Como se produce o iogur?
Jessica Rodríguez Piñeiro
CEIP Plurilingüe de Cedeira (Redondela-Pontevedra)
jessicarodriguezpineiro [at] edu.xunta.gal (jessicarodriguezpineiro[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Contextualización
A necesidade dun cambio no ensino das ciencias en educación primaria é urxente. Como apuntan os principais informes e datos educativos, necesitamos un ensino de ciencias máis competencial, significativo e que garanta a implicación e o pensamento crítico do alumnado. A cidadanía precisa dunha formación científica axeitada para poder tomar decisións baseadas no coñecemento e poder interpretar a realidade de xeito crítico (UNESCO, 2015).
A metodoloxía por proxectos contribúe a analizar, identificar, cuestionar e resolver problemas aplicados a situacións reais nos que o alumnado investiga, colabora, crea, coopera e expón posibles solucións ou ideas. Este proxecto levouse a cabo durante o primeiro trimestre do curso 2024/25 en dúas sesións semanais de 50 minutos e pretendeu dar resposta ás interrogantes que lle xorden ao alumnado a través da aplicación de estratexias de detección de ideas previas, procura de información, análise, posta en común e reflexión sobre as aprendizaxes adquiridas.
Un dos contidos que se recolle no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia relaciónase con coñecer e tomar conciencia do propio corpo, aplicando o coñecemento científico, para desenvolver hábitos saudables. É por iso que Rodríguez et al. (2011) consideran que educar para a saúde é prioritario para promover estilos de vida saudables.
Existen moitos traballos e investigacións que apuntan á necesidade de abordar e tratar os microorganismos nas aulas, xa que o alumnado presenta coñecemento previo que relaciona con causa de enfermidades (Bonoti et al., 2022; López-Luengo et al., 2021; Martinerie et al.,2021; Provenzi et al., 2020; Simon et al., 2017).
En resumo, como comenta Pujol (2003), resulta destacable que o alumnado saiba relacionar os microorganismos co modelo de ser vivo e recoñeza a interacción destes cos seres humanos.
Obxectivos
O noso obxectivo centrouse en resolver o problema central do proxecto sobre a actuación das bacterias nun proceso de fermentación e como lle afectan ao noso organismo a través da investigación de aula. A maiores, outros obxectivos están centrados en:
- Investigar sobre os microorganismos, en concreto as bacterias.
- Coñecer como as bacterias actúan no noso corpo.
- Identificar os procesos que interveñen na fabricación de iogur.
- Investigar sobre a fermentación.
Recursos empregados

Descrición da actividade
Dez semanas de duración.
- Semana 1 a 3: presentación do proxecto e detección de ideas previas.
- Semana 4 a 8: creación de equipos, investigación de aula, busca de información e detección de ideas previas novamente ante unha nova pregunta de investigación.
- Semana 8 a 10: presentación da proposta, conclusións e avaliación.
O noso proxecto estruturase, deste xeito, en tres fases: planificación, desenvolvemento e avaliación.
Sesións
Sempre iniciamos cada sesión con estratexias de evocación á sesión anterior que lle permitan ao alumnado recordar en que punto nos atopamos e poder conectar as aprendizaxes realizadas coas novas.


Fotografía da clasificación de imaxes dun dos grupos da aula



Fotografía dos debuxos do alumnado das bacterias por dentro e por fóra


Imaxe dun grupo de alumnado respondendo as preguntas



Imaxe do microscopio de auga elaborado polo alumnado




Imaxe da análise do cultivo de bacterias





Imaxe do alumnado obtendo iogur



Imaxe da presentación do libro lapela sobre bacterias creado polo alumnado
Metodoloxía
O método de proxectos permite traballar sobre as ciencias na escola, favorece a resolución de problemas contextualizados no mundo real, atende á diversidade e potencia o traballo cooperativo (Arias-Correa, 2012; Rodríguez Piñeiro, 2023). Os proxectos sitúan o alumnado no centro do proceso de aprendizaxe, teñen presente os seus coñecementos previos, parten dos intereses das nenas e nenos e promoven construción de coñecementos a través da realidade na que viven, interrogándose e cuestionando o mundo circundante (Arias et al., 2009).
Os proxectos son adecuados para a aprendizaxe das ciencias, xa que permiten identificar e resolver problemas, recompilar, examinar e contrastar información usando diversas estratexias e fontes científicas, reflexionar e analizar criticamente a situación e aplicar o aprendido. Ademais, axudan o alumnado a ser consciente dos seus procesos cognitivos (Causil e Rodríguez, 2021) e a autorregular a súa aprendizaxe.
Avaliación
Instrumentos
Rúbricas, grellas, rexistros observacionais, carpetas de aprendizaxe, dianas... recollidos en cada unha das sesións. Tamén autoavaliaron os seus cadernos de campo a partir dunha rúbrica. Realizamos ao final do proxecto novamente a dinámica de preguntas nas mesas ao que souberon contestar e rexeitaron algunhas das ideas que tiñan ao comezo.
Criterios de avaliación
- Formular preguntas e realizar predicións sobre obxectos, feitos e fenómenos próximos a través da observación.
- Buscar información sinxela de diferentes fontes seguras e fiables de forma guiada, utilizándoa en investigacións relacionadas co medio natural.
- Participar en experimentos guiados, de maneira individual ou en equipo, utilizando diferentes técnicas de indagación, empregando instrumentos de forma segura e rexistrando datos de maneira sinxela.
- Comunicar de forma oral ou gráfica o resultado das investigacións con axuda dun guión, comparando a información e os resultados obtidos coas predicións realizadas.
- Recoñecer as características, a organización e as propiedades dos elementos do medio natural a través de metodoloxías de indagación utilizando as ferramentas e os procesos adecuados de forma pautada.
- Recoñecer hábitos de vida saudables, valorando a importancia dunha alimentación variada, equilibrada e sustentable, a hixiene, o exercicio físico, o contacto coa natureza, o descanso e o uso adecuado das tecnoloxías.
- Coñecer as principais partes do corpo, identificando os órganos implicados na realización das funcións vitais.
- Utilizar dispositivos e recursos dixitais de acordo coas necesidades do contexto educativo de forma segura.
- Realizar, de forma guiada, un produto final sinxelo que dea solución a un problema de deseño, probando en equipo diferentes prototipos e utilizando de forma segura os materiais adecuados.
- Mostrar de forma oral ou gráfica o produto final dos proxectos de deseño, explicando os pasos seguidos con axuda dun guión.
- Traballar de forma cooperativa, respectando as normas básicas de convivencia.
Conclusións
En xeral, podemos concluír. despois de analizar os cuestionarios de respostas do alumnado e os traballos realizados sobre o que aprendemos, que as ideas previas que tiñan sobre as bacterias foron evolucionando e mudando a medida que introduciamos novos descubrimentos e aprendizaxes.
Nun primeiro momento, algúns alumnos e alumnas non situaron as bacterias como seres vivos e toda a clase acordou que eran algo negativo e que estaban no noso corpo para facernos dano. Ao remate do proxecto sorprendéronse coa cantidade de bacterias que podemos ter e que moitas delas son beneficiosas, tamén coa existencia dos antibióticos e o seu uso e de como se empregaban os devanditos seres vivos nos procesos de fermentación.
Os proxectos non rematan nunca porque o alumnado segue preguntándose e querendo investigar, unhas ideas levan a outras e permiten abordar campos de coñecemento variados. Arestora seguimos descubrindo como se relacionan as bacterias cos seres humanos e canta repercusión teñen no noso día a día.
Arias Correa, A., Arias Correa, D., Navaza, V. e Rial, D. (2009). O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria. Xunta de Galicia.
Arias Correa, A. (2012). Implicacións curriculares e didácticas no ensino das ciencias das concepcións sobre a ciencia e a metodoloxía en alumnado de maxisterio: O traballo por proxectos. (Tese de doutoramento). Vigo: Universidade de Vigo.
Bonoti, F., Christidou, V. e Spyrou, G. M. (2019). A smile stands for health and a bed for illness: Graphic cues in children’s drawings. Health Education Journal, 78(7), 728-742. https://doi.org/10.1177/0017896919835581
Causil, L. e Rodríguez, A. (2021). Aprendizaje basado en proyectos (ABP): experimentación en laboratorio, una metodología de enseñanza de las ciencias naturales. Plumilla Educativa, 27(1), 105-128. https://doi.org/10.30554/pe.1.4204.2021
Informe UNESCO: ReShaping Cultural Policies: A Decade Promoting the Diversity of Cultural Expressions for Development, 3-13.
López-Luengo, M. A., González-Díaz, E., Paños, E. e Ruiz-Gallardo, J. R. (2021). Microorganismos y hábitos de higiene. ¿Se aprende más en la educación infantil mediante fichas? Revista Eureka sobre Enseñanza y Divulgación de las Ciencias, 18(2), 2302. https://doi.org/10.25267/rev_eureka_ensen_divulg_cienc.2021.v18.i2.2302
Martinerie, L., Bernoux, D., Giovannini-Chami, L. e Fabre, A. (2021). Children’s Drawings of Coro navirus. Pediatrics, 148(1). https://doi.org/10.1542/peds.2020-047621
Provenzi, L., Baroffio, E., Ligabue, S. e Borgatti, R. (2020). The little professor and the virus: Scaffold ing children’s meaning making during the COVID-19 emergency. Frontiers in Psychiatry, 11, 817. https://doi.org/10.3389/fpsyt.2020.00817
Pujol, R. (2003). Didáctica de las ciencias en la educación primaria. Síntesis.
Rodríguez, C., González, E., García, A., e Campos, J. (2011). Implementation of the e-Bug Project in Spain. Journal of Antimicrobial Chemotherapy, 66(suppl_5), v85–v87. https://doi. org/10.1093/jac/dkr113
Rodríguez, J. (2023). Sabemos que sabemos. Eduga: revista galega do ensino, 84.
Simon, U. K., Enzinger, S. M. e Fink, A. (2017). The evil virus cell: Students’ knowledge and beliefs about viruses. PLoS ONE, 12(3), e0174402. https://doi.org/10.1371/journal.pone.0174402