Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Esta experiencia amosa coma a IA pode integrarse na ESO para potenciar a creatividade, o pensamento crítico e a inclusión a través de proxectos reais que conectan co territorio e fomentan a responsabilidade dixital, a ética e a autonomía do alumnado. Os proxectos desenvoltos demostran que a IA é unha ferramenta educativa transformadora. O artigo destaca tamén a importancia da formación docente e da colaboración interdisciplinaria.

Fina Paulos Lareo, docente de Informática
finapaulos [at] edu.xunta.gal (finapaulos[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Óscar Manuel Rey Calo, docente de Sistemas e Aplicacións Informáticas
oscar.rey [at] edu.xunta.gal (oscar[dot]rey[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas, A Coruña)

 

 

Contextualización

Somos Fina Paulos e Óscar Rey, profesores no IES Maximino Romero de Lema (Baio, A Coruña), e desenvolvemos desde hai tres anos unha experiencia pioneira no ensino da intelixencia artificial como materia optativa na ESO.

O noso propósito é integrar a intelixencia artificial nas aulas como unha ferramenta que amplía posibilidades, non que as substitúe, unha ferramenta que axuda o alumnado no seu proceso de ensino-aprendizaxe e o profesorado no seu labor docente. A través dos múltiples proxectos que desenvolvemos co noso alumnado, buscamos demostrar que a IA pode ser unha gran ferramenta que impulsa a creatividade, o pensamento crítico e a autonomía, especialmente nun contexto dun centro educativo rural galego. Traballamos para que o alumnado experimente, cuestione e constrúa solucións reais, entendendo a tecnoloxía non como un fin en si mesma, senón como un medio para transformar a súa aprendizaxe e abrir novas oportunidades para o seu futuro profesional e persoal.

 

A necesidade de educar na intelixencia artificial

A irrupción das ferramentas de intelixencia artificial nas nosas vidas cotiás e, moi especialmente, nas aulas xera tanto oportunidades coma desafíos para a comunidade educativa. Mentres algunhas voces alertan dos riscos de dependencia tecnolóxica, perda de habilidades ou usos fraudulentos, outras recoñecen o seu potencial para personalizar a aprendizaxe, fomentar a creatividade e preparar o alumnado para un mundo dixital en constante evolución.

Galicia converteuse en 2022 na primeira comunidade autónoma en lanzar ChatGPT como ferramenta educativa oficial, incorporando unha nova materia optativa Intelixencia Artificial para a Sociedade en cuarto da ESO. Esta aposta política, recollida na Lei de intelixencia artificial e na Lei de educación dixital, establece un marco normativo que busca regular o seu uso nos centros educativos e determinar a admisión de estudantes, os criterios avaliativos e os resultados de aprendizaxe.

 

Materiais didácticos propios

Ante a inexistencia de libros de texto específicos sobre intelixencia artificial con fins educativos, escribimos os primeiros manuais da materia Intelixencia artificial para a sociedade (o primeiro libro sobre IA en galego) e Inteligencia artificial en aula. Estes materiais abordan tanto os aspectos técnicos do manexo das IA xerativas de imaxes e vídeo, IA conversacionais como ChatGPT, Perplexity ou NoteBookLM ou ferramentas de deepfake, entre outras, coma as cuestións éticas e sociais que rodean estas tecnoloxías.

Todo comezou cun proxecto documental centrado en Daniela, afectada pola síndrome de Rett, unha enfermidade xenética rara que provoca unha involución neuronal. Quixemos colaborar na visibilización da síndrome elaborando un documental sobre a vida de Daniela que utilizou IA para darlle voz e tamén explicar, mediante varios deepfakes, a enfermidade.

Image

 

Un recurso didáctico para a integración da IA na educación secundaria

O IES Maximino Romero de Lema sitúase na localidade de Baio-Zas, na Costa da Morte coruñesa, a unha hora de Santiago de Compostela. Con 307 alumnas e alumnos e 35 docentes, este centro rural converteuse nun referente na integración da intelixencia artificial como materia curricular.

Fina Paulos imparte desde hai tres anos a materia optativa de Intelixencia Artificial, cun espazo de tres horas semanais. Óscar Rey apoia na elaboración dos proxectos realizados na materia e tamén na formación que ambos os profesores levan a cabo a través dos centros de recursos, CAFI, asociacións, conferencias, charlas ou exposicións.

O uso da IA nas nosas aulas nace do obxectivo de conectar a aprendizaxe coa realidade e de lle ofrecer ao noso alumnado experiencias significativas que combinen creatividade, tecnoloxía e compromiso social. Ao longo destes anos desenvolvemos múltiples proxectos nos que a IA se converteu nunha ferramenta para investigar, crear e transformar o contorno, sempre cun enfoque ético e humanista para darlles solucións a problemas reais da sociedade que nos rodea.

Cada iniciativa que desenvolvemos busca que o alumnado experimente a IA como unha ferramenta ao seu alcance, capaz de transformar ideas en produtos con impacto educativo e comunitario.

Un exemplo é a participación en Talentos Inclusivos, un programa no que o alumnado empregando a IA vai investigar, documentar e visibilizar situacións de diversidade dun colectivo ao que, mediante a solución dun reto tecnolóxico, lle vai axudar no seu día a día. O obxectivo é reforzar a autoestima, recoñecer a diversidade de capacidades e traballar valores como a empatía, valores que moitas veces é imposible traballar na aula e si mediante a realización deste tipo de proxectos-servizo.

Tamén citamos o proxecto Miño en Xogo, onde a IA se converteu nun recurso para gamificar a aprendizaxe ambiental e territorial. O alumnado deseñou un xogo que permite, mediante o percorrido do leito do río Miño, ir aprendendo tradicións, xeografía, historia e cultura galega en xeral. O obxectivo era promover a conciencia ecolóxica e o pensamento crítico, e os resultados foron evidentes: maior implicación, aprendizaxe significativa e produtos finais que poden ser utilizados por outros centros ou entidades.

Outro proxecto destacado é O Cabazo da Memoria, no que a IA serviu como ferramenta para recuperar, organizar e presentar historias, tradicións e voces da nosa contorna. O alumnado traballou con testemuños, fotografías e relatos das súas familias, xerando materiais accesibles que preservan a memoria colectiva do territorio. O impacto foi que, por unha banda, o alumnado desenvolveu competencias dixitais e comunicativas e, por outra, a comunidade viu recoñecido o seu patrimonio cultural a través dun produto tecnolóxico creado desde o propio rural, ademais de recuperar a súa memoria familiar.

Image

 

Estes son algúns exemplos dos moitos que se están levando a cabo na aula, en conxunto, son proxectos que demostran que a IA non é un fin, senón unha ferramenta para que o alumnado investigue, cree e transforme o seu proceso de ensino-aprendizaxe. A motivación aumentou, así como as competencias dixitais e comunicativas que se viron moi fortalecidas e, sobre todo, consolidouse a idea de que desde o rural tamén se pode innovar, liderar e contribuír ao ben común.

 

Obxectivos pedagóxicos

A experiencia desenvolveuse no IES Maximino Romero de Lema e permite identificar varios obxectivos fundamentais para a integración da intelixencia artificial na educación secundaria:

1. Desenvolver competencias dixitais avanzadas. O alumnado aprende a utilizar ferramentas de IA de forma práctica, experimentando coas súas posibilidades creativas e funcionais, ademais doutras ferramentas como o almacenamento na nube, a radio, ou o material de Polos Creativos.

2. Fomentar o pensamento crítico. A materia promove a reflexión sobre os límites éticos da tecnoloxía, os riscos de manipulación, os nesgos algorítmicos e a privacidade dos datos, así como a importancia da seguridade da información.

3. Potenciar a creatividade e a innovación. A través de proxectos como a restauración fotográfica ou a creación de contidos multimedia, o alumnado desenvolve a súa capacidade creativa integrando coñecementos técnicos e humanísticos, para elaborar materiais innovadores que dan solucións a situacións reais.

4. Conectar o pasado co presente. A recuperación da memoria familiar e local mediante tecnoloxías actuais permite valorar a historia próxima e fortalecer os vínculos interxeracionais.

5. Educar na responsabilidade dixital. Acompañamos o alumnado para que comprenda o impacto das súas accións no contorno tecnolóxico e social. Traballamos a ética da IA, o uso crítico da información, a protección da identidade dixital e a importancia de crear contidos respectuosos e seguros.

O obxectivo é formar cidadanía consciente, capaz de empregar a IA e as ferramentas dixitais con criterio, responsabilidade e compromiso co ben común.

 

Contidos traballados

A materia de intelixencia artificial no IES de Baio aborda tres bloques de contidos principais:

Bloque 1: Fundamentos da intelixencia artificial

  • Conceptos básicos da IA e aprendizaxe automática

  • Historia da intelixencia artificial

  • Tipos de IA: IA feble e IA forte

  • Aplicacións actuais da IA na vida cotiá

Bloque 2: Ferramentas e aplicacións prácticas

  • Xeradores de texto: ChatGPT e outras ferramentas

  • Editores de imaxes e técnicas de restauración fotográfica

  • Creación de audios e locucións con IA

  • Deepfakes con finalidade educativa

  • Programación básica para a IA

Bloque 3: Ética, sociedade e futuro

  • Privacidade e protección de datos

  • Nesgos algorítmicos e discriminación

  • Impacto laboral da automatización

  • Regulación e normativa sobre a IA

Responsabilidade no uso das tecnoloxías

 

Competencias traballadas

A materia de Intelixencia Artificial permite desenvolver de forma integrada as competencias clave do currículo da ESO:

Competencia dixital. Obviamente, é a competencia central do proxecto, xa que o alumnado aprende a manexar ferramentas tecnolóxicas avanzadas, a crear contidos dixitais e a desenvolver unha actitude crítica ante a información, sen esquecernos da avaliación da calidade da información que nos proporciona unha IA e de reflexionar sobre a pegada dixital que están creando.

Competencia en comunicación lingüística. A través da creación de textos, podcasts e presentacións, o alumnado traballa a expresión oral e escrita, ademais de practicar a comprensión de textos técnicos e divulgativos, e, por suposto, da creación de guións e entrevistas, para logo facer presentacións e defensas públicas dos seus traballos.

Image

 

Competencia persoal, social e de aprender a aprender. A reflexión sobre o impacto social da IA, o traballo en equipo e a autoaprendizaxe mediante titoriais son elementos centrais da materia. Creamos proxectos con impacto social: igualdade, diversidade, memoria colectiva, participación, traballo colaborativo.

Competencia cidadá. A discusión sobre os dereitos dixitais, a privacidade e a responsabilidade ética promove unha cidadanía activa e informada.

Competencia en conciencia e expresión culturais. A recuperación da memoria histórica familiar mediante a restauración fotográfica conecta a expresión artística coa valoración do patrimonio cultural. Emprego da tecnoloxía como ferramenta para preservar e difundir a nosa cultura e patrimonio (proxecto O Cabazo da Memoria).

Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñería. Os fundamentos algorítmicos da IA, xunto coa comprensión dos seus mecanismos técnicos, desenvolven o pensamento lóxico-matemático e científico. Resolución de problemas reais empregando tecnoloxía (programa Talentos Inclusivos).

Competencia emprendedora. A creatividade na aplicación da IA a proxectos persoais e a capacidade de resolver problemas de forma innovadora contribúen ao espírito emprendedor. A través de proxectos como Talentos, O Cabazo da Memoria ou Miño en Xogo, o alumnado aprende a detectar necesidades reais, formular propostas creativas e desenvolver produtos que teñen impacto máis alá da aula. Isto fomenta a iniciativa persoal, a toma de decisións, a planificación das tarefas e a capacidade de asumir responsabilidades.


Metodoloxía de aplicación na aula

A nosa proposta metodolóxica baséase en varios principios pedagóxicos fundamentais:

Aprendizaxe baseada en proxectos

Nós partimos dunha idea sinxela: o alumnado aprende mellor cando traballa sobre retos e situacións reais, que teñen un sentido e un impacto na sociedade. Por iso propoñemos proxectos que nacen das necesidades da comunidade, das inquedanzas do alumnado ou como resposta a unha situación que se nos presenta. A partir de aquí os equipos investigan, analizan información e empregan a IA para organizar ideas, buscar alternativas e deseñar solucións creativas. Créase un produto final (xogo, recurso educativo, material divulgativo, dispositivo físico...) e remata cunha presentación pública que lle dá sentido ao traballo realizado.

Image

 

Metodoloxía activa e participativa

O profesorado actúa como guía e facilitador mentres o alumnado asume un papel protagonista na súa aprendizaxe. As clases alternan explicacións teóricas breves con longos períodos de traballo práctico nas aulas coas ferramentas da IA e materiais varios, onde o alumnado experimenta, corrixe, mellora e aprende de forma autónoma.

Queremos deixalo claro, «a IA non se pode ensinar como unha materia tradicional. Os alumnos teñen que tocala, probar, equivocarse e descubrir as súas posibilidades e limitacións por si mesmos».

Traballo cooperativo

Aínda que moitas tarefas poden realizarse individualmente, o proxecto fomenta o traballo en parellas ou pequenos grupos. Esta colaboración permite que o alumnado con máis destreza tecnolóxica axude os compañeiros, mentres que todos contribúen desde as súas fortalezas (busca de fotografías, documentación histórica, redacción de textos, edición de audios).

Conexión coa realidade próxima

Os nosos proxectos nacen sempre da realidade que rodea o alumnado: o territorio, a comunidade e as historias que forman parte da súa vida cotiá. Traballar desde o próximo permítenos que a aprendizaxe teña sentido, que o alumnado recoñeza o valor do seu contorno e que entenda que tamén desde o rural se pode innovar e crear coñecemento. A IA convértese así nunha ferramenta para investigar o propio, preservar a memoria local, analizar o medio e dar resposta a necesidades reais. Esta conexión co territorio reforza a motivación, favorece a implicación e axuda a construír unha aprendizaxe auténtica, arraigada e transformadora.

Image

 

En O Cabazo da Memoria, o uso das fotografías familiares e a recuperación da memoria local converten a aprendizaxe nunha experiencia emocionalmente significativa. As familias participan no proxecto achegando imaxes e relatos, o que aumenta a motivación do alumnado e fortalece os vínculos entre a escola, a comunidade e a familia.

Nos proxectos Namórate do Rural ou Coñece a Costa da Morte, vinculamos o territorio ás historias que rodean o alumnado a través dunha participación moi activa das familias, fíxose un gran traballo interxeracional onde o obxectivo foi reforzar a idea de orgullo e pertenza á zona da Costa da Morte, coñecer para valorar e valorar para coidar.

Reflexión ética permanente

Cada uso dunha ferramenta de IA vai acompañado dunha reflexión sobre as súas implicacións éticas. Cando traballan con deepfakes, por exemplo, o alumnado debate sobre os riscos da manipulación, a importancia do consentimento e a responsabilidade individual no uso da tecnoloxía.

Atención á diversidade

Image

 

Os proxectos que desenvolvemos nas aulas permiten atender a diversidade de maneira individual e persoal, porque ofrecen múltiples formas de traballar e de que o alumnado participe. A IA axuda a adaptar tarefas, xerar materiais accesibles e permitir que cada alumno e alumna avance ao seu ritmo, segundo os seus intereses e capacidades. En iniciativas como Talentos, O Cabazo da Memoria ou Miño en Xogo, o alumnado pode investigar, crear, escribir, deseñar, programar ou comunicar, elixindo o rol no que mellor pode contribuír. Isto favorece a inclusión, reforza a autoestima e garante que todos e todas teñan un espazo significativo dentro do proxecto. A diversidade convértese así nun valor que enriquece o proceso e fai que os produtos finais sexan máis completos, máis creativos e máis representativos da realidade do noso centro.

Para nós, «se o alumnado necesita unha atención individualizada por calquera motivo, podemos subir contidos á IA e pedirlle que prepare un boletín de exercicios. Isto levaranos moito menos tempo. Podo poñer os demais alumnos a facer esa tarefa de repaso mentres me dedico a ese alumno que necesita máis axuda. Iso si, teño que repasalos antes porque a validación do profesional é fundamental. A IA facilita o traballo mecánico, pero non todo o que nos ofrece é certo, correcto ou preciso».

 

Accesibilidade universal

A IA ofrece múltiples posibilidades para a inclusión do alumnado con diversidade funcional:

Alumnado con discapacidade auditiva: as ferramentas de transcrición automática converten as explicacións orais en texto, o subtitulado en tempo real facilita a lectura dunha explicación contribuíndo ao seguimento das clases. Ademais, a IA pode xerar resumos escritos, adaptar instrucións e ofrecer materiais visuais alternativos que reforzan a comprensión. O resultado é unha participación máis plena e unha maior autonomía na aula.

Alumnado con discapacidade visual: a IA ofrece lectura en voz alta, descrición automática de imaxes, ampliación de textos e xeración de materiais en formatos accesibles. Tamén permite transformar contidos visuais en narrativas auditivas ou táctiles, facilitando que poidan acceder á mesma información ca o resto da clase. A IA axuda a eliminar barreiras e garante que o alumnado poida participar en proxectos creativos, investigacións ou actividades dixitais sen exclusión.

Alumnado con dificultades de aprendizaxe: a IA permite adaptar o nivel de complexidade dos textos, simplificar instrucións, crear exemplos personalizados e ofrecer explicacións alternativas. Tamén facilita a creación de materiais máis visuais, estruturados, que axudan o alumnado con dislexia, TDAH ou dificultades de comprensión. A personalización é clave: cada alumno pode recibir apoios específicos, avanzar ao seu ritmo e reforzar aquelas áreas nas que precisa máis acompañamento.

Alumnado de altas capacidades: a IA tamén permite elaborar materiais para aquel alumnado que precisa retos máis complexos e contidos máis avanzados. Permite propoñer itinerarios personalizados, actividades de investigación, creación de proxectos de maior dificultade para afondar en temas que lles interesan. A tecnoloxía convértese nunha ferramenta para ampliar horizontes, estimular a creatividade e ofrecer desafíos intelectuais que manteñen a motivación e evitan o aburrimento. A IA axuda a que o alumnado con altas capacidades poida desenvolver o seu potencial sen límites artificiais.

 

Flexibilidade organizativa

Os proxectos que nós propoñemos para ser elaborados con ferramentas IA permítennos adaptar tempos, espazos e dinámicas segundo as necesidades reais do alumnado e das posibilidades da aula. Traballamos normalmente con grupos de varios alumnos (de dous a cinco alumnos), que rotan en cada proxecto, asumindo roles diferentes para levar a cabo distintas tarefas, o que facilita que cada alumno participe desde as súas fortalezas e avance ao seu ritmo e tamén asuma diferentes papeis para aprender desde todos os postos de traballo e, por suposto, colla a dinámica de traballo en equipo dun xeito colaborativo sabendo adaptarse ás características do compañeiro ou compañeira co que lle toque nese proxecto. Ademais, a IA axúdanos a xestionar mellor os tempos, a personalizar materiais e a ofrecer itinerarios alternativos, facendo posible unha aula máis dinámica, inclusiva e centrada na aprendizaxe significativa.

 

Traballo interdisciplinario e colaboración interdepartamental

Os proxectos que desenvolvemos non se limitan á nosa área unicamente (Informática): traballamos de maneira coordinada con outros departamentos para implicar o profesorado e mostrarlle ao alumnado que o aprendido nunha materia é útil e transferible a calquera outro ámbito. Esta colaboración permite integrar contidos de Lingua, Historia, Ciencias, Artes ou Tecnoloxía, enriquecendo os proxectos e ofrecendo unha visión máis completa e conectada da realidade.

Un exemplo témolo na colaboración levada a cabo co compañeiro de Tecnoloxía, Francisco Velo, coordinador de Polos Creativos e que traballa co alumnado o tema da cortadora láser, impresión 3D ou a radio, reforzando competencias STEM (un bo exemplo é a creación do Cabazo). Pola súa banda, Judith, desde Historia, contribúe cun enfoque crítico axudando a interpretar fontes, comprender o patrimonio ou situar nun marco histórico e cultural o proxecto que se vai levar a cabo (un bo exemplo foi o proxecto Miño en Xogo).

Image

 

Esta colaboración interdisciplinaria permite que o alumnado vexa que os seus coñecementos se aplican en contextos diversos, comprende mellor o sentido do que aprende, gaña motivación e desenvolve unha mirada máis global, crítica e interdisciplinaria.


Proceso de avaliación

A avaliación da materia de Intelixencia Artificial baséase nun enfoque continuo, formativo e integrador, coherente cos principios metodolóxicos do proxecto e centrado no proceso máis ca no produto final que se quere desenvolver.

Criterios de avaliación

Os criterios de avaliación organízanse arredor de tres dimensións principais:

  • Competencia técnica: capacidade para manexar as ferramentas de IA estudadas, resolver problemas técnicos e crear produtos dixitais de calidade.

  • Reflexión crítica: comprensión dos fundamentos da IA, identificación dos seus límites e riscos, e capacidade para argumentar posicións éticas fundamentadas.

  • Aplicación práctica: calidade dos proxectos realizados, creatividade nas solucións propostas e capacidade para transferir os coñecementos a novos contextos.

Image

 

Instrumentos de avaliación

O profesorado utiliza diversos instrumentos de avaliación para valorar o progreso do alumnado:

  • Observación directa de como o alumnado investiga, toma decisións, resolve problemas e colabora, valorando tanto o progreso individual coma o traballo en equipo.

  • Produtos finais: fotografías restauradas, animacións, podcasts, pezas audiovisuais amosan a aplicación real das competencias adquiridas e a capacidade para crear materiais e produtos con sentido e utilidade.

Image

 

  • Portafolio dixital con reflexións e evidencias do proceso, recollendo o proceso completo levado a cabo: recollida da información, investigación, borradores, propostas de mellora, presentación final.

  • Exposicións orais dos proxectos ante a clase, o que nos serve para valorar a comunicación, a defensa das ideas, a preparación da súa exposición, o seu desenvolvemento ante un público.

  • Probas escritas sobre conceptos e fundamentos teóricos

  • Utilizamos rúbricas sinxelas que recollen aspectos como a creatividade, o uso responsable da IA, a capacidade de comunicación, a autonomía e a contribución e achega ao proxecto.

  • Autoavaliación e coavaliación para que o alumnado reflexione sobre o seu propio proceso e recoñeza o valor das achegas dos compañeiros.

Avaliación do proxecto polo alumnado

Ao remate de cada trimestre, o alumnado pode valorar o proxecto mediante unha enquisa anónima que recolle información sobre a utilidade percibida, o interese dos contidos, a metodoloxía empregada e propostas de mellora. Esta retroalimentación permitiranos axustar e mellorar continuamente a proposta educativa de cara a futuros proxectos.

 

Retos e desafíos na implementación

A incorporación de ferramentas de IA na aula supón grandes oportunidades para o noso alumnado e moitas melloras para o noso papel como docentes, pero tamén presenta retos que debemos abordar con responsabilidade.

  • Formación do profesorado

A maioría dos docentes non recibiu formación específica sobre intelixencia artificial durante a súa carreira universitaria nin nos plans de formación continua. É imprescindible desenvolver programas formativos que lle permitan ao profesorado coñecer estas ferramentas, comprender as súas implicacións pedagóxicas e sentirse seguro no seu uso educativo. É imprescindible actualizar metodoloxías e ferramentas educativas.

Óscar e Fina levan tres anos impartindo formación neste ámbito a través dos CFR, CAFI, asociacións, dando charlas, participando en conferencias ou congresos, ofrecendo non só formación, senón tamén a súa experiencia de aplicación da IA na aula a través dos seus numerosos proxectos.

Image

 

  • Infraestruturas tecnolóxicas

Non todos os centros dispoñen de equipamentos informáticos suficientes e actualizados, conexións a Internet estables ou licenzas de software. A brecha dixital entre centros urbanos e rurais ou entre centros públicos e privados pode acentuarse se non se garante unha dotación equitativa de recursos.

Image

 

  • Regulación e normativa

O uso da IA en contextos educativos debe cumprir estritamente a normativa vixente en materia de protección de datos, privacidade e seguridade dixital. Isto implica seleccionar ferramentas que respecten a legalidade, informar o alumnado sobre o uso responsable da tecnoloxía e establecer protocolos claros para o tratamento da información. A regulación non é un obstáculo, senón unha garantía de que o alumnado traballa nun contorno seguro, ético e protexido.

  • Resistencias ao cambio

Algúns sectores da comunidade educativa mostran reticencias ante a incorporación da IA nas aulas, por medo á deshumanización do ensino, á perda de autoridade docente ou á substitución do pensamento crítico pola dependencia tecnolóxica. Superar estas barreiras require acompañamento, formación continua e unha visión xeral que entenda e explique a IA como unha ferramenta pedagóxica ao servizo da aprendizaxe tanto para o alumnado coma para o profesorado, e non como unha ameaza.

Pola nosa experiencia constatamos que, cando o profesorado comproba o impacto positivo na aula, na motivación do alumnado, na creación de novos, innovadores e atractivos recursos educativos, estes medos, estas resistencias van desaparecendo.

  • Equilibrio entre ferramentas dixitais e analóxicas

O uso de ferramentas IA na nosa aula non implica abandonar o traballo analóxico, senón atopar un equilibrio que enriqueza a súa aprendizaxe.

Queremos deixar claro que «os deberes xa non poden ser facer na casa unha redacción, cando sabemos que o alumno vai usar a IA para que a faga por el. Hai que repensar as tarefas, cambiar a maneira de pedilas e buscar un equilibrio entre o dixital e o analóxico, entre a eficiencia tecnolóxica e o esforzo persoal. Non se trata de deixar de facer redaccións, pero si debemos cambiar o contexto e o método de como requirilas».

O alumnado investiga e crea empregando a tecnoloxía, pero tamén debuxa, fai esquemas, toma notas á man ou constrúe prototipos físicos. Esta combinación ten que permitir atender diferentes estilos de aprendizaxe, dando como resultado unha experiencia educativa máis completa, globalizadora, humana e significativa.

  • Impacto e perspectivas de futuro

O proxecto que nós estamos desenvolvendo no IES Maximino Romero de Lema ten xa unha repercusión que vai máis alá das súas aulas. Os nosos proxectos teñen un impacto directo na súa motivación, na súa autonomía e na súa capacidade para aplicar o aprendido en contextos reais (véxase o programa Talentos Inclusivos), ao tempo que fortalecen o orgullo polo rural e a conciencia crítica sobre o uso da tecnoloxía.

Varios centros galegos contactaron con nós para implementar proxectos similares e os nosos materiais didácticos están sendo recoñecidos e utilizados como referencia noutras comunidades autónomas.

De cara ao futuro, o noso obxectivo é seguir ampliando esta liña de traballo: integrar novas ferramentas de IA de forma ética e segura, fortalecer a formación docente, crear novos proxectos máis interdisciplinarios e abrir a porta a colaboracións con entidades locais, centros doutros territorios e iniciativas de innovación educativa. Queremos que o alumnado non só use a IA, senón que a comprenda, a cuestione e a empregue para mellorar a súa vida en xeral.

 

Conclusións e recomendacións

O conxunto de proxectos desenvolvidos no noso centro demostra que a integración da intelixencia artificial pode ser unha oportunidade real para transformar a aprendizaxe, reforzar a inclusión e conectar o currículo coa vida.

  1. A IA é unha ferramenta, non un fin en si mesma. O valor educativo non reside na tecnoloxía, senón no uso pedagóxico que se fai dela. O método destaca precisamente porque conecta a innovación tecnolóxica con obxectivos educativos claros: recuperar a memoria, desenvolver o pensamento crítico, fomentar a creatividade.

  2. A regulación é necesaria, pero non suficiente. Aínda que as normativas establecen límites e salvagardas importantes, a clave está na formación do profesorado e do alumnado para un uso responsable e reflexivo.

  3. A ética debe ser transversal. Non abonda con dedicar unha unidade á ética da IA, a reflexión sobre as implicacións morais, sociais e políticas das tecnoloxías debe estar presente en cada actividade.

  4. A humanización da tecnoloxía é posible. Lonxe de deshumanizar o ensino, a IA pode empregarse para recuperar historias persoais, estreitar vínculos familiares e valorar o noso patrimonio cultural.

  5. O profesorado segue sendo imprescindible. A IA non substitúe o docente, senón que lle permite dedicar máis tempo ao acompañamento persoal, á resolución de dúbidas complexas e ao deseño de experiencias de aprendizaxe significativas.

Para nós é un grande acerto se se educa nun uso correcto. Fai falta que a lei marque o camiño, pero sobre todo que os profesores esteamos formados e que traballemos coa conciencia crítica do alumnado. A IA chegou para quedar e a nosa responsabilidade é preparar o alumnado para convivir con ela de forma intelixente e ética. A IA non vai substituír o noso labor docente, senón que vai ampliar as posibilidades creativas, facilitar a accesibilidade universal e permitir que cada alumno e alumna avance desde as súas fortalezas.

A experiencia acumulada nestes tres anos mostra que o alumnado non só aprende contidos, senón que desenvolve competencias clave: pensamento crítico, autonomía, comunicación, responsabilidade dixital e capacidade para aplicar o aprendido en contextos reais. Podemos afirmar que outro modelo de integración tecnolóxica é posible: un modelo que non renuncia ao pensamento crítico nin ao contacto humano, que non busca a eficiencia por riba de todo, senón que pon a tecnoloxía ao servizo de obxectivos educativos e sociais valiosos. Un modelo, en definitiva, máis humano.

 

 

Palabras clave

Intelixencia artificial

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Innovación educativa

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Pensamento crítico

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Ética

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Responsabilidade

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas

Implantación da IA

A importancia de educar no uso da IA e a súa implantación nas aulas