Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

Espazos creativos

Darlle cor ao noso patio
No noso centro educativo, emprendemos unha nova iniciativa, un proxecto para transformar a zona de patios en espazos creativos e inclusivos que fomenten a aprendizaxe e a convivencia entre o alumnado, un lugar onde poder explorar a súa creatividade e desenvolver habilidades sociais nunha contorna segura e acolledora.

Alba Millares Corral, mestra de Audición e Linguaxe
CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela)
alba.millares [at] edu.xunta.gal (alba[dot]millares[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

Introdución

No CEE Manuel López Navalón propoñemos un PFPP de formación onde reflexionamos sobre os espazos e as actividades no centro. A principal reflexión ía encamiñada a integrar proxectos como Polos Creativos nos diferentes lugares dos que dispoñemos e asociar, ao mesmo tempo, propostas dinámicas de actividades.

 

Contextualización

Esta experiencia foi para min como unha viaxe, onde a motivación, a dedicación e o esforzo foron piares fundamentais. Como sabemos, para emprender unha viaxe a calquera destino, primeiro necesitamos un mapa e realizar unha serie de cuestións.

O meu destino era o CEE Manuel López Navalón, situado no mapa en Santiago de Compostela. Sen dúbida, un lugar máxico, como di na súa páxina web: «a maxia da diversidade». No momento de entrar polas súas portas veu á miña cabeza a primeira cuestión: que podo achegar para continuar a maxia? Eu quero ser unha parte activa desta aventura, quero que a maxia sexa parte do noso día a día.

Pero esta viaxe, esta aventura e, sen dúbida, esta grande experiencia non podía levala adiante soa. Quen participou nesta viaxe? O profesorado, un grupo en conexión constante buscando o mellor para o noso alumnado.

Para poder emprender esta aventura, tivemos unha reunión para saber que iamos atopar polo camiño, é dicir, as necesidades. Identificar as necesidades é esencial para despois formular unha serie de obxectivos, que posteriormente imos determinar e desenvolver. Tiñámolo claro, queriamos ofrecerlle ao noso alumnado un espazo propio, confortable, dinámico, creativo, flexible, diverso e inclusivo. Reflexionamos e démonos conta da importancia de atopar o camiño axeitado para a creación de espazos e momentos de xogo durante o tempo de recreo, onde o alumnado poida realizar actividades lúdicas de forma cooperativa e activa. Así mesmo, tamén queriamos que ese espazo puidese ser utilizado noutros momentos, como para realizar talleres ou sesións de clase ao aire libre.

Pero a onde queremos chegar con esta gran viaxe?

 

Obxectivos

  • Fomentar que todo o alumnado teña unha participación activa no tempo de recreo creando un contexto de inclusión total.
  • Deseñar e crear os espazos máis axeitados para o desenvolvemento de patios creativos e inclusivos, así como distintas zonas de aprendizaxe (investigación, creación, obradoiros...).
  • Favorecer a realización de actividades nas que o alumnado poida resolver retos nun ambiente baseado na participación activa.
  • Crear un clima de entendemento e respecto.
  • Desenvolver unha serie de actividades de forma colaborativa entre toda a comunidade educativa, participando activamente na súa elaboración.
  • Favorecer a oportunidade de experimentar utilizando a tecnoloxía como parte do proceso de ensino-aprendizaxe.

 

Sesións de formación

Durante esta viaxe tivemos guías, especialistas nos camiños que nos levaron ao noso destino, por iso realizamos unha serie de sesións de formación e de grupo de traballo.

Nas primeiras sesións de formación levamos a cabo unha revisión das necesidades que atopamos, despois da análise DAFO, no centro en relación coa realización de patios creativos e posibles ideas que podiamos executar. Desta forma fixemos unha valoración dos espazos dispoñibles para desenvolver o proxecto da forma máis axeitada e revisamos diferentes exemplos de deseños e espazos educativos que poderiamos desenvolver no contexto educativo achegando as nosas ideas.

Cando contabamos cunhas ideas máis claras, realizamos unha sesión resolutiva por parte do equipo docente, centrándonos en aspectos que queriamos representar, como é a sostibilidade dos materiais, a iluminación, a flexibilidade, a diversidade, a creatividade... Para este punto tivemos unha sesión formativa onde coñecemos os distintos materiais (sostibles, biodegradables, naturais...) e a posibilidade de aproveitamento de recursos, é dicir, de reciclar obxectos que tiñamos á nosa disposición. Antes de poñernos mans á obra, creamos unha maqueta para observar e reflexionar sobre as posibles opcións.

No patio interior contabamos con dúas mesas de futbolín, polo que decidimos pintar e restaurar os seus distintos elementos, así como cambiar a súa colocación para un mellor aproveitamento do espazo.

Despois destas sesións, organizamos os mobles e materiais segundo a actividade que podería realizar o alumnado nesas áreas, considerando o estilo xeral do patio e como as cores do mobiliario encaixan con outros elementos, como as plantas. Polo tanto, no grupo de traballo pintamos o mobiliario do patio para transformar completamente o espazo, dándolle unha nova vida e converténdoo nun lugar atractivo e acolledor.

Pero non todo estaba enfocado a unha cuestión estética, tamén reflexionamos sobre aqueles xogos máis axeitados para a participación total do alumnado, que axuden a desenvolver as súas habilidades sociais, a comunicación, a aumentar interaccións e relacións entre iguais, buscando espazos accesibles e creando actividades que favorezan a inclusión.

Sen dúbida, as sesións de formación e de grupo de traballo foron moi frutíferas, e resultaron un claro exemplo da colaboración constante.

 

Proceso

Ás veces a nosa viaxe non é tan idílica como esperamos, podemos atoparnos con aspectos que non nos gustan tanto, pequenas pedras no camiño, como é a falta de máis axudas económicas para poder realizar todas as nosas ideas. Polo tanto, tivemos que centrarnos especialmente en utilizar materiais reciclados, que é unha excelente maneira de contribuír á sostibilidade ambiental.

Durante o proceso de transformación do patio, o alumnado tamén formou parte do cambio, por iso debuxaron o seu patio ideal, un aspecto que tivemos en conta para a realización do noso proxecto inicial. Puidemos ver a través dos seus ollos como lles gustaría que fose un espazo onde pasar horas ao longo do curso académico, ese espazo onde sentirse a gusto, onde querer volver cada día... polo que tiñamos claro que nesta viaxe o alumnado ía ser parte activa do proceso.

Nos seguintes debuxos podemos observar varios exemplos destes aspectos, algunhas ideas especialmente pensadas para o patio interior.

Debuxos das ideas do alumnado para o patio interior

 

No centro hai dous patios: unha zona de xardín e un patio interior. Este último é unha superficie de cemento e o noso proxecto levará a unha transformación dese contorno con natureza, luz para axudar nos procesos de aprendizaxe e ata o estado de ánimo, humanizando o espazo e achegando elementos que dean un ambiente máis relaxado e acolledor. Neste espazo interior observamos que non había elementos da natureza, era un lugar sen calidez, por iso decidimos colocar plantas, así como a crear un pequeno horto, parte do proxecto que continuaremos este curso académico. As plantas non son un adorno, teñen unha función inspiradora e forman parte da aprendizaxe, xa que o alumnado será responsable do seu coidado, aspecto que contribúe á súa autonomía e ao benestar emocional. Ademais, o contacto directo coas plantas pode aumentar a conciencia ecolóxica da comunidade educativa, darlle importancia á sostibilidade ambiental. Desta forma, o alumnado aprende habilidades prácticas, como a planificación, e desenvolve unha conexión máis directa co mundo natural e co resto de iguais, xa que o alumnado traballa de forma cooperativa, fomentando así o sentido de comunidade e colaboración.

No noso centro contamos con programas formativos de carpintería, producións agrícolas, costura..., queriamos aproveitar os recursos que xa tiñamos e darlle unha conexión coa formación nomeada. Por iso, para humanizar e facer máis acolledor o patio, decidimos realizar un pequeno xardín vertical, ademais de reutilizar e reciclar distintos mobles. Optamos pola posibilidade de transformar os materiais que tiñamos ao noso alcance, deixamos voar a nosa imaxinación para poder transformar obxectos noutros máis vistosos e atractivos. Neste caso necesitamos algúns elementos como pinturas, testos, plantas... démoslles unha nova vida reutilizando todo o que tiñamos á nosa disposición. Escollemos unha paleta de cores vivas que incitasen a dinámicas divertidas e informais, que dalgunha forma convidasen ao xogo e estimulasen os seus sentidos. A elección da organización do mobiliario segundo as cores adecuadas é fundamental para lograr que este sexa un lugar atractivo e acolledor, non só afecta á estética do espazo senón tamén ao estado de ánimo e á funcionalidade.

Unha das decisións que tomamos en conxunto e na que toda a comunidade educativa estaba de acordo era en darlle un lugar ao encerado. Estamos na era dixital onde as tabletas, pantallas ou taboleiros dixitais forman parte do noso día a día, pero consideramos totalmente necesario utilizar un encerado onde escribir ou debuxar con xiz. Neste caso utilizamos material do centro, un taboleiro antigo de madeira para separar espazos que tiña o tamaño ideal, compramos pintura especial para escribir con xiz e puxémonos a traballar.

Antes e despois do encerado

 

Agora temos un espazo onde debuxar ou escribir á man gozando da nosa caligrafía e onde divertirnos con xogos como o tres en raia ou o aforcado. Consideramos esencial ter este espazo para debuxar, que é unha forma de expresión, unha forma de plasmar os nosos pensamentos e de lles ofrecer aos demais un exemplo visual das nosas ideas, permitíndonos a interacción dos sentidos, favorecer a psicomotricidade, sentir as texturas e interactuar dunha forma real cos obxectos que nos rodean. Desta forma facilitamos a visualización do pensamento, a expresión de emocións e enriquecemos o desenvolvemento de ideas deixándonos levar pola imaxinación, é dicir, viaxar máis aló. A finalidade deste espazo, a elección de cada recurso material vese reflectida tamén en escoller o taboleiro como elemento, buscando, unha vez máis, compartir cos demais e ter un espazo onde crear. Pero esta idea non se reduce simplemente á hora do recreo, senón que tamén aproveitamos o espazo ao aire libre para realizar outras actividades, como pequenos talleres entre aulas, xa que o cambio de ambientes, saír das catro paredes da aula, supón un incentivo para o alumnado porque lle permite experimentar a aprendizaxe de maneiras máis prácticas e dinámicas.

Neste caso, o encerado pódese mover facendo a función de biombo separando espazos e así conséguese que a zona poida ser versátil, flexible e diversa, non é un espazo ríxido.

Á hora de deseñar este novo espazo, temos que ter en conta todo aquilo que nos inspira, partir da realidade na que vivimos, deseñar materiais segundo criterios estéticos, relacionar o espazo, a luz... na elección de materiais queriamos deixar constancia da importancia da natureza, da liberdade dos elementos que nos rodean. Pero tamén atendendo aos distintos programas formativos que se ofrecen no centro. Por iso, elementos como a madeira ou as plantas son parte fundamental de todo o proceso de cambio de espazos que estamos a realizar no centro educativo. Creamos propostas con elementos da natureza.

Xardín vertical

 

Outra das ideas que queriamos materializar era a de ofrecer un espazo natural, elementos vivos que nos fan interiorizar doutra maneira as aprendizaxes e estar en contacto coa natureza. Co noso xardín vertical e o pequeno horto aprendemos a traballar por quendas no seu coidado, coñecer o proceso que cómpre seguir para plantar e como se poden regar as plantas segundo o tipo. No centro temos como obxectivo continuar co proxecto tanto no patio interior coma na zona de xardín. Para crear esta área do horto, aproveitamos unhas escaleiras que pintamos de cores alegres e unhas caixas de froitas que decoramos e que farán de soporte para os testos. Con esta idea non só lle damos unha segunda vida a estes obxectos, senón que tamén optimizamos o espazo vertical, creando o noso pequeno recuncho de xardinería sostible. Forma parte dun proxecto de colaboración entre aulas que aos poucos se vai materializando, que lle engade valor á nosa educación ambiental e social, enriquecendo o noso día a día.

Antes e despois das escaleiras para crear a zona de horto

 

Buscabamos que o espazo se adaptase, un lugar ideal onde realizar diversas actividades, un espazo de creación, investigación, aprendizaxe e diversión, ese lugar onde gozar do tempo de recreo ou onde colaborar co grupo-clase durante diversas actividades, onde desenvolver experiencias reais e proxectos. Un lugar ao que volver con gusto cada día.

Nesta viaxe sempre tivemos en mente os intereses do alumnado, ofrecer un lugar para a comunicación grupal, como pode ser unha mesa e uns asentos onde gozar de conversacións, onde coñecer o resto do alumnado do centro, compartir vivencias, onde escoitar música... á fin das contas, onde compartir. Espazos que poidamos chamar lugares de encontro, mobles que promovan as relacións, buscando ese momento relaxado compartindo nun lugar acolledor, así como outros lugares onde levar a cabo xogos activos, manipulativos, espazos amplos onde moverse libremente.

Ademais do encerado, o xardín vertical e o pequeno horto, aproveitamos unha vella mesa para utilizar como taboleiro de xogos. Para iso, buscamos diferentes opcións de xogos en taboleiro para realizar coa máquina de corte e gravado láser e coa impresora 3D, proxecto que continuaremos este curso 2024/25, seguindo coa formación de Polos Creativos e coa utilización dos diferentes equipamentos dos que dispoñemos. A realización dos diversos recursos materiais segue a liña que estamos a levar a cabo, por exemplo, testos con impresión 3D ou xogos de mesa como o tres en raia.

 

Conclusión

Toda transformación de espazos é parte dun proceso constante de mellora, de avaliación activa, non é cuestión dunha acción puntual. Somos un equipo viaxeiro con mochilas cheas de motivación, aprendizaxe, diversidade e vivencias que queremos compartir, sempre se pode mellorar, forma parte do enriquecemento. Queremos crear espazos evitando a exclusión e mellorando a convivencia, para iso debemos propoñer estratexias de interacción e desenvolver destrezas sociais, creando unha comunidade baseada no respecto e na convivencia plena no centro escolar. Co noso traballo, pretendemos inspirar a outros a participar activamente na construción de espazos que reflictan os valores compartidos de igualdade e inclusión.

Non queriamos ofrecer unha superficie de cemento, quixemos darlle cor nesta viaxe, quixemos facer maxia por e para a diversidade. Esta viaxe non terminou, seguimos buscando novos camiños.

Conxunto dos elementos restaurados: xardín vertical, encerado, mesa de xogos, escaleira con horto

 

Palabras clave

espazo

Espazos creativos

creativo

Espazos creativos

Colaboración

Espazos creativos

Inclusión

Espazos creativos