Unidades didácticas integradas para o ámbito lingüístico social en terceiro de PDC
Mónica Montero Parcero, profesora de Lingua Castelá e Literatura
monteroparcero [at] edu.xunta.gal (monteroparcero[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Bautista Ramos Saíñas, profesor de Lingua Inglesa
tista [at] edu.xunta.gal (tista[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Leliadoura (Ribeira - A Coruña)
Contextualización

Antes de nada, consideramos que este traballo pode ser de enorme utilidade para o profesorado que imparta PDC. Trátase de todo un curso adaptado para este nivel, xa que inclúe, a partir das catro materias do ámbito, unha selección previa de contidos realizada polos autores deste traballo.
Isto é un resumo previo do que vai atopar:
- Materiais de consulta (apuntamentos) sobre os contidos das catro materias
- Arredor de 1500 actividades xa deseñadas e probadas na clase
- Actividades de lecer para mellorar as competencias (Ludoteca)
- Salas de fuga
- Propostas de proxectos
- Situacións de aprendizaxe
- Informe de avaliación das actividades interactivas
- Rúbricas para cada un dos proxectos etc.
O profesorado ten a posibilidade de seguir tal cal estas unidades como se dun libro de texto se tratase. A súa única responsabilidade sería, entón, servir de guía no proceso de aprendizaxe e corrixir as producións orais ou escritas do seu alumnado, así como os traballos colaborativos. Nós, como docentes, botamos de menos material publicado que respondese a estas características altamente necesarias para PDC, por iso emprendemos a titánica tarefa de abordar este proxecto.
As unidades foron elaboradas durante un período de licenza no curso 2023/24, convocada pola Consellería de Educación, Ciencia Universidades e Formación Profesional. Consta de seis unidades didácticas integradas que conforman un curso completo para as catro materias que compoñen o Ámbito Sociolingüístico no currículo de terceiro de PDC: Lingua Galega, Lingua Castelá, Lingua Inglesa e Ciencias Sociais.
O traballo é ambicioso porque, como xa dixemos, pretende desenvolver todo o currículo de Ámbito Sociolingüístico para ese nivel durante un curso enteiro (dúas unidades por trimestre), pero, sobre todo (e isto é o que nos parece máis relevante deste proxecto), pretende motivar un alumnado pouco afeito ao estudo e con dificultades manifestas en todas as áreas do ámbito. Nace da necesidade de cubrir unha carencia para os programas de diversificación curricular: apenas existen materiais que integren de xeito apropiado todas as materias do ámbito, pero que ademais, e sobre todo, sexan motivadoras para un alumnado sen experiencia de éxito, con moitas dificultades de aprendizaxe e moita necesidade de atención individualizada.
O programa de diversificación curricular está dirixido a alumnado con dificultades de aprendizaxe. Isto implica unha flexibililización e unha adaptación metodolóxica importante para atender as necesidades particulares de cada alumno ou alumna. Cremos que este material responde de maneira axeitada a estes condicionantes. Temos ampla experiencia de docencia en PDC, por iso consideramos que o enfoque interactivo destas unidades favorece dun xeito contundente a competencia comunicativa e a motivación do alumnado. Están sendo contrastadas na aula no curso 2024/25 con resultados satisfactorios e cunha valoración extraordinaria por parte dun alumnado que responde moi positivamente a un material concibido para sacalo da rutina negativa á que estaba acostumado, fomentando a autonomía persoal, a creatividade, as aprendizaxes significativas, o espírito crítico e o traballo en equipo.
Obxectivos
Estas unidades didácticas integradas permiten acadar os obxectivos previstos no currículo do proxecto de diversificación curricular para o nivel de terceiro da ESO:
1. Identificar e comprender a natureza histórica das relacións sociais, das actividades económicas, das manifestacións culturais e dos bens patrimoniais materiais e inmateriais que compartimos, analizando as súas orixes e evolución, e identificando as causas e consecuencias dos cambios producidos, os problemas actuais e os seus valores presentes, para realizar propostas que contribúan a respectar os sentimentos de pertenza, o benestar futuro e o desenvolvemento da sociedade.
2. Comprender as orixes e a evolución dos procesos de integración europea e a súa relevancia no presente e no futuro da sociedade, destacando a contribución do Estado, as súas institucións e as entidades sociais á paz, á cooperación internacional, á cohesión social, á solidariedade territorial, ao desenvolvemento sustentable para contribuír a crear un mundo máis seguro, solidario e xusto no que se valoren os movementos en defensa da igualdade e da inclusión evitando discriminacións e violencias.
3. Valorar os principios básicos do sistema democrático e os principios constitucionais que rexen a vida en comunidade, analizando de forma crítica as formulacións históricas e xeográficas, as institucións e as diferentes organizacións políticas e económicas nas que se manifestan, para adecuar o comportamento propio ao cumprimento dos devanditos principios.
4. Comunicar en lingua castelá e galega de xeito cooperativo e respectuoso, atendendo ás convencións propias dos diferentes xéneros discursivos e á súa adecuación a diferentes ámbitos e contextos.
5. Seleccionar e contrastar información procedente de diferentes fontes de maneira progresivamente autónoma, avaliando a súa fiabilidade e pertinencia en función dos obxectivos de lectura e evitando os riscos de manipulación e desinformación, e integrala e transformala en coñecemento para comunicala, adoptando un punto de vista crítico e persoal á par que respectuoso coa propiedade intelectual.
6. Ler, interpretar e valorar fragmentos literarios do patrimonio nacional e universal, utilizando unha metalinguaxe específica e mobilizando a experiencia biográfica e os coñecementos literarios e culturais para establecer vínculos entre textos diversos co fin de conformar un mapa cultural, ampliar as posibilidades de gozar da literatura e crear textos de intención literaria.
7. Mobilizar o coñecemento sobre a estrutura das diferentes linguas e os seus usos e reflexionar de maneira progresivamente autónoma sobre as eleccións lingüísticas e discursivas, coa terminoloxía adecuada, para desenvolver a conciencia lingüística, aumentar o repertorio comunicativo e mellorar as destrezas tanto de produción oral e escrita como de recepción crítica.
8. Comprender e interpretar, en lingua estranxeira, o sentido xeral e os detalles máis relevantes de textos expresados de forma clara e na lingua estándar, buscando fontes fiables e facendo uso de estratexias como a inferencia de significados, para responder a necesidades comunicativas concretas.
9. Producir en inglés textos orixinais de extensión media, sinxelos e cunha organización clara, usando estratexias como a planificación, a compensación ou a autorreparación, para expresar de forma creativa, adecuada e coherente mensaxes relevantes e responder a propósitos comunicativos concretos.
10. Interactuar en lingua estranxeira con outras persoas con crecente autonomía, usando estratexias de cooperación e empregando recursos analóxicos e dixitais, para responder a propósitos comunicativos concretos en intercambios respectuosos coas normas de cortesía.
11. Mediar en situacións cotiás entre distintas linguas, usando estratexias e coñecementos sinxelos orientados a explicar conceptos ou simplificar mensaxes, para transmitir información de xeito eficaz, claro e responsable.
12. Ampliar e usar os repertorios lingüísticos persoais entre distintas linguas, reflexionando de forma crítica sobre o seu funcionamento e tomando conciencia das estratexias e coñecementos propios, para mellorar a resposta a necesidades comunicativas concretas.
Loxicamente, con alumnado desta idiosincrasia hai que concretar e procurar non abarcar demasiado, así que decidimos marcarnos os seguintes obxectivos transversais ao contido traballado nas seis unidades:
1. Motivar o alumnado e aumentar a súa implicación. Incentivar o interese e compromiso do estudantado mediante actividades atractivas.
2. Incrementar a cantidade e a calidade dos traballos e tarefas entregados. Cabe lembrar que partimos dun alumnado pouco motivado que non está afeito a entregar en tempo e forma as tarefas asignadas.
3. Xerar aprendizaxes máis significativas para favorecer a adquisición dos contidos a longo prazo.
4. Aumentar considerablemente a cohesión do grupo promovendo un ambiente cooperativo e solidario.
5. Incluír a diversión como parte fundamental do proceso de ensino-aprendizaxe. Canto máis lúdica, máis duradeira será a aprendizaxe.
6. Mellorar a ortografía nas producións escritas entregadas.
7. Contribuír ao programa de fomento da lectura implantado no centro. Cada unidade consta dunha lectura en formato libro dixital nas materias de Lingua Galega e Lingua Castelá. Nalgún caso acompañamos a lectura dun vídeo explicativo, como na comprensión lectora da unidade 2: Viaxe ao país da mourería!

Recursos empregados
As seis unidades didácticas que abranguen este proxecto foron deseñadas con Ardora. Para levalas a cabo, fixemos uso das diferentes actividades interactivas que nos ofrece a ferramenta e, para presentar o material de referencia en cada un dos apartados, aproveitamos o potencial de Ardora a través das súas diferentes páxinas multimedia (libro, zoom, texto e imaxes, SVG, panorama interactivo, galería de imaxes, dashboard…) Ademais, a utilidade Espazo Web permitiunos integrar todo o material nunha páxina web a través dun sistema de menús moi sinxelo. Fíxese na imaxe:

Debemos destacar que o material creado con Ardora ten a característica de ser responsive (permite que todo o material creado se adapte automaticamente a calquera tamaño de pantalla) e que a ferramenta permite inserir diversos botóns encamiñados a mellorar a accesibilidade aos contidos a persoas con discapacidades auditivas e/ou visuais.
Outra ferramenta que usamos foi Canva para tratar a cantidade inxente de imaxes creadas ad hoc por Mónica Montero Parcero para a elaboración destas unidades, e tamén para a creación dos vídeos multimedia que ilustran diversos apartados ao longo das seis unidades.
Por último, tamén usamos Genially para os diversos xogos dos apartados «Aprendizaxe baseada en xogos» que dan remate ao tratado nas catro materias do ámbito en cada unha das unidades didácticas.
Descrición detallada do proxecto
Cada unha das seis unidades didácticas está dividida en oito seccións: Inglés, Galego, Castelán, Sociais (as 4 materias que compoñen o Ámbito Sociolingüístico), Situación de aprendizaxe, Macroproxecto e Sala de fugas. A estrutura da unidade baséase nun sistema de menús moi sinxelo, mediante o cal o alumnado terá acceso a unha serie de guías didácticas coa explicación dos devanditos contidos e, a continuación, poderá facer unha serie de actividades interactivas directamente relacionadas co estudado. Vexámolo en detalle:
1. AS MATERIAS DO ÁMBITO
Comezaremos detallando os contidos traballados nas materias do ámbito e que abranguen a totalidade do currículo que se vai desenvolver neste curso:
UNIDADE 1: NAS ONDAS
Inglés: Os adverbios de frecuencia. O presente simple e o presente continuo. Vocabulario: Jobs
Galego: Tipoloxía textual: Os medios de comunicación: a radio. Léxico:
Lexemas e morfemas. Morfoloxía: O substantivo e o adxectivo. Ortografía: A puntuación (I). Literatura: Que é a literatura? Tipos de textos literarios. Comprensión lectora: Universo Cunqueiro (I)
Castelán: Tipoloxía textual: Textos orais/textos escritos. Léxico: Formación de palabras. Morfoloxía: Substantivos e adxectivos. Ortografía: Puntuación II. Literatura: Xéneros literarios. Comprensión lectora: Universo Cunqueiro (II)
Sociais: A actividade económica. Os sectores económicos. Da economía de bloques á globalización.
UNIDADE 2: NOTICIAS FRESCAS
Inglés: O xerundio e o infinitivo. O pasado simple. O pasado simple e o pasado continuo. Vocabulario: Os medios de transporte.
Galego: Tipoloxía textual: A comunicación escrita: a prensa. Léxico: Tipoloxía de palabras segundo a morfoloxía: simples, derivadas e compostas. Morfoloxía: Os determinantes. Ortografía: A acentuación (I). Literatura: Lírica medieval (I). Comprensión lectora: Lendas de mouras .
Castelán: Tipoloxía textual: A comunicación escrita: a prensa. Léxico: Formación de palabras II: tipoloxía de palabras. Morfoloxía: Determinantes. Ortografía: Acurtar palabras, siglas, abreviaturas e acrónimos. Literatura: Literatura medieval I. Comprensión lectora: La leyenda de Melusina.
Sociais: Os recursos naturais e sociais. Países desenvolvidos e non desenvolvidos. Europa física e política.
UNIDADE 3: NON HAI PLANETA B
Inglés: O presente perfecto. Pasado simple vs. presente perfecto. O pasado perfecto. Vocabulario: Tipos de programas de televisión.
Galego: Tipoloxía textual: A comunicación audiovisual: a TV. Léxico: Sinonimia e antonimia. Morfoloxía: Os pronomes. Ortografía: A acentuación (II): o acento diacrítico. Literatura: Lírica medieval (II). Comprensión lectora: Carta xefe indio.
Castelán: Tipoloxía textual: A publicidade. Léxico: Fenómenos léxicos. Morfoloxía: Os pronomes. Ortografía: O til. Literatura: Literatura medieval II. Comprensión lectora: Los Papalagi.
Sociais: O clima. O cambio climático. Accións polo clima.
UNIDADE 4: A (RE)VOLTA AO DÍA EN 80 MUNDOS
Lingua Inglesa: O futuro simple. O futuro con going to. Os verbos modais. Vocabulario: Tecnoloxía.
Galego: Tipoloxía textual: O diálogo. Léxico: Homonimia e hiperonimia. Morfoloxía: O verbo (I). Ortografía: Uso de b e v. Literatura: Séculos Escuros e Rexurdimento. Comprensión lectora: Teatro Cunqueiro.
Castelán: Tipoloxía textual: Textos narrativos e descritivos. Léxico: Sinonimia e antonimia. Sintaxe: As funciones sintácticas I: SUX, PRED, CD, CI, ATRIB. Ortografía: Grafías b/v. Literatura: O Renacemento. Comprensión lectora: El Lazarillo de Tormes.
Sociais: A revolución industrial. As revolucións liberais. A construción do estado liberal en España.
UNIDADE 5: ENTRE GUERRAS
Inglés: O condicional 1. O condicional 2. Vocabulario: O corpo humano.
Galego: Tipoloxía textual: Textos expositivos e textos explicativos. Léxico: Grupos cultos. Morfoloxía: As perífrases verbais. Ortografía: Uso de c/z e q. Literatura: Rosalía de Castro. Compresión lectora: Escolma de poemas de Rosalía.
Castelán: Tipoloxía textual: Textos argumentativos. Léxico: Relacións semánticas. Morfoloxía: As funcións sintácticas II: CC, SUP, CPRED. A voz pasiva. Ortografía: h e ll/y. Literatura: O Barroco. Cervantes e o Quixote. Comprensión lectora: O Quixote.
Sociais: O imperialismo. A Primeira Guerra Mundial. A Segunda Guerra Mundial.
UNIDADE 6: VIVIR CON ARTE
Inglés: Os pronomes relativos. Cláusulas especificativas e cláusulas explicativas. Vocabulario: Instrumentos musicais.
Galego: Tipoloxía textual: Textos formais (reclamación, instancia, currículo). Léxico: Cultismos e semicultismos. Morfoloxía: Preposicións, adverbios e locucións. Ortografía: Uso de s ou x. Literatura: Curros e Pondal. Comprensión lectora: A lenda de Breogán.
Castelán: Tipoloxía textual: Textos da vida cotiá. Léxico: Familias léxicas. Sintaxe: Cláusula simple e cláusula complexa. Ortografía: Uso de g/j e x. Literatura: S. XVIII. A Ilustración. Comprensión lectora: Los viajes de Gulliver.
Sociais: Goya. A arte en España no século XIX e XX. A arte en Europa nos séculos XIX e XX.
Ao remate de cada sección relacionada coas materias do ámbito achegamos un xogo relacionado cos contidos vistos nesa unidade. Na nosa experiencia, os xogos dixitais con aplicabilidade educativa son unha ferramenta poderosa, xa que favorecen a aprendizaxe activa e motivadora.
2. AS SITUACIÓNS DE APRENDIZAXE
Desenvolvemos as seguintes situacións de aprendizaxe con orientacións para o profesorado que inclúen as competencias clave traballadas, a relación cos ODS, rúbrica de avaliación, os criterios de avaliación relacionados e pautas DUA para levalas a cabo. Estas son as seis situacións desenvolvidas:
Unidade 1: (Nas ondas): Cóntame un conto! Elaboración dun podcast.
Unidade 2: (Noticias frescas): Percorrendo Europa! Creación dun blog de viaxes.
Unidade 3: (Non hai planeta B): Creación dun anuncio para TV fomentando o cambio social.
Unidade 4: (A (re)volta ao día en 80 mundos): Viaxe a través do tempo. Explorando a historia a través de liñas de tempo.
Unidade 5: (Entre guerras): Cultivando a paz. Creación dunha infografía antibelicista.
Unidade 6: (Vivir con arte): Mulleres e arte. Creación dun vídeo-presentación en Canva.
3. MACROPROXECTOS
Deseñamos seis proxectos completos para ser desenvolvidos ao longo do curso:
Unidade 1: (Nas ondas): Creación dun programa de radio escolar. Todo o curso.
Unidade 2: (Noticias frescas): Creación dunha revista dixital. Todo o curso.
Unidade 3: (Non hai planeta B): Reciclamos para un futuro sostible. Catro semanas.
Unidade 4: (A (re)volta ao día en 80 mundos): Inventos que cambiaron (cambiarán) o mundo. Catro semanas.
Unidade 5: (Entre guerras): Give Peace a Chance. Catro semanas.
Unidade 6: (Vivir con Arte): Proxectarte. Transformamos a aula. Catro semanas.
Na imaxe inferior, podemos ver a Miguel Anxo Prado visitando o noso centro, dentro do marco da realización do proxecto da unidade 6, Proxectarte!

4. LUDOTECA
Nesta sección ofrecemos actividades cun compoñente máis lúdico para rematar a unidade, pero sen descoidar a aprendizaxe: aproveitamos para traballar a competencia matemática e o pensamento computacional. Ademais, ofrécense tarxetas de puntos e de recompensas por se vostede, como docente, quere utilizar a unidade nun proxecto gamificado. Na imaxe inferior podemos ver as tarxetas de puntos da unidade 1.

5. SALA DE FUGA
Na sección final de cada unidade desenvolvemos unha escape room coa finalidade de reforzar por enésima vez os contidos vistos ao longo da unidade. Cada escape room consta dunha narrativa en vídeo directamente relacionada co traballado na unidade (nesta ligazón temos como exemplo a narrativa da escape da unidade 6: Rescatando a Van Gogh!). A finalización da devandita escape room ten premio, xa que, se conseguen rematala, obterán unha tarxeta extra de 20 puntos que poderán intercambiar pola recompensa que consideren oportuna.
6. METODOLOXÍA
Estas unidades foron concibidas para ser utilizadas como un libro dixital, cubrindo o baleiro de materiais para este nivel que antes mencionamos. Por este motivo, é necesario ter unha serie de compoñentes básicos na aula: taboleiro dixital para proxectar as actividades e ordenadores con conexión a Internet para o alumnado.
O enfoque metodolóxico ten que ser comunicativo e por iso todos os apartados das unidades didácticas se estruturan arredor de actividades de lingua: comprensión e produción de textos orais e escritos. Igualmente, as actividades de Xeografía e Historia implican unha comprensión escrita importante. En resumo, a metodoloxía aséntase sobre dous piares: o enfoque comunicativo xa mencionado e a integración das TIC.
Atendendo ás características deste alumnado, a metodoloxía ten que centrarse necesariamente no alumno ou alumna. Eles e elas son o principio e a fin de todo este proceso. Temos que partir da súa idiosincrasia, das súas necesidades concretas de aprendizaxe, da súa motivación… Consideramos moi importante que o alumnado asuma tamén a responsabilidade neste proceso. Todo isto ten unha repercusión importante na metodoloxía empregada: todas as prácticas de aprendizaxe, ensino e avaliación teñen que contribuír:
a) A que o alumnado adquira as diversas competencias implicadas na comunicación.
b) A que o alumnado desenvolva a capacidade de poñer en práctica todas estas competencias e poida procesar e producir textos orais e escritos axeitados aos contextos correspondentes.
Aquí é onde entra o aproveitamento didáctico dos recursos dixitais. O alumnado deste nivel móstrase moi motivado coa utilización desta ferramenta. Séntense protagonistas do proceso de ensino-aprendizaxe e cada un deles vai aprendendo ao seu propio ritmo. Precisamente para atender á diversidade as unidades presentan as seguintes características:
a) O/A estudante poderá contar co material de referencia incluído na xanela principal do espazo, pois os paquetes de actividades sempre se abrirán nunha ventá en pop up, deixando nun segundo plano os textos de axuda, accesibles en todo momento.
b) A gran maioría das actividades interactivas manteñen os acertos en pantalla unha vez se preme na casa de verificación, polo que o usuario ou usuaria terá que ocuparse só daqueles ítems nos que errou e non terá que abordar de novo a actividade ao completo desde o comezo.
c) As actividades dos diferentes paquetes de actividades estarán secuenciadas sempre de menor a maior dificultade, polo que en principio se asegura unha interacción positiva no inicio incluso para estudantes con poucos coñecementos previos.
d) Os paquetes de actividades contarán todos cun menú lateral e frechas de acceso ás actividades seguinte/anterior para, se o usuario ten algún tipo de dificultade, poder desentenderse da actividade actual e acceder a calquera outra das actividades do paquete tan só cun simple clic.
Ademais da diversificación, atenderemos á convivencia na aula: usaremos unha metodoloxía activa cos diferentes apartados da sección Proxecto e Traballos colaborativos presentes nas situacións de aprendizaxe propostas en cada unha das seis unidades, onde, ademais da aprendizaxe de contidos, se busca tamén fomentar o traballo en equipo, o respecto polo traballo, opinións e características de cadaquén, así como o propio respecto polos membros, non só do mesmo grupo, senón tamén dos distintos grupos da clase. Consideramos que a utilización deste tipo de estratexias supón un aspecto fundamental para mellorar a convivencia escolar e fomentar a cohesión.
7. PROPOSTA DE DESENVOLVEMENTO NA AULA
A materia de Ámbito Sociolingüístico no programa de diversificación curricular consta dun total de 420 sesións anuais con 12 sesións semanais (9 de ámbito + 3 de inglés). Cada unidade está pensada entón para 70 sesións, de tal xeito que os docentes que desexen traballar con estas unidades gozarán da totalidade do curso para as catro materias xa desenvolvido nelas. Nós estámolas levando a cabo neste curso e o éxito está sendo rotundo.
A idea é que o profesorado poida facer uso do material de referencia (guías didácticas, vídeos, dicionarios visuais etc.) para presentar o tema de xeito presencial ou, no caso de adoptar o enfoque flipped classroom, que o alumnado poida consultar o devandito material desde a casa. A partir dese momento, o docente simplemente adopta un papel de guía, mentres o alumnado leva a cabo as actividades interactivas, xogos, escape rooms, proxectos e/ou actividades orais, escritas ou de mediación incluídas nas unidades. En todo caso, cabe lembrar que cada recurso pode ser usado de xeito individual (mesmo para o resto do alumnado de terceiro da ESO ou incluso para cursos superiores).
Á hora de ter un portafolios onde colocar as unidades, decidimos elaborar un escritorio virtual creado con Ardora (neste artigo anteriormente publicado en Eduga explícase en detalle a citada utilidade), xa que iso nos permite ter un seguimento exhaustivo do feito polo alumnado e un sistema de avaliación de cada un dos paquetes de actividades incluídas nel, tal e como explicamos no apartado de avaliación. Destacar que ese informe de avaliación pode tamén levarse a cabo desde a aula virtual, xa que Ardora dispón dun plugin na páxina oficial de Moodle, que esperemos que na próxima versión poida ser utilizado polos docentes galegos, xa que de momento non está dispoñible.
Outra característica importante á hora de levalo á aula son os xogos dispoñibles nos apartados «Aprendizaxe baseada en xogos» e «Gamificación» na sección «Ludoteca». Aínda que non imos profundar neste artigo na diferenza entre gamificación e a aprendizaxe baseada en xogos (ABX), si debemos mencionar que a ABX se refire ao uso de xogos deseñados para un propósito educativo explícito ou para repasar o visto en cada apartado ou, no caso da «Sala de Fuga», o visto na totalidade da unidade; mentres que un proxecto gamificado vai máis alá, usa mecánicas de xogo para fortalecer a totalidade do proceso de ensino-aprendizaxe. Á hora de levar ambos os enfoques á aula, para nós, como docentes, resulta crucial recoñecer o compoñente lúdico que teñen ambos e, ao incluílos, buscamos unicamente enriquecer o proceso educativo, xa que o propio alumnado nolos demanda constantemente. A propia experiencia e o feedback outorgado en anos anteriores polo noso alumnado foron o que nos levou a incluír tamén as tarxetas de puntos e de recompensas (están os dous apartados dispoñibles en liña e con versión pdf para imprimir no apartado «Ludoteca» de cada unidade) para poder ser usadas por aquelas persoas que queiran incorporar a unidade dentro dun proxecto gamificado ao uso. Cómpre destacar, finalmente, que hai unha carta de puntos oculta, que o alumnado só pode conseguir ao rematar o escape room na sección «Sala de Fuga».
8. AVALIACIÓN
A avaliación neste proxecto é continua, formativa, integradora e orientada ao desenvolvemento competencial. Tal e como están concibidas estas unidades didácticas, o proceso de avaliación é constante. De feito, cada paquete de actividades leva da man o seu propio sistema de avaliación e de retroalimentación. A nota que obteñan na realización destas actividades pode converterse nunha nota da avaliación. O alumnado tería que enviar a través da aula virtual unha captura do seu informe de autoavaliación.
Alén diso, a ferramenta Ardora facilítanos a posibilidade de crear un xestor de usuarios de tal xeito que, se aloxamos a unidade didáctica integrada nun servidor web, teremos acceso a un informe individualizado da puntuación obtida por cada estudante. Coa autoavaliación que proporciona Ardora podemos controlar cantas execucións da actividade fixo o alumno ou alumna, se a rematou correctamente ou non, e os puntos obtidos. Na guía didáctica que acompaña cada unha das unidades, explícase polo miúdo como facer isto.

Ademais das actividades mencionadas, hai que sumar a este apartado de avaliación os macroproxectos, a ludoteca, as salas de fuga e as situacións de aprendizaxe. Estes traballos tamén achegan unha porcentaxe importante da nota da avaliación. Uns son de modalidade individual e outros de carácter cooperativo.
Cómpre sinalar tamén que, para traballar os contidos teóricos de cada unidade, unha vez explicados e traballados na aula, se elaboran cuestionarios que o alumnado debe entregar ben cubertos a través da aula virtual. Unha vez corrixidos e resoltos, moitas destas cuestións poden formar parte de probas escritas ao longo do curso que complementan as notas de avaliación do alumnado.
Resumindo, os instrumentos empregados son variados e combinan:
- Rúbricas específicas para cada produto final ou tarefa.
- Listas de control e escalas de observación para valorar actitudes, participación e colaboración.
- Autoavaliación e coavaliación, promovendo a reflexión crítica e a corresponsabilidade.
- Portafolios individuais ou diarios de aprendizaxe.
En canto á avaliación externa lévase a cabo a través das páxinas de recursos da Xunta. Moitos compañeiros e compañeiras están utilizando estas unidades con total satisfacción en canto aos resultados. Sabémolo polo feedback que nos está chegando. Tamén nos facilita a avaliación externa a opinión do alumnado. A acollida deste material é fantástica e anímanos a seguir insistindo neste enfoque e, especialmente, cun alumnado destas características.
9. CONCLUSIÓNS
As unidades que compoñen este proxecto exemplifican unha proposta didáctica inclusiva e transversal, e que na nosa experiencia de máis de 30 anos están perfectamente adaptadas ás características do alumnado do PDC. A súa estrutura, a temática motivadora e o enfoque interdisciplinario facilitan a aprendizaxe significativa e o desenvolvemento das competencias clave. Cobren unha carencia nos programas de diversificación curricular: apenas existen materiais que integren de xeito apropiado todas as materias do ámbito, que sexan motivadoras e que estean enfocadas a un alumnado con moitas dificultades de aprendizaxe e moita necesidade de atención individualizada.
Máis aló dos contidos curriculares, coas diferentes actividades e proxectos pretendemos formar unha cidadanía crítica, creativa e comprometida co mundo que a rodea. É tamén unha mostra de como o traballo en equipo entre docentes pode transformar a realidade das aulas.
Agardamos que vos sexan de utilidade e poidades sacarlle todo o partido posible!