Ir o contido principal
formacion
Enfoques

A mediación lectora, proceso necesario na lectura

No contexto actual de sobreinformación, dixitalización e inmediatez, o concepto de lectura transcende á mera descodificación de signos.
Este artigo fala de mediación lectora e da figura da persoa mediadora como peza clave para transformar o acto de ler nunha experiencia significativa, e de como a mediación inflúe directamente na calidade da lectura, comprensión lectora e competencia lectora pasando do modelo tradicional de «lectura escolarizada» a un modelo de «lectura como experiencia de vida».

Miriam Rodríguez Vázquez
miriamrodriguezvazquez [at] edu.xunta.gal (miriamrodriguezvazquez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Asesora competencia lectora

 

 

A mediación lectora, proceso vital para a competencia lectora

Tempo atrás, considerouse que unha persoa «sabía ler» cando era capaz de converter grafemas en fonemas e comprender o significado literal dunha frase; agora a alfabetización funcional é insuficiente. A verdadeira competencia lectora implica a capacidade de interpretar, inferir, analizar criticamente e, sobre todo, gozar coa lectura. Aquí é onde reside a importancia da mediación lectora.

 

Mediar non é animar

Animación á lectura, mediación lectora, dinamizar a lectura… conceptos que a miúdo vemos mesturados, así que é importante deixar claro que, cando falamos de mediación lectora, imos un chisco máis alá facendo fincapé en conceptos máis complexos, profundos e estruturados, enfocados na construción de significado, sentido e progreso no proceso da lectura.

No momento actual que vivimos, invadidos polo dixital e inmediato, a mediación e a persoa mediadora son fundamentais para recuperar lectoras e lectores, exercer como cidadáns de pleno dereito e, por suposto, lograr o desenvolvemento persoal individual, tendo en conta que a habilidade lectora está en funcionamento constante.

Non falamos dun ensino directo senón dun acompañamento. Sen unha mediación de calidade, o risco está en que a lectura se converta nunha obriga curricular sen sentido, levando as persoas lectoras a unha comprensión superficial e ao abandono do hábito lector na idade adulta.

Para comezar, xa que logo, queremos deixar claro que a mediación lectora é un conxunto de estratexias levadas a cabo pola persoa mediadora co obxectivo de facilitar e propiciar a interacción entre a persoa lectora e o escrito.

 

Comprendo a literalidade ou alcanzo unha lectura crítica?

Como defende Solé (1994), ler é un proceso cognitivo que require de participación constante e emocional, non é un estudo mecánico nin se aprende todo ao mesmo tempo, e destaca a importancia de sentir motivación pola lectura.

Non é unha transmisión lineal de coñecementos da persoa mediadora á persoa lectora, senón un intercambio onde a confrontación de diversas interpretacións enriquece a lectura (Munita, 2021).

A figura mediadora ten o papel de favorecer esa aproximación entre a persoa lectora e a lectura, conseguindo a comprensión, sentido e motivación e pasando desa literalidade habitual a unha lectura crítica.

 

A persoa mediadora

A persoa mediadora pode ser unha figura de referencia do fogar, unha persoa do ámbito bibliotecario, un docente... O que si debe ter claro é que:

  • Ten que coñecer as persoas lectoras.

  • Ten que coñecer os textos cos que vai traballar.

  • Ten que crear e manter un clima acolledor, de liberdade e respecto.

  • Ten que fomentar a reflexión no proceso.

O papel da persoa mediadora:

  • Fomenta o hábito lector desde a infancia, xa que ten como obxectivo a formación de persoas lectoras autónomas no futuro.

  • Achega textos de calidade que conectan coa persoa lectora por diversas razóns, intereses, experiencia de vida, emocións…

  • Persoa lectora activa, amosa entusiasmo e coñecemento, da lectura en papel ou dixital.

  • Practica a escoita activa e a observación, e permite que a persoa lectora constrúa as súas propias interpretacións.

En esencia, a mediación é unha experiencia social que constrúe comunidade por medio da lectura e reduce a fenda entre as persoas con acceso á cultura e as persoas que aínda non descubriron ese poder transformador.

Na imaxe podemos ver os membros de varios clubs de lectura (docentes e familias) nunha ruta literaria co escritor.

Image

 

A mediación é unha necesidade

A mediación lectora incide directamente en cada unha das dimensións da competencia lectora, actuando como un catalizador de habilidades cognitivas e afectivas, espazo para discutir cuestións críticas, fortalecendo a capacidade dos lectores para defender os seus puntos de vista. Cando se le en comunidade, o debate guiado axuda a intercambiar opinións fundamentadas. A mediación elimina o medo á avaliación ou á «resposta correcta», o que aumenta a confianza do lector.

A autoestima lectora é piar fundamental, a persoa lectora que se sente capaz e acompañada é competente para enfrontar textos de maior dificultade e, por suposto, para ler por pracer.

A comprensión lectora constitúe un dos maiores retos actuais do noso sistema educativo. Datos recentes do Informe PISA revelan unha caída significativa, con España acadando 474 puntos, o que supón un descenso de 22 puntos con respecto a 2015.

Isto non é un problema illado da área de linguas, senón unha barreira que limita o éxito en todas as disciplinas, desde as matemáticas ata as ciencias.

O fracaso escolar en áreas de comprensión lectora moitas veces non reside nunha falta de capacidade cognitiva, senón nunha falta de vinculación. Cando a rapazada dos nosos centros educativos se enfronta a un texto sen as ferramentas de contexto necesarias ou sen unha motivación intrínseca, a lectura convértese en ruído.

Co fin de comprender a necesidade da mediación e o que é a comprensión de calidade, convén dicir que non falamos de memorizar ou ler de xeito mecánico e artificial, senón de construción de significado.

Falaremos dos seguintes niveis, tendo en conta a comprensión lectora como proceso multidimensional:

  • Nivel literal: contido explícito.

  • Nivel inferencial: falamos de «ler entre liñas».

  • Nivel crítico: a capacidade de avaliar a intención do autor, detectar nesgos e posicionarse fronte ao escrito.

  • Nivel emocional: o impacto do texto na propia identidade da persoa lectora.

A mediación é crucial para desenvolver, entre outras, a autonomía lectora, a metacognición, a activación e a conexión dos coñecementos previos, o control da comprensión, a argumentación, a escoita activa, a formación do vínculo lector...

 

Algunhas causas desta necesidade

Falamos dunha combinación de factores internos e externos:

  • A lectura dixital rápida e fragmentada está a afectar á capacidade de comprensión.

  • Falla de oralidade na infancia.

  • Escaseza de coñecementos previos.

  • O vocabulario limitado dificulta a interpretación de conceptos complexos e de matices textuais.

  • Prácticas educativas tradicionais ou pouco adaptadas ás necesidades actuais.

  • Na etapa inicial, nenas e nenos non logran unha descodificación fluída consumindo recursos cognitivos que deberían destinarse á comprensión.

  • Desinterese pola lectura.

  • Desigualdades socioeconómicas.

  • A importancia da información básica fronte á comprensión profunda.

  • A falta de acompañamento familiar é un factor clave.

 

Cal debe ser a resposta?

  • O ensino explícito de estratexias: non abonda con ler moito, hai que ensinar técnicas como a construción de inferencias, o control metacognitivo e a visualización.

  • A activación de coñecementos previos do alumnado: conectar o texto coas  experiencias mellora a integración da nova información.

  • O acceso á información e os multialfabetismos: formando persoas usuarias críticas.

  • O adulto como referente lector: a colaboración coas familias para converter a lectura nun hábito pracenteiro, non só nunha obriga escolar.

A comprensión lectora require un enfoque integral que combine a tecnoloxía con métodos diversos de análise profunda, garantindo que o alumnado non só saiba «ler palabras», senón interpretar o mundo que as rodea e tendo en conta os seus ritmos, necesidades e intereses.

 

Como levar isto á práctica?

Para levar a cabo o proceso de mediación, distinguimos tres partes ben diferenciadas nas que a persoa mediadora acompaña de xeito activo:

  • Prelectura: xérase curiosidade e actívanse os coñecementos previos.

  • Lecturacompartida:momento de construción de significado.

Lectura en voz alta, a persoa mediadora modela entoación e fluidez facilitando a comprensión emocional. Esta non debe rematar na infancia.

Escoitar un texto permite centrarse na interpretación e na estrutura narrativa sen a fatiga da descodificación. É o primeiro paso para fomentar o hábito lector e o coñecemento das palabras.

Na imaxe, alumnado dun centro escolar na súa biblioteca nunha contada.

Image

 

Por medio da reflexión, deterse e preguntar sobre a lectura, a comprensión aumenta considerablemente cando se comparte. A mediación debe fomentar espazos onde as interpretacións sexan validadas. Non hai unha única lectura «correcta», senón que hai lecturas argumentadas.

Na imaxe, alumnado dun club de lectura fácil nunha das sesións de grupo.

Image

 

  • Poslectura: reflexión e expresión conectando a lectura co contexto persoal.

Faladoiros onde compartir interpretacións.

Vencellar as experiencias de vida das persoas lectoras.

Creatividade á hora de expresarse, permitir reinterpretar a lectura por outras canles.

 

A mediación na lectura e a biblioteca escolar

A biblioteca escolar deixou de ser un espazo con libros e pasou a ser o centro dinamizador en materia de fomento do hábito lector, pensamento crítico e inclusión real.

Aquí, a mediación lectora, enténdese como un proceso de acompañamento activo que conecta as persoas coas obras, coa cultura e coa información.

O equipo da biblioteca non se limita a dinamizar a lectura e o espazo, senón que deseña estratexias por medio de espazos acolledores, dinamización cultural, asesoramento especializado, clubs de lectura, redes de lectura, entre outras actuacións, para que o alumnado e os membros da comunidade educativa desenvolvan autonomía e criterio propio.

O éxito do modelo galego reside na integración de diversos programas transversais que reforzan o papel mediador da biblioteca, que actúa como o «núcleo» da formación de hábitos lectores, tratando de construír unha sociedade lectora.

 

A bibliodiversidade

Unha mediación de calidade require ofrecer textos variados: álbum ilustrado, banda deseñada, ensaio, poesía ou narrativa contemporáneas, entre outras. A comprensión adéstrase en diferentes formatos.

Na imaxe, proposta dunha biblioteca escolar no xénero do teatro para traballar na aulas en diferentes formatos.

Image

 

Conclusión

Para pechar, fareino por medio dunha serie de reflexións:

  • A mediación lectora non é un complemento da educación, é a súa columna vertebral.

  • A comprensión lectora real debe ter un propósito real e útil no día a día.

  • Debemos pasar do «tes que ler» ao «imos ler» e así transformaremos o acto mecánico de procesar palabras nunha ferramenta de liberación e autocoñecemento.

  • Unha sociedade que comprende o que le é unha sociedade máis libre e democrática, por medio da mediación estamos proporcionando as ferramentas para o pensamento crítico, a empatía e a participación cidadá.

  • A importancia da mediación reside en que non só busca que a persoa lectora entenda o libro, senón que o libro axude a persoa lectora a entender o mundo.

  • Sen persoas mediadoras os libros corren o risco de seren obxectos sen voz.