Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

Contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria

Unha mirada inclusiva ao benestar e á aprendizaxe
O procesamento sensorial é unha dimensión fundamental do desenvolvemento infantil que inflúe directamente na regulación emocional, na atención e na aprendizaxe. Nos contextos educativos, especialmente na educación infantil e primaria, os estímulos do contorno poden facilitar ou dificultar a participación do alumnado. Este artigo propón unha mirada integradora sobre a importancia de crear contornos sensorialmente amables na escola, combinando achegas teóricas da integración sensorial e da neurodiversidade con propostas prácticas para a aula. O obxectivo é ofrecerlle ao profesorado ferramentas que permitan comprender mellor determinadas condutas e favorecer espazos educativos máis inclusivos, respectuosos e accesibles para todos os nenos e nenas.

 

Sara Seijo Novoa
CEIP Plurilingüe de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra)

 

 

1. Introdución

Na escola conviven diariamente nenas e nenos con formas moi diversas de percibir e sentir o contorno e tamén de responder a el. Ruídos, luces, movemento, contacto físico ou cambios de ritmo forman parte da vida cotiá das aulas, mais non todo o alumnado os experimenta do mesmo xeito. Para algúns, estes estímulos pasan case desapercibidos; para outros, poden resultar excesivos, confusos ou mesmo dolorosos.

Con frecuencia, determinadas reaccións infantís —inquietude constante, evitación de tarefas, choro, illamento ou aparente falta de atención— interprétanse como problemas de conduta, de motivación, de caprichos…

Porén, moitas destas respostas teñen a súa orixe nun desaxuste entre as necesidades sensoriais do neno ou da nena e as características do contorno escolar.

Mirar a escola desde unha perspectiva sensorial permítenos desprazar o foco da conduta ao contexto e da corrección á comprensión. Neste sentido, os contornos sensorialmente amables convértense nunha ferramenta clave para promover o benestar, a inclusión e a aprendizaxe significativa desde as primeiras etapas educativas.

 

2. O procesamento sensorial e a aprendizaxe

A integración sensorial, desenvolvida por Jean Ayres, refírese ao proceso polo cal o cerebro recibe, organiza e interpreta a información procedente dos sentidos para xerar respostas adaptativas. Este proceso non se limita aos cinco sentidos clásicos, senón que inclúe tamén sistemas fundamentais como o vestibular, o propioceptivo e o interoceptivo, estreitamente ligados á regulación corporal e emocional.

Cando o procesamento sensorial é fluído, o neno ou a nena sente seguridade no seu corpo, pode manter a atención, regular as súas emocións e participar activamente nas actividades escolares. Pola contra, cando existe unha sobrecarga ou unha estimulación inadecuada, o sistema nervioso entra nun estado de alerta que reduce a dispoñibilidade para aprender.

Desde esta perspectiva, a aprendizaxe non pode entenderse unicamente como un proceso cognitivo. Precisa dunha base corporal e emocional estable. Un alumno que dedica gran parte da súa enerxía a defenderse dun ruído intenso, dunha luz molesta ou dun contacto inesperado dispón de menos recursos para escoitar, comprender ou resolver tarefas.

 

3. Sensibilidade sensorial e diversidade na aula

Algunhas nenas e nenos presentan unha sensibilidade sensorial máis intensa, que pode manifestarse como hipersensibilidade a determinados estímulos ou como unha hiposensibilidade cunha forte necesidade de movemento e exploración. Estas características son especialmente frecuentes no alumnado con perfís de neurodiversidade, como TEA, as altas capacidades, pero tamén aparecen en nenos sen ningún diagnóstico específico.

Desde unha mirada inclusiva, estas diferenzas non deben entenderse como déficits, senón como expresións da diversidade humana. A sensibilidade sensorial pode ser fonte de dificultade, mais tamén de fortalezas como a creatividade, a empatía ou a capacidade de observación.

O reto educativo consiste en crear contextos que non obriguen os nenos a adaptarse constantemente a un contorno hostil, senón que lles ofrezan apoios para regularse, participar e aprender desde a seguridade.

 

4. O contorno como regulador silencioso

O contorno escolar actúa como un regulador silencioso do sistema nervioso. Pequenos axustes no espazo, nos tempos e na organización poden ter un impacto significativo no benestar do alumnado.

4.1. Adaptacións no espazo

Na educación infantil e primaria resulta especialmente relevante:

  • Reducir estímulos visuais excesivos nas paredes da aula.

  • Empregar iluminación cálida sempre que sexa posible.

  • Crear recunchos de calma con coxíns, tecidos suaves ou materiais autorreguladores.

  • Ofrecer alternativas posturais, coxíns de movemento, auriculares de redución de son...

4.2. Adaptacións nos tempos

A previsibilidade contribúe a reducir a carga sensorial:

  • Anticipar cambios e transicións mediante rutinas claras.

  • Introducir micropausas de movemento entre actividades.

  • Respectar, na medida do posible, os ritmos individuais dentro do grupo.

4.3. Adaptacións nas actividades

  • Permitir diferentes formas de participación nas tarefas.

  • Ofrecer opcións de autorregulación, como obxectos manipulables ou actividades de presión profunda.

  • Alternar tarefas activas con momentos de calma.

Estas medidas non só benefician o alumnado con maior sensibilidade, senón que melloran o clima da aula no seu conxunto.

4.4. Exemplos prácticos de contornos sensorialmente amables en infantil e primaria

Na práctica educativa diaria, a creación de contornos sensorialmente amables concrétase en pequenas decisións que teñen un impacto directo no benestar e na participación do alumnado. En educación infantil e primaria, onde o desenvolvemento corporal e emocional é especialmente relevante, estas adaptacións resultan particularmente significativas.

En educación infantil, o movemento libre e a exploración sensorial son canles naturais de aprendizaxe. Porén, moitas veces os espazos escolares restrinxen estas necesidades en favor dunha organización excesivamente dirixida. Crear aulas con zonas diferenciadas —espazos para o xogo simbólico, recunchos tranquilos, áreas de movemento ou exploración sensorial— permite que os nenos e nenas regulen de maneira espontánea o seu nivel de activación.

Image

 

Por exemplo, dispor dun recuncho de calma con luz suave, contos, coxíns ou obxectos táctiles facilita que o alumnado poida retirarse uns minutos cando se sente sobreestimulado. Do mesmo xeito, permitir actividades de presión profunda (apertar unha almofada, enrolarse nunha manta, transportar obxectos) contribúe á regulación do sistema nervioso.

Image

 

En educación primaria, aínda que se esixe unha maior permanencia sentada e unha atención sostida máis prolongada, as necesidades sensoriais continúan presentes. Introducir pequenas adaptacións, como pausas breves de movemento, opcións posturais alternativas ou materiais manipulables axuda a manter a atención e reduce a aparición de condutas disruptivas.

Image

 

Un exemplo habitual é permitir que algúns alumnos utilicen coxíns de movemento ou bandas elásticas nas cadeiras, o que lles facilita regular o seu sistema vestibular e propioceptivo sen interromper a dinámica da aula. Así mesmo, ofrecer a posibilidade de traballar puntualmente en espazos máis tranquilos pode resultar beneficioso para nenos con elevada sensibilidade auditiva ou visual.

Image

 

Estas prácticas non deben entenderse como privilexios individuais, senón como recursos educativos que favorecen a participación de todo o grupo e normalizan a diversidade de necesidades.

 

5. O papel do profesorado

O profesorado desempeña un papel fundamental como mediador sensorial e emocional. A súa presenza, o ton de voz, a forma de anticipar e acompañar inflúen directamente na percepción de seguridade do alumnado.

Observar con «ollos sensoriais» implica preguntarse non só que fai a nena ou o neno, senón que pode estar sentindo. Supón validar a experiencia, evitar xuízos rápidos e ofrecer alternativas antes ca sancións.

Cando o adulto se regula, baixa o ritmo e sostén emocionalmente, convértese no principal recurso de autorregulación para o alumnado, especialmente nas primeiras etapas da escolarización.

5.1. Unha ferramenta para mirar antes de interpretar: Cadro de observación sensorial

Un dos maiores retos do profesorado consiste en interpretar correctamente determinadas condutas do alumnado. Antes de atribuír unha reacción á falta de interese, á desobediencia ou á dificultade para cumprir normas, resulta fundamental deter a mirada e observar desde unha perspectiva sensorial.

A observación sensorial non ten fins diagnósticos nin substitúe unha valoración profesional especializada. Trátase, máis ben, dunha ferramenta pedagóxica que permite ler a conduta en contexto, identificar posibles factores de desregulación e axustar o contorno educativo ás necesidades reais do alumnado.

Co obxectivo de facilitar esta mirada, preséntase a continuación un cadro orientativo de observación sensorial para a aula, especialmente pensado para educación infantil e primaria. A súa finalidade é acompañar o profesorado no proceso de reflexión e axuda á toma de decisións educativas máis respectuosas e inclusivas.

Cadro orientativo de observación sensorial na aula

Unha guía para mirar antes de interpretar

Observar non é consentir nin ignorar. É comprender a conduta dentro do contexto e preguntarse que pode necesitar o neno ou a nena nese momento.

Nota: Este cadro non ten finalidade diagnóstica nin substitúe unha valoración profesional. O seu obxectivo é acompañar a observación pedagóxica desde unha mirada sensorial e respectuosa.

A. Movemento e necesidade corporal

Image

 

B. Son e estímulos auditivos

Image

 

C. Tacto e espazo persoal

Image

 

D. Atención e nivel de enerxía

Image

 

A utilización de cadros de observación como estes favorece unha práctica educativa máis consciente e reflexiva, permitíndolle ao profesorado axustar o contorno antes de interpretar a conduta. Observar desde a sensorialidade non elimina a necesidade de límites, senón que facilita establecelos desde o respecto ás necesidades corporais e emocionais do alumnado.

 

6. Impacto dos contornos sensorialmente amables na convivencia e no clima escolar

A implementación dunha mirada sensorialmente consciente non só repercute no benestar individual do alumnado, senón tamén na convivencia e no clima xeral do centro educativo. Cando os nenos e nenas se senten comprendidos nas súas necesidades corporais e emocionais, diminúe a tensión interna e, con ela, a aparición de conflitos.

Image

 

Moitas situacións de malestar, perrenchas ou condutas oposicionistas reducíronse significativamente nas aulas nas que se introducen adaptacións sensoriais sinxelas. Isto permítelle ao profesorado dedicar máis tempo ao acompañamento pedagóxico e menos á xestión de conflitos, mellorando a calidade das interaccións.

Ademais, traballar desde esta perspectiva promove valores fundamentais como a empatía, o respecto ás diferenzas e a aceptación da diversidade. O alumnado aprende que non todos sentimos igual, pero que todas as experiencias son lexítimas e merecen consideración. Deste xeito, a aula convértese nun espazo de aprendizaxe emocional compartida, onde o coidado mutuo forma parte do proceso educativo.

 

7. Conclusións

Crear contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria non require grandes investimentos nin cambios estruturais complexos, senón un cambio profundo de mirada. Supón recoñecer que o corpo e os sentidos forman a base sobre a que se constrúe a aprendizaxe, a regulación emocional e a participación social.

Cando a escola incorpora esta perspectiva, deixa de interpretar determinadas condutas como problemas que cómpre corrixir e comeza a entendelas como sinais dun sistema nervioso que necesita apoio. Este desprazamento do xuízo á comprensión transforma a práctica educativa e fortalece o vínculo entre profesorado e alumnado.

Ademais, os contornos sensorialmente amables non benefician unicamente os nenos con maior sensibilidade, senón que melloran o benestar de toda a comunidade educativa. Aulas máis calmadas, previsibles e respectuosas cos ritmos individuais favorecen a atención, a convivencia e a aprendizaxe significativa.

Mirar con ollos sensoriais implica asumir que educar tamén é coidar. Cando a escola se converte nun espazo onde os sentidos non son unha fonte constante de estrés, senón unha porta de entrada ao benestar, á curiosidade e ao vínculo, a inclusión deixa de ser un concepto teórico para converterse nunha realidade cotiá.

 

 

Bibliografía

Ayres, A. J. (1979). Sensory Integration and the Child. Los Angeles: Western Psychological Services.

Dabrowski, K. (1972). Psychoneurosis is not an illness. London: Gryf Publications.

Porges, S. W. (2011). The Polyvagal Theory. New York: Norton.

Palabras clave

procesamento sensorial · educación inclusiva

Contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria

autorregulación

Contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria

Educación infantil

Contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria

Educación primaria

Contornos sensorialmente amables na educación infantil e primaria