Ir o contido principal
formacion
Enfoques

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

Un programa baseado na reflexión compartida e na mellora das prácticas educativas a través da colaboración entre centros.
O Programa Observa_Acción é unha iniciativa de formación docente baseada na observación entre iguais e na reflexión compartida. A través de diferentes fases, fomenta a mellora das prácticas educativas e fortalece a cultura colaborativa nos centros. Preséntanse fundamentos, exemplos e evidencias que amosan o seu impacto real tanto na profesionalidade docente coma na calidade da educación galega.

Victoria Penide López
Mónica Diz Iglesias
spdf [at] edu.xunta.gal (spdf[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Servizo de Programas de Formación
DX de Centros e Recursos Humanos

 

 

Fundamentación

A OCDE apoia a observación e a reflexión como ferramentas esenciais na carreira profesional docente. O programa está directamente vinculado ao desenvolvemento das competencias profesionais docentes e, especialmente, á competencia en desenvolvemento profesional a través da reflexión analítica sobre a práctica docente, da xestión da crítica, da retroalimentación e da avaliación do desempeño profesional.

O programa Observa_Acción sitúase, deste xeito, na liña das recomendacións internacionais sobre desenvolvemento profesional docente (OCDE, 2009; European Commission, 2013), que salientan a importancia da colaboración profesional, a retroalimentación construtiva e a aprendizaxe situada.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do Servizo de Programas de Formación e da Rede de formación do profesorado, facilita o marco lexislativo e formativo para o profesorado, mediante a convocatoria de participación no Programa Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais.

Esta proposta responde á necesidade crecente de promover modelos recíprocos e simétricos de formación en contexto, centrados na práctica e na reflexión compartida, fronte a enfoques máis transmisivos e descontextualizados.

Do último informe TALIS despréndense oito retos de mellora da práctica docente en España e un deles é promover a aprendizaxe docente entre iguais (OECD, 2019).

O Programa Observa_Acción naceu como unha iniciativa de formación permanente dirixida ao profesorado en activo dos centros públicos. A súa finalidade é facilitar espazos de aprendizaxe mutua mediante a observación directa das prácticas docentes noutros contextos educativos, establecendo unha dinámica de diálogo profesional entre iguais.

En termos metodolóxicos, o programa fundamenta a súa acción en principios como:

  • Aprendizaxe entre iguais, entendendo que o profesorado pode mellorar as súas prácticas mediante a observación e a análise doutras experiencias reais.

  • Reflexión sobre a práctica, como mecanismo clave para a transformación educativa.

  • Horizontalidade e autonomía profesional, xa que son os centros os que escollen os temas e as dinámicas que se van traballar, en función dos seus intereses e necesidades.

Este enfoque vincúlase co modelo de escola como organización que aprende (Senge, 1990) e co concepto de comunidade profesional de aprendizaxe, reforzando o sentido colectivo do desenvolvemento docente.

 

Descrición do programa

O Programa Observa_Acción combina a observación e o intercambio entre iguais con accións formativas específicas para que o profesorado participante, a través dun proceso guiado e cos recursos necesarios —tecnolóxicos, materiais e económicos—, planifique e desenvolva con éxito as sesións de observación entre iguais. Estrutúranse en estancias formativas curtas entre docentes do mesmo centro nunha primeira fase e entre centros educativos, nas que un equipo docente visita outro centro para observar e compartir prácticas relacionadas cunha área de mellora escollida por ambos. Estas visitas están acompañadas dun traballo previo e posterior de preparación, reflexión e sistematización.

Niveis educativos implicados

Observa_Acción é un programa aberto á participación de centros de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, tanto do ámbito rural coma do urbano. Os emparellamentos realízanse preferentemente entre centros do mesmo nivel educativo, co obxectivo de garantir unha maior afinidade organizativa e pedagóxica, e facilitar a transferencia realista de prácticas e enfoques metodolóxicos.

Obxectivos principais

  • Fomentar a reflexión crítica sobre a práctica docente mediante a observación estruturada.

  • Favorecer o intercambio de experiencias innovadoras e boas prácticas.

  • Potenciar a cultura colaborativa e de desenvolvemento profesional nos centros educativos.

  • Estimular a mellora das competencias docentes en ámbitos clave: metodoloxía, avaliación, inclusión, convivencia, transformación dixital, entre outros.

  • Favorecer a apertura e a internacionalización dos centros educativos, ofrecendo a posibilidade de levar a cabo proxectos con outras realidades educativas no ámbito estatal e internacional e de establecer alianzas de cooperación para a innovación e a mellora.

Competencias profesionais abordadas

  • Didáctica e pedagóxica: metodoloxías activas, avaliación formativa, atención á diversidade.

  • Competencia dixital docente: integración das tecnoloxías na aula e uso de ferramentas para a colaboración.

  • Desenvolvemento profesional e innovación: capacidade de autoavaliación, aprendizaxe continua e participación en proxectos de centro.

  • Relación co alumnado e clima de aula: xestión positiva da convivencia, comunicación, equidade e inclusión.

 

Fases de participación

O Programa Observa_Acción estrutúrase en diferentes fases para garantir unha formación progresiva e enriquecedora e adaptada ás necesidades dos centros. Inicialmente, a formación lévase a cabo dentro do propio centro educativo, posteriormente esténdese a outros centros galegos e, finalmente, a outras comunidades autónomas e países de ámbito europeo.

Ano I: Fase autonómica: desenvólvese ao longo dun curso académico e comprende dúas etapas:

  • Etapa Comparte: observación intracentros centrada na aprendizaxe e na reflexión dentro do propio centro educativo. Promove a observación entre compañeiras e compañeiros dun mesmo centro. É unha vía eficaz para construír confianza pedagóxica interna e avanzar cara a proxectos de innovación compartida. Esta modalidade inicial, aínda que nun primeiro momento parecía que tiña menor entidade, consolidouse co tempo como a máis relevante, o que xerou un impacto significativo no centro e promoveu altos niveis de activación e mellora da cultura colaborativa da organización.

  • Etapa Acolle: observación intercentros autonómica, que permite a interacción e a colaboración con outros centros da comunidade galega e favorece o intercambio de boas prácticas.

Ano II: Fase interautonómica ou internacional: observación estatal e internacional. Permite visitas a centros doutras comunidades ou países europeos. A dimensión comparada e intercultural é unha oportunidade para o desenvolvemento de competencias plurilingües, dixitais e analíticas.

Desenvólvese unha destas dúas posibilidades:

  • Fase interautonómica: colaboración con centros educativos doutras comunidades autónomas, ampliando a perspectiva metodolóxica e organizativa.

  • Fase internacional: experiencias con centros educativos de países socios, promovendo un enfoque máis global e intercultural na formación docente.

Os centros realizan estancias formativas curtas (de 1 a 3 días) noutros centros (de Galicia, do Estado ou de Europa). Este modelo permite o contraste metodolóxico e organizativo, e favorece a transferencia de boas prácticas. No inicio selecciónanse e emparéllanse os centros (ou docentes na etapa intracentros), que planifican conxuntamente a visita, reflexionan sobre ela e se encargan da difusión da experiencia. Durante todo o proceso, promóvese o uso de instrumentos reflexivos como diarios, rúbricas, vídeos, entrevistas e protocolos de observación.

Alén diso, este enfoque impulsa a creación de alianzas de colaboración propostas polos propios centros, que transcenden o marco do programa.

Grazas a estas conexións, fortalécense as redes profesionais de cooperación, avánzase cara a unha cultura educativa aberta e colaborativa, consolídanse as rutinas de aprendizaxe compartida que perdura no tempo e constrúese unha comunidade educativa máis interconectada e transformadora.

 

Modalidades de participación: un enfoque multinivel

Co paso das edicións, Observa_Acción foi ampliando os seus ámbitos de actuación, adoptando un enfoque multinivel que abarca distintas dimensións do sistema educativo galego. Esta evolución responde ao obxectivo de consolidar unha cultura profesional baseada na observación e na reflexión compartida, e implica tanto ao profesorado coma aos equipos directivos e aos propios axentes de formación. Neste sentido, o programa articúlase arredor de tres liñas principais:

Observación docente

É o núcleo orixinario do programa, baseado na observación entre iguais como vía para a mellora pedagóxica e o desenvolvemento profesional. A participación en estancias formativas docentes permite o contraste metodolóxico e o intercambio de prácticas eficaces, o que fomenta unha aprendizaxe situada e reflexiva. Esta visión multidimensional da observación profesional conecta coa literatura recente sobre escolas que aprenden colaborativamente, como sinala Durán Gisbert (2017), quen destaca o valor da codocencia e do traballo compartido como motores de transformación pedagóxica e institucional.

Observación de equipos directivos

Desde o curso 2022/23, Observa_Acción inclúe unha modalidade específica para equipos directivos, centrada na observación de modelos de liderado, estratexias de xestión e organización escolar. Esta modalidade permite compartir visións e dinámicas organizativas, e reforzar a dimensión institucional do programa. A perspectiva de comunidades de práctica profesional, como sinala Gairín (2015), é especialmente pertinente aquí: os equipos directivos constitúen espazos clave para a xestión do coñecemento colectivo, a aprendizaxe organizativa e o impulso dunha cultura profesional colaborativa.

Observación interna na rede de formación do profesorado

A incorporación máis recente foi a observación entre centros de formación do profesorado (CFR) e do CAFI, que supón unha aposta clara pola mellora continua dos propios dispositivos formativos da Administración. Esta modalidade persegue o reforzo da cohesión da rede, a transferencia de coñecemento metodolóxico e a creación de novos modelos de acompañamento ao profesorado. Ao igual que nas comunidades de práctica, trátase de crear estruturas que favorezan a aprendizaxe organizativa, a autoavaliación e a diseminación de coñecemento, en coherencia co enfoque proposto por Gairín.

 

Evidencias e aprendizaxes significativas

A análise das memorias e avaliacións dos últimos anos confirma o impacto positivo do programa nos seguintes ámbitos:

  • Maior reflexión sobre a práctica e mellora da capacidade de autoavaliación.

  • Avances en coherencia metodolóxica e coordinación docente ao abeiro do traballo colaborativo.

  • Participación en proxectos de innovación e internacionalización que funcionan como incubadoras de vínculos duradeiros con outras comunidades educativas.

  • Mellora no clima organizativo e motivación profesional, xerando contornas de traballo máis estimulantes e creativas e baseadas na confianza.

O programa pon á disposición das persoas participantes unha serie de ferramentas clave, entre as que destacan:

  • A aula virtual de traballo, a documentación, o seguimento e a colaboración dispoñible para os centros e para as persoas participantes en todas as fases de desenvolvemento do programa.

  • Protocolos de observación e rúbricas elaboradas pola Comisión de Observación, constituída por persoas asesoras dos CFR e do CAFI e coordinada polo Servizo de Programas de Formación.

  • A formación específica, a través de cursos e xornadas paralelos ao desenvolvemento do programa nos centros, reforza as aprendizaxes promovidas.

Ao longo dos anos, o programa contou coa participación de persoas expertas como O'Leary ou Durán Gisbert, que achegaron reflexións valiosas sobre aprendizaxe colaborativa, codocencia e acompañamento pedagóxico. Tamén participaron directoras de centros con programas consolidados de observación, que contribuíron cunha perspectiva práctica baseada na súa experiencia. Así mesmo, destaca a creación de memorias compartidas e presentacións nos encontros finais presenciais ou a través de videoconferencias con centros emparellados.

 

Reflexións: Un programa que responde a retos reais

Nun contexto educativo que demanda innovación e profesionalización, Observa_Acción demostra que é unha proposta sólida e efectiva. Entre as súas principais achegas destacan:

  • Formación situada e práctica.

  • Fomento da reflexión crítica e da mellora continua.

  • Reforzo da cultura profesional compartida.

  • Desenvolvemento do liderado pedagóxico.

Trátase dunha acción formativa con valor estratéxico, que convida o profesorado a abrir as portas das súas aulas e a aprender en comunidade.

 

Valoración final

Con máis de oito anos de implementación, Observa_Acción consolidouse como unha das propostas máis relevantes da formación permanente en Galicia. A súa metodoloxía activa, colaborativa e baseada na práctica convérteo nun modelo de referencia que merece continuidade, visibilidade e apoio.

Os seus efectos multiplicadores, tanto no individual coma no institucional, son testemuño de que a formación docente, cando está ben deseñada e acompañada, pode transformar realidades educativas e contribuír ao éxito do alumnado.

 

 

 

Bibliografía

 

 

Comisión Europea (2013). Supporting teacher competence development for better learning outcomes. Brussels: European Commission. Europaec.europa.eu/assets/eac/education/policy/school/doc/teachercomp_en.pdf

Durán Gisbert, M. (2014). La codocencia como estrategia de desarrollo profesional docente y mejora de la enseñanza. Revista de Educación, 365, 24-50. Doi: doi.org/10.4438/1988-592X-RE-2014-365-254

Durán Gisbert, M. (2017). Escuelas que aprenden colaborativamente: prácticas inclusivas e innovación. Revista Internacional de Educación para la Justicia Social6(1), 47-64. Uamrevistas.uam.es/riejs/article/view/7262

Durán Gisbert, M. e García López, S. (2013). Colaborar para aprender, aprender a colaborar: propuestas desde la codocencia. Educación XX116(2), 127-150. Doi: doi.org/10.5944/educxx1.16.2.729

Gairín, J. (2015). Las comunidades de práctica profesional: una estrategia para el desarrollo profesional del profesorado. Barcelona: Universidade Autónoma de Barcelona/RedAGE

OCDE (2009). Creating Effective Teaching and Learning Environments: First Results from TALIS. Paris: OECD Publishing. Doi: doi.org/10.1787/9789264068780-en

Senge, P. M. (1990). The fifth discipline: The art and practice of the learning organization. Nova York: Doubleday.

O’Leary, M. (2020). Classroom Observation: A Guide to the Effective Observation of Teaching and Learning. Routledge.

Morales, M. (2023). La observación de aula: Un instrumento para la mejora educativa a través de la mirada y la escucha. Ediciones SM.

Palabras clave

Formación docente

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

observación entre iguais

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

desenvolvemento profesional

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

cultura colaborativa

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

boas prácticas

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente

Innovación educativa

Observa_Acción: A observación entre iguais como motor de desenvolvemento profesional docente