Ir o contido principal
innovaicon
Contidos educativos

ObraDOiro Musical

A publicación deste artigo ten como obxectivo principal difundir entre a comunidade educativa o traballo e as experiencias acontecidas tanto na elaboración propia coma na posterior e non menos importante posta en práctica do proxecto ObraDOiro Musical, deseñado tras a concesión dunha licenza por formación durante o curso 2023/24.

Iván Suárez Prada, mestre especialista en Música e Danza
CEIP de Porto Cabeiro  (Redondela - Pontevedra)
ivansuarezprada [at] edu.xunta.gal (ivansuarezprada[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Contextualización

De seguro que en máis dunha ocasión vos preguntastes onde se fai a música ou como nace unha canción. O certo é que son cuestións moi comúns que todos e todas nos formulamos nun determinado momento, especialmente se gozamos desta disciplina artística e somos melómanos confesos. Pois ben, este proxecto foi deseñado para lles dar resposta a todas estas incógnitas, ao tempo que faremos unha viaxe guiada pola industria musical co fin de discriminar as principais profesións que integran o sector e recoñecer o labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso desde o principio á fin.

Empregarase unha orientación metodolóxica activa, de xeito que será o propio alumnado o que progresivamente, e a través dos diferentes obxectos dixitais educativos (ODE) que compoñen o proxecto, teña que desenvolver o rol de cada un destes axentes do mercado musical ao tempo que vai dándolle forma á súa propia creación. Trátase dunha perspectiva globalizada que abarca a totalidade dos bloques de contido, na que traballaremos ámbitos como a composición musical e a instrumentación, o arranxo e a edición de partituras empregando a linguaxe musical, a creación da letra, a gravación e a mestura e, por suposto, a práctica musical. Todo iso apostando pola inclusión das novas tecnoloxías aplicadas á música, procurando un desenvolvemento competencial integral do alumnado, pero establecendo a competencia dixital como fío condutor do proceso. O nivel de ensinanzas ao que vai dirixido o proxecto é quinto curso de educación primaria, xa que, ao tratarse dun dos últimos cursos desta etapa educativa, contan cunha bagaxe cultural e uns coñecementos previos importantes, que permitirán unha asimilación significativa dos contidos e unha interiorización efectiva destes.

 

 

Obxectivos

O obxectivo principal do proxecto é promover que tanto o alumnado coma o profesorado recoñezan e valoren o papel de todos os profesionais que interveñen na creación de producións musicais na industria actual, identificando a importancia da súa achega individual dentro do conxunto para elaborar a canción como produto final. De xeito paralelo e non menos importante, os dicentes experimentarán en primeira persoa como é ese proceso de creación de forma progresiva, avanzando polos diferentes ODE que compoñen o proxecto. Desde unha perspectiva docente, este recurso representa unha achega didáctica interesante que contribúe a obter diferentes concepcións e formas de entender esta disciplina artística, identificar os métodos de aprendizaxe traballados e poder desenvolver estratexias propias nun futuro na elaboración de materiais didácticos coa posta en práctica dunha metodoloxía variada e enriquecedora.

 

Recursos empregados

As secuencias didácticas foron elaboradas coa ferramenta de autor eXeLearning, unha plataforma gratuíta de código aberto que facilita a creación de contidos educativos e a súa integración en contornos de aprendizaxe virtuais sen necesidade de coñecer en profundidade o código HTML. Por defecto, vén integrada nas maquetas dos equipos Abalar que emprega a Consellería, de modo que a compatibilidade no formato dos ficheiros está garantida. Permite posibilidades de exportación diversas, algunhas compatibles coa subida e a edición de contidos noutras plataformas educativas como Edixgal (empregando a opción de paquete SCORM), e os usuarios destinatarios non precisan de rexistro previo en ningún espazo virtual nin require a descarga de ningún software complementario para a visualización dos contidos.

Para a elaboración dos materiais educativos que compoñen o proxecto, empregaranse principalmente aplicacións de software libre avaladas pola Administración educativa e presentes nas maquetas dos equipos Abalar como Musescore (edición de partituras), Audacity (produción sonora), OpenOffice (editor de textos) entre outras. Serán as mesmas que empregará o alumnado na realización das tarefas e todas están incluídas dentro de contornos seguros de aprendizaxe da nosa comunidade educativa.

 

Descrición da actividade

O proxecto comporase de sete secuencias didácticas, todas elas comparten o mesmo fío condutor e están organizadas de maneira que se fomenta unha adquisición progresiva dos contidos do proxecto no alumnado. Representan, polo tanto, diferentes propostas educativas, ao tempo que albergan tamén unha estrutura común a prol de facilitar a navegación do usuario polas lapelas da plataforma. Contarán así cunha sección inicial que actúa a modo de introdución e/ou contextualización dos contidos da unidade coñecida como «Intro», e poden presentar tamén unha sección final de ampliación denominada «Sabías que?». Ademais, todas elas constan dun manual de uso por parte do alumnado onde se especifican os recursos e materiais que se van tratar, xunto cunha guía didáctica para que o profesorado poida consultar todos os elementos relacionados en cada caso.

Estrutura da ODE na plataforma

 

A continuación, expóñense de maneira breve e en formato táboa os elementos didácticos que integran cada unha dos ODE do proxecto.

 

 

Metodoloxía

A metodoloxía empregada no deseño e implantación do proxecto segue un modelo de aprendizaxe construtivista: con base nos coñecementos previos do alumnado, os contidos evolucionan adaptándose á súa área de desenvolvemento próxima, de maneira que a posibilidade de construír novas aprendizaxes depende do xa aprendido. Baséase nos seguintes principios metodolóxicos:

- Aprendizaxe por descubrimento guiado: o profesor xoga o papel de facilitador da aprendizaxe, inducindo o alumnado a sacar as súas propias conclusións extraídas da experimentación. Cada proceso creativo é distinto, da mesma forma que o resultado final será individual de cada discente, a pesar de seguir o mesmo procedemento.

- Aprendizaxe en espiral: consiste en retomar periodicamente elementos traballados para establecer unha interconexión directa e evitar romper a curva de memoria na asimilación de conceptos. A elaboración dunha composición musical representa un proceso creativo progresivo, que avanza á medida que se completan os ODE propostos, pero traballaremos sempre con base na  confección do  mesmo produto.

- Aprendizaxe por proxectos: baseada no enfoque de situacións contextualizadas, que o estudantado intenta resolver de xeito creativo, facendo uso do seu desenvolvemento competencial e apoiándose na súa propia experiencia. Deste xeito, o recoñecemento das secuencias individuais que compoñen o proxecto e a súa autonomía é importante, malia ser certo que actúan como pezas dispostas nun engrenaxe para acadar o resultado final global.

En canto aos métodos pedagóxico-musicais propostos, a liña de intervención escollida foi o uso dunha metodoloxía específica por ámbitos, onde se inclúe a aplicación combinada de métodos pedagóxico-musicais do século XX e XXI de xeito transversal nos diferentes bloques de contido. A metodoloxía específica integrarase en cada ODE, pero en liñas xerais empregaremos recursos de pedagogos recoñecidos como M. Martenot, Z. Kodaly, E. Willems, C. Orff, S. Aschero, J. Dalcroze ou V. Hemsy de Gaínza, entre outros.

 

Atención á diversidade

Os diferentes métodos pedagóxicos empregados no desenvolvemento deste proxecto están deseñados a partir da inclusión do alumnado que os precisa, na medida do posible, no sentimento colectivo.  Para conseguilo deseñaremos actividades complementarias de seguimento e reforzo, especificadas en cada unidade e creadas para resolver de forma autónoma un problema específico no alumnado mediante o propio descubrimento guiado ou intensificando o apoio docente. Desde a perspectiva docente, á  hora de trasladar as diferentes propostas didácticas á aula, pódense ter en conta os seguintes procedementos de atención á diversidade:

Asignación de roles específicos: establecido segundo criterio docente ou ben mediante a titoría entre iguais, consiste en atribuírlle a cada integrante un papel concreto dentro dunha formación coa finalidade de potenciar un aspecto específico do desenvolvemento competencial de cada individuo no desempeño das tarefas colectivas.

Creación de agrupacións flexibles: distribución estratéxica do alumnado na realización de tarefas colectivas, recorrendo ao grupo de mentores, titorías entre pares etc. Resulta especialmente recomendable na aplicación práctica do proxecto, como é a práctica instrumental para incentivar unha distribución de roles dinámica e que o alumnado abandone a zona de confort.

Deseño de actividades: modificación das propostas didácticas iniciais dirixidas a traballar nunha área desta disciplina segundo as necesidades do grupo en particular e adaptándose ás súas inquedanzas e/ou necesidades específicas.

 

Avaliación 

A avaliación do alumnado realizarase tendo en conta dúas vertentes:

Contorno dixital: o proxecto inclúe a posibilidade de autoavaliación discente en tempo real das actividades propostas na plataforma (eXeLearning), de maneira que coa realización sucesiva das tarefas e a súa corrección inmediata se obtén un feedback ou retroalimentación constante sobre o seu resultado. Esta ferramenta de autor permite a posibilidade de exportar os resultados académicos obtidos polo alumnado para poder elaborar listaxes ou lograr un cotexo de datos por parte docente. En cada ODE especifícanse ao comezo os instrumentos de avaliación pertinentes.

Exemplo actividade autoavaliación

 

Desenvolvemento na aula: a concreción das actividades na aula seguirá procedementos e instrumentos de avaliación ordinarios por parte do profesorado. A observación sistemática como procedemento principal, baseado en rexistros de datos dos estudantes nos que se recolle periodicamente o seu progreso e observacións atopadas no desenvolvemento das tarefas. As actividades de índole práctica (práctica instrumental, actividades de música e movemento, canto etc.) poden ser avaliadas en función da súa adecuación aos criterios de avaliación establecidos como mínimos esixibles en cada caso, ao tempo que a adquisición das competencias tamén se terán en conta os indicadores relacionados. No inicio de cada ODE especificaranse os elementos curriculares asociados para lograr unha avaliación efectiva destes por parte do profesorado.

 

Posta en práctica e conclusións

O proxecto supón un recurso educativo especialmente útil para o alumnado que dispón de equipos informáticos, como é o caso das aulas Edixgal do último ciclo de educación primaria. O certo é que a posibilidade de integrar os contidos na plataforma supón un grande avance porque están dispoñibles para a súa consulta e descarga permanentemente. De igual maneira, o proxecto combina o traballo individual de cada discente (no ámbito da composición dixital) coa práctica musical conxunta (no ámbito da interpretación musical en vivo), as dúas facetas máis comúns na industria musical actual. Trátase dunha actividade certamente flexible, xa que, a través do descubrimento guiado, é o discente o que elabora a súa propia composición con base nas súas preferencias persoais, un elemento motivador que se manifesta no grupo. Como resultado, un mesmo recurso orixina multitude de producións distintas, enriquecendo as contribucións dos demais. Ao tempo que se leva a cabo o proxecto, prodúcese un intercambio constante de opinións e colaboracións entre iguais, dado que todos participan dalgunha maneira interpretando finalmente as composicións do resto dos compañeiros e compañeiras.

No referente á súa temporalización, depende en gran medida do ritmo de traballo da clase ou do tempo que queiramos afondar en cada unha das partes que compoñen o proceso compositivo. A realidade é que cada secuencia didáctica pode levar dúas ou tres sesións en gran grupo se temos en conta o traballo persoal que ten que realizar o alumnado. Na miña experiencia persoal dedicamos un trimestre enteiro para completar o proxecto, desde a primeira ata a última unidade.