Ir o contido principal
innovaicon
Contidos educativos

Un mundo de auga. A hidrosfera

Material e recursos REA para traballar no ensino secundario
«Un mundo de auga. A hidrosfera» é un recurso educativo aberto (en diante, REA) en lingua galega destinado ao alumnado de ensino secundario. O proxecto combina videoleccións interactivas, prácticas de laboratorio e actividades dixitais sobre a hidrosfera, o ciclo da auga, as súas propiedades e o impacto humano nos ecosistemas. Busca integrar as tecnoloxías audiovisuais na aprendizaxe científica e fomentar o uso do galego como lingua vehicular da ciencia.
A proposta baséase na metodoloxía flipped classroom, a gamificación e a educación inclusiva, ofrecendo materiais breves, accesibles e adaptables en formato H5P. Os vídeos, de menos de dez minutos, combínanse con textos, imaxes e cuestionarios que permiten a autoavaliación e a atención á diversidade. Tamén se incorporan subtítulos en galego, castelán e inglés e actividades específicas para alumnado con necesidades educativas especiais.
Con esta ferramenta, preténdese estimular a curiosidade científica, mellorar a competencia dixital do alumnado e favorecer unha aprendizaxe significativa e motivadora, conectando escola, ciencia e tecnoloxía a través da multidisplinariedade e do traballo por proxectos.
Este recurso educativo insírese dentro de XeoClip, unha iniciativa docente interdisciplinaria creada en 2017 para divulgar contidos científicos en galego a través de plataformas como YouTube e redes sociais.

Xacobo de Toro Cacharrón
Doutor en Bioloxía. Profesor de educación secundaria, especialidade de Bioloxía e Xeoloxía
CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda - A Coruña)
xacobodetoro [at] edu.xunta.gal (xacobodetoro[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Rocío Romar Roel
Mestra de educación primaria, Ciencias Sociais e Lingua e Literatura Galega. Licenciada en Xeografía e Historia. Profesora de Lingua Galega e Literatura
IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños - A Coruña)
rocioromar [at] edu.xunta.gal (rocioromar[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Contextualización. As videoleccións interactivas en H5P

Atopar as ferramentas e as metodoloxías que respondan ás expectativas e aspiracións da comunidade estudantil pode axudar enormemente a incorporar experiencias significativas que os involucren no seu proceso de aprendizaxe. Igualmente, prepáraos para un futuro inmediato onde a tecnoloxía é unha ferramenta imprescindible e no que a creatividade é un elemento diferenciador.

As xeracións máis novas utilizan habitualmente a linguaxe audiovisual, usan as plataformas das redes sociais de xeito cotián…, para gravar e subir vídeos dos seus xogos, expresións da vida cotiá, aprender e comunicarse a través delas. A nosa mocidade segue a youtubers e influencers para informarse e aprender ou incluso teñen as súas propias canles específicas en plataformas e a través delas e doutras canles comparten experiencias e emocións.

As persoas que traballamos en educación tamén temos que aproveitar o pulo audiovisual e estar nestas redes proporcionando contido educativo de calidade, loitando contra as trolas e fomentando o espírito crítico e o escepticismo ante toda a información que nos chega.

Escollemos o formato H5P como ferramenta para crear os nosos ODE (obxectos de aprendizaxe), xa que permite artellar e secuenciar textos e vídeos interactivos dun xeito moi doado e ofrecelo como un REA para que outro profesorado poida modificalo segundo as súas necesidades e as do seu alumnado. Isto, pola súa vez, permite cumprir cos estándares de accesibilidade. A gamificación e as actividades dixitais interactivas REA enténdense como un recurso de apoio nos procesos de ensino-aprendizaxe porque permiten:

  • Estimular e facer máis atractiva a participación do estudantado.
  • Simplificar as actividades difíciles.
  • Motivar a participación constante.
  • Crear unha retroalimentación positiva a través de recompensas.
  • Promover a perseveranza e o triunfo.
  • Aumentar o compañeirismo.
  • Axudar a construír unha identidade propia.
  • Transformar actividades aburridas en divertidas e interesantes.
  • Fomentar a comunicación entre pares.
  • Crear ambientes de confianza.
  • Compartir de xeito aberto unidades didácticas que poden modificarse.

 

Xustificación do proxecto en relación coa materia á que vai dirixido

Trátase dun material didáctico sobre a hidrosfera, o ciclo da auga, propiedades, estados e a dinámica litoral na que se combinan secuencias explicativas en formato videolección gravadas a pé de campo, videoanimacións, cuestionarios interactivos e prácticas de laboratorio. Todo isto está acompañado dos apuntamentos en texto e imaxes, moitas delas creadas con IA. Deste xeito pretendemos achegarnos aos diferentes estilos de aprendizaxe

O seu uso está recomendado para a metodoloxía flipped clasroom (clase invertida) e gamificación (dinámica de xogos); aínda que é tamén válido para a blended classroom (método mixto) ou para alumnado con dificultades para asistir á clase con regularidade.

Seguindo as últimas correntes na educación, pensamos que o proceso de ensino-aprendizaxe debe estenderse fóra da aula —en plataformas en liña, en aulas virtuais, comunidades de aprendizaxe etc.— e estes materiais están á disposición de toda a comunidade educativa e para quen estea interesado na formación regrada ou informal da educación das ciencias ou STEAM.

Como docentes preocupados pola aprendizaxe e a incorporación das novas tecnoloxías, detectamos unha carencia de materiais audiovisuais curtos adecuados aos períodos lectivos e/ou interactivos adaptados ao nivel do alumnado e que se axusten á nosa práctica docente en lingua galega. Outra eiva é que non adoita haber actividades específicas para que o alumnado traballe cos audiovisuais.

En termos xerais, o material que atopamos pódese clasificar en:

  • Documentais moi extensos, que non se adaptan aos tempos da aula e polo xeral con copyright.
  • Videoleccións realizadas por persoas autodidactas e dirixidas a un público interesado na temática.
  • Vídeotitoriais e recursos educativos creados por institucións como museos ou fundacións, xeralmente enfocados cara a uns usuarios con moitos coñecementos previos.
  • Materiais complementarios elaborados por editoriais baixo licenzas non libres e que non son doados de adaptar ás diferentes dinámicas que se presentan na aula.

Estes devanditos materiais adoitan estar en castelán e inglés e atópanse moi poucos en galego.

Por outra banda, a rápida transformación do mundo do ensino e as novas esixencias fan indispensable que o profesorado asuma o papel de creador de contidos. Así, consideramos preciso crear un conxunto de videoleccións que traten contidos científicos de ciencias de xeito ameno, acompañadas de propostas de actividades dixitais individuais e grupais e que deben cumprir unha serie de requisitos:

Requisitos técnicos:

Breves

Interactivas

Accesibles

Adaptables

Multiplataforma

Portables

Sociais

Artelladas nun REA en H5P

Temáticos:

Contidos relativos á Bioloxía e Xeoloxía de primeiro da ESO

Xeografía e Historia de primeiro da ESO

Contidos relativos á paisaxe e á sostibilidade

Desenvolvemento dos ODS

Pedagóxicos:

Respecto dos diferentes ritmos de aprendizaxe do noso alumnado

Aprendizaxe dinámica tanto dentro coma fóra da aula

Axeitados ás necesidades específicas

Posibilidade de ludificación da aprendizaxe de contidos

Inclusivos

Alternancia das figuras de home e muller nas videoleccións

Posta en valor e promoción do papel da muller e das nenas na ciencia e na divulgación científica

Accesibles

Explicación en texto con imaxes (coa correspondente información para persoas con dificultade visual) e en vídeo

Vídeos con subtítulos en galego, castelán e inglés

 

Obxectivos do recurso

Os principais obxectivos que se perseguen con este proxecto son:

1. Crear un material innovador, inédito e en lingua galega para estudar a hidrosfera, a paisaxe, a función e as propiedades da auga e as dinámicas litorais relacionadas coa auga con filmacións de campo e de laboratorio apoiadas con textos expositivos e actividades.

2. Crear material audiovisual que permita inverter a clase (flipped classroom) e gamificala.

3. Proporcionarlles ao profesorado e ao alumnado das áreas de Bioloxía e Xeoloxía e Xeografía e Historia un conxunto de videoleccións interactivas e accesibles, que sirvan de acicate e apoio para a aprendizaxe.

4. Dotar o alumnado dunha ferramenta multimedia que atenda os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe para desenvolver as súas competencias básicas.

5. Facilitar un instrumento útil e adaptable para o traballo por proxectos e creación de unidades de aprendizaxe que fomenten a integración das diferentes áreas do currículo.

6. Crear un recurso educativo aberto e atractivo que incorpore a cultura audiovisual e tecnolóxica do noso alumnado, estendendo o seu proceso de aprendizaxe multiplataforma e fóra da aula.

7. Permitir a aprendizaxe a través das TIC con recursos audiovisuais e ferramentas sociais.

8. Poñer en valor a lingua galega como lingua vehicular na ciencia.

 

Recursos empregados e desenvolvemento da proposta

Eliximos realizar a maior parte dos vídeos cun formato de presentación no que o profesorado aparece en plano americano e medio, alternando con planos de detalle. Os conceptos expóñense de maneira alterna ou conxunta. O encadramento dos docentes cun plano medio e poñéndoos á altura do alumnado aumenta a sensación de proximidade e mellora a percepción e a empatía, ademais de gañar moitos matices recollidos na linguaxe non verbal. Decidimos que o noso rol sería distendido e próximo, coma se estivésemos a nos dirixir aos espectadores nas nosas propias aulas, pero contextualizando a exposición desde contornos reais e próximos; cun bo coñecemento da temática, pero sen parecer eruditos, captando a atención do estudantado cos nosos acenos e entoación, rótulos ou música; podendo mesmo facelo sorrir en momentos puntuais. Os vídeos, ademais, transmiten unha actitude positiva cara á ciencia e ao método científico.

A decisión do formato e os aspectos técnicos escollidos foron elixidos con base en investigacións que mostran que os vídeos curtos, de 5 ou 6 minutos, son moito máis efectivos e captan máis a atención ca os longos, aínda que, se se trata de leccións en vídeo, algunha pode chegar aos 9-10 minutos. Os vídeos nos que o profesorado sae en pantalla son máis atractivos ca a presentación de diapositivas narradas con voz en off. Tamén se comprobou que o nivel de atención e implicación aumenta no alumnado cando o orador ou a oradora emprega un ritmo rápido, de entre 185 a 254 palabras por minuto, polo que este foi o escollido. Os ritmos rápidos non son un problema, pois manteñen activa a atención e, no caso de que o alumnado se perda, sempre pode parar e repetir o que non entendeu.

 

 

O proceso de videoprodución divídese nas seguintes fases: creación de apuntamentos, guionización, creación da escaleta e do storyboard (engadindo todo o material multimedia acompañante), filmación, edición e difusión do seu visionado.

A primeira fase consiste en elaborar os apuntamentos, cos temas que queremos tratar nos vídeos. É un traballo no que se consultan libros e bibliografía para obter un material actualizado e poder acompañalo de imaxes. A maior parte dos debuxos e esquemas están feitos con IA, xa que esta permite personalizar o contido gráfico e o resto das imaxes ou fotografías están dispoñibles, pois teñen licenza Creative Commons 3.0. Estes apuntamentos son importantes para o estudantado, pois ao seguir a orde secuencial dos conceptos que se tratan no vídeo axudan ao seu estudo e repaso posterior.

Unha vez que se finalizan os apuntamentos, lévase a cabo a fase de guionizado. No guión, non só se indican os textos que interpreta cada profesor, senón que tamén se rexistra o lugar no que se grava cada secuencia, o tipo de plano, angulación, a interacción cos elementos multimedia aos que se fai referencia e cos efectos sonoros… Tamén se busca material xa dispoñible na Rede, usando o portal https://search.creativecommons.org/ no que podemos atopar obras rexistradas con licenza Creative Commons.

 

 

O proceso de filmación realizouse en diversas localizacións exteriores e nun estudo de gravación caseiro. Para iso usouse unha cámara Micro 4/3 que montaba unha focal zoom de 12-24 mm f 2.8 ancorada nun trípode e conectada a un micrófono de lapela sen fíos, xa que isto mellora moito a calidade do son (respecto do audio obtido polo micro que integran as cámaras) e facilita os movementos. Os programas de edición de vídeo elixidos foron Camtasia Studio e Davinci resolve 20.1.

Durante a filmación usouse un teleprompter a través dunha aplicación instalada nun iPad e colocado na parte inferior do obxectivo da cámara. Dese xeito facíase unha lectura ante a cámara na que a mirada se dirixe ao mesmo punto ca a focal, que cun pouco de práctica non dá a sensación de lectura.

Para as secuencias aéreas usouse un dron DJI Mavic con cámara estabilizada 4 K. Voouse usando a propia aplicación da marca para dispositivos móbiles e atendendo ás normas de seguridade que están reguladas na web da Axencia Estatal de Seguridade Aérea. Se as zonas de interese estaban dentro de zonas ZEPA, LIC ou Rede Natura 2000, tramitáronse as correspondentes solicitudes de permiso de voo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Os vídeos subtituláronse co programa TurboScribe e están dispoñibles en galego, castelán e inglés.

Deseñouse unha serie de actividades consistentes en cuestionarios de autoavaliación interactivos que lle permite ao alumnado medir o seu progreso.

 

Descrición do material

O ODE sobre a hidrosfera está formado por un libro interactivo en formato H5P dividido en capítulos dispostos nunha barra lateral esquerda. Cada apartado presenta a información e as actividades en columna.

 

 

Comeza cunha avaliación inicial para pequeno e gran grupo seguida de dez puntos onde se desenvolven os contidos:

1. A formación da hidrosfera

2. O ciclo da auga

3. A auga no planeta Terra

4. A composición da auga

5. Os estados da auga

6. As propiedades da auga

7. O uso, consumo e aproveitamento da auga

8. A contaminación da auga e os problemas medioambientais

9. O cambio climático

10. A Carta europea da auga

Dentro de cada un deles inclúense textos, imaxes, gráficos, diagramas, ligazóns de interese, actividades e oito vídeos:

 

 

1. A orixe da hidrosfera

2. Mares e océanos

3. As ondas

4. As correntes mariñas

5. As mareas

6. A auga doce

7. O ciclo da auga

8. As propiedades da auga

A duración de cada un dos vídeos non supera os 10 minutos e a súa estrutura consta de:

  • Descrición e explicación dos contidos teóricos
  • Inserción de ideas clave con carteis
  • Peche e resumo de ideas

Deseguido, o apartado 12 presenta actividades de reforzo para alumnado con NEAE ou encamiñadas a afianzar os contidos e competencias clave, que atenden a criterios mínimos de consecución. Son propostas de arrastrar e soltar, escoller a imaxe correcta etc., ordenadas por orde crecente de dificultade.

As actividades de ampliación pretenden tratar o tema desde a perspectiva da transversalidade e do desenvolvemento das competencias clave, ofrecendo tamén a posibilidade de achegar a hidrosfera desde outras materias do currículo ou a través de proxectos educativos. Deste xeito, trabállanse vídeos 360º, artigos xornalísticos, creación de banda deseñada, debates en grupo, realización de carteis, dioramas, visitas virtuais… Está asociado a vídeos xa realizados ben de XeoClip ou doutros proxectos que permiten afondar ou cubrir a curiosidade ou como proposta de enriquecemento curricular a perfís de altas capacidades.

A sección de prácticas de laboratorio inclúe cinco vídeos de experimentos de laboratorio:

1. A electrólise

2. A capilaridade

3. A capilaridade específica

4. A calor específica

5. A salinidade da auga mariña

 

 

Están pensadas para empregarse como un protocolo visual de práctica. O ideal é que o estudantado faga a práctica no laboratorio, pero, de non ser así, o vídeo dispón dunha sección de métodos, material e resultados para que eles poidan visualizalos, tomar notas e presentar o seu informe de laboratorio.

A avaliación final é un repositorio de todas as cuestións anteriores nas que se escollen 15 preguntas ao chou cada vez que se entra.

Para rematar, permítese o acceso na última lapela aos apuntamentos en Google Drive para a súa impresión, por se se quere traballar a selección das palabras clave e o acceso ás imaxes en modo presentación para facilitar o repaso ou actividades grupais.

 

Metodoloxía de aplicación

As vantaxes que presentan as videoleccións e actividades multimedia son múltiples en relación co seu emprego na aula:

1. Os materiais que pretendemos desenvolver poden visualizarse tanto en ordenadores coma en dispositivos móbiles, o que permite deslocalizar e ampliar os lugares de aprendizaxe.

2. Poden usarse de modo flexible tanto en metodoloxías e prácticas pedagóxicas tradicionais coma noutras tipo TPACK (Technological Pedagogical Content Knowledge), clase invertida, blended learning, mlearning, aulas virtuais etc.

3. A capacidade de poder comentar e valorar o aprendido ou compartir unha creación propia seguindo as técnicas propostas nos vídeos a través dunha rede social considerámola importante, polo que podería considerarse a creación duns cancelos (hashtags) predefinidos para que os usuarios poidan compartir a través das redes sociais.

4. O alumnado debe ir avanzando a través das lapelas da esquerda do ODE. O óptimo é que cada estudante visualice os vídeos ao seu ritmo, con cascos e respondendo as preguntas que sairán nas videoleccións. Outra posibilidade é facelo todos a un tempo desde o ordenador do profesor.

5. Para responder as preguntas dos cuestionarios, pode buscarse a información nos textos ou nos vídeos, pois ambas a conteñen.

6. As preguntas dos cuestionarios deben copiarse no caderno e indicar a resposta correcta e evitar copiar as respostas falsas.

7. Todas as preguntas dos cuestionarios están recollidas na avaliación final. Escóllense 15 de xeito aleatorio e o alumno deberá presentar 7 puntos como mínimo e acreditar que ten os cuestionarios copiados na libreta.

8. Ademais débese pedir o mapa mental do final do tema.

 

Medidas concretas de atención á diversidade

1. Os videotitoriais e as videoleccións, ao seren interactivos e estaren estruturados en diferentes apartados, atenden aos diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe das persoas.

2. O vídeo permite parar, desprazarse adiante e atrás, configurar diferentes velocidades, o que permite repetir seccións que non se comprenderon ben ou que necesitan un ritmo diferente.

3. As videoleccións teñen a posibilidade de activar subtítulos en diferentes idiomas, tamaños e cores, así como modificar a súa velocidade de reprodución, o que facilita a accesibilidade e a adaptación ás necesidades específicas do estudantado en cada momento e/ou a persoas que cheguen do estranxeiro.

4. A posibilidade de realizar tarefas de autoavaliación permítelle a cada persoa ser coherente coa súa propia aprendizaxe e medir a comprensión do visualizado. Hai tarefa de avaliación inicial, de repaso e final. Para aqueles que precisan afondar ou que teñan un perfil de altas capacidades, recoméndanse as actividades de ampliación. Tamén se disporán materiais de reforzo.

5. Prevese facer actividades individuais e grupais en pequeno e gran grupo para fomentar a posta en práctica de diferentes habilidades sociais, de traballo en equipo e de liderado.

6. A posibilidade de consultar os vídeos e os apuntamentos tanto en liña coma sen conexión ten en conta as diferentes situacións persoais do alumnado e do profesorado: non asistencias puntuais, enfermidades, ausencias por expedientes disciplinarios, alumnado de incorporación tardía ao sistema ou calquera outro tipo de continxencia.

7. A estruturación de cada un dos titoriais inclúe materiais diversos e permite resolver tanto as carencias de coñecementos previos na materia como motivar o alumnado con altas capacidades.

8. A posibilidade de activación de subtítulos permite que o alumnado con discapacidade auditiva poida usar eficazmente este recurso.

9. Nos vídeos aparecen diferentes profesores e profesoras alternando os seus roles como docentes.

 

Avaliación

O seguimento da evolución do alumno e a autoavaliación deben ser unha parte substancial do proceso de aprendizaxe. Asemade, a interactividade das videoleccións está orientada cara á autoevaluación do alumnado. Os instrumentos de avaliación nunca serán obstáculo na navegación, deixándolle ao usuario ou usuaria a liberdade de elixir o momento para empregalos, e consistirán en quendas de preguntas de diferente natureza.

Evitarase a frustración do usuario aproveitando os erros para acadar unha aprendizaxe significativa e motivadora para que faga un novo intento. Cando se acerte, obterase un reforzo da aprendizaxe adquirida.

Como xa se indicou antes, hai tres puntos de avaliación na ODE: inicial, durante o proceso de ensino-aprendizaxe e final, que constan de cuestionarios en H5P destinados a tal proceso. Os cuestionarios de avaliación inicial tenden a ser abertos á interpretación e fomentan o debate na aula.

Ao final de cada avaliación debe haber constancia de que se visualizaron os vídeos (observación directa), se interactuou e se repasaron os cuestionarios coas preguntas e as respostas correctas escritas no caderno e un mapa mental final do tema.

 

 

Proxecto XeoClip

O proxecto XeoClip nace no ano 2017 e na actualidade está composto por nove membros que imparten docencia nas áreas de Bioloxía e Xeoloxía, Educación Plástica e Visual, Matemáticas, Lingua Galega e Literatura, Tecnoloxía e Ciencias Sociais en diferentes centros tanto do ámbito rural coma do urbano. Esta diversidade en canto aos ámbitos profesionais permite tratar o proxecto desde a diversidade e a mutidisciplinariedade dentro do marco curricular, por una banda, e atendendo ás necesidades do alumnado galego, pola outra, ao que se lle ofrece un material que, partindo do contorno e da realidade do seu país, lle facilite a aprehensión de dinámicas globais e extrapolables ao ámbito planetario.

O portal elixido para a súa difusión masiva é YouTube, xa que é o que maior tráfico de visualizacións xera e os subtítulos pódense personalizar ás necesidades do usuario en idioma, tamaño, tipografía, cor ou fondo. Tamén a súa ferramenta Analytics achega moita información sobre a visualización dos vídeos ou o tipo de tráfico que xeran.

Todos os vídeos se atopan nunha lista de reprodución denominada XeoClip, á vez que se etiqueta co cancelo XeoClip (#XeoClip) e se lle engaden todas as demais palabras clave. Desde a descrición achégase unha ligazón para acceder ás versións interactivas que están aloxadas nun servidor. Tamén se aloxan en Instagram, TikTok, Facebook e no repositorio de recursos educativos da Xunta de Galicia.

 O resultado do estudo dos datos achegados desde YouTube indica que se usa como ferramenta de estudo, pois a baixada de visualizacións coincide coas vacacións escolares, mentres que ascende progresivamente ao longo de cada trimestre escolar.

 

Conclusións

Para finalizar, recóllense os resultados máis relevantes e as achegas fundamentais no eido da innovación pedagóxica, metodolóxica e científica aplicadas ao ensino das ciencias do proxecto «Un mundo de auga. A hidrosfera»:

1. Innovación educativa en galego: este proxecto puxo o foco na creación de materiais audiovisuais e interactivos en lingua galega, non só para aprender ciencia, senón tamén para reforzar o galego como lingua científica e didáctica. Supón un paso adiante para facer da nosa lingua unha ferramenta viva no mundo da educación e da ciencia.

2. Metodoloxías activas: a estrutura baséase nas metodoloxías de clase invertida e de gamificación, fomentando a participación activa do alumnado, a aprendizaxe autónoma e a motivación a través de dinámicas lúdicas. O alumnado deixa de ser espectador e pasa a ser protagonista: participa, explora, aprende por si mesmo e motívase a través de retos que fan da aprendizaxe unha experiencia máis viva.

3. Recursos dixitais abertos: o uso do formato H5P permite crear un REA accesible, editable e adaptable por parte doutros docentes, cumprindo cos principios de accesibilidade e reutilización educativa.

4. Aprendizaxe inclusiva e diversa: o proxecto atende á diversidade do alumnado mediante subtitulación multilingüe, materiais adaptables, vídeos curtos e actividades diferenciadas para reforzo e ampliación para atender diferentes ritmos e necesidades.

5. Enfoque interdisciplinario e STEAM: a proposta integra contidos de Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía e Historia, promove o pensamento crítico e a comprensión global de fenómenos ambientais e sociais vinculados á auga.

6. Uso pedagóxico do audiovisual: os vídeos curtos, protagonizados polo propio profesorado, crean unha conexión próxima co alumnado. Combínanse o rigor científico e un ton próximo, empático, que convida a aprender con curiosidade.

7. Competencia dixital e pensamento crítico: preténdese que o alumnado aprenda a usar as TIC con finalidade educativa, contrastando información e desenvolvendo un espírito crítico fronte á desinformación e ao consumo pasivo nas redes sociais.

8. Atención á avaliación formativa: a avaliación estrutúrase en tres fases (inicial, procesual e final) e concíbese como un proceso de autoavaliación e mellora continua, evitando a frustración e valorando o esforzo.

9. Proxección e impacto social: a difusión a través do proxecto XeoClip en plataformas como YouTube, Instagram e TikTok amplía o alcance educativo e social dos contidos, achegando a ciencia á mocidade e á sociedade en xeral, e fai da divulgación un acto aberto e participativo

10. Modelo replicable e sostible: «Un mundo de auga. A hidrosfera» serve como modelo de referencia para futuras iniciativas que desexen combinar ciencia, tecnoloxía, inclusión e lingua galega nun marco educativo aberto e innovador.

 

Acceso ao recurso

 

Palabras clave

auga

Un mundo de auga. A hidrosfera

nubes

Un mundo de auga. A hidrosfera

xeo

Un mundo de auga. A hidrosfera

H₂O

Un mundo de auga. A hidrosfera

hidrosfera

Un mundo de auga. A hidrosfera

Atmósfera

Un mundo de auga. A hidrosfera

ciclo da auga

Un mundo de auga. A hidrosfera

vida na Terra

Un mundo de auga. A hidrosfera

mares

Un mundo de auga. A hidrosfera

océanos

Un mundo de auga. A hidrosfera

acuíferos

Un mundo de auga. A hidrosfera

paisaxe

Un mundo de auga. A hidrosfera

propiedades da auga

Un mundo de auga. A hidrosfera

presión

Un mundo de auga. A hidrosfera

cambios de estado

Un mundo de auga. A hidrosfera

disolvente universal

Un mundo de auga. A hidrosfera

tensión superficial

Un mundo de auga. A hidrosfera

capilaridade

Un mundo de auga. A hidrosfera

condutividade eléctrica

Un mundo de auga. A hidrosfera

densidade

Un mundo de auga. A hidrosfera

regulación térmica

Un mundo de auga. A hidrosfera

electrólise

Un mundo de auga. A hidrosfera

calor específica

Un mundo de auga. A hidrosfera

experimentos

Un mundo de auga. A hidrosfera

laboratorio

Un mundo de auga. A hidrosfera

ciencia en galego

Un mundo de auga. A hidrosfera