Competencia lectora: da biblioteca escolar á formación do profesorado
Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez
sanchezagustino [at] edu.xunta.gal (sanchezagustino[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Director do CFR de Vigo
A contribución das bibliotecas á mellora educativa
Dende a implantación da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE) establécese a obriga (artigo 113) de que os centros de ensino conten cunha biblioteca escolar que:
«contribúa a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e a outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no uso crítico dos mesmos.»
A experiencia neste sentido das escolas galegas durante os últimos 20 anos, é unha experiencia de rigoroso traballo que soubo recoller o espírito da norma e levalo até as cotas máis altas de calidade e excelencia.
Sustentando os proxectos das bibliotecas en 3 eixos fundamentais: a Animación á lectura e á escritura, a Alfabetización mediática e informacional (AMI) e a Formación de usuarios, foron tomando forma numerosas iniciativas como a Hora de Ler, os Clubs de Lectura, os Proxectos documentais integrados (PDI), as Mochilas Viaxeiras, E-ELBE.2 (plataforma de empréstito en formato dixital), Biblioteca creativa, Radio na Biblio... na procura de máis e mellores vehículos de aprendizaxe para todas as áreas presentes no currículo.
Os resultados non tardaron en chegar, e as puntuacións en Competencia Lectora nas probas externas para a avaliación do alumnado situáronos por riba da media estatal, e da OCDE dende o ano 2012.
Foron as boas prácticas desenvolvidas polo profesorado galego, co amparo do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE), xunto co asesoramento recibido dende os Centros de Formación e Recursos e a propia Asesoría de Bibliotecas Escolares, as que con moita seguridade sentaron os alicerces dos resultados obtidos. No último informe PISA 485 puntos, situándose a media da OCDE en 476 puntos.
E todo isto sen perder de vista o papel que a biblioteca exerce como compensadora das desigualdades entre o alumnado, ofrecendo un amplo abano de recursos bibliográficos, dixitais, organizativos, espaciais, metodolóxicos, dinamizadores... e contribuíndo a obter as mellores puntuacións en equidade para o noso sistema educativo.
Pero cómpre non despistarse, non vaia ser que logo dunha longa etapa de éxitos neste sentido, perdamos en pouco tempo aquilo que tanto tempo e esforzo levou, e que a tantas persoas implicou.
E cal sería o obxectivo? Ler máis e ler mellor
Entre os principais obxectivos deberiamos situar o do fomento da lectura, para acadar un hábito lector e unhas destrezas entre o noso alumnado que o faga plenamente competente para a comprensión e a produción de tipoloxías textuais diversas en xénero, formato, soporte, en liña e fóra da rede; e que inclúa a oralidade como un dos aspectos a ter en conta no contexto da Competencia en Comunicación Lingüística.
Ademais, atopamos que a competencia lectora está relacionada de xeito transversal con todas as competencias recollidas no currículo, e do mesmo xeito con todas as áreas.
«A transversalidade é unha condición inherente ao perfil de saída..., a adquisición de cada unha das competencias clave contribúe á adquisición de todas as demais. Non existe xerarquía entre elas nin pode establecerse unha correspondencia exclusiva cunha única área, ámbito ou materia, senón que todas se concretan nas aprendizaxes das distintas áreas, ámbitos ou materias e, pola súa vez, se adquiren e desenvolven a partir das aprendizaxes que se producen no seu conxunto.»
(Decreto 155/2022, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia)
O avance progresivo na consecución destas destrezas debería levar ao noso alumnado a un proceso no que, atendendo ao seu estadio madurativo, puidera pasar polas fases de: decodificación, comprensión lectora, análise e uso crítico da información e a produción de textos.
Parece claro entón, que unha mellora da competencia lectora debería influír positivamente na mellora da aprendizaxe nas distintas áreas do currículo, ao tempo que contribuiría a unha mellor adquisición das competencias clave.
Novos retos na planificación da procura da competencia lectora
Dende a aprobación da LOE (2006) até hoxe, diversas normas estatais e autonómicas foron regulando a implantación de moitos tipos de accións na procura da mellora da Competencia Lectora.
Neste curso escolar, por Resolución do 16 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dítanse instrucións para o deseño e implementación do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información (PLEA) o que suporá un avance moi notable no marco normativo, de apoio e sistematización destas accións encamiñadas á mellora desta competencia.
O apartado sétimo, de actuacións da administración educativa detalla as que desenvolverá a Consellería para favorecer o deseño e desenvolvemento do PLEA.
A formación docente como elemento clave
Podemos destacar as que se relacionan directamente coa formación dos docentes a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP), centrado no itinerario de fomento da competencia lectora e ao mesmo tempo potenciando o traballo en rede, co intercambio de coñecementos e experiencias que perfectamente poderían incluírse noutros programas como Observa_Acción.
O Plan Anual de Formación do Profesorado conta, na súa liña Didáctica, cun itinerario formativo específico para o fomento da competencia lectora, con catro bloques:
- Comprensión oral e escrita.
- Expresión oral e escrita.
- Plan de lectura nos centros educativos.
- Lectura e escritura en contextos sociais e dixitais.
Esta liña compleméntase coa de Comunicación e Plurilingüismo, na que está incluído o itinerario de tratamento da información, onde atoparemos o “conxunto de actividades centrado na potenciación da biblioteca como centro de recursos que vertebra o proceso educativo e dinamiza a vida do centro, en tanto é un espazo clave para a inclusión, a creatividade e a aprendizaxe competencial”.
A Intelixencia Artificial e o pensamento crítico
Nun contexto como no que nos atopamos, totalmente dixitalizado, cunhas posibilidades de acceso á información case ilimitadas, pero cunhas garantías moi pobres en canto á veracidade ou calidade respecto da cantidade, a Competencia lectora, a través da Alfabetización mediática e informacional, adquire unha importancia fundamental no desenvolvemento intelectual das persoas.
A irrupción da IA obrigaranos a ser mellores lectores e a ser capaces de analizar criticamente os contidos e a solvencia dos mesmos, pois a calidade formal que pode chegar a ofrecer, poderá dificultar a identificación da veracidade e da fiabilidade das informacións.
Cumprirá pois logo, ser un lector moito máis avezado, cunha capacidade de análise crítica superior, e o fomento dunha máis e mellor Competencia Lectora será unha das metas máis inmediatas e urxentes da escola.
A formación continua do profesorado debe atender estas novas empresas, como cando computadoras, libros electrónicos, internet, aulas virtuais..., foron aparecendo nos centros educativos e tivémolos que ir adoptando como ferramentas nas que os docentes debían facerse competentes.
Retos de futuro
E cal sería o plan para estes próximos anos?
Dun tempo a esta parte, non somos poucos os que compartimos a impresión de que un dos principais desafíos co que nos atopamos pode ser a transferencia de coñecemento entre o profesorado con máis experiencia, e aqueles que comezan a súa carreira profesional.
No ámbito da competencia lectora, o trazado de itinerarios de aprendizaxe formulados con coherencia e coordinación entre as distintas etapas e ciclos educativos; que atendan a obxectivos de mellora dos resultados académicos; que poidan ser avaliables e revisables e que estean deseñados sobre unha serena análise do punto de partida do centro; debería ser un dos principais obxectivos para calquera equipo docente á hora de deseñar o Proxecto Educativo e as súas concrecións anuais.
Nesa transferencia entre docentes, a rede de formación do profesorado segue a ter moito que dicir, e o seu papel antóllase fundamental dende o asesoramento, o acompañamento no deseño da formación permanente e a posta en valor daquelas boas prácticas educativas ás que nos achegamos a través das innumerables visitas aos centros.
ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA (2019). 4 retos para as bibliotecas escolares 2020.
CASSANY, D. (2012). En línea. Leer y escribir en la red. Barcelona: Editorial Anagrama.
GARCÍA GUERRERO, J. (2010). Utilidad de la biblioteca escolar: un recurso al servicio del Proyecto Educativo. Gijón: TREA. MAHAMUD ANGULO, K., BADANELLI RUBIO, A., DÍAZ REY, F.C.y TRÍVEZ RINO, J.L. (coordinadores) (2025). Cruce de miradas sobre la biblioteca escolar. Madrid: Ediciones Morata.
MEKIS, C. Y ANDWANDTER, C. (2019). Bibliotecas Escolares para el Siglo XXI.
Desarrollo de comunidades de lectura. Madrid: Narcea S.A. de Ediciones.
PIQUÍN, R. (2012). Proyectos documentales integrados. Gobierno de Navarra.