Ir o contido principal
innovaicon
Contidos educativos

O camiño portugués

Recurso do repositorio de contidos educativos
O proxecto O Camiño Portugués é unha proposta para traballar en educación primaria as principais localidades polas que pasa esta ruta en Galicia, así como contidos do currículo de Ciencias Sociais en cuarto de educación primaria. En cada un dos sete ODE o alumnado pode descubrir datos sobre un concello distinto de xeito autónomo ou guiado.

Itzíar Paula Bangueses García, mestra especialista de Inglés
CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López (O Porriño-Pontevedra)

 

 

Contextualización

O Camiño de Santiago é hoxe en día un referente de peregrinación mundial. Nos seus inicios estivo estreitamente vinculado coa relixión, pero actualmente atrae a centos de miles de persoas cada ano por ofrecer unha vivencia de crecemento persoal nun marco de conexión coa natureza. A través das diferentes rutas, os peregrinos poden coñecer non só persoas de diferentes nacionalidades, senón a propia cultura galega, a súa arquitectura, a súa gastronomía etc.

O 2027 será novamente Ano Santo Compostelán ou Ano Xacobeo e este é un motivo extra para promover os distintos itinerarios do Camiño. Ao mesmo tempo que se oferta internacionalmente unha experiencia turística integral, é importante dar a coñecer esta riqueza tamén nos centros educativos galegos.

Os contidos en educación primaria deben partir dos intereses do alumnado para conseguir unha aprendizaxe significativa e, por este motivo, O Camiño Portugués ten como protagonistas un grupo de nenos e nenas e céntrase en localidades próximas, polo que é moi posible que algúns dos seus nomes resulten coñecidos para o alumnado de primaria. O proxecto parte desta situación para manter a motivación mentres se traballan outros contidos propios do currículo de Ciencias Sociais e diferentes valores ou actitudes necesarias para formar cidadáns autónomos, competentes e con pensamento crítico.

Por outra banda, os peregrinos son moi distintos entre si e esa diversidade pode apreciarse en aspectos como a idade, a capacidade física, a procedencia etc. Isto permite que o Camiño sexa un espazo enriquecedor, no que todos poden participar, aprender e valorar as diferenzas. Do mesmo xeito, este recurso educativo está deseñado de tal xeito que favorece a inclusión e a igualdade e ten en conta as posibles dificultades, fortalezas, estilos e ritmos de traballo. Non podemos esquecernos de que cada alumno ou alumna leva a súa propia mochila e nós debemos axudarlles a enchela de experiencias positivas e aprendizaxes.

Image

Escultura que representa un peregrino en Caldas de Reis

 

Obxectivos

Os obxectivos xerais están relacionados tanto co currículo educativo coma coas necesidades do alumnado de primaria na actualidade. Os máis salientables son os seguintes:

- Desenvolver hábitos de traballo, esforzo e responsabilidade, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a curiosidade.

Estes aspectos son imprescindibles para acadar o éxito en todos os ámbitos da vida e deben ser fomentados desde as primeiras etapas educativas, xa que é aquí onde se constrúen as bases do seu desenvolvemento académico e persoal. Ademais, melloran a autonomía, o autocontrol e a creatividade, reducen a frustración, aprenden que non todo é inmediato, que o erro forma parte do proceso de aprendizaxe, que os seus actos teñen consecuencias, que os feitos non son o mesmo ca as opinións e que non se pode aceptar todo sen reflexionar.

- Utilizar dispositivos e recursos dixitais para buscar información e avaliar as aprendizaxes.

Hoxe en día as tecnoloxías están presentes na maior parte das profesións e o seu manexo facilita e mellora os resultados nas distintas áreas. É indispensable que o alumnado coñeza as súas posibilidades, pero tamén os seus riscos. Deben terse en conta os problemas de saúde que poden ir asociados a un uso excesivo ou incorrecto, outros aspectos negativos como a falta de privacidade e a necesidade de estar alerta ante posibles datos erróneos nalgunhas fontes de información.

- Coñecer algunhas características das principais localidades e concellos polos que pasa o Camiño Portugués en Galicia.

Este obxectivo é importante para que o alumnado poida valorar mellor o patrimonio cultural e natural da nosa comunidade, desenvolver unha actitude responsable cara ao medio ambiente, sentir orgullo pola súa terra e propor melloras para a nosa contorna.

- Practicar a lectura comprensiva e a expresión oral en lingua galega.

O dominio da competencia lingüística está estreitamente relacionada coa capacidade de analizar a información de forma crítica e coa posibilidade de participar activamente na sociedade, e é fundamental que o alumnado teña oportunidades para acadar o mesmo nivel nas dúas linguas oficiais. Tendo en conta que na rede pode atoparse un bo número de recursos sobre o Camiño de Santiago en castelán, o proxecto está elaborado en galego para contribuír á preservación e ao fortalecemento da nosa lingua.

Ademais destes obxectivos xerais, na guía didáctica do proxecto inclúense outros específicos para cada ODE que están máis estreitamente relacionados co currículo de Ciencias sociais. Estes son algúns exemplos:

  • Aprender contidos básicos sobre o Universo e a Terra.

  • Diferenciar os planos dos mapas e entender o que é a escala.

  • Diferenciar os distintos instrumentos que se empregan nunha estación meteorolóxica.

  • Identificar as principais características da Prehistoria e da Idade Antiga.

  • Identificar aspectos básicos da organización política e territorial de España.

  • Familiarizarse co concepto de igualdade de xénero e promover actitudes máis inclusivas.

 

Recursos empregados

O Camiño Portugués foi elaborado co programa ExeLearning debido a varios motivos: permite a creación de contidos educativos de xeito doado e accesible, é de código aberto, é gratuíto, é compatible con calquera navegador web (FireFox, Chrome, Safari...) e os contidos poden ser integrados en Moodle.

ExeLearning ofrece diferentes actividades curtas que favorecen a atención do alumnado e, en moitos casos, ofrecen unha retroalimentación inmediata.

O proxecto inclúe tamén unha variedade de arquivos multimedia como documentos de texto, imaxes, audios e vídeos.                      

Image

Portada ODE en ExeLearning

 

Descrición da actividade

O proxecto divídese en sete ODE nos que se conta a historia dun grupo de nenos e nenas que percorren o Camiño Portugués. Cada ODE ten o nome do concello que se traballa nel:

  • Tui

  • O Porriño

  • Redondela

  • Pontevedra

  • Caldas de Reis

  • Padrón

  • Santiago de Compostela

Cada ODE inclúe tamén unha serie de actividades. Moitas son interactivas e autocorríxense cando se rematan, polo que o alumnado pode saber se as realizou correctamente ou se cometeu erros. Estes son algúns exemplos:

  • Completa o esquema sobre o concello, arrastrando cada palabra ao lugar que corresponda.

  • Completa o texto, arrastrando as palabras ou escollendo entre varias opcións que aparecen no despregable.

  • Sopa de letras, para atopar as palabras que coinciden coa definición.

  • Preguntas tipo test de opción múltiple ou coas opcións verdadeiro e falso.

  • Adiviña e escribe a palabra, tendo en conta a definición e o número de letras.

  • Atopa as parellas, poñendo a proba os coñecementos traballados e a memoria.

  • Clasifica en distintos grupos.

  • Adiviña o código, investigando previamente se é preciso.

  • Rosco. Neste caso, o alumnado debe escribir a palabra que coincida coa definición e coa letra inicial ou intermedia indicada.

  • Trivial con preguntas de escoller a opción correcta ou de tecleala.

  • Desafío con pistas e retos.

  • Vídeo interactivo con preguntas.

  • Mapa interactivo con información.

  • Lista desordenada, que o alumnado debe colocar correctamente.

Image

Actividade para completar un texto

 

Outras actividades ofrecen textos informativos en diversos formatos, ligazóns a páxinas externas para ampliar a información, suxestións para comentar diferentes temas cos compañeiros, indicacións para debuxar (un climograma ou unha pirámide de poboación, por exemplo), preguntas para reflexionar etc.

O proxecto inclúe, ademais, un manual de instalación, un manual de uso e unha guía didáctica na que se recollen as principais características e recomendacións.

 

Metodoloxía

- Os ODE poden traballarse de xeito autónomo (autosuficiente) ou seguindo as indicacións do profesorado. O seu deseño permite que os ODE poidan empregarse en orde ou que o mestre ou a mestra escolla aqueles que considere máis relevantes ou interesantes tendo en conta as necesidades do alumnado. Aínda que están deseñados tendo en conta o currículo de cuarto de primaria, son adaptables a outros cursos ou a grupos de alumnos doutros niveis.

- Para atender á diversidade, o proxecto ofrece diferentes posibilidades:

Para o alumnado que remate todas as actividades rapidamente e sen erros, hai retos e suxestións de ampliación, como realizar unha presentación de diapositivas.

Ao mesmo tempo, tamén hai características que lle axudan ao alumnado con máis dificultades. Para facilitar a comprensión, inclúese unha barra de accesibilidade BatexeGo (para cambiar a fonte do texto ou escoitalo) e pictos para resumir as historias. As actividades son curtas para que sexa máis doado manter a atención. Moitas ofrecen bastante tempo de resposta e/ou varios intentos para resolvelas. O tipo de actividades repítese para facilitar a súa comprensión e aumentar a confianza e a autoestima do alumnado.

- Os agrupamentos empregados dependerán do mestre ou da mestra que asigne as tarefas. Os exercicios interactivos poden realizarse individualmente ou compartindo un dispositivo por parellas. Ademais, inclúense algunhas actividades para traballar en grupos cooperativos e compensar as dificultades. Estas poden realizarse empregando a dinámica 1-2-4 (con traballo individual, en parellas e en grupo) ou con grupos de expertos que deben dominar un tema para posteriormente poder explicalo no seu grupo base. O traballo cooperativo favorece non só a aprendizaxe de todo o alumnado, senón tamén as relacións positivas e o respecto mutuo, polo que mellora o clima da aula.

- A temporalización tamén pode ser variable. Para realizar os sete ODE no mesmo curso, unha opción pode ser traballar unha sesión semanal ou unha semana de cada mes. Outra posibilidade é realizar varias sesións seguidas ao final de cada trimestre ou a final do curso, para repasar os contidos traballados.

- É importante ter en conta o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías, para que o alumnado sexa consciente de que teñen moitas vantaxes, pero tamén certos riscos. Coidar a postura (a costa recta, a pantalla á altura dos ollos) e as pausas para descansar a vista son imprescindibles co fin de evitar problemas de saúde derivados dun mal uso. Ao mesmo tempo, o alumnado debe coñecer as limitacións cando buscamos información e que non todo o que se atopa é certo e veraz. Aínda que a IA ofrece moitas posibilidades, cada vez é máis frecuente atopar contidos enganosos. Ademais, debe terse en conta outros aspectos como a protección de datos.

- No manual de instalación do proxecto ofrécense indicacións para realizar diferentes opcións e unha das máis destacables é a posibilidade de editar o arquivo ExeLearning. Cada docente pode modificar o que considere preciso, aumentando ou eliminando actividades, e publicar o seu resultado nunha aula virtual, por exemplo.

 

Avaliación

Ao longo do proxecto, a avaliación terá lugar en diferentes momentos.

Ao principio de cada ODE inclúense unha serie de preguntas que permiten aflorar os coñecementos previos e as dificultades, realizando deste xeito unha avaliación inicial.

Posteriormente, as múltiples actividades curtas permiten comprobar se os contidos se están interiorizando correctamente, levando a cabo unha avaliación formativa.

Para realizar a avaliación final, cada ODE inclúe xogos (rosco e trivial), un desafío, unha serie de preguntas de reflexión e unha rúbrica. As preguntas de reflexión e as posibles respostas aparecen en arquivos que poden ser descargados e editados ou empregados para crear cuestionarios nunha aula virtual, por exemplo.

Actualmente é posible crear un resumo das actividades realizadas polo alumnado en ExeLearning, polo que, aínda que O Camiño Portugués non foi deseñado incluíndo esta función, o docente podería editar os ODE engadindo este aspecto para posteriormente descargar un documento que detalle as actividades interactivas realizadas e a puntuación acadada nelas. Outra opción é valorar estes aspectos tendo en conta a participación e o traballo do alumnado a través da observación.

Ao longo de cada ODE o alumnado poderá autoavaliarse tendo en conta o resultado das actividades interactivas, que en moitos casos informan dos acertos e dos erros, e as rúbricas que se inclúen.

O docente deberá ter en conta tamén a proposta e o desenvolvemento na aula para posteriormente realizar as melloras que considere oportunas.

Image

Actividade de avaliación

 

Conclusións

Este recurso foi creado para dar a coñecer o Camiño Portugués entre o alumnado e contextualizar deste xeito os contidos da materia de Ciencias Sociais de cuarto de primaria, pero o proxecto pode ser adaptado noutras situacións. Os ODE ofrecen información sobre os distintos temas e actividades curtas con retroalimentación para que os nenos e as nenas poidan traballar de xeito autónomo, pero tamén suxestións de actividades para levar a cabo en grupos cooperativos. En resumo, este material pretende ser unha axuda flexible que pode ser adaptada a diferentes niveis, necesidades e circunstancias.

Pódese consultar o proxecto aquí, premendo nas seguintes ligazóns:

 
 
Bibliografía

Coll, C., Mauri, T. e Onrubia, J. (2008). Psicología de la educación virtual: aprender y enseñar con las tecnologías de la información y la comunicación. Madrid (España): Morata.

Pujolàs Maset, P., Lago Martínez, J. R. (2023). Aprender en equipos de aprendizaje cooperativo: El Programa CA/AC («Cooperar para aprender/Aprender a cooperar»). España: Ediciones Octaedro.

Vargas Serrano, A. C. (2022). Aprender y enseñar en espacios educativos. España: Editorial Dykinson, S. L.

Palabras clave

camiño

O camiño portugués

portugués

O camiño portugués

localidades

O camiño portugués

Santiago

O camiño portugués

sociais

O camiño portugués