Iniciación á Lingua Galega para estranxeiros
Sara Fernández Louro. Departamento de Orientación
IES Plurilingüe Adormideras (A Coruña)
Fernando Pazos Pérez. Departamento de Orientación
CPI Cruz do Sar (Bergondo - A Coruña)
Xustificación
A incorporación de alumnado procedente do estranxeiro ao sistema educativo galego é unha realidade que se vén incrementando ao longo das últimas décadas e un desafío para todas aquelas persoas que, por intervir directamente con eles, deben ofrecer unha resposta educativa o máis axeitada posible ás súas necesidades, garantindo os principios de equidade e igualdade de oportunidades. A escola ten que ser unha contorna clave de compensación de desigualdades.
A Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo, con relación á exención da materia de Lingua Galega establece no seu artigo 4.2 que:
O alumnado terá que asistir ás aulas como medio de integración lingüística e coa finalidade de que co seu esforzo persoal, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado poida ter, ao remate do prazo da exención, un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel no que estea ou no que vaia matricularse, en igualdade de condicións ca os demais compañeiros ou compañeiras da clase.
Cómpre, polo tanto, que o profesorado poida ter á súa disposición eses materiais didácticos específicos aos que fai referencia o devandito artigo.
A necesidade de mellorar as competencias lingüísticas do alumnado estranxeiro que non ten dominio do galego coa finalidade de que poidan seguir e participar nas clases foi tamén posta de manifesto no Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, publicado recentemente pola Xunta de Galicia.
A finalidade deste proxecto é elaborar materiais educativos dixitais (nivel iniciación) que resulten motivadores e accesibles para que o alumnado potencialmente destinatario poida acadar o nivel de competencia en lingua galega preciso para seguir con aproveitamento as ensinanzas que estea cursando, ou que vaia cursar, e, polo tanto, para potenciar a súa integración persoal, escolar e social na nova realidade que está a vivir.
Aplicación práctica do recurso na aula
O propósito fundamental consistiu na actividades que resultasen realmente versátiles e que puidesen adaptarse a un alumnado con diversidade de capacidades, coñecementos previos, idade (educación primaria), historia escolar etc. Deste xeito, as distintas actividades que integran esta proposta poden ser empregadas e/ou implementadas nas seguintes situacións ou contextos:
- Na aula de referencia do alumnado exento de Lingua Galega (terceiro ciclo de educación primaria; posibilidade de adaptalo para os primeiros cursos da ESO, dependendo do perfil do alumnado).
- Nas sesións nas que o alumnado reciba apoio por parte do mestre especialista en Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe como medida extraordinaria de atención á diversidade (Orde do 8 de setembro de 2021, artigo 57), de ser o caso.
- Co alumnado pertencente a un agrupamento flexible (quinto e sexto de educación primaria), segundo o establecido no artigo 56 da Orde do 8 de setembro de 2021 de atención á diversidade.
- O alumnado pertencente a un grupo de adquisición da linguas (educación primaria), tal e como se reflicte tamén na Orde do 8 de setembro de 2021, artigo 68.
- O alumnado que pertenza a un grupo de adaptación da competencia curricular (segundo e terceiro ciclos de educación primaria), segundo o establecido no artigo 69 da Orde do 8 de setembro de 2021.
- Dependendo do perfil do alumnado, tamén nas sesións de apoio nas linguas do alumnado proposto para exención da segunda lingua estranxeira (Francés).
Por outra banda, cómpre ter en conta que a inmersión no mundo dixital (e tecnolóxico) en idades tan temperás resulta fundamental tendo en conta o papel primordial que ocupan as novas tecnoloxías na nosa vida diaria, xa que logo, é necesario preparar o alumnado para desenvolverse nesta contorna tecnolóxica en constante evolución. Os materiais dixitais ofrecen numerosas vantaxes no proceso de ensino-aprendizaxe: captación da atención, estimulación da curiosidade, personalización da aprendizaxe, adaptación aos ritmos etc.
Obxectivos do recurso
Obxectivos xerais do recurso:
- Proporcionar actividades integrais de calidade que teñan como finalidade crear situacións de aprendizaxe significativas que se poidan englobar en propostas didácticas máis amplas.
- Achegar recursos dixitais actualizados, atractivos e relevantes que posibiliten o uso das TIC na práctica docente. E que sexan abertos e flexibles, de modo que o profesorado os poida adaptar ás súas necesidades.
- Asegurar a accesibilidade destes recursos a todo o alumnado, reducindo ou mesmo intentando eliminar a fenda dixital (zonas rurais, con diversidade funcional ou vulnerabilidade educativa).
- Dotar a comunidade educativa dunha plataforma sinxela e próxima de recursos educativos dixitais.
- Proporcionar unha serie de recursos que sirvan tamén como avaliación no rendemento académico do estudantado.
Obxectivos para o alumnado:
- Promover o uso efectivo da tecnoloxía no alumnado, axudándolle a desenvolver habilidades relacionadas co pensamento crítico, a resolución de problemas e a comunicación, sempre tendo en consideración o emprego responsable e ético da tecnoloxía.
- Promover a adquisición de coñecementos e habilidades a través da proposta de situacións de aprendizaxe prácticas e significativas.
- Recoñecer as TIC como un elemento cotián da nosa contorna.
- Fomentar o cambio na metodoloxía no traballo da aula.
- Incorporar na práctica educativa o desenvolvemento das competencias dixitais.
- Crear recursos educativos dixitais accesibles para todos e todas, tendo presente o principio de equidade e igualdade de oportunidades e procurando un impacto positivo na aprendizaxe do alumnado.
- Adquirir unhas competencias básicas no alumnado de aproximación ao coñecemento da lingua galega, partindo da adquisición dun vocabulario de uso cotián.
Contidos traballados e a súa secuencia
No que respecta ao número de secuencias didácticas completas ou ODE (obxectos dixitais educativos) elaborados, foron varios os factores tidos en conta: 1) o alcance do proxecto (a todo o alumnado que sexa posible; 2) os obxectivos de aprendizaxe (iniciación a un vocabulario básico); 3) a duración do curso (en calquera momento no que un alumno ou alumna se incorpore ao sistema educativo; 4) o nivel do estudantado (o proxecto está pensado para empezar desde o descoñecemento absoluto do idioma ou simplemente para ter unhas nocións básicas; será máis doado para alumnado cuxa procedencia sexa un país no que se fale unha lingua románica).
Tendo en conta que as necesidades do alumnado poden ser moi diversas, os ODE son bastantes variados: o corpo, os números, os animais, as cores etc. A duración total do proxecto dependerá tamén de circunstancias individuais de cada alumno e poderase realizar en varias sesións. Suxírese empregar as actividades propostas como un recurso máis de aprendizaxe da lingua galega, de aí a importancia de que se integren noutro tipo de actividades docentes máis amplas.

ODE do recurso.
Descrición dos ODE. Estrutura
A estrutura destes ODE é igual en cada un deles, coa finalidade de que o produto final resulte realmente harmónico e lle axude ao alumnado destinatario a facer un uso del o máis autónomo posible.

Estrutura
Cada unha das unidades comeza e remata cun vídeo de presentación e de despedida (respectivamente) cuxa protagonista é Rosalía (unha personaxe creada con intelixencia artificial). Esta personaxe vai estar presente como elemento motivacional ao longo de todas as unidades que conforman o proxecto.

Vídeos presentación e despedida
- Vídeo de vocabulario: a continuación figura un vídeo que contén o vocabulario básico de cada unha das ODE. Este vocabulario preséntase por tres vías: visual ideográfica, auditiva e visual escrita. O coñecemento deste vocabulario é necesario para realizar as actividades que se propoñen con posterioridade.

Vocabulario.
- Actividades interactivas: a continuación proponse desenvolver diferentes actividades deseñadas neste caso coa ferramenta Lumi (H5P) e que lle permiten ao alumnado destinatario unha retroalimentación inmediata. En todas elas teñen a opción de volver intentalo se así o consideran. Estas actividades, que se mostran en modo presentación, son variadas: encher ocos, escribir, asociar, verdadeiro/falso, de selección múltiple etc.

Actividade interactiva 1

Actividade interactiva 2
- Máis actividades: a continuación preséntanse diversas actividades de completar, escribir, escoitar, asociar, verdadeiro/falso, de selección múltiple, de formar parellas... coa intencionalidade de que aquel alumnado que as realice poida afianzar o aprendido. Estas actividades, creadas con eXeLearning, permiten tamén recibir un feedback inmediato e realizar novos intentos.

Actividades varias
- O recanto dos xogos: son distintas tarefas de repaso do vocabulario traballado anteriormente desde unha perspectiva máis lúdica: adiviñas, xogos de memoria, sopas de letras, rosco tipo pasapalabra etc.

Recanto dos xogos
Metodoloxía
Tanto á hora de deseñar as actividades deste proxecto coma para implementalas tivéronse en conta distintas orientacións pedagóxicas.
En primeiro lugar, tratouse de que as situacións de aprendizaxe planificadas se vinculasen con contextos próximos do alumnado, de modo que fomentase a súa motivación e o seu interese a través de presentacións en vídeos dinámicos e expresivos. Para presentar a información valoráronse distintos formatos en función da capacidade de percepción e de comprensión e mais do uso da linguaxe do alumnado
Para presentarlle a información ao alumnado valoráronse distintos formatos para ter en consideración a súa capacidade de percepción e de comprensión e o uso da súa destreza lingüística. Estes aspectos son susceptibles de seren revisados constantemente. A metodoloxía será áxil, dinámica, práctica, activa, participativa, motivadora e lúdica, promovendo o afondamento progresivo nos contidos. O emprego de recursos, soportes e contextos variados vén determinado pola variedade das actividades previstas e polo fomento de distintos agrupamentos (individual, parellas, pequenos grupos ou gran grupo). Temos que ter tamén presente a perspectiva de xénero, por exemplo, na inclusión de actividades que traten as unidades referidas ás profesións.
Soporte e ferramentas
O soporte escollido para a realización deste proxecto foi fundamentalmente a ferramenta eXeLearning, con materiais feitos en H5P con Lumi e Canva. Son ferramentas de software libre que ofrecen amplas posibilidades no ámbito educativo, especialmente para crear contidos dixitais interactivos. Esta elección xustifícase por varias razóns:
- Facilidade de uso e gratuidade. Ademais de tratarse dun recurso de código aberto, este software permite desenvolver contidos educativos de maneira sinxela.
- Os recursos creados poden ser facilmente adaptados e personalizados, engadindo ou quitando elementos segundo as necesidades dos docentes ou do alumnado.
- Accesibilidade: os obxectos de aprendizaxe poden ser realizados e reproducidos con calquera navegador web (compatibles con HTML5) e funciona en calquera sistema operativo (Linux, Windows e MacOS) e en calquera dispositivo, incluídos os móbiles. Tamén permite exportar os contidos en diferentes formatos e incluír os contidos xerados en LMS como Moodle.
- Distribución e compartición: os materiais elaborados poden ser publicados e compartidos en plataformas, repositorios e redes sociais, favorecendo a distribución libre do coñecemento.
- Diversidade de actividades: o programa permite incorporar distintos iDevices —de presentación de información de forma textual, de información non textual, actividades non interactivas (como unha actividade de visionado e escoita de vocabulario) e interactivas (encher ocos, preguntas de elección múltiple, verdadeiro-falso) etc.—.
- Adaptado ás necesidades: as múltiples opcións e posibilidades de contar con distintas actividades produce unha grande adaptabilidade (tanto das necesidades do proxecto coma do alumnado). Porén, ademais de Lumi e eXeLearning, fíxose uso doutros programas e aplicacións como Canva, Pictoselector e Araword para os pictogramas de ARASAC, Audacity para a edición de audio…
- Accesibilidade: admite a incorporación de contidos seguindo o principio de DUA (deseño universal de aprendizaxe), facilitando o acceso inclusivo aos contidos.
Medidas concretas de atención á diversidade
Tendo en conta a Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se regula a atención á diversidade e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, enténdese por atención á diversidade o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e preferencias de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.
Aínda que a atención á diversidade inclúa o conxunto da aula, xa que todos e todas entramos neste concepto de diversidade, prestarase especial atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo (NEAE).
Por outra banda, para poder facerlles fronte a estes principios, actualmente temos un fundamento metodolóxico básico, o DUA, que ten como finalidade lograr a inclusión efectiva de todo o alumnado, con independencia da súa diversidade.
Con todos estes conceptos: como é abordada a atención á diversidade neste proxecto?
- Adaptando os propios recursos dixitais, asegurando que o material dixital sexa accesible para estudantes con diferentes niveis de competencia tecnolóxica e que quen os aplique teña tamén acceso ás posibles modificacións de software e hardware (distintos tamaños de texto, axuste do son, do teclado, contrastes de iluminación e brillo).
- Fomentando metodoloxías inclusivas: metodoloxías que promovan a inclusión, como traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, cooperativo, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos... O material non ten por que empregarse individualmente só co alumno procedente do estranxeiro, pode formar parte dunha secuencia de aprendizaxe máis ampla, na que participen máis alumnos ou dentro dunha situación de aprendizaxe.
- Avaliacións diferentes, desenvolvendo sistemas que recoñezan os diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe, e permitan adaptacións nos tempos, instrumentos e procedementos.
- Formando outro profesorado e ensinándolle o produto final para que poida ter unha formación específica sobre a atención á diversidade cultural e lingüística do alumnado estranxeiro.
- Incluíndo este proxecto dentro de programas de reforzo educativo ou adaptacións curriculares (profesorado con dispoñibilidade horaria, profesorado de apoio).
- Completando este proxecto con outros contidos nos que se fomenten máis as competencias lingüísticas e nas que se represente a diversidade cultural de Galicia, así como das culturas de orixe do estudantado.
- Poñendo en práctica todas as recomendacións recollidas nos distintos protocolos: TEA, TDAH, dislexia, discapacidade auditiva, intelectual etc.
- Aplicando toda a normativa relacionada co alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo, procedente do estranxeiro, con atención domiciliaria ou hospitalaria... Existen medidas como son a repetición de curso, a flexibilización, os programas de reforzo, programas de recuperación de materias pendentes, programas de adquisición de linguas, programas de competencia curricular etc.
- Promovendo actividades adicionais de ampliación e enriquecemento para o alumnado que remate as tarefas antes do tempo previsto.
- Incluíndo pictogramas asociados aos textos para seren máis accesibles, sobre todo para as persoas con TEA.
- Facilitando apoio textual nas audicións no caso de problemas de hipoacusia.
- Empregando fontes de letras acordes coa lectura fácil e axeitadas para alumnado con dislexia (arial).
- Utilizando lupa ou proporcionando as actividades en formatos óptimos para o alumnado con dificultades na visión.
- Ofrecendo medios técnicos de apoio ou variacións no uso de materiais en caso de dificultade motórica: punteiros, botóns para premer, teclados adaptados...
A atención á diversidade non só beneficia o alumnado estranxeiro, senón que enriquece todo o proceso educativo para todas as persoas implicadas nel. Dentro desta riqueza da que falamos atópase a promoción da convivencia. Entre as medidas que favorecen este aspecto podemos citar as seguintes:
- O proxecto en si, enmarcado nun programa de inmersión lingüística (programas onde o alumnado teña unha maior exposición a situacións comunicativas en galego, empregando a lingua en contextos vivos, naturais, reais e significativos, como colaboración con entidades sociais ou proxectos comunitarios).
- Incluír no Plan de convivencia, de acordo co Decreto 8/2015, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, aspectos relacionados co noso proxecto: alumnado estranxeiro, procedencia, cultura, lingua galega...
- Involucrar a toda a comunidade educativa para que participe en actividades relacionadas co alumnado novo procedente do estranxeiro: normas de convivencia, actividades de sensibilización sobre a importancia da igualdade, a tolerancia e o respecto.
- Creación de programas de formación do profesorado en técnicas de mediación e resolución pacífica de conflitos, integración deste alumnado etc.
Avaliación
No deseño do recurso que aquí se presenta, tívose en conta tanto a avaliación do alumnado como a da propia proposta educativa e do seu desenvolvemento.
Con respecto á avaliación do alumnado, cómpre salientar que a de carácter inicial vén establecida como algo prescritivo, tanto para o alumnado en xeral que comeza cada curso coma para o alumnado procedente do estranxeiro (que é o caso que aquí nos ocupa) cando se incorpora en calquera momento deste. Isto realízase a través dunha proba de valoración da competencia curricular, que inclúe a competencia comunicativa e da revisión da súa historia escolar a través do seu expediente. A observación é fundamental neste primeiro momento, pois vai permitir un mellor axuste das medidas e recursos ás necesidades persoais de cada individuo.
Con respecto aos instrumentos de avaliación é preciso destacar que o propio recurso dixital educativo xa funciona de por si como un instrumento de avaliación. O profesorado, a través da observación, pode ir vendo como o vai realizando, vai visualizando os erros e acertos, e tamén o propio alumno ten un feedback directo e instantáneo ao comprobar por si mesmo se vai completando ben as distintas actividades.
Neste proxecto consideramos que non sería necesario incluír uns criterios de cualificación con porcentaxes por trimestres como se adoita facer nunha programación didáctica nunha materia. Cómpre lembrar que está pensado para alumnado que acaba de comezar o curso, que pode incorporarse en calquera momento deste, que ten un descoñecemento total do idioma e que non está integrado nunha área curricular. Ten un carácter máis competencial para poder desenvolverse na nova contorna na que vai participar, non só como medio para afrontar outras áreas curriculares que tamén se imparten en lingua galega, como son Ciencias Sociais e Ciencias Naturais, senón tamén, e sobre todo, como competencia de vida: falar, comunicarse, relacionarse socialmente, integrarse no grupo, na escola, na comunidade.
Coa finalidade de avaliar a propia proposta educativa e o seu desenvolvemento deseñáronse uns indicadores de logro (por exemplo, «as actividades do proxecto foron óptimas para acadar os obxectivos propostos» ou «o deseño das actividades axustouse ao número de sesións») que permiten a detección de posibles necesidades e/ou propostas de cambio e que servirán para facer as modificacións e axustes necesarios nos seguintes ODE (se a avaliación fose negativa) ou ben para continuar na mesma liña de traballo (se os resultados fosen positivos).
A avaliación desta proposta educativa está deseñada para asegurar que os obxectivos de aprendizaxe se cumpran de maneira eficaz. Isto inclúe a capacidade do alumnado, máis a longo prazo, de comunicarse en galego, o seu coñecemento da cultura galega, e a súa habilidade para usar recursos dixitais, e a curto prazo, máis centrado na nosa proposta, en adquirir unhas nocións básicas e vocabulario de uso común en galego.
Os propios exercicios interactivos servirán de autoavaliación para que a rapazada reflexione sobre a súa propia aprendizaxe. As ferramentas dixitais que se empregan son actividades do tipo: escolle a opción correcta, escribe o nome, asocia son e imaxe, verdadeiro falso, completar ocos en branco, arrastrar e soltar palabras etc.
O feedback do alumnado é un compoñente crítico no desenvolvemento desta proposta educativa. Regularmente solicítase a súa opinión para axustar e mellorar os contidos e os recursos didáctico-dixitais. A proposta educativa está suxeita a unha revisión constante. Isto asegura que os materiais e métodos de aprendizaxe se manteñan actualizados e relevantes para as necesidades do alumnado.
Ao finalizar o conxunto de cada ODE os resultados da avaliación deben demostrar unha mellora significativa na competencia lingüística do alumnado (un repertorio básico de palabras). Ademais, teremos que observar un aumento na súa confianza e motivación para seguir aprendendo galego.
Xa por último, cómpre destacar que no deseño deste recurso tamén se considerou imprescindible avaliar a propia práctica docente. É por isto que foi deseñada unha táboa na que se recollen unha serie de indicadores e aspectos que se deben a avaliar (por exemplo, «claridade dos obxectivos da unidade» ou «promoción da participación e colaboración entre os alumnos e alumnas») sobre os que a persoa responsable da posta en práctica pode reflexionar e mesmo facer algunha proposta de mellora.
Agradecementos
A Xosé Luís Regueira Fernández, polo permiso para empregar os audios do Dicionario de pronuncia da lingua galega, do Instituto da Lingua Galega-Universidade de Santiago de Compostela.
Referencias normativas
Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación
Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.
Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro (Xunta de Galicia).