Clics seguros en Zas
Lorena Cerdeiro Núñez, docente de Tecnoloxía
CPI de Zas (Zas - A Coruña)
Contextualización
A sociedade actual está marcada por unha transformación dixital constante. Este proceso constitúe un dos grandes retos que debe afrontar o sistema educativo, pero tamén o conxunto da sociedade, pois son numerosos os problemas derivados da fenda dixital que afectan a unha ampla porcentaxe da poboación.
Por iso, resulta fundamental garantir o desenvolvemento da competencia dixital do alumnado dun xeito crítico, seguro e inclusivo. Isto permitiralle non só integrarse neste proceso de transformación dixital, senón tamén actuar como axente activo na redución da fenda dixital.
Co obxectivo de contribuír a este desafío social, desenvolveuse a experiencia educativa Clics seguros en Zas co alumnado das materias do ámbito tecnolóxico da ESO no CPI de Zas (A Coruña). O proxecto iniciouse no curso 2024/25 e mantén a súa continuidade nos cursos posteriores.
O CPI de Zas sitúase no concello homónimo, en plena Costa da Morte (A Coruña). Este concello caracterízase por un ámbito prioritariamente rural e un envellecemento acentuado da poboación. Segundo os datos analizados, un 45 % dos habitantes deste concello supera os 60 anos de idade, etapa a partir da que, segundo os estudos existentes, aumenta a porcentaxe de poboación afectada pola fenda dixital ou é máis vulnerable ante os riscos asociados ao uso das tecnoloxías dixitais.
Figura 1: Porcentaxe de poboación por idade no concello de Zas
Por outra banda, as xeracións máis novas acceden ás tecnoloxías dixitais desde idades cada vez máis temperás. Con todo, non sempre contan coa formación suficiente e axeitada sobre os perigos aos que se expoñen. Isto pode provocar prácticas de risco e un uso pouco ético e crítico dos dispositivos.
Neste contexto, xorde Clics seguros en Zas, coa dobre misión de formar un alumnado crítico, ético e inclusivo no uso das tecnoloxías dixitais, ao tempo que sensibilizado coas necesidades da súa contorna. O proxecto preséntase como unha experiencia de aprendizaxe-servizo interxeracional. Nela, promóvese unha cidadanía dixital crítica e inclusiva ao tempo que se reforza o compromiso do alumnado e do centro con toda a comunidade educativa e coa poboación local. Así, o alumnado da ESO convértese en axente activo que contribuirá á formación dixital das persoas da súa contorna, con especial fincapé nas persoas maiores.
Obxectivos
O obxectivo xeral do proxecto é desenvolver a competencia dixital do alumnado mediante unha experiencia que poña a tecnoloxía ao servizo da comunidade, promovendo unha cidadanía crítica, segura e inclusiva no uso das tecnoloxías de información e da comunicación (TIC).
Como obxectivos específicos destacan:
- Mellorar a competencia dixital do alumnado e o seu coñecemento sobre riscos na rede.
- Sensibilizar a comunidade sobre a ciberseguridade e a fenda dixital.
- Crear materiais accesibles adaptados aos diferentes perfís de persoas usuarias.
- Fomentar o compromiso social do alumnado a través do voluntariado dixital.
- Reducir situacións de vulnerabilidade ante perigos e ameazas na rede, desenvolvendo a competencia dixital e o espírito crítico no uso das tecnoloxías.
- Promover o uso seguro, ético, crítico e responsable das tecnoloxías.
Recursos empregados
Para o desenvolvemento desta experiencia educativa empregáronse principalmente os seguintes recursos:
Recursos didácticos
Adaptación ao contexto do centro e aos diferentes niveis educativos do recurso educativo aberto (REA) Sin miedo a hacer clic do repositorio institucional cREAgal.
Plataforma educativa Moodle como base para a organización do proxecto e o intercambio de material co alumnado.
Infraestrutura informática
Un equipo informático para cada estudante.
Impresora 3D.
Ferramentas dixitais
Paquete ofimático LibreOffice: Writer e Calc.
Canva para o deseño da documentación.
Tinkercad para o deseño dos soportes para a documentación.
Creality Print para a laminación do deseño 3D dos soportes.
Xerador de códigos QR.
Xerador de contidos en formato audio.
Simulador de correo do REA Sin miedo a hacer clic.
Recursos para accesibilidade
Recursos para a difusión
Descrición da actividade
A experiencia educativa Clics seguros en Zas tivo como finalidade a creación dunha campaña de ciberseguridade destinada a reducir a fenda dixital na comunidade educativa do CPI de Zas, así como na poboación da súa contorna. Esta experiencia deseñouse como unha intervención real por parte do alumnado de todos os niveis da ESO. Deste xeito, a súa aprendizaxe non se limita exclusivamente a recibir formación sobre ciberseguridade, senón que transforma a súa aprendizaxe en recursos útiles para o resto da comunidade, aproveitando as destrezas, habilidades e coñecementos adquiridos nas materias do ámbito tecnolóxico.
O proxecto desenvolveuse co alumnado das materias do ámbito tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25: Tecnoloxía e Dixitalización en primeiro e segundo da ESO, Educación Dixital en terceiro da ESO e Tecnoloxía en cuarto da ESO. Nos anos académicos posteriores continúase ampliando o material da campaña.
Esta campaña tivo como público obxectivo o alumnado de todas as etapas educativas do centro, as familias do alumnado da ESO, o profesorado e o persoal non docente do centro educativo, así como a poboación do concello de Zas, en especial as persoas maiores de 60 anos.
O punto de partida foi a detección dunha necesidade social próxima: a fenda dixital e, polo tanto, o acceso e uso seguro das tecnoloxías dixitais. Coa finalidade de coñecer mellor a realidade da contorna, o alumnado dos tres primeiros cursos da ESO entrevistou persoas da súa contorna. A información obtida serviu como base para orientar os contidos da campaña e vencellar os produtos elaborados a necesidades reais.
A continuación, o estudantado destes tres niveis responsabilizouse da elaboración dos materiais divulgativos da campaña: infografías, dípticos e trípticos sobre diferentes tipos de riscos nas redes e o manexo seguro dos dispositivos dixitais. Alén diso, tamén se encargaron de lle solicitar os permisos necesarios á dirección para a instalación dos diferentes puntos ciberseguros no centro educativo, ao tempo que aprenderon as normas de netiqueta no envío dunha mensaxe electrónica.
Pola súa banda, o grupo de cuarto da ESO foi o responsable de investigar sobre o voluntariado dixital e tecnolóxico e elaborar a documentación para a campaña, como medida de apoio para a redución da fenda dixital. Alén diso, tamén deseñaron modelos 3D de soportes para a distribución da documentación xerada na campaña.
Cabe sinalar que un piar fundamental e diferenciador do proxecto foi a incorporación sistemática de elementos de accesibilidade aos produtos elaborados. A documentación xerada incluíu pictogramas, tipografía Atkinson Hyperlegible, códigos QR con acceso aos documentos, así como versións en formato audio. Ademais, o grupo de cuarto da ESO xerou un código NaviLens para facilitar a localización e difusión do proxecto. Polo tanto, a accesibilidade converteuse nun punto clave na campaña, sendo un elemento transversal ao longo de todo o proxecto.
Finalmente, o alumnado deu a coñecer os materiais elaborados para a súa campaña. Por unha banda, fíxoo a través dos diferentes puntos ciberseguros creados no centro educativo. Por outra banda, entregoulle persoalmente o material elaborado á poboación da contorna, facendo especial fincapé nas persoas ás que entrevistaran ao inicio do proxecto.
Alén disto, o proxecto foi difundido dixitalmente a través das xa mencionadas webs específicas creadas para o proxecto: Páxina web do proxecto en Agueiro e Páxina web do proxecto en Google Sites.
Esta difusión permitiu ampliar o alcance divulgativo do proxecto, facilitando o acceso a un maior número de persoas. Ademais, favoreceu o coñecemento da experiencia por parte doutros centros educativos e contribuíu á súa transferibilidade.
Outras actividades complementarias
Cómpre salientar que esta experiencia educativa non se limitou unicamente á campaña de ciberseguridade, senón que tamén se desenvolveron unha serie de accións complementarias que permitiron reforzar a formación do alumnado e abordar os contidos desde unha perspectiva transversal e coherente cos principios do DUA. Entre estas accións cabe sinalar:
Obradoiro de privacidade nas redes impartido por Enxeñería Sen Fronteiras.
Faladoiro sobre a pegada dixital e redes sociais impartido pola AMTEGA.
Asistencia á obra de teatro Mozas nas redes de Estíbaliz Veiga.
Creación do recuncho lector, con propostas de lecturas ciberseguras para as distintas etapas educativas existentes no centro.
Todo isto contribuíu a ampliar o alcance formativo do proxecto e a consolidar unha visión integral da ciberseguridade.
Para unha visión global da experiencia, pode visualizarse o seguinte vídeo resumo do proxecto: Clics seguros en Zas.
Metodoloxía e secuenciación didáctica
Esta experiencia educativa levouse a cabo a partir dun enfoque metodolóxico no que converxen a aprendizaxe baseada en problemas (ABP) e a aprendizaxe-servizo (ApS). Para logralo, a proposta didáctica orientouse á resolución ou redución dunha necesidade social real existente na contorna do alumnado: a fenda dixital e a dificultade de manexo ante os riscos e ameazas existentes na rede.
Este enfoque permitiu contextualizar a aprendizaxe de contidos desde unha perspectiva aplicada, crítica e comprometida socialmente coa contorna. A proposta metodolóxica centrouse nos seguintes eixes:
Contextualización da aprendizaxe de contidos en situacións reais, identificando e buscando unha solución para a problemática concreta detectada sobre a que intervir na súa contorna.
Desenvolvemento de solucións tecnolóxicas cunha finalidade social, creando contidos dixitais orientados a facer unha intervención sobre unha problemática real.
Transferencia e impacto social da aprendizaxe, asegurándose de que os produtos elaborados teñan aplicación na contorna e transcendan fóra da aula, aumentando a responsabilidade dixital do alumnado.
Alén diso, en toda a experiencia están integrados os principios do deseño universal para a aprendizaxe (DUA). Por unha banda, o material facilitado ao alumnado, unha adaptación do REA Sin miedo a hacer clic do repositorio cREAgal, está elaborado con base nestes principios, contando con lecturas facilitadas, tipografía de fácil lectura, pictogramas ARASAAC e actividades creadas segundo estes principios, entre outras. Polo tanto, garántense as múltiples formas de representación da información, acción e expresión, así como a implicación do alumnado no proceso de aprendizaxe co reto proposto.
Doutra banda, o material divulgativo elaborado polo alumnado tamén segue estes principios, así como a inclusión de códigos QR con versións en formato audio e códigos NaviLens, coa finalidade de facer esta documentación accesible ao maior rango de poboación posible e atender á diversidade.
A organización didáctica do proxecto realizouse atendendo simultaneamente aos grupos participantes e aos contidos curriculares de cada nivel, establecéndose unha estrutura colaborativa entre todos os niveis do ensino secundario. Por un lado, o alumnado dos primeiros niveis da ESO (primeiro, segundo e terceiro) centrouse na análise da realidade da contorna, na adquisición de coñecementos e na súa aplicación na elaboración de materiais divulgativos para a campaña de ciberseguridade. Pola súa banda, o alumnado de cuarto da ESO asumiu un maior nivel de abstracción e especialización na materia, realizando actividades relacionadas co impacto social da tecnoloxía e o cibervoluntariado, alén do deseño dos soportes en 3D para a posterior construción con técnicas de fabricación dixital.
Secuenciación da experiencia educativa
A secuenciación didáctica do proxecto artellouse en cinco fases interrelacionadas que foron:
Fase 1: detección de necesidades
O alumnado de primeiro, segundo e terceiro da ESO entrevistou persoas da súa contorna para coñecer as dificultades que teñen no manexo dos dispositivos dixitais e como consideran que o alumnado do CPI de Zas lles podería axudar a paliar eses obstáculos.
- Fase 2: investigación, formación e elaboración de contidos (terceiro da ESO)
As actividades levadas a cabo durante esta fase, xunto cos produtos obtidos, foron as seguintes:
| Curso: terceiro da ESO | Materia: Educación Dixital | |
| 1 | Aprendizaxe dos conceptos fundamentais de ciberseguridade a partir da adaptación do REA Sin miedo a hacer clic de cREAgal, mediante a realización de actividades interactivas e dunha práctica de egosurfing. | |
| 2 | Creación dun avatar por parte de cada estudante, como ferramenta para a protección da súa imaxe na rede e na páxina web do proxecto. | |
| 3 | Investigación sobre a fenda dixital e as principais dificultades existentes nos diferentes segmentos da poboación no manexo de dispositivos dixitais. Debate e posta en común na aula. | |
| 4 | Procesamento dos datos das entrevistas realizadas na fase 1 polos tres cursos. Organización e análise de datos mediante LibreOffice Calc. | |
| 5 | Elaboración de trípticos informativos sobre diferentes temáticas da campaña, empregando tanto LibreOffice Writer como Canva. Poden consultarse na sección de «Trípticos (3.º ESO)» da páxina web. | |
| 6 | Realización de propostas de modelo de mensaxe electrónica para lle enviar á dirección do centro educativo explicando a campaña de ciberseguridade e solicitando permisos para a instalación dos puntos ciberseguros. Empregouse o simulador de correo dispoñible no REA Sin miedo a hacer clic. | |
- Fase 3: análise, formación e elaboración de contidos (primeiro e segundo da ESO)
As actividades levadas a cabo durante esta fase, xunto cos produtos obtidos, foron as seguintes:
| Cursos: primeiro e segundo da ESO | Materia: Tecnoloxía e Dixitalización | |
| 1 | Aprendizaxe dos conceptos fundamentais de ciberseguridade a partir do REA Sin miedo a hacer clic de cREAgal, mediante a realización de actividades interactivas e dunha práctica de egosurfing. | |
| 2 | Creación dun avatar por parte de cada estudante como ferramenta para a protección da súa imaxe na rede e na páxina web do proxecto. | |
| 3 | Análise dos trípticos creados polo alumnado de terceiro da ESO na fase anterior, fixándose nos contidos, no deseño, nos elementos inclusivos (tipografía, códigos QR coa versión audio, pictogramas) e nas licenzas Creative Commons. | |
| 4 | Elaboración de infografías (primeiro da ESO) e dípticos (segundo da ESO) informativos sobre diferentes temáticas para a campaña. Os temas tratados nas infografías foron consellos para unha navegación segura, contrasinais seguros, perigos nas redes sociais, uso seguro do WhatsApp, malware, uso das redes sociais por menores, navegación segura na rede, cita no Sergas e ciberestafas. Atópanse na sección denominada «Infografías (1.º ESO)» da páxina web do proxecto. No caso dos dípticos abordáronse estafas en compras en liña, ciberestafas, enganos dixitais, malware, spyware, contrasinais seguros, uso seguro do móbil, virus e antivirus e cita no Sergas. Atópanse na sección denominada «Dípticos (2.º ESO)» da páxina web do proxecto. A asignación de temáticas realizouse de forma que o alumnado crease documentación para lle dar solución a algunha das problemáticas presentadas por algunha das persoas que entrevistou na fase 1, co fin de que, ao remate da campaña, puidese entregarlles e explicarlles estes materiais ás persoas participantes nas entrevistas iniciais. Para a súa creación o alumnado empregou LibreOffice Writer, alén das tecnoloxías citadas no apartado de recursos. | |
| 5 | Realización das propostas do modelo de mensaxe electrónica para enviarlle á dirección do centro educativo explicando a súa campaña e solicitando os permisos para a instalación dos puntos ciberseguros. Empregouse o simulador de correo dispoñible no REA Sin miedo a hacer clic. | |
Figura 2: Infografía sobre os perigos nas redes sociais (1.º ESO)
- Fase 4: cibervoluntariado e deseño 3D (cuarto da ESO)
As actividades levadas a cabo durante esta fase, xunto cos produtos obtidos, foron as seguintes:
| Curso: cuarto da ESO | Materia: Tecnoloxía | |
| 1 | Análise da documentación xerada polo alumnado de primeiro, segundo e terceiro da ESO sobre as problemáticas detectadas no manexo dos dispositivos dixitais. | |
| 2 | Creación dun avatar por parte de cada estudante como ferramenta para a protección da súa imaxe na rede e na páxina web do proxecto. | |
| 3 | Investigación sobre o voluntariado dixital como mecanismo para combater a fenda dixital. Cada estudante investigou sobre dúas entidades de voluntariado dixital e tecnolóxico. Posteriormente, cada estudante presentoulle ao resto da clase estas dúas entidades e o traballo que desenvolven, xustificando se colaborarían ou non con elas e os motivos. | |
| 4 | Tras a posta en común das súas entidades, o alumnado deseñou unha infografía, un díptico ou un tríptico sobre o voluntariado dixital e tecnolóxico, presentando as entidades sobre as que investigaron. Os documentos xerados poden consultarse na sección da páxina web titulada «Voluntariado dixital (4.º ESO)». | |
| 5 | Deseño de diferentes modelos de soportes en 3D utilizando o programa Tinkercad para a distribución da documentación da campaña. Poden visualizarse e descargarse varios dos modelos xerados na web do proxecto. | |
Figura 3: Modelos dos soportes 3D para a documentación
- Fase 5: difusión e transferencia á contorna
| Curso: primeiro, segundo e terceiro da ESO | Materias: Tecnoloxía e Dixitalización (primeiro e segundo) e Educación Dixital (terceiro) | |
| 1 | Distribución da documentación da campaña, facéndolles entrega ás súas familias, persoas entrevistadas, así como a outras persoas da súa contorna para as que estes materiais puidesen resultar de interese ou utilidade. Na galería de imaxes da páxina web do proxecto, no álbum «Difusión», poden visualizarse imaxes do momento da entrega. | |
| 2 | Montaxe dos puntos ciberseguros no centro educativo con toda a documentación xerada. O alumnado responsable da súa montaxe no acceso ao centro, na zona de infantil e primaria e no taller de Tecnoloxía foi o de terceiro da ESO. Na galería de imaxes da páxina web do proxecto, no álbum «Puntos ciberseguros no centro», pódense visualizar imaxes dos diferentes puntos instalados. O docente creou o punto de lecturas ciberseguras para a biblioteca. Este recurso pode consultarse na sección da web do proxecto titulada «Rincón lector» (recuncho lector) e tamén visualizar o catálogo de lecturas propostas para cada etapa educativa. | |
Figura 4: Puntos ciberseguros e difusión da documentación
Figura 5: Lecturas ciberseguras para cada nivel
Polo tanto, a metodoloxía aplicada constitúe un modelo de aprendizaxe competencial, progresivo e interdependente entre os diferentes niveis educativos do ensino secundario, baseado na resolución de problemas reais e na intervención social, que resulta transferible, replicable e adaptable a calquera outro contexto educativo.
Avaliación
A avaliación do alumnado nesta experiencia educativa levouse a cabo empregando como instrumento principal a rúbrica dispoñible na fase 4 do REA Sin miedo a hacer clic, coas adaptacións necesarias ao contexto do centro e aos diferentes niveis educativos.
Estas rúbricas integráronse dentro do curso creado na aula virtual Moodle, o que lle permitía unha retroalimentación directa e personalizada a cada estudante.
A través deste instrumento avaliouse o grao de adquisición dos diferentes criterios de aprendizaxe para cada curso, vencellados á competencia dixital, á busca e selección de información de xeito crítico, á creación de contidos dixitais, á protección de datos persoais e á privacidade, así como á prevención de riscos e ameazas no ámbito dixital xunto co benestar dixital. Alén diso, no caso de cuarto da ESO tamén se avaliou a capacidade para deseñar e fabricar solucións tecnolóxicas mediante ferramentas de deseño asistido e fabricación dixital, a través dos soportes impresos en 3D para a documentación. Ademais, tivéronse en conta os aspectos relativos á análise do impacto social da tecnoloxía, como a fenda dixital e o papel do cibervoluntariado como ferramenta paliativa.
Finalmente, cómpre destacar a dimensión de avaliación do impacto social da experiencia. No proceso de aprendizaxe-servizo, o alumnado fíxolles entrega e explicoulles a documentación elaborada ás persoas que entrevistara inicialmente, o que permitiu unha retroalimentación directa por parte da poboación da súa contorna.
En resumo, a avaliación permitiu constatar o desenvolvemento da competencia dixital do alumnado nun contexto aplicado, así como o impacto positivo na comunidade educativa e na poboación da contorna, abordando o reto social da fenda dixital desde o ámbito educativo.
Conclusións
Coa posta en práctica da experiencia educativa Clics seguros en Zas evidenciouse o potencial da aprendizaxe adquirida nas aulas para integrarse como unha ferramenta de intervención social. Neste sentido, o proxecto non se limita á simple adquisición de coñecementos sobre ciberseguridade, senón que promove unha alfabetización dixital crítica orientada á acción, na que o alumnado asume un papel activo como produtor de contidos, mediador dixital e axente de cambio na súa comunidade.
A conexión realizada entre o currículo e a realidade social da contorna permitiu unha maior implicación do alumnado e contribuíu ao desenvolvemento das diferentes competencias, máis alá da competencia dixital, eixe fundamental do proxecto.
Alén diso, cómpre destacar a incorporación de elementos de accesibilidade nos materiais elaborados, o que contribuíu a sensibilizar o alumnado sobre a súa importancia e favorecer a súa aplicación en futuras producións. Así mesmo, isto permitiu atender non só á diversidade do alumnado do centro, senón ás distintas necesidades da poboación da contorna. Deste xeito, a accesibilidade converteuse no eixe vertebrador que conectou innovación educativa, equidade de acceso aos recursos, atención á diversidade e compromiso social.
Por outra banda, o carácter interxeracional do proxecto supuxo un elemento enriquecedor, ao favorecer o diálogo entre persoas de franxas de idades moi diferenciadas, e permitiu que o alumnado tomase conciencia das necesidades no ámbito dixital de cada grupo de idade e reforzase a percepción de utilidade e impacto real do seu traballo na aula.
En definitiva, Clics seguros en Zas é un proxecto que concibe a escola non só como un espazo de transmisión de coñecemento, senón como un motor de transformación social, capaz de dar resposta a retos actuais como a fenda dixital desde unha perspectiva pedagóxica, crítica e comprometida.
Esta experiencia foi, ademais, recoñecida con varios premios no ámbito educativo, o que reforza o seu valor pedagóxico e o seu impacto social, así como a súa capacidade para servir de referente para outras iniciativas orientadas á construción dunha cidadanía dixital máis segura, inclusiva e consciente. Resultou premiada no II Concurso de Iniciativas Didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común convocado por Enxeñería Sen Fronteiras (2024), así como co primeiro premio na modalidade individual dos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a competencia dixital do alumnado convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes (2025).
Instituto Galego de Estatística (IGE). (2023). Poboación do concello de Zas segundo rangos de idade. Recuperado de https://www.ige.gal/
Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OMING). (2023). Galicia. A nosa vida en dixital 2023. Recuperado de https://www.osimga.gal/gl/informes/galicia-nosa-vida-en-dixital-edicion-2023
Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OMING). (2023). Competencias dixitais da poboación galega. Ano 2023. Recuperado de https://www.osimga.gal/gl/informes/competencias-dixitais-da-poboacion-galega-ano-2023