BauGal: Retorno á sostibilidade
Ana Fernández Moreiras, profesora de Tecnoloxía
IES A Cachada (Boiro - A Coruña))
moreiras [at] edu.xunta.gal (moreiras[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Alexandra Pacheco González, profesora de Lingua Galega e Literatura
IES Campo de San Alberto (Noia - A Coruña)
alexandra.pacheco [at] edu.xunta.gal (alexandra[dot]pacheco[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Contextualización
A sostibilidade converteuse nunha palabra clave na educación do século XXI e no currículo da ESO aparece como un dos seus piares transversais. Non é só unha cuestión ambiental, senón unha forma de entender a aprendizaxe: pensar, crear e comunicar desde o respecto pola contorna e polas persoas.
Na materia de Tecnoloxía, este enfoque concrétase no estudo da arquitectura bioclimática dentro do bloque «O proceso tecnolóxico». Analízanse os beneficios que achegan a arquitectura sostible e o ecotransporte, e como as innovacións tecnolóxicas poden contribuír a un futuro máis equilibrado e eficiente. En BauGal, esta idea transfórmase nun reto práctico: o alumnado investiga a súa propia vila, analiza como vivimos e propón melloras desde o punto de vista enerxético, arquitectónico e social. É o espírito da Bauhaus adaptado ás aulas galegas: aprender facendo, crear con sentido.

Portada ODE
Este contexto encaixa tamén perfectamente cos obxectivos da materia de Lingua Galega e Literatura, que busca desenvolver a competencia comunicativa do alumnado. Ao traballar con temas reais e próximos, a lingua convértese nunha ferramenta para investigar, debater, escribir, expoñer e transformar o aprendido en mensaxes significativas. Así, o alumnado non só aprende contidos lingüísticos, senón que descobre o poder da palabra para comunicar, sensibilizar e inspirar cambios.
A interdisciplinariedade entre ambas as materias xera unha aprendizaxe máis profunda e motivadora. Desde Tecnoloxía promóvese o deseño e a fabricación 3D, a análise de materiais ou a pegada de carbono; desde Lingua, o alumnado aprende a argumentar, a elaborar informes e a presentar os seus proxectos con corrección e creatividade. As tecnoloxías dixitais, o traballo cooperativo e a educación en valores completan o círculo.
En definitiva, BauGal é moito máis ca un proxecto sobre urbanismo ou comunicación: é unha experiencia educativa que une o pensamento técnico co pensamento lingüístico para formar cidadáns críticos, creativos e conscientes. Porque construír sostibilidade tamén é saber contala.
Obxectivos
O proxecto BauGal naceu coa idea de conectar a aprendizaxe coa vida real, facendo que o alumnado observe, cuestione e transforme a súa contorna. Por iso, os obxectivos de Tecnoloxía e Lingua Galega non quedan no papel: convértense en experiencias prácticas que implican a comunidade e lle dan sentido ao currículo.
En BauGal, o alumnado aprende a identificar e propoñer solucións tecnolóxicas a problemas reais da súa vila. Analizan as vivendas, detectan carencias e idean melloras sostibles, poñendo en práctica a súa creatividade e capacidade de planificación. A idea é que aprendan a mirar o seu contorno con ollos críticos e construtivos, e tamén a visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, rompendo estereotipos de xénero.

Exemplo de actividade interactiva
O traballo tecnolóxico vai máis alá do deseño: implica entender o ciclo de vida dos materiais, reflexionar sobre o consumo e experimentar con ferramentas de deseño e fabricación dixital como CAD e impresión 3D. Así, o alumnado deseña e constrúe pequenas maquetas que materializan o aprendido, aplicando coñecementos de forma segura, responsable e interdisciplinaria.
A parte lingüística de BauGal está deseñada para facer que a lingua sexa unha ferramenta de acción e pensamento. O alumnado aprende a comprender e interpretar mensaxes orais e multimodais, distinguindo puntos de vista e avaliando a fiabilidade das fontes. A partir desa análise, elaboran folletos, dípticos e trípticos informativos sobre temas de sostibilidade e urbanismo, combinando creatividade e rigor.
Outra das competencias clave é producir textos orais con coherencia e fluidez, algo que se traballa a través da preparación de exposicións públicas, tanto no centro coma fóra del. Estas experiencias fortalecen a autoestima comunicativa e a capacidade de falar en público de forma respectuosa, organizada e efectiva.
En paralelo, aprenden a redactar e publicar artigos e informes —como o dosier final que recolle as investigacións do seu portafolio—, traballando a cohesión e a adecuación textual, así como o uso das TIC como canle real de comunicación.
Recursos empregados
O proxecto BauGal non só se centra no que se aprende, senón tamén en como se constrúe o material educativo. Desde o inicio, quixemos que os recursos fosen abertos, versátiles e accesibles, de xeito que calquera docente poida adaptalos ao seu contexto. Por iso escollemos eXeLearning como plataforma principal de creación.
Esta ferramenta libre permite deseñar obxectos dixitais interactivos que combinan texto, imaxe, vídeo e actividades autoavaliables. A súa estrutura modular e a posibilidade de integrar principios de deseño universal para a aprendizaxe (DUA) facilitan que o alumnado poida acceder aos contidos dun xeito personalizado: con audios, versións ampliadas do texto, actividades graduadas e recursos visuais. Ademais, eXeLearning exporta con facilidade os materiais á aula virtual de Moodle, o que garante unha implementación directa na práctica docente.
Para crear materiais visuais empregamos ferramentas como Canva, que nos permitiu deseñar presentacións, infografías e carteis con estética profesional e intuitiva. As imaxes teñen un papel moi importante no proxecto, polo que a maioría das fotografías son de autoría propia, tomadas nas saídas e actividades co alumnado, o que lles dá un valor engadido de autenticidade e proximidade aos contidos.

Infografía en Canva
Tamén incorporamos a intelixencia artificial como apoio puntual para a creación de determinadas imaxes e ilustracións.
No ámbito audiovisual, empregamos editores de vídeo sinxelos para elaborar videotitoriais e presentacións interactivas, integradas nos ODE mediante H5P. Estes recursos permiten que o alumnado siga os procesos paso a paso, visualice exemplos e aprenda a través da experimentación.
Descrición da actividade
BauGal está deseñado para ser implementado ao longo dun trimestre de cuarto da ESO, preferiblemente nas materias de Tecnoloxía e Galego de maneira conxunta (os contidos están artellados de forma complementaria), pero tamén permiten traballar con eles de xeito independente.
O proxecto consta de 5 ODE para cada materia e un ODE final común. Todos os ODE teñen un título que se pode ver na cabeceira e que se corresponde tamén coa primeira páxina, onde se inclúe o cronograma coa secuenciación por sesións e máis a seguinte documentación en formato PDF dispoñible para descargar. Ademais, acaban cunha tarefa final, que é o reto ou desafío que se propón como produto de creación ao remate final de cada situación de aprendizaxe e cunha sección denominada «Que aprendín», onde o alumnado autoavalía os coñecementos adquiridos ao longo da secuencia.

Exemplo de tarefa final
Na «Introdución», ademais de explicar claramente o obxectivo do contido e o propósito da aprendizaxe, proporcionamos un estímulo: un vídeo, unha presentación ou outro recurso interactivo, que lle permite ao estudantado conectar co tema e motivarse para explorar o contido de forma máis profunda. Este enfoque busca captar a súa atención e facilitar a comprensión do tema desde diferentes perspectivas.
Metodoloxía
Os contidos trabállanse desde unha metodoloxía colaborativa e baseada en proxectos (ABP), orientada á creación de produtos finais STE(A)M que conectan o pensamento científico, tecnolóxico e artístico.
O material organízase nunha aula virtual onde os ODE se presentan de forma secuencial e visual, en formato lapelas. Ao inicio atópanse o taboleiro de anuncios e o foro, seguidos dunha guía didáctica en PDF para o profesorado e dunha presentación para o alumnado coa temporalización e os contidos de cada materia.
Cada ODE inclúe dous obxectos dixitais eXeLearning complementarios, pero autónomos: BauGal_Tecno e BauGal_Lingua. Neles, os contidos aparecen organizados de forma progresiva, con bloques de texto accesibles (barra DUA) e actividades de apoio e reforzo. Engádense imaxes, gráficos e vídeos de autoría propia, empregando outros recursos só de maneira excepcional.
Aplicación práctica na aula: o proxecto Baugal en acción
Unha das grandes vantaxes de BauGal é que non é un material pechado: está pensado para adaptarse a cada grupo e a cada docente. Tanto o traballo que se fai na aula coma o que o alumnado leva para a casa require unha boa organización, sobre todo para quen precisa máis apoio á hora de planificar e estruturar as tarefas.
Nos casos nos que haxa alumnado con necesidades de adaptación, o mesmo material pode transformarse facilmente. Os libros interactivos de eXeLearning permiten eliminar tarefas máis complexas ou substituír textos longos por versións en lectura fácil, que se poden xerar con ferramentas de IA. Así conseguimos que todo o alumnado traballe co mesmo recurso base, pero con diferentes niveis de profundidade.
A flexibilidade é unha das claves de BauGal. Pódense combinar distintos agrupamentos e dinámicas para atender a diversidade e respectar os principios DUA:
- En gran grupo: cando se proxectan vídeos, se explican contidos ou se fan lecturas compartidas. É o momento ideal para introducir conceptos, poñer exemplos e crear un clima de colaboración.
- De forma individual: na aula de informática ou cos portátiles de Edixgal, para traballar actividades guiadas, completar autoavaliacións ou avanzar no portafolio persoal.
- Por parellas: para revisar textos, resolver dúbidas ou preparar exposicións orais. O traballo por pares axuda moito á atención e á autonomía.
- En pequenos grupos: para desenvolver os proxectos e produtos finais de cada ODE, como a maqueta da vivenda, o paseo de Jane ou a charla PechaKucha. Aquí é onde mellor se aprecia o espírito colaborativo do proxecto.
En BauGal aprendemos facendo, creando e comunicando. As tarefas están pensadas para avanzar paso a paso: primeiro analizamos, logo ideamos, deseñamos, construímos e finalmente compartimos o resultado. Todo o proceso está acompañado de rúbricas claras e instrucións visuais, para que o alumnado saiba en todo momento o que se agarda del.
Tamén se coidan as emocións: as sesións poden incluír pequenas pausas activas, dinámicas de grupo ou momentos de reflexión, que axudan a xestionar a ansiedade e mellorar a concentración. O movemento, a experimentación e a interacción son parte esencial da aprendizaxe, especialmente para quen precisa un enfoque máis cinestésico.
Ao final, o que se busca é formar alumnado autónomo, crítico e creativo, capaz de relacionar a tecnoloxía coa linguaxe, a comunicación coa sostibilidade e o pensamento co compromiso social. Porque, como dicimos en BauGal, habitar o mundo tamén é aprender a transformalo.

Actividade interactiva vídeo rehabilitación
Avaliación
Ao longo de cada capítulo, para ambas as materias, van introducíndose actividades e xogos de reforzo e ampliación que permiten que o alumnado teña un retorno da súa aprendizaxe. Unha escala de avaliación outorga unha cualificación polo traballo do alumnado nas dinámicas de grupo e de aula. Esa lista existe en todos os ODE e é igual para as materias de Tecnoloxía e Galego.
No final de cada secuencia didáctica pídeselle ao alumnado a entrega dunha ou de varias tarefas: maquetas, memorias técnicas, artigos, publicacións en portafolio/blog de centro etc. Cada tarefa ten asociada unha rúbrica de avaliación. Exemplo:
En cada ODE, a cualificación final combina a participación diaria co resultado dos produtos elaborados, segundo a ponderación indicada en cada caso. As rúbricas aseguran unha avaliación xusta e competencial, aliñada cos criterios que marca o decreto para as materias.
Buscamos que o alumnado pense, investigue e cree con sentido:
- Idear solucións emprendedoras que melloren a contorna próxima, detectando necesidades reais.
- Investigar con criterio, seleccionando información fiable e comunicándoa de forma creativa e respectuosa.
- Xestionar proxectos en equipo, con enfoques innovadores, accesibles e sostibles.
- Comunicar con eficacia, elaborando informes e exposicións coherentes e ben estruturadas en distintos formatos.
- Valorar o impacto ambiental positivo da arquitectura bioclimática, o ecotransporte e o voluntariado.
- Presentar e difundir ideas con claridade, empatía e linguaxe inclusiva.
Ademais, incorporamos competencias clave a todas as actividades do curso, o que lle permite a calquera docente consultar e valorar o progreso do alumnado a través dun informe detallado e competencial.
Conclusións
O proxecto BauGal demostra que a educación pode ser un motor real de cambio social cando conecta a aprendizaxe co mundo que nos rodea. A integración de Tecnoloxía e Lingua Galega ofrécelle ao alumnado unha experiencia global, onde crear e comunicar se converten en accións complementarias. A metodoloxía colaborativa, o uso das TIC e o enfoque sostible promoven unha aprendizaxe activa, inclusiva e significativa. Grazas á súa flexibilidade, BauGal adapta os contidos á diversidade do alumnado e fomenta o pensamento crítico, a creatividade e a responsabilidade ambiental. En definitiva, é unha proposta que une innovación pedagóxica e compromiso ético, facendo da escola un espazo para habitar e transformar o futuro.
ODE do proxecto BAUGAL:
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE1: O mundo que habitamos (Ver)
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE2: A cidade é nosa (Ver)
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE3: O mellor de cada casa (Ver)
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE4: Mover os marcos (Ver)
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE5: Menos é máis (Ver)
- Proxecto BauGal_Tecno_ODE6: O paseo de Jane (Ver)
- Proxecto BauGal_ Lingua_ODE 1: O mundo que habitamos (Ver)
- Proxecto BauGal_Lingua_ODE2_A cidade é nosa (Ver)
- Proxecto BauGal_Lingua_ODE 3_ O mellor de cada casa (Ver)
- Proxecto BauGal_Lingua_ODE 4_ Mover os marcos (Ver)
- Proxecto BauGal_Lingua_ODE 5_ Menos é máis (Ver)
Alba Pastor, C. & Zubillaga del Río, A. (2019). Diseño universal para el aprendizaje (DUA): Avanzando hacia la educación inclusiva. Madrid: Ministerio de Educación y Formación Profesional (MEFP)/CEDEC.
Arquitect@s Sen Fronteiras (ASFE) (s. d.). Unidade didáctica: El derecho a un techito.
Consellería de Medio Ambiente e Sostibilidade (s. d.). Guía de cor e materiais de Galicia. Xunta de Galicia.
La 2 de RTVE (2019). Escala humana: Refugios [documental]. RTVE.
MeteoGalicia (s. d.). Niveles genéricos de referencia de metales pesados y otros elementos traza en suelos de Galicia. Xunta de Galicia.
Xunta de Galicia. (s. d.). Base topográfica de Galicia.
Xunta de Galicia (s. d.). Patrimonio galego: As casas do pincho.
Unidade didáctica «Eficiencia enerxética: como deseñar unha casa con estilo e funcionalidade» (s. d.).
Programa didáctico «Eficiencia enerxética: buscando o consumo 0 no fogar» (s. d.).
Vázquez Cano, E. (2023). Cómo hacer una situación de aprendizaje: Educación primaria, secundaria y bachillerato. Madrid: Editorial Sanz y Torres. ISBN 978-84-19947-05-5.
Webgrafía
Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) (s. d.). Datos meteorolóxicos oficiais de España. Recuperado de https://www.aemet.es
MeteoGalicia (s. d.). Histórico de rexistro meteorolóxico en Galicia. Recuperado de https://www.meteogalicia.gal
Dirección Xeral do Catastro (s. d.). Sede electrónica do Catastro (xeolocalización de parcelas). Recuperado de https://www.sedecatastro.gob.es
Passivhaus Institut. (s. d.). A primeira Passivhaus do mundo. Recuperado de https://passiv.de
Casas tradicionais arredor do mundo (s. d.). Recuperado de https://www.archdaily.com
Real Academia Galega (RAG). Dicionario en liña: instrumento imprescindible para o léxico, formas, normas etc. Recuperado de https://www.academia.gal/dicionario#inicio.do