Intelligere & co. Naturalmente intelixentes
José Luis Capón García
IES Manuel García Barros (A Estrada - Pontevedra)
Contextualización
Imaxinemos un alumno doutro tempo sentindo a sorpresa de descubrir que o marabilloso tecido dunha tea é producido a través dun cartón perforado. Que sentiría se alguén lle propuxese traballar nunha fundación que quere ampliar as posibilidades dese tear? Un pouco desa sorpresa é a que quere rescatar este proxecto.
Porque ese invento de principios do século XIX foi, como ben sabe o noso alumnado, o primeiro dispositivo da historia que separou a instrución do traballo manual. As tarxetas perforadas non tecían: dicíanlle á máquina como tecer. Charles Babbage viu nese mecanismo a posibilidade de aplicar o mesmo principio a calquera tipo de cálculo. Ada Lovelace entendeu que se podía ir moito máis aló dos números. O resto é a historia que ese alumno ten no peto, na forma dun teléfono que, entre outras cousas, lle pode facer os resumos de Lingua.
Na clase lembramos con frecuencia que en latín textum significa as dúas cousas: o que se tece e o que se escribe. Un texto é, etimoloxicamente, unha trama: fíos de significado que se cruzan, se solapan e se sosteñen mutuamente para producir algo que non estaba en ningún dos fíos por separado. Os sistemas de intelixencia artificial xenerativa funcionan exactamente así: aprenden os padróns de cruzamento dos fíos —as probabilidades de que unhas palabras aparezan xunto a outras— e a reproducilos con tal fidelidade que o resultado parece tecido por mans humanas. Pero coñecer o padrón non é o mesmo que comprender o tecido e distinguir entre ambas as cousas é, precisamente, o que este proxecto propón aprender.
O alumnado no proxecto non coñecerá unha fábrica téxtil do século XIX, pero si unha fundación do século XXI que o invitará a coñecer as posibilidades da IA. A popularización das ferramentas de intelixencia artificial xenerativa e a rapidez da súa extensión na vida cotiá do alumnado de secundaria sitúan o profesorado de lingua ante un reto que vai máis aló da xestión académica da delegación na IA das tarefas do alumno. O que está en xogo é a formación de cidadáns e cidadás capaces de relacionarse con estas tecnoloxías con criterio, autonomía e sentido crítico. Este feito está na orixe do proxecto Intelligere & co. Naturalmente intelixentes, un obxecto dixital educativo (ODE) desenvolvido no marco dunha licenza por formación para a elaboración de materiais curriculares dixitais inéditos convocada pola Resolución do 5 de xullo de 2024.
A área lingüística ofrece para este propósito un punto de entrada especialmente fértil. A IA ten a linguaxe como materia prima e como ferramenta de interacción. O alumnado entra en contacto con ela precisamente a través da palabra: interrogando, avaliando e producindo textos en colaboración con sistemas que, en última instancia, funcionan sobre os mesmos principios gramaticais, semánticos e pragmáticos que se traballan nas materias de lingua. Esta coincidencia non é un accidente: é a razón pola que estas materias están en condicións privilexiadas para abordar a IA non como tema externo, senón como obxecto de análise enraizado nos seus propios contidos curriculares.
O proxecto está orientado preferentemente a cuarto da ESO, dada a necesidade de contar con competencias dixitais previas, madurez argumentativa e a presenza de contidos curriculares específicos. Con todo, o seu deseño modular permite a súa aplicación en terceiro da ESO e mesmo a transferencia parcial a outras materias do currículo, como Proxecto Competencial, Tecnoloxía e Dixitalización ou Educación en Valores Cívicos e Éticos.
2. Obxectivos
A finalidade central do ODE é deseñar un itinerario competencial que lle permita ao alumnado xestionar de xeito informado, responsable e creativo as ferramentas de intelixencia artificial a partir do traballo explícito en contidos das materias de lingua. Para iso, o proxecto propón oito obxectivos que articulan as dimensións analítica, ética, comunicativa, cultural e creativa da relación coa IA.
Entre estes obxectivos destacan a interpretación crítica das producións da IA para identificar nesgos, estereotipos e usos discriminatorios da linguaxe; a comprensión dos riscos asociados á privacidade, á propiedade intelectual e á desinformación; a produción de textos dixitais propios en interacción eficaz con ferramentas de IA; a mobilización dos coñecementos lingüísticos para comprender a especificidade da comunicación humana fronte á comunicación mediada algoritmicamente; e a relación do fenómeno da IA coa tradición cultural e literaria, en particular con obras de tema prometeico e xéneros de anticipación científica.
Estes obxectivos están aliñados coa Lei orgánica 3/2020 e cos currículos de Lingua Castelá e Literatura e Lingua Galega e Literatura para a ESO e correspóndense, en concreto, cos criterios de avaliación establecidos no Decreto 156/2022 para cuarto da ESO.
3. Descrición do recurso: a Fundación Intelligere & co
O elemento estruturador de todo o ODE é a creación dunha situación ficcional: a existencia dunha fundación de investigación e desenvolvemento en intelixencia artificial denominada Intelligere & co. O alumnado non se converte simplemente en estudante dun tema: convértese en candidato ou candidata a integrarse nunha das axencias da fundación e debe demostrar as súas competencias completando unha serie de misións progresivas deseñadas por cada unha delas. Este marco narrativo non é meramente decorativo; é o que lle proporciona ao itinerario autenticidade, motivación e coherencia interna.
O ODE estrutúrase en seis secuencias didácticas, cun total aproximado de 35 horas lectivas, o que equivale á dedicación dun trimestre completo nunha materia de lingua:
- SD 0. Presentación (2 horas): constitución dos equipos de traballo e presentación da fundación e das súas axencias.
- SD 1. Exploración (7 horas): definición da IA e conceptos fundamentais; o circuíto comunicativo da IA; relevancia e principios de cooperación comunicativa; as linguas e a IA. Misión final: produción dun rexistro en forma de podcast.
- SD 2. Análise (7 horas): tipos e modelos de IA; aprendizaxe máquina e procesamento da linguaxe natural; xeración probabilística de contidos; usos discriminatorios da linguaxe e nesgos de representación. Misión final: guía de reparación en forma de checklist interactiva ou chatbot.
- SD 3. Protección (7 horas): erros, nesgos e estereotipos no adestramento das IA; riscos e límites da comunicación mediada; argumentación e creación de marcos de comprensión. Misión final: xogo de cartas ou aplicación para teléfono intelixente.
- SD 4. Creación (7 horas): a representación da creación artificial na literatura; os mitos do Golem e de Frankenstein; a ciencia ficción como xénero. Misión final: guión dunha curtametraxe xerada por IA sobre desenvolvemento tecnolóxico.
- SD 5. Deseño (5 horas): propiedades do texto e cohesión. Misión final: elaboración dun prototipo de IA.
Cada secuencia funciona como o acceso a unha axencia específica da fundación. As producións do alumnado pasan a formar parte de dous espazos da ficción: o repositorio, lugar virtual onde se conservan os artefactos da fundación, e o expositor, espazo de presentación pública dos produtos finais de cada axencia. Esta arquitectura ficcional permite que as diferentes secuencias sexan tamén modulares: o profesorado pode incorporar unidades illadas á súa programación sen necesidade de desenvolver o proxecto completo.
4. Metodoloxía
O marco pedagóxico do ODE integra o enfoque construtivista, os principios do deseño universal para a aprendizaxe (DUA) e a metodoloxía cooperativa baseada en proxectos. A proposta organiza as situacións de aprendizaxe arredor de tarefas auténticas, significativas, profundas e flexibles, en liña co Marco común europeo de referencia para as linguas e o seu enfoque orientado á acción.
O traballo cooperativo en grupos heteroxéneos articúlase como un espazo de aprendizaxe que non só busca a distribución de tarefas, senón a reflexión metacognitiva, a axuda mutua e o desenvolvemento de habilidades sociais. A lóxica ficcional da fundación ofrece neste sentido un contorno simulado de práctica comunicativa real: os equipos non só aprenden sobre a IA, senón que aprenden, literalmente, a traballar con ela e a través dela.
Un elemento diferencial do deseño é a previsión de tres vías alternativas de traballo para cada secuencia: analóxica, dixital e conectada. Esta decisión non é de carácter secundario; responde directamente ao principio de equidade: o ODE debe poder funcionar nun centro cunha aula con dispositivos propios e conexión estable, pero tamén nunha aula con recursos limitados ou en situacións de traballo en papel. Esta flexibilidade é, ademais, coherente co espírito crítico que o recurso quere desenvolver: un recurso sobre IA que só puidese empregarse coa IA presentaría unha contradición metodolóxica de fondo.
5. Ferramentas e soporte técnico
O ODE foi elaborado con eXeLearning 2.9, plataforma de software libre amplamente utilizada no sistema educativo galego para a creación de recursos dixitais. A elección desta ferramenta non é casual: permite a exportación do proxecto en múltiples formatos —SCORM, HTML, IMS, EPUB ou PDF— o que facilita a súa integración en aulas virtuais Moodle mediante o plugin de eXe Online dispoñible nos centros dependentes da Consellería de Educación. A existencia da aplicación eXeReader para Android e iOS permite, ademais, enviarlle o recurso directamente ao alumnado para traballar desde dispositivos móbiles sen necesidade de conexión estable.
O propio ODE funciona como expositor reflexivo do uso das tecnoloxías de IA actuais no proceso de elaboración: os materiais inclúen contidos xerados con ferramentas como ChatGPT, Gemini, DALL-E ou Voidz, de xeito que o alumnado pode observar directamente as capacidades e as limitacións destes sistemas no produto que está a utilizar. Esta decisión metodolóxica converte o recurso nun exemplo vivente dos contidos que traballa.
A accesibilidade do recurso foi verificada coas ferramentas W3C Validator e TAWDIS, e a súa funcionalidade comprobada na maqueta Abalinux 11.1 baseada en Debian 11, que é a contorna de referencia para as aulas corporativas da rede de centros galegos.
6. Avaliación
O ODE incorpora un sistema de avaliación coherente cos principios metodolóxicos que o articulan. Combina autoavaliación, coavaliación e avaliación grupal, favorecendo a reflexión estruturada do alumnado sobre o seu proceso e os seus logros. Para iso emprega diversas técnicas e instrumentos: fichas de reflexión individuais, listas de verificación, rúbricas de corrección específicas para cada misión, modelos de escritura de apoio e diarios de aprendizaxe en formato dixital ou impreso.
A avaliación grupal emprega estruturas cooperativas como a técnica do crebacabezas, as rodas de retroalimentación e os debates en parellas con posta en común. Cando o recurso se integra nunha aula virtual en Moodle, as ferramentas da plataforma —informes de seguimento, tempo de conexión, participación en actividades— ofrecen información complementaria sobre o grao de implicación do alumnado.
Os criterios de avaliación están aliñados cos establecidos no Decreto 156/2022 para cuarto da ESO nas dúas materias de lingua, o que lle facilita ao profesorado a súa integración na programación didáctica do curso sen necesidade de deseñar instrumentos adicionais.
7. Posibilidades de uso e transferencia
A natureza modular do ODE abre un abano amplo de posibilidades de uso que vai máis aló da implementación completa do proxecto. En función das necesidades e da dispoñibilidade horaria, o profesorado pode optar por varias estratexias de aproveitamento:
- Implementación completa (un trimestre): o itinerario de misións desenvolto ao longo das cinco secuencias proporciona cobertura curricular ampla e un produto final integrador na SD 5.
- Uso selectivo de secuencias: cada SD funciona de forma autónoma, polo que o profesorado pode incorporar, por exemplo, só a SD 2 (análise) para traballar nesgos e usos discriminatorios da linguaxe ou a SD 4 (creación) para conectar a IA con contidos de educación literaria.
- Transferencia a outras materias: o carácter interdisciplinario dos contidos (competencia dixital, ética, ciencia ficción, argumentación) fai o ODE utilizable tamén en Proxecto Competencial, Tecnoloxía e Dixitalización ou Educación en Valores Cívicos e Éticos.
- Uso na diversidade: a estrutura DUA do recurso e as vías alternativas de traballo permiten a súa aplicación en grupos de referencia, agrupamentos flexibles ou grupos do Programa de diversificación curricular.
- Cómpre subliñar que o propio formato eXeLearning facilita a reutilización e modificación do recurso: o arquivo fonte en formato .elp está dispoñible para que calquera docente poida adaptar os contidos, substituír actividades ou incorporar materiais propios sen necesidade de ferramentas técnicas especializadas.
8. Conclusión
Intelligere & co. parte dunha premisa sinxela: o alumnado xa usa a IA. A cuestión pedagóxica non é, polo tanto, se a debemos incorporar á aula, senón como a convertemos en obxecto de análise, en ferramenta de aprendizaxe e en ocasión para desenvolver o pensamento crítico. As materias de lingua ofrecen para iso un punto de entrada privilexiado, porque a linguaxe é simultaneamente o substrato sobre o que funcionan estes sistemas e a competencia que máis claramente nos diferencia deles.
O ODE preséntase como un recurso aberto, flexible e reutilizable, deseñado para ser modificado e mellorado polo profesorado que o use. A licenza de uso libre dos materiais e a dispoñibilidade do arquivo fonte son, neste sentido, parte inseparable da proposta: un recurso sobre intelixencia artificial que non fose aberto e adaptable sería, en si mesmo, pedagoxicamente incoherente.
O recurso está dispoñible na plataforma de recursos educativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, en formato PDF (https://bit.ly/intelligere) e en formato ELP de eXeLearning (https://bit.ly/Intelligere-ODE-ELP).
Versión en castelán:
- Fundación Intelligere & co. Presentación del proyecto (versión en castelán) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Agencia de exploración (versión en castelán) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Agencia de análisis (versión en castelán) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Agencia de protección (versión en castelán) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Agencia de creación (versión en castelán) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Agencia de diseño (versión en castelán) (Ver)
Versión en galego:
- Fundación Intelligere & co. Presentación do proxecto (Versión en galego) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Axencia de exploración (versión en galego) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Axencia de análise (versión en galego) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Axencia de protección (versión en galego) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Axencia de creación (versión en galego) (Ver)
- Fundación Intelligere & co. Axencia de deseño (versión en galego) (Ver)
CAST (2018). Universal Design for Learning Guidelines version 2.2. CAST. http://udlguidelines.cast.org
Consello de Europa (2001). Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación. Consello de Europa.
Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG núm. 185, do 29 de setembro de 2022.
Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. BOE núm. 340, do 30 de decembro de 2020.
UNESCO (2023). Guidance for generative AI in education and research. UNESCO.