Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

A escola que coida

Cara a unha convivencia libre de violencia
A proposta que se presenta a continuación é o resultado da evolución das prácticas levadas a cabo no CEIPP San Roque de Darbo no eido da convivencia escolar. O punto de partida é o dun centro, coma tantos outros, que se inicia na abordaxe do benestar do alumnado. Tras formacións, reflexións e análise de necesidades reais da comunidade educativa, avanzamos sabendo que aínda existe un longo camiño por percorrer.

Ana Fontán Pérez, mestra especialista en Educación Infantil e Audición e Linguaxe
Coordinación: Convivencia e Benestar Emocional
CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo (Cangas - Pontevedra)
fontanperez [at] edu.xunta.gal (fontanperez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

Contextualización: Os cimentos da nosa práctica

O benestar emocional comeza a resoar entre o profesorado, o alumnado e as familias como unha necesidade esencial tras a pandemia da covid-19. Observamos as consecuencias das limitacións sociais desde idades temperás, que afectaron ás interaccións fundamentais para o desenvolvemento afectivo e social. O alumnado presentaba dificultades á hora de establecer vínculos, así como condutas violentas máis acentuadas, especialmente en alumnado con sobreexposición a pantallas ou contidos inapropiados. Tamén se detectaron problemas á hora de mentalizar ou empatizar coas demais persoas, así como déficits en habilidades sociais.

Neste contexto, grazas ao asesoramento do CFR, chegan a nós en 2022 as prácticas restaurativas como un punto de inflexión, xa que nos abren múltiples camiños na intervención co alumnado. Na formación que levamos a cabo, aprendemos a relevancia de reparar os vínculos danados nos conflitos, así como a importancia da prevención e da cohesión grupal.

Unha vez definido o enfoque, comezamos a actualizar o plan de convivencia no curso 2023/24. O primeiro paso foi elaborar unha análise DAFO coa finalidade de coñecer tanto as nosas necesidades coma as nosas fortalezas e, a partir de aquí, concretar na práctica intervencións específicas, establecendo estruturas estables de convivencia que lle proporcionen resposta á diversidade do alumnado.

Tras esa análise, establecemos dúas canles de intervención co alumnado: unha preventiva, con foco na sensibilización e na reflexión, e outra de intervención directa nos conflitos que xorden. As actuacións levadas a cabo foron recollidas para a participación na convocatoria do Premio Tolerancia Cero Fronte o Acoso Escolar 2024/25 da que o centro resultou gañador co primeiro premio da súa categoría.

Este curso 2026 a liña de traballo é a mesma. Tratamos de consolidar as estruturas de convivencia, as colaboracións coas asociacións e as dinámicas descritas, tratando de fomentar a maior confianza e calidade de vida posible no alumnado.

 

Obxectivos: A folla de ruta

- Establecer dinámicas no centro fronte ao acoso escolar e para a súa prevención.

- Implicar directamente o alumnado na comunidade favorecendo a sensibilización de cara á diversidade como prevención de múltiples tipos de violencia.

- Abrir espazos á comunidade educativa sobre sensibilización e prevención do acoso escolar.

 

Actuacións: Propostas para a reflexión e espazos para reparar os danos

Espazos para expresar e resolver conflitos

En primeiro lugar, comezamos coas caixas da convivencia.

Image

 

O alumnado conta cunha caixa na que depositar queixas, propostas e descricións de conflitos. Para iso, dispón de dous modelos que proporcionan accesibilidade á expresión de como se senten, así como á achega de posibles solucións non punitivas.

Establécese un calendario semanal no que cada membro do equipo recolle e rexistra as notas depositadas polo alumnado coa finalidade de darlles resposta, apoiando as titorías. Trátase dun espazo no que detectar conflitos recorrentes que poden derivar en situacións de acoso escolar, ademais de coñecer ideas, sentimentos e reflexións do alumnado que poden requirir un traballo de sensibilización para previr diferentes tipos de violencia.

Pola súa parte, coa chegada do Punto Laranxa, aproveitouse para facer difusión das características do acoso escolar, diferenciando o seu uso do das caixas de convivencia. Para iso, o equipo de convivencia elaborou unha infografía para traballar nas aulas.

Image

 

Unha vez coñecidos os soportes polos que o alumnado pode expresar o seu malestar, explicaremos a dinámica de referencia na abordaxe dos conflitos: os círculos restaurativos e os círculos proactivos. O alumnado sitúase en círculo para falar sobre un conflito (círculo restaurativo) ou para fomentar a cohesión grupal (círculo proactivo). Establécese un sistema de quendas mediante o obxecto da fala (obxecto de Oberman).

As normas son respectar as quendas e non sinalar unha persoa en particular. Se o conflito é entre dúas persoas ou un grupo reducido, débese abordar explicitamente con esas persoas, evitando o «por que?» e substituíndoo por preguntas como «que pasou?», «como te sentiches?», «que necesitas?» ou «que cres que precisa o teu ou a túa compañeira?». Estariamos falando de preguntas restaurativas que poñen o foco en reparar os danos e non tanto en forzar un «perdón» que, ás veces, carece de significado (Abad, 2021).

A reparación dos danos no ámbito emocional dáse cando sentimos que a nosa dor foi vista e as nosas necesidades valoradas.

Patios para todas as persoas

A abordaxe dos conflitos moitas veces plásmase en acordos derivados dos círculos. No noso contexto, a principal fonte de conflitos era o fútbol. O propio alumnado elaborou propostas para que ningún dos seus iguais quedase sen xogar. Estableceron unha temporalización: cada dous equipos xogan durante 12 minutos (A contra D; C contra B) e organízanse anotándose previamente na aula.

Non obstante, con respecto aos patios, unha das actuacións que mudou a dinámica neste espazo e lle permitiu o acceso a alumnado que antes non atopaba o seu lugar foi a ampliación da oferta de xogos. En colaboración coa biblioteca, comezamos a ofertar xogos de mesa e creouse o Disco Darbo, un espazo inclusivo no que a música se converte nun vehículo para o movemento, a expresión e a conexión entre o alumnado.

Apertura á comunidade e sensibilización

O que marca a diferenza na transcendencia das actividades de sensibilización, sen dúbida, é a vivencia de experiencias como aprendizaxe significativa. O equipo de convivencia púxose en contacto con diversas asociacións da zona. Por unha banda, buscábase a apertura á comunidade e a visibilización de diferentes realidades que conciencien sobre a diversidade.

Levamos a cabo os seguintes obradoiros:

  • Sensibilización sobre a neurodiverxencia con Superheroes do Morrazo (segundo e terceiro ciclo de EP).

Image

 

  • Obradoiro de sensibilización coa Asociación Juan XXIII (cuarto de EP). Neste obradoiro, o alumnado participou por grupos rotatorios en diferentes propostas con persoas adultas con diversidade funcional: aprenderon sobre lingua de signos, xogos etc.

  • Obradoiro de baloncesto en cadeira de rodas da man da Asociación AMFIV.

  • APAMP: instalación de xogo sobre a diversidade corporal (educación infantil).

Consideramos que a colaboración coas asociacións debe ser vivenciada. Aínda que a reflexión é fundamental, queriamos xerar experiencias nas que o alumnado convivise e se puxese verdadeiramente na pel doutras persoas, porque non é o mesmo falar das barreiras arquitectónicas que afronta unha persoa con parálise cerebral que sentilas ao subirse a unha cadeira de rodas e intentar xogar ao baloncesto.

Mención especial ao ciclo de educación infantil. O alumnado desta etapa educativa contou cunha instalación de xogo para traballar a diversidade corporal. Xogando coas luces, marcaban as súas siluetas e vivenciaban a diversidade corporal con naturalidade: hai corpos grandes, pequenos, altos, baixos… e acéptano con absoluta normalidade, previndo a violencia contra o estigma dos corpos grandes.

Cando falamos de comunidade educativa, non podemos deixar de nomear as familias. Apostamos por abrir espazos de reflexión para profesorado e familias. En primeiro lugar, observamos que nas titorías existían moitas preocupacións similares entre as familias. Reflexionando sobre esta cuestión, a nosa proposta foi levar a cabo sesións mensuais de escola de familias: un faladoiro aberto os martes polas tardes no que abordamos diferentes temáticas desde o ciclo de educación infantil (violencia, apego, acompañamento na adquisición da lectoescritura, diabetes…).

Tratamos de partir dun material que provoque a participación, como un podcast ou unha pregunta. A estas sesións asistiron, de media, 20 familias por sesión e o obxectivo non era tanto proporcionar verdades absolutas, aínda que si informamos dentro do noso coñecemento e achegamos recursos, como favorecer que as propias familias fixesen rede e se recoñecesen nas dificultades doutras como unha situación compartida. Non sentirse só na crianza e contar cunha rede de apoio incrementa significativamente a calidade de vida das familias e, como escola, tratamos de facilitar ese espazo.

Image

 

Non obstante, consideramos que as achegas dunha persoa experta podían enriquecer este formato, polo que rematamos o curso compartindo as conclusións do reflexionado durante todo o ano cunha psicóloga especialista en apego e resolución de conflitos. Esta experiencia foi posible grazas ao programa de inclusión educativa (PIE) Mellora para a convivencia escolar.

Nesta sesión afianzamos o noso enfoque en sintonía coa pedagoxía dos coidados: unha escola que coida terá cada vez menos espazo para a violencia. Aprender a identificar as violencias e vincularnos desde un apego seguro son piares esenciais que debe ofertar a escola.

Ata aquí presentamos aquelas propostas significativas que poden ilustrar as dúas liñas de traballo sobre as que elaboramos propostas. Non obstante, ao longo do ano levamos a cabo moitas máis actividades sobre diferentes temáticas como o feminismo, diversidade afectivo-sexual... a cargo do equipo de igualdade.

Image

 

Recursos empregados

Partimos dun enfoque humanista no que a materia prima fundamental son as persoas: alumnado, profesorado, familias, asociacións… e os vínculos que podemos establecer.

Non obstante, a propia consellería propicia que a comunidade educativa poida enriquecerse con experiencias significativas grazas aos PIE. No caso do noso centro, contamos coas modalidades Mellora para a convivencia escolar e Impulso da igualdade, así como cunha liña de PFPP, coas cales se xestionaron propostas diversificadas nos patios. Como produto final, levamos a cabo unha xornada comunitaria entre profesorado, alumnado e familias pintando xogos no patio de primaria.

 

Metodoloxía

As propostas ofertadas ao alumnado e ás familias teñen como referente o paradigma do deseño universal de aprendizaxe (Elizondo, 2026). O equipo de convivencia conta co Departamento de Orientación co cal multinivelamos actividades, deseñamos múltiples formas de representación, expresión e implicación. Por exemplo, a caixa de convivencia está nivelada por ciclos. Cada un ten un modelo diferente para expresarse: un é para escribir, noutro podemos debuxar e incluso se permite a expresión libre nun folio en branco onde poden combinar diversos medios de expresión.

Outro dos nosos principios metodolóxicos xira arredor da vivencia de experiencias. Con este enfoque favorecemos unha aprendizaxe significativa que transcende cun impacto emocional duradeiro no tempo.

O punto de partida sempre son as ideas previas do alumnado. Moitas veces observamos prexuízos ou estigmas que nos informan das necesidades que cómpre traballar: comentarios machistas, gordófobos ou ideas sobre os vínculos e o control nestes… son algúns dos exemplos do que para nós son indicadores dunha carencia reflexiva e de concienciación. Tomamos exemplos da vida cotiá para tratar de mudar estas perspectivas e sensibilizar sobre elas.

 

Avaliación

Procedemento de avaliación: observación e análise nas reunións mensuais planificadas.

Salientamos como aspecto positivo o bo funcionamento da prevención, dado que non se abriu ningún protocolo nin houbo incidencias no Punto Laranxa. Outras valoracións:

- Apertura á comunidade: fortalecemos o vínculo con novas entidades que impactan positivamente na comunidade.

- Ampliación da apertura de espazos ás familias: as familias comezan a implicarse máis na vida do centro, non só nas titorías e no desenvolvemento académico.

- Ruptura de barreiras sociais coas propostas dos patios 19.

- Alumnado máis concienciado na loita contra o acoso escolar.

- O alumnado adquire máis ferramentas para a resolución autónoma de conflitos e xestión emocional a través dos círculos restaurativos.

- Consideramos que todas as propostas e actividades están adaptadas ao paradigma DUA, garantindo a participación e accesibilidade do alumnado en todas elas proporcionando diferentes medios de implicación, expresión e representación.

Aspectos que hai que mellorar:

- Mellorar a difusión das prácticas realizadas.

- Incrementar a participación das familias nas propostas do centro.

- Afondar nas ferramentas do alumnado para incrementar a autonomía da xestión emocional e da resolución de conflitos.

 

Conclusións

A escola que coida, fundamentada na pedagoxía dos coidados (Vázquez Verdera, Escámez Sánchez e García López, 2020), constitúe un marco privilexiado para fomentar o desenvolvemento dun apego seguro e a reflexión consciente sobre os vínculos (González, 2023). Este contexto permítelle ao alumnado identificar e comprender os distintos tipos de violencias, que non sempre se manifestan de forma evidente. A meirande parte do alumnado identifica como violencia que lle berren, lle peguen ou o insulten. Porén, en moitos casos, o dano prodúcese de maneira máis sutil, por exemplo, ao apartar a alguén da comunidade por activar inseguridades nos demais, por ter un xeito diferente de pensar ou un interese específico que non comparte a maioría. Outro exemplo habitual é o de emitir xuízos normalizados socialmente sobre o corpo, os ideais ou o xeito de vivir das persoas; estes xuízos poden causar un impacto tan profundo como o dunha agresión física (González, 2023). Este impacto, con frecuencia, transcende á vida dos adolescentes e adultos que cada vez padecen máis problemas de saúde mental (Núñez, 2024), o que adoita traducirse en crenzas moi arraigadas como a de non sentirse merecedor de amor, desconfianza cara aos demais, sentimentos de abandono…

Por todos os motivos expostos anteriormente, crear na escola un sentido de pertenza, de validación e de respecto ás diferenzas non deixa de ser unha vía de concienciación sobre a importancia de estar acompañado e ter unha rede de apoio que sosteña e amorteza os momentos difíciles. Este marco non é só unha prevención de cara ao futuro, tamén transforma a experiencia educativa para aquelas persoas que chegan ao centro sen ter que simular ser alguén que non son. A escola que coida, en definitiva, é un espazo no que desenvolverse plenamente como persoas, integrándose na comunidade sen renunciar á propia esencia.

 

 

Bibliografía

De Vicente Abad, J. (2021). Convivencia restaurativa: Aprender a convivir y a construir entornos de aprendizaje seguros. Barcelona, España: Ediciones SM.

Elizondo, C. (2026). Neuropedagogía y DUA 3.0. Barcelona: Octaedro.

González, A. (2023). ¿Por dónde se sale? Cómo deshacer el miedo, aliviar el malestar psicológico y adquirir un apego seguro. Barcelona, España: Planeta.

Núñez, N. (2024). Los niños también se deprimen: Cómo detectar a tiempo el autismo, TDAH, la ansiedad y otros trastornos mentales en la infancia. Madrid, España: La Esfera de los Libros.

Vázquez Verdera, V., Escámez Sánchez, J. e García López, R. (2020). Educación para el cuidado: Hacia una nueva pedagogía. Valencia, España: Brief Ediciones.

Palabras clave

pedagoxía dos coidados

A escola que coida

Sensibilización

A escola que coida

Diversidade

A escola que coida

prácticas restaurativas

A escola que coida

apego seguro

A escola que coida