primeiro da ESO visita un museo

obras pictóricas

Primeiro da ESO visita un museo

retos artísticos

Primeiro da ESO visita un museo

Creatividade

Primeiro da ESO visita un museo