O taxi no cinema
Ramón Souto Caride e Juan J. Álvarez Castro
Á memoria de Juan R. Álvarez Veiga
Endexamais baixou o taxímetro da bondade
1. Presentación
Antes das edicións 2019/20 e 2021/22 do Cinema Educativo do IES de Mos, concluímos que as habelencias sociais emanan de moitas situacións e escenarios, fóra de grellas programadas. Con todo, non podiamos confiar enteiramente a súa aprendizaxe ao chou nin ás secuencias amenas nas pantallas, sen estrutura psicopedagóxica duns contidos tan funcionais na formación integral da adolescencia. Nós, os humildes coautores destes parágrafos, reincidimos na aperta audiovisual, polo conforto e admiración que sentimos nas narrativas desta arte. Nalgunhas delas, do xeito máis inesperado, xurdirá unha sensación fóra de lugar para revelarnos algo ao ouvido. Noutras ocasións, case o decidirá todo a forza dunha imaxe, como un golpe de mar. Frecuentemente, axexaremos: tempos mortos, unha cesta sen compra, un semáforo ignorado, un verán perdido, un clarescuro sutil que nos fai cómplices destes relatos que talvez nos fagan entender e simplificar a aparente cronicidade dos conflitos de relación porque só semella eterno o voo dos paxaros.
Con todo, as súas mensaxes procurarán o diálogo co espectador ou espectadora: acios de palabras e a ollada dun retrovisor. En definitiva, máis cinema: outro «hoxe» con historias de ida e volta.
2. Xustificación
Adoitamos tomar un taxi con présas, cargas, equipaxes… Poucas veces o collemos devagar para entender as rúas molladas e os berros da noite, ou para desfacernos de ideas e escoitar outras reaccións á soidade, á tristura, ás despedidas nunha calella…
Seguramente entramos e saímos dun taxi coma dun saúdo obrigado, omitindo a quen sabe de horas punta e distancias entre vivendas e vidas… O taxi, un cosmos branco sobre negro, sen parabrisas no clarescuro de tristes gatos e pasos de peóns.
Camiños que esvaran no neon licuado dos destinos, das separacións, da xentileza ou da furia… Amenceres e confidencias no locutorio imprevisto que só nos ía levar a casa. Por todo isto, como estragar tantas «unidades de aprendizaxe» para a vida?
3. Contextualización
Esta proposta pode fluír nos seguintes públicos: entre escolares de terceiro e cuarto da ESO, FP básica, bacharelato, e ciclos medios e superiores de FP. Certamente, a sesión de titoría semanal na ESO e na FP básica axuda na súa difusión, ao abeiro dos contidos formativos de cadanseus plans de acción titorial (na sesión de titoría semanal). No referente ao bacharelato de Artes, concorría coa motivación engadida de seguir as materias Cultura Audiovisual I e II; asemade o bacharelato de Ciencias Sociais achaba cruzamentos nas materias de Xeografía e Economía, con explicacións microeconómicas polos 17 puntos xeográficos dos estados integrados neste carrusel de cinema. Con todo, a idea tamén atoparía oco nas cinco etapas, ao integrala na celebración das datas «transversalmente» significativas: Día Escolar da Paz, da Prevención da Violencia de Xénero, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos…
4. Descrición da actividade e recursos empregados
Na semana previa á apertura destas edicións, entregamos un díptico coa temporalización e sinopses das obras desta escolma. Baseámonos nesta decisión porque as expectativas que desenvolvan serán máis importantes ca as descricións que lles deamos, ou sexa, que salten da información á formación, dos gromos de datos á autoxestión de ideas con algún efecto nas súas vidas, que lles dean fundamentos para pensar, cuestionar e actuar. De xeito que connosco só entraban nunhas historias que seguían nos seus fogares: preferimos abranguer aquela metraxe que permita coloquios centrados na cerna de cada cuestión, o «método 5 C» aplicado á análise da violencia versus a axuda, da inaptación á sociedade, da vitalidade fronte á ideación-conduta suicida, das vítimas das crises económicas mundiais, das consecuencias da pobreza estratificada, das desigualdades, do valor dos apoios sociais ante o illamento, da crise familiar, da perda irreparable, do desarraigamento dos emigrantes, dos encontros e desencontros, da desolación-dó-esperanza, da nosa transición como aprendizaxe da convivencia social baseada nos principios democráticos, da xenofobia, da liberdade de expresión, da situación das vítimas dos conflitos armados, das condutas disociais ou do baleiro existencial que tamén berra ás portas dun taxi en calquera continente da Terra...
28 filmes en 6 bloques xeopolíticos. Unha escolma
(Pódese ver a escolma detallada nos pdf adxuntos)
BLOQUE 1 - Os Estados Unidos
A desesperación de Scorsese. A mirada divertida de Jarmusch. Seis achegas ao país das «oportunidades»: Winston-Salem, Chicago, Los Ángeles, Nova York, París, Roma, Helsinki
1.1 Taxi driver (1976). Martin SCORSESE. EUA
1.2 Ao límite (1999). Martin SCORSESE. EUA. Previr a violencia: medio hostil. Axudas psicosociais. Estrés postraumático. Traballo = Autorrealización?
1.3 Noite na Terra. EUA (1991). Escoita activa. Autocoñecemento vocacional. Roles.
1.4 Chicago cab. EUA (2007). Evitar liortas e/ou rifas. Escoita. Empatía. Acollida.
1.5 Un café en calquera recanto. EUA-IRÁN (2005). Sensibilizarse co desarraigamento dos emigrantes.
1.6 Goodbye Solo. EUA (2005). Vitalidade fronte á ideación-conduta suicida.
BLOQUE 2 - Latinoamérica
É posible parapetarse dos conflitos armados tras a ventá dun «remís»?
2.1 Días de Santiago. O Perú (2004). Adaptación á sociedade.
2.2 Taxi para 3. Chile (2001). Comprender a pobreza estratificada.
2.3 Magallanes. O Perú (2016). Protexer de agresións ás mulleres nos conflitos armados.
BLOQUE 3 - España
Mudar, crecer, relatos de supervivencia da España desigual
3.1 O taxista full. España (2005). As vítimas económicas. A petición de axuda.
3.2 Time code/Nitbus/Rodilla. España (1997) Vivenciar encontros e desencontros.
3.3 A ponte. España (1977). Dirección: Juan Antonio Bardem. A transición. Aprendizaxe colectiva da convivencia baseada nos principios democráticos.
3.4 Taxi. España (1996). Substituír os odios polos argumentos.
3.5 Bwana. España (1996). Desfacerse de prexuízos para convivir.
BLOQUE 4 - Europa
O circuíto moral de rutas do que somos parte
4.1 O carteiro das noites brancas. Rusia (2014). Os apoios sociais ante o illamento.
4.2 Destinos. Bulgaria (2017). Xestionar a desolación, o desespero, o dó, a esperanza…
4.3 Non matarás. Polonia (1988). Recoñecer condutas disociais.
4.4 Taxi 121. República Checa (2016). Xenerosidade. Altruísmo. Inseguridade cidadá.
4.5 Galatasaray-Dépor (One day in Europe). Alemaña (2005). Engano inmoral.
4.6 Napoli-Berlino. Un taxi nella notte. Finlandia (1987). Sentido do humor.
4.7 Todo ou nada. Reino Unido (2002). A unión no afrontamento dun problema.
4.8 Red Road. Reino Unido (2006). Entender os sentimentos de dó.
BLOQUE 5 - Asia
Pedalear ata o final do día cando xa non quedan folgos e te bloquean as maniotas
5.1 Cyclo. O Vietnam (1995). Rexeitar as desigualdades abismais.
5.2 A bicicleta de Beijing. A China (2001). Acadar acordos.
BLOQUE 6 - Oriente Medio e Próximo
Vidas clandestinas burlando a traxedia
6.1 Taxi-Teherán. Irán (2015). Abrirse á sociedade civil: dá vida.
6.2 Kabuli kid. Afganistán (2008). Protexer as vítimas do fanatismo: a nenez e a muller.
6.3 Baixo as bombas. O Líbano (2007). Louvar a resiliencia extrema.
5. Metodoloxía
Entrega dunha unidade didáctica sobre cada obra ao termo de cada sesión, a cal contiña título e cartel, detalles técnicos, breve sinopse e preguntas ás que tiñan que responder. Metodoloxía interactiva: damos e recibimos.
Entrega dun formulario de inscrición ao alumnado interesado.
Entrega dun impreso de autorización ás familias do alumnado interesado menor de idade. Lembremos que os cinefórums transcorren das 14:15 ás 16:10.
Tratamento simbólico e audiovisual daqueles problemas que non sempre atinxen a razón, pero que non son absurdos nin anecdóticos e mesmo poden ser graves.
Explicacións que lles axuden a entender que o audiovisual representa «expresións vivas» das preocupacións, soños, ilusións da xente, xa que, malia o incalculable valor da ciencia e das TIC, estas non sempre dan resposta a tales cuestións, nin saben penetrar na esfera espiritual, nin nas crenzas éticas e estéticas do ser humano. A arte si se atreve con obras que chegan aos sentimentos e ao pensamento humanos para dar respostas.
A escolla dun acervo audiovisual recoñecido internacionalmente, prestixiado, estimulante, e cunha fonda pegada realista e multicultural; de feito, abrangue obras de 18 nacionalidades diferentes sobre problemas que lle afectan ao mundo enteiro e á nosa sociedade.
A decisión de centrarse en grupos sociais e personaxes interesantes desde diferentes puntos de vista (dramático, realista…) como apoios para rexeitar comportamentos amorais sobre temas universais (a xustiza social, a resolución pacífica de conflitos, os argumentos prosociais no canto dos prexuízos e do odio, a violencia de xénero…). Porque o noso alumnado debe coñecer o seu lugar na terra.
A pantalla como celebración colectiva da vida, para transcender a mente individual de cada un de nós e como espectadores nunha certa «comuñón» co resto das persoas asistentes e cos semellantes que actúan nela.
A propia dinámica dun cinefórum semanal con boas condicións para sentirse integrante da comunidade escolar. Ou sexa, activamos unha metodoloxía cooperativa, inclusiva e lúdica no salón de actos do IES de Mos.
Démoslles unha autovisión da transcendencia, consubstancial a cada unha das súas vidas. Porque eles e elas son reais e no seu «día a día» posúen valor alén das rutinas, das estatísticas e do glamur.
A transmisión de consignas «carismáticas» do cineasta e dramaturgo David Mamet, como forma de estar no salón de actos, ás veces no mundo, e ante esta escolma de filmes: «ollos ben abertos», «boca pechada», «traballade moito, mesmo no que vos gusta», «integrádevos nesta comunidade», «ide alén da superficie e da mentira». Seguramente xa estean niso.
Uso da táboa das nocións esenciais fílmicas relacionadas coa habelencia social tratada en cada longametraxe, en clave de autocoñecemento. Ou sexa, reverían os elementos de cada obra, fronte á súa persoa versus o protagonista. Advertimos que este procedemento gustou, segundo referían sentirse parte do filme e dunha aprendizaxe diferente, afastada dun modelado pasivo, só baseado na observación.
6. Obxectivos
Neles non só reflectimos onde queremos chegar. Alén diso, tamén desexamos homenaxear de xeito afeccionado a catro autores loados pola crítica internacional, polos seus premios e polas súas condicións de xenios, recoñecidas pola comunidade de cinéfilos e estudosos das súas obras. Estamos a falar de Igmar Bergman, Luis Buñuel, Andrei Tarkovski e Krzysztof Kieslowski. A carón dos catro grupos de obxectivos figurará o nome do cineasta correspondente.
6.1 OBXECTIVOS «BERGMAN». Edicións 2019/20 e 2021/22
Transmitir, organizar, concretar e ritualizar a información estritamente necesaria para acentuar o apetito cinéfilo no alumnado.
Ser o ollo e o ouvido interinos da audiencia: propomos, incitamos, estimulamos no punto de saída, só ata que se apropien da obra.
Comunicar a tarefa máis importante da dramaturxia e do cinema, afacerse aos compañeiros e compañeiras de actividade neste acto colectivo: sen un «ti» non hai un «eu».
Ofrecer un factor de protección na vida se absorben a beleza do mundo.
Cominalos a que estean prestos aos instantes decisivos dunha historia: como «pescadores de perlas».
Receitar realidade, soños e devezos.
Pór en valor o contacto firme e continuo co material de traballo: na comunicación audiovisual ese contacto vén ser a columna de aceiro, mesmo nas ruínas da alma.
Entregar un principio actoral esencial: os sinais a un receptor deben ser sinxelos e claros, sempre dun e nun para crear simultaneidade e profundidade, para chegar en cada instante ao público.
6.2 OBXECTIVOS «LUIS BUÑUEL». Edicións 2019/20 e 2021/22
Convidar aos tempos mortos da fantasía: un recurso tan importante coma os soños no proceso creativo.
Animar a que se recoñezan na linguaxe do cinema: rodaxe, montaxe, acción simultánea, acción sucesiva, “chouto atrás”...
Subliñar o respecto pola necesidade creativa, frecuentemente como un «estar entre xente, mais dentro dun mesmo».
Localizar cadanseu descoñecemento prometedor e apaixonado: dos ollos agroman cámaras, prestas a calquera encomenda creativa.
Dar algún vello slogan surrealista: «A imaxinación ao poder».
Advertir do valor das tendencias psicolóxicas profundas na explicación dun relato, ademais dos factores socioculturais, económicos, políticos... Non se pode rexeitar a metade do ser humano.
Estimular a imaxinación. Atinxir ese terreo entre o azar e o misterio no que escorrega «certa liberdade total» do ser humano.
Promover neles o recoñecer o acento da verdade.
Transmitir tres condicións creativas para acadar toda beleza: esperanza, loita e conquista.
Non aborrecer: un bo guión consegue aparafusar a atención do público.
Conmover, ás veces sen saber moi ben por que, pero si como, polo seu contido, pola súa estética, polo seu estilo, pola súa tendencia moral...
6.3 OBXECTIVOS «KIESLOWSKI». Edicións 2019/20 e 2021/22
Espertar a inquedanza moral.
Cativar a audiencia cunha obra que lle fale dunha preocupación existencial en profundidade.
Instar a descifrar os marcos e espellos interiores que separan os protagonistas, para sentir o illamento ao que pode chegar todo ser humano.
Subliñar o valor decisivo do estilo visual dunha obra: se o mudamos, podemos mudar a historia do filme enteiramente.
6.4 OBXECTIVOS «TARKOVSKI». Edicións 2019/20 e 2021/22
Salientar o realismo e naturalismo das imaxes sen contradicir a vocación transformadora de toda arte: converter o mundo nun lugar fermoso.
Animar a ver este cinema como se albiscan as estrelas e o mar: sen lóxica matemática, pois esta non explica que é o ser humano nin o sentido da súa vida. Talvez, nestas claves poéticas moitos/as poidan recoñecerse e non sentirse na soidade.
Salientar a importancia de vivir o filme. Escoitalo. Comprendelo. Mesmo se dúas persoas poden sentir o mesmo ante unha obra, abrirase unha fenda a prol dos dous, un camiño de ida e volta que os achega.
Focalizar a súa curiosidade nas calidades do filme: o don de entrar no mundo anímico dos maiores e dos nenos, o valor de intuír as belezas do mundo, de amosar os valores reais, de converter o detalle nun símbolo e, en definitiva, de outorgarlle a cada toma poesía e música.
Ofrecer algo necesario no proceso de autocoñecemento ao sentirse comprendido pola obra. Se o filme recrea o que os desacouga, o que lles falla ou desexan, veranse no filme como nun espello.
Apoiarnos na obra para que desvistan os seus sentimentos das palabras e no canto delas escollan un sistema de sentimentos e imaxes para contactar cos demais, sen as barreiras a ambos os lados do espello, e así flúa TODO aquilo que limitaba a linguaxe: a vontade, os sentimentos as emocións…
7. Descrición da actividade
As edicións leváronse a cabo antes da tarde de cada luns, no salón de actos, cunha audiencia limitada a 75 persoas na primeira proxección, por rigorosa orde de inscrición; nas sucesivas, só se permitiron 25 asistentes; un cinefórum á semana e catro ao mes, agás dous en decembro, tres en xaneiro e tres en marzo (pausas do Nadal e da Pascua). Ademais da entrega previa da ficha (sinopses + precisións técnicas) e cartel de cada filme, seguimos o «método 5 C» (coloquios centrados na cerna de cada cuestión) e ao termo de cada sesión:
1. Unidade didáctica dos coautores para o alumnado. Repensar secuencias e diálogos e reflectir na escrita conclusións acenden a lanterna da aprendizaxe significativa.
2. Inspirámonos na estrutura máis esencial do célebre Paul Schrader (guionista de Taxi driver) cunha táboa das nocións esenciais fílmicas asociadas á habelencia social tratada na obra, en clave de autochequeo: elementos do filme fusionados coa súa persoa, cunha estrutura de cuestións e respostas abertas e persoais.
As miñas preferencias | Días de Santiago. O Perú (2004) Eu versus o protagonista: habelencia adaptación á sociedade | |||||||||
| 1. Os meus métodos: | Espontáneo vs. Obsesivo / Racional vs. Impulsivo / Cooperativo vs. Individual / Asertivo vs. Conflitivo / Flexible vs. Rixido | |||||||||
| 2. A miña posta en escena: | Sólida vs. Feble / Segura vs. Insegura / Conciliadora vs. Hostil / Transcendente vs. Errática / Estable vs. Labiríntica | |||||||||
| 3. O meu ollar: | Luces vs. Sombras / Liberado vs. Tenso / Identitario vs. Confuso / Realista vs. Marxinal / En cor vs. Cincento | |||||||||
| 4. A miña persoa e o personaxe: | Sociable vs. Solitario / Conciliador vs. Conflitivo / Adaptado vs. Inadaptado / Tranquilo vs. Aflito | |||||||||
| 5. O meu guión: | Alicerce vs. Caos / Amortecedor vs. Confusión / Orientado vs. Perdido / Fluído vs. Denso | |||||||||
| 6. A miña linguaxe facial: | Expresivo vs. Inexpresivo / Contido ás veces vs. Crispado / Con control dela vs. Sen control dela | |||||||||
| 7. Os meus referentes: | Familia vs. Exército / Pai vs. Exército / Nai vs. Exército / Profesorado vs. Exército / Amizades vs. Exército | |||||||||
| 8. O meu son: | Conversas vs. Consignas / Diálogo vs. Ordes / Blues vs. Heavy Metal | |||||||||
| 9. Xéneros: | De autor vs. Bélico / Cómico vs. Bélico / Dramático vs. Bélico / Realista vs. Bélico / Thriller vs. Bélico | |||||||||
| 10. Temas que trato: | Psicosocial vs. Militar / Espiritual vs. Militar / Xeracionais vs. Anticuados / Artísticos vs. Militar / Lecer vs. Conflito / Política vs. Mundo hostil | |||||||||
| 11. As miñas contradicións: | Lixeiras vs. Severas / Conservo identidade vs. Con perda dela / Conservo o senso pola vida vs. Perda de senso / Sen adiccións vs. Con alternancias no consumo de alcohol | |||||||||
| 12. A sociedade e eu: | Interiorizo e contextualizo as normas vs. Asunción castrense delas entre civís | |||||||||
| 13. As miñas relacións co mundo: | Nível e voz propia con amizades vs. Perdido na súa xeración / Convivo asertivamente vs. Desorientado e con estouridos violentos | |||||||||
| 14. A miña dimensión sentimental: | Valoro a miña singularidade vs. Con dificultades na autocomunicación / Visión sa das relacións afectivo sexuais vs. De igual a igual vs. Percíbeas desde o conflito e a represión / Íntegros na miña evolución vs. Lévano ao illamento psicótico | |||||||||
| 15. Avaliación do autochequeo (Risca a puntuación que consideres) | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 |
8. Conclusións e avaliación
Séguenos a parecer determinante a suma de aprendizaxe cooperativa e reflexión individual porque, sobre unha actividade baseada en materiais lúdico-formativos, cada parte engade o que lle resta á outra.
Con todo, por moita euforia e pracer que produza o visionado colectivo e a subseguinte análise crítica, ben como debate semidirixido, ben como coloquio máis espontáneo, se aspiramos a asegurar as habelencias sociais ao abeiro do cinema educativo, cómpre unha unidade didáctica a posteriori por cada filme visionado.
Agora ben, nela prevalecerá a mensaxe esencial de cada obra, nunha presentación sinxela, atractiva, funcional e sen densidade innecesaria. Como anexo a este artigo, achegaremos o exemplo de Taxi para 3, logo do punto referido á bibliografía e webgrafía de apoio.
Asemade advertimos da boa acollida da novidade ficha de autochequeo. O seu formato de táboa comparativa con 14 puntos psicosociais esixían ritmo, clareza e comodidade para responder.
No clima de pospandemia verificamos a crecente necesidade de contacto humano, tanto na convivencia previa á proxección de cada luns coma nos tempos de coloquio e debate. Así mesmo, cómpre lembrar a asunción das medidas sanitarias preventivas da covid-19 na edición 2021/22: uso xeneralizado de máscara en todos os asistentes, distancia regulamentaria de separación no «patio de butacas», salón de actos en permanente estado de ventilación (fiestras e portas abertas para garantir a circulación do osíxeno e as correntes de aire exterior, uso normalizado do hidroxel...).
Isto supuxo outra mudanza de planos: a entrega e recepción telemática dos materiais de apoio no canto de en soporte físico.
- Non esquecemos o limiar da Orde de atención á diversidade do 8 de outubro de 2021, o punto que aposta por un estilo pedagóxico apoiado, polo menos, na cultura da diversidade, na cultura da inclusión (exemplos abondosos nas reparticións), na cultura da coordinación (dos departamentos de Música e Orientación co equipo directivo), na cultura da participación (do alumnado, do profesorado implicado e co coñecemento das familias), na cultura tecnolóxica (instando ás plataformas de cinema, ás comunicacións por correo electrónico, ás buscas en Internet…) e na cultura da avaliación (desta falaremos no último punto deste apartado).
Asemade, quixemos impulsar os puntos 1 e 2 do artigo 53 —Programas de habilidades e competencias sociais— da devandita orde de atención á diversidade.
Consonte o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade, recollemos do seu limiar unha das conclusións do Consello da Unión Europea do 12 de maio de 2009, no que se acorda, entre outras cousas, que a cooperación europea no ámbito da educación deberá situarse nun marco con obxectivos estratéxicos, e nós desde estes ciclos de cinema educativo salientamos o obxectivo (c) Promover a equidade, a cohesión social e a cidadanía activa. Cunha ollada á temática poliédrica de ambas as dúas escolmas, atoparemos a promoción deste obxectivo (combater o racismo, eliminar as desigualdades, previr as condutas suicidas, protexer as vítimas da violencia de xénero, apoderar os apoios sociais, substituír odios por argumentos…).
E no que atinxe as valoracións das edicións por parte do público, hai que dicir que semellaron boas. Comprobámolo cualitativa (con microentrevistas e conversas informais) e cuantitativamente (ao pé de cada unidade didáctica e de cada táboa comparativa de autochequeo dispuñan dunha grella cun rango de puntuacións do 1 ao 10). Estes resultados medían o benestar «sentido» no xeito de relacionar as habelencias sociais cos filmes expresamente escollidos para afondar nelas.
Bardem, J. A.; Palmero, J.; Sueiro, D. (1977). El puente. Madrid: Ed. Sedmay (1.ª edición*).
Bergman, Ingmar (2020). Linterna mágica. Memorias. Barcelona: Ed. Maxi Tusquets (4.ª edición).
Bioy Casares, A. (1993). Un campeón desparejo. Barcelona: Ed. Tusquets (1.ª edición*).
Buñuel, Luis (1982). Mi último suspiro. Memorias. Barcelona: Ed. Plaza & Janés (6.ª edición). Colección Tribuna.
Climent, Michel (2007). Pequeño planeta cinemaográfico. 50 realizadores. 40 años de cine. 30 países. Madrid, Ediciones Akal.
Colección Cahiers de Cinema España. Caderno-estudo do Filme Goodbye Solo. DVD. Cameo. 2010.
Cousins, Mark (2015). Historia del cine. Barcelona: Ed. Blume (nova edición actualizada).
Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Delgado, L.; Lozano, D. (2007). Latinos en España. Cómo son y cómo viven. Madrid: Ed. La Esfera de los Libros (1.ª edición*).
DIRIGIDO. Revista de cine, 416 (novembro 2011). Estudio Andrei Tarkovski.
Geada, Eduardo (1978). Cinema e transfiguraçao. Lisboa: Ed. Libros Horizonte (1.ª edición*).
Huerta Floriano, M. A. (2008). Paul Schrader. Madrid: Ed. Akal.
Kane, Leslie (2005). Conversaciones con David Mamet. Barcelona: Ed. Alba (1.ª edición*).
Krzysztof Kieślowski (1988). DVD Non matarás. Polonia. Contidos extras: entrevistas
Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa. Título I, disposicións xerais, artigo 3: Fins e principios informadores das normas sobre convivencia nos centros docentes, punto b): A educación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas; artigo 7: Dereitos e deberes do alumnado, punto 1. Recoñécenselle ao alumnado os seguintes dereitos básicos de convivencia escolar, sen prexuízo dos establecidos nas leis orgánicas de educación: a) A recibir unha formación integral e coeducativa que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade nun ambiente educativo de convivencia, liberdade e respecto mutuo.
López, A. (2018). Emociónate con el cine. Madrid: Azur Editorial (1.ª edición*).
Losilla, C. (1997). Taxi driver. Barcelona: Libros Dirigido (1.ª edición). Colección Programa Doble.
Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa. Capítulo III: Desenvolvemento do currículo, artigo 14: Métodos pedagóxicos, punto 1: A metodoloxía didáctica buscará desenvolver e asentar progresivamente as bases que lle faciliten ao alumnado unha adquisición e un desenvolvemento adecuados das competencias clave previstas no perfil de saída establecido no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro. Procurarase a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado, teranse en conta os seus ritmos e preferencias de aprendizaxe, favorecerase a capacidade de aprender por si mesmo, fomentarase o traballo colaborativo e en equipo, e potenciarase a aprendizaxe significativa que promova a autonomía e a reflexión.
Palacios More, R.; Pires Mateus D. (1976). El cine latinoamericano. O por una estrategia de la ferocidad, la magia y la violencia. Madrid: Ed. Sedmay (1.ª edición*).
Pasolini, Pier Paolo (1999). Las películas de los otros. Barcelona: Ed. Prensa Ibérica (1.ª edición*).
Sotinel, T. (2007). El libro de Martin Scorsese. Madrid: Cahiers de Cinema. Colección Grandes Directores.
Tarkovski, Andrei (2020). Esculpir en el tiempo. Madrid: Ediciones RIALP (18.ª edición).
Wolder Helling, A. (2018). El reflejo de nuestras emociones. Madrid
Webgrafía