Music Factory 2
Varela Guzmán, M. Lorena
Licenza por formación (Modalidade 1. b. 1) 2025
Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, A Coruña.
lorenavg [at] edu.xunta.gal (lorenavg[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
1. Introdución
As ensinanzas musicais en niveis elementais precisan integrar a teoría e a praxe como unha fórmula indisoluble que transforma o coñecemento abstracto en desenvolvemento competencial e transversal, creando unha sinerxía clave entre ambos os aspectos. Music Factory 2 xorde coa intención de consolidar e ampliar os contidos tratados en Music Factory, proxecto inicial que engloba un enfoque integral, plurilingüe e interdisciplinario.
Os materiais dixitais interactivos son o eixe desta proposta, os cales lle permiten ao alumnado traballar ao seu propio ritmo e adquirir un desenvolvemento competencial imbricando creatividade, autonomía, expresión cultural e lingua inglesa nun contexto musical (Ministerio de Educación, 2020; Real decreto 1577/2006).
2. Xustificación e contextualización educativa
Este proxecto busca darlle continuidade didáctica e pedagóxica a Music Factory, presentando unha metodoloxía de traballo e a estrutura de cada ODE, xa coñecida. O uso da lingua inglesa fomenta o plurilingüismo, tal e como se reflicte no Decreto 79/2010 de Galicia, en prol da competencia lingüística en contextos globalizados.
O alumnado integra o uso das TIC desenvolvendo destrezas dixitais a través do uso de software educativo e da interiorización dos contidos mediante actividades interactivas. A atención á diversidade é unha constante neste proxecto, que inclúe os principios do deseño universal para a aprendizaxe (DUA, en diante), ofrecendo medios de expresión, presentación e acceso aos contidos moi variados e de dificultade progresiva.
A formación integral é a base para o alumnado que pon en práctica Music Factory 2, coa intención de desenvolver capacidades cognitivas, auditivas, motrices, sociais e culturais, tal e como se describe nas competencias clave do currículo europeo (Consello Europeo, 2018/C 189/01).
3. Obxectivos
Este proxecto pretende:
Desenvolver a aprendizaxe musical dos contidos de segundo de EE. EE. da materia de Linguaxe Musical xunto coa comprensión lectora e expresión oral en lingua inglesa.
Expoñer as actividades, adaptadas ao nivel de aprendizaxe do alumnado, de modo dinámico, atractivo e interactivo.
Promover un estudo activo que logre unha interpretación consciente da simboloxía musical.
Potenciar a interpretación vocal e instrumental xunto coa creatividade musical.
Estimular a memoria musical xunto coas destrezas cognitivas.
Incentivar, a través da sensibilización cultural, a educación en valores.
Fomentar e optimizar a competencia dixital e a capacidade de creación musical e lingüística a través das TIC.
4. Competencias clave
Music Factory 2 procura desenvolver as seguintes competencias transversais:
- Competencia dixital: esta competencia permite facer un uso adecuado das TIC aplicadas ao ámbito educativo a través do uso de software de notación musical, edición de son, gravación e emprego de actividades interactivas.
- Competencia matemática e científico-tecnolóxica: o alumnado logra a destreza de razoamento co ámbito matemático e a aplicación das ferramentas para posibilitalo. A materia de Linguaxe Musical está estreitamente relacionada con esta competencia e ambas son indisolubles. O alumnado precisa comprender a representación simbólica de aspectos musicais como o ritmo, a métrica, os intervalos, a proporción e acústica musical.
- Conciencia e expresións culturais: o alumnado adquire a capacidade de coñecer diferentes épocas, estilos e manifestacións musicais do patrimonio cultural propio e alleo a través da audición, lectura, análise e crítica musical (Ministerio de Educación, 2019; LOMLOE, 2020).
- Competencia emprendedora: esta competencia amosa as destrezas profesionais e persoais do alumnado, desenvolvendo aspectos como a autoestima, a independencia, a autonomía, o autoconcepto, o fomento da creación musical e do pensamento crítico.
- Competencia plurilingüe: planeouse a aplicación dos idiomas italiano e inglés da teoría musical e doutros idiomas aplicados en cancións populares do mundo en cada ODE (Nova Zelandia, Suecia, Venezuela, O Xapón, Sudáfrica, Brasil, A Arxentina e Hawai).
- Competencia lingüística: acredítase a capacidade comunicativa do alumnado, empregando vocabulario musical, fomentando a comprensión lectora, realizando composicións escritas propias e análises musicais ou audicións facendo uso dunha linguaxe específica acorde ós contidos da materia
- Competencia cidadá: lévase a cabo a través do respecto á diversidade e promoción da cooperación. Esta competencia está relacionada co benestar social e colectivo. Promóvese a escoita crítica para avaliar a música e os intereses do alumnado.
- Competencia persoal e social: promóvese o impulso do propio coñecemento e dos diferentes hábitos de estudo autónomo.
5. Metodoloxía
O criterio metodolóxico do proxecto é flexible, activo e integrador, e destaca a aplicación conxunta de teoría e praxe a través de actividades individuais, grupais ou colaborativas entre iguais. A creatividade é unha constante, a cal se materializa a través da improvisación musical. O uso de modelos pedagóxicos como o Flipped Classroom achega autonomía de traballo por parte do alumnado, que ten a responsabilidade de buscar información antes da presentación. Medina Rivilla e Domínguez Garrido (2015) defenden a idea de que a través da práctica se materializan aspectos relativos á secuenciación e transmisión de contidos que se pretenden interiorizar desde un enfoque integrador. Este proxecto contén una combinación cultural e artística na que se profunda a través da contextualización histórica e a transversalidade con outras materias.
Hemsy de Gainza (2003) define o método global como sintético, na busca da integración do coñecemento. O elemento xénese deste tipo de aprendizaxe é a canción, que se considera como unidade global con sentido propio. Este proxecto fundamenta todas as actividades melódico-rítmicas en cancións de creación propia e arranxos de cancións populares. A través da canción, como estratexia educativa, o alumnado percibe a totalidade antes de concretar a análise dos elementos constituíntes.
A práctica da audición interna na área de práctica auditiva reforza a capacidade de relacionar a percepción de diferentes timbres, dinámicas, formas e tempos coa escritura musical convencional ou non convencional (Willems, 2001).
A secuencia de cada ODE sempre segue a mesma estrutura: Discovering Theory, para presentar os aspectos teóricos; Let’s Sing, para estimular a lectura entoada; Keeping the Beat, para traballar os modelos rítmicos; Ear Training, para activar a audición interna e o recoñecemento rítmico e melódico; Creative Lab, para fomentar a creación musical e a improvisación; Music Around the World, para enriquecer a perspectiva global cultural e promover a tolerancia e respectando a identidade cultural; Language Training, para optimizar o uso da lingua inglesa; e Assessment, para comprobar e asegurar unha retroalimentación que optimice o aprendizaxe, con coherencia entre as áreas e total accesibilidade. As actividades didácticas seguen un modelo de secuenciación progresivo e están deseñadas para acadar a interiorización dos contidos do curso de xeito inactivo, icónico e simbólico (Aronoff, 2018).
6. Atención á diversidade
Music Factory 2 inclúe múltiples estratexias de accesibilidade. Os contidos preséntanse en formatos de texto, audio e vídeo. Conta cunha barra de accesibilidade que permite axustar os tamaños e a tipografía. As actividades están pensadas para seren interpretadas con instrumental Orff e percusión corporal, promovendo a música activa, o movemento, a linguaxe, a autonomía e a creación musical para todo o alumnado sen exclusión.
CMUS Santiago. Percusión con vasos
A secuencia de cada área conta cunha gradación da dificultade das propostas tendo en conta as capacidades de cada discente. O traballo grupal dos contidos deste proxecto reduce a ansiedade e promove a integración social.
7. Avaliación
A avaliación está organizada en tres niveis, por unha parte a avaliación do alumnado, que inclúe cuestionarios SCORM como avaliación interactiva que rexistra as cualificacións e o progreso acadado automaticamente e as rúbricas que definen as expectativas de desempeño, simplifican a avaliación, ofrecen retroalimentación e posibilitan a autoavaliación.
O segundo nivel de avaliación é o da proposta educativa, onde se especifica o cumprimento dos obxectivos e a secuenciación das actividades. Neste nivel tamén se comproba a idoneidade dos contidos e das ferramentas dixitais propostas. Inclúense, tamén, reflexións individuais e grupais que versan sobre os logros acadados e as posibles áreas de mellora do proxecto.
Por último, o nivel de avaliación dos instrumentos de cada ODE como os cuestionarios interactivos, as rúbricas, as follas de reflexión e a observación do desempeño.
8. Music Factory 2 no repositorio de contidos do espazo Abalar
Music Factory 2 – Unit 1 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 2 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 3 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 4 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 5 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 6 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 7 (Ver)
Music Factory 2 – Unit 8 (Ver)
9. Descrición dun ODE (obxecto dixital educativo)
O ODE 1 contén:
- Discovering Theory: repaso de contidos dados e presentación de novos conceptos de compases simples e compostos, claves de sol e fa, liñas adicionais, barras de compás e acentos.
- Let’s Sing: identificación de notas, práctica melódica e aplicación en cancións («Tarantella napoletana» e «Scarborough fair»).
- Keeping the Beat: práctica rítmica con metrónomo, percusión corporal e clasificación de compases.
CMUS Santiago. Clasificación auditiva de compases
- Ear Training: recoñecemento auditivo de notas e melodías simples ou compostas.
- Creative Lab: creación musical libre e guiada con interpretación instrumental Orff e Boomwhackers.
CMUS Santiago. Percusión ritmo sobre mesa
- Music Around the World: coñecemento, interpretación e análise cultural e musical da peza tradicional «Te Aroha» de Nova Zelandia.
- Language Training: práctica lingüística de vocabulario en lingua inglesa, comprensión oral e escrita.
- Assessment: cuestionario SCORM, follas de reflexión e rúbrica avaliativa.
- Documents: neste apartado final incluímos unha rúbrica da proposta educativa e desenvolvemento na aula, un manual de uso, unha guía para o profesorado e un documento coa multimedia referenciada.
10. Conclusións
Music Factory 2 é un modelo pedagóxico innovador nas EE. EE. de música, concretamente, na materia de Linguaxe Musical. O feito de que estea creado en lingua inglesa faino máis singular, centrando a súa identidade nunha aprendizaxe activa e plurilingüe e accesible.
Desenvolve competencias transversais imbricando as TIC e a creatividade. Desde a súa creación inicial, preténdese acadar unha continuidade pedagóxica entre os diferentes niveis da materia de Linguaxe Musical.
O proxecto evidencia que as metodoloxías activas e a integración de recursos dixitais promoven a adquisición de contidos musicais, a cooperación entre iguais, a autonomía discente, dando como resultado un instrumento de referencia educativa nas ensinanzas de música e artes escénicas.
Aronoff, F. W. (2018). La música y el niño pequeño. Buenos Aires: Melos (Ricordi Americana).
Consello Europeo. (2018). Recommendation of the European Parliament and of the Council on key competences for lifelong learning (2018/C 189/01)
Lei orgánica de modificación da LOE (LOMLOE). Boletín Oficial del Estado, núm. 295, do 30 de decembro de 2020.
Medina Rivilla, A. M. e Domínguez Garrido, M. C. (Dirs.). (2015) Didáctica general: Formación básica para los profesionales de la educación. Universitas.
Ministerio de Educación. (2019). Currículo de enseñanzas elementales de música. Madrid: MECD.
Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, polo que se establece a autonomía pedagóxica e organizativa do profesorado. Boletín Oficial del Estado, núm. 312, do 29 de decembro de 2006.
Willems, E. (2001). El oído musical. Barcelona: Paidós
Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música. Diario Oficial de Galicia, núm. 207, do 25 de outubro de 2007.