Ir o contido principal
bibliotecas
Boas prácticas

Un espazo que medra: organización e vida da nosa biblioteca

Deseñar os espazos, coidar a presentación e o uso dos materiais como motor de aprendizaxe e participación.

Genma Penelas Teijeiro 
CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño
genma.penelas [at] edu.xunta.gal (genma[dot]penelas[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Ter espazos pensados e estruturados na biblioteca escolar inflúe directamente en como as persoas usuarias van participar e facer uso dela. Debemos darlles forma, que sexan accesibles, inmediatos, que se entendan e se usen áxil e comodamente por parte das persoas usuarias. A configuración dos espazos vai parella ao modelo de biblioteca escolar Plambe, ás funcións e ámbitos de actuación aos que debe responder a nosa biblioteca, pero tamén á súa personalidade, que vén dada polas características do noso centro, da nosa comunidade educativa e da contorna na que se insire. Pola súa vez, a configuración dos espazos precisa dunha relación clara e dinámica cos materiais e recursos que teñamos en cada zona, para que os espazos poidan usarse plenamente en todas as súas posibilidades. Así, é importante que os libros, xogos e outros fondos da biblioteca, por unha banda, e o equipamento diverso que poidamos ter, por outra, se distribúan polos distintos espazos con base na súa configuración e obxectivos de uso.

Partindo desta formulación inicial, neste artigo imos facer un paseo pola Casiña de Faiuco, a nosa biblioteca, para explicar como habitamos nela e por que a configuramos así.


A nosa biblioteca, A casiña de Faiuco

Os espazos, materiais, fondos e proxectos que habitan na Casiña de Faiuco, a nosa biblioteca, forman parte fundamental davida escolar do noso centro. Apostamos por seguir crecendo en prol dun organismo vivo e transformador enmarcado nun contexto rural no que a miúdo son as bibliotecas escolares un dos poucos puntos de oferta cultural.

 

 

Podemos definir a nosa biblioteca como un espazo creativo, tecnolóxico e emocional que forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia (Plambe). Dentro do Plambe contamos con recursos específicos que apoian o noso labor, liñas de formación para o profesorado, programas como Biblioteca Creativa, Club de Lectura e Radio na Biblio coa finalidade última de ter unha biblioteca accesible, motivadora, creativa, actualizada, participativa e multifuncional.

 

Espazos con vida para crear, compartir e descubrir

Estamos diante dun cambio no paradigma metodolóxico, un cambio que nos leva por diante se non somos quen de transformar e dinamizar os centros educativos. Un dos espazos clave dese cambio son as bibliotecas escolares: no caso do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño optamos por que este sexa un espazo dinámico, pensado para favorecer a aprendizaxe activa, o traballo colaborativo e o gusto pola lectura.

Sendo así, decidimos que a distribución dos espazos sexa funcional, coidando a exposición dos materiais e achegando a colección a cada espazo para darlle sentido e así tratar de construír recunchos con historia e que inviten a ser descubertos e a gozar deles. Apoiamos esta idea na pedagoxía de Reggio Emilia, o espazo é o terceiro mestre que fala a través da luz, das cores, da disposición do mobiliario e da presentación dos materiais.

Como podemos optimizar os espazos? Comezamos a indagar na importancia da distribución e presentación dos espazos da biblioteca. Entre planos, conversas con compañeiros, materias que chegaban e moitas lecturas sobre a temática, decidimos crear tres salas: a sala de lectura, que abrangue a consulta de información, traballo en equipo e exposicións orais, a sala de robótica, que alberga o estudio de Radio Corpiño e os aparellos de robótica, impresión 3D e outros equipos informáticos, e, por último, a sala de arte, equipada con cociña e cun mobiliario adaptado para levar a cabo propostas artísticas e creativas, dun xeito máis manual e sensorial, xunto coas pezas de xogos de construción.

 

Encontro e lectura

A sala de lectura é un espazo acolledor e cálido que ten á disposición das persoas usuarias, alumnado, mestres e familias, unha ampla selección de fondos tanto de ficción como de libros de non ficción e informativos. Conta cunha variedade de xogos de mesa que posibilitan o xogo colaborativo, a toma de decisións, favorecen distintas habilidades e destrezas así como axudan a dinamizar as horas de lecer.

Empregamos a clasificación da CDU, na súa versión adaptada ás bibliotecas escolares, para ordenar os fondos e así facilitar a busca e colocación de calquera exemplar. A CDU serve de guía para agrupar os libros segundo a súa temática, e toda a sinalética que utilizamos, cos buses de cores da CDU ilustrada, é clave para garantir que o alumnado se manexe con autonomía polos andeis.

 

 


Os libros de narrativa témolos organizados por niveis lectores para axudar o alumnado a atopar lecturas que en principio se lle axeiten mellor. Inda así, na formación das persoas usuarias deixamos claro que isto son orientacións pero que non hai fronteiras e poden acceder aos libros que queiran. Asemade colocamos separadores con letras (orde alfabética) nos andeis para facilitar o labor das voluntarias e voluntarios á hora de colocar os libros.

A sala ten, á súa vez, distintos espazos que acollen usos diversos: un espazo de reunión para coloquios do club de lectura A Despensa, outro para realizar actividades grupais e para os xogos de mesa, un lugar reservado para o traballo en equipo, un espazo para a lectura individual e un recuncho para Os retos de Faiuco.

Este último recanto foi elaborado coa intención de que o alumnado levara a cabo retos con material das outras salas da biblioteca, posto que a sala de lectura é a que está aberta nos períodos de lecer. Deste xeito, optimizamos os recursos dispoñibles e ofrecemos posibilidades para o xogo, a creatividade, a imaxinación, a toma de decisións e a relación entre iguais

Cabe destacar o posto reservado para o préstamos de libros, co ordenador de consulta, onde tamén realizamos tarefas de catalogación, planificación de actividades e reservas de libros para proxectos ou conmemoracións.

Un mobiliario que sexa adaptado e que se poida mover con facilidade é fundamental para que este espazo colla vida e se amolde ás necesidades das persoas usuarias, poñamos por caso a exposición das novidades da semana, un taller de escritura creativa, a presentación dos libros das maletas viaxeiras ou ben un contacontos.

 

Unha biblioteca inqueda con ganas de progresar

Para complementar o traballo curricular e para fomentar o pensamento computacional unha boa opción é a sala de robótica, que está distribuída de tal xeito que hai espazos para traballar coa impresión 3D, usar o croma, poñer a punto os retos e prácticas do programa Digicraf ou ben illarse e gravar un podcast na Radio Corpiño.

 

 

Por suposto, nese espazo contamos con libros informativos e de divulgación que axuden, motiven ou sirvan de consulta sobre as tarefas que se planifican aquí. Así, temos varios andeis con fondos en cada unha das salas, identificados cos buses da CDU ilustrada.

Unhas das moitas vantaxes de delimitar espazos e colocar os recursos, materiais e aparellos necesarios en cada un deles é a posibilidade de empregar a biblioteca varios grupos á vez. Deste xeito, hai maiores oportunidades durante a xornada para que as distintas aulas integren no seu día a día estes recantos.


Activa, creativa, para todas e todos

Se pensamos na parte máis creativa, referida ás artes plásticas, á cociña, ao deseño, á experimentación con materiais naturais ou á realización de pequenos proxectos artísticos, o noso lugar está na sala de arte. Alí atopamos clasificados materiais funxibles e non funxibles, ferramentas para argallar en proxectos de construción, posibilidades coa máquina de coser ou ben outros aparellos, como a cortadora láser e o plotter que axudan a levar deseños a téxtiles, madeiras ou cartóns.

Á disposición das persoas usuarias, están nesta sala fondos de seccións do número 7 da CDU: arte, pintura, gravado.. como referencia para iniciar proxectos, fonte de inspiración e consulta ou ben como fío condutor de actividades programadas.

O uso da cociña creativa é un recuncho desta sala que posibilita o alumnado a levar contidos curriculares á práctica, facéndoos máis atractivos e significativos e ao mesmo tempo relacionalos coa súa vida cotiá.

Este é un espazo que conecta o alumnado e as familias coa arte, o deseño, a tecnoloxía, a aprendizaxe e o traballo colaborativo. Esta foi unha razón máis para participar no programa Bibliotecas creativas que aposta pola aprendizaxe práctica e significativa e integra habilidades como o pensamento crítico e a resolución de problemas.

 

 

Biblioteca, fonte de inspiración

Inserido nas liñas de formación do profesorado que se veñen desenvolvendo neste cursos, o equipo de biblioteca emprega o equipamento e as ferramentas dispoñibles para elaborar materiais para as aulas, para programar actividades, para agasallar as visitas, para crear diferentes carteis empregados na sinaléctica da biblioteca entre outros moitos usos. A impresora e a cortadora láser ou o equipo de radio son equipamentos que aprendemos a usar en actividades de formación do profesorado e, a partir de aí, o seu uso reverte no alumnado e no día a día da biblioteca escolar.

Por outra banda, a biblioteca é o eixo vertebrador do Proxecto Documental Integrado (PDI) polo que os recursos e materias dos que dispón Faiuco, a nosa mascota, lévanse a calquera recuncho da escola, visibilizando os produtos e traballos realizados. Así, temos unha biblioteca espallada a través do tendal da poesía que está no recibidor, o recuncho da calma do corredor, as exposicións no mural do primeiro andar, a Hortiña de Faiuco ou as cestiñas de contos que saen ao patio nos tempos de lecer.

Polo tanto, convén que non pechemos as formas de presentación dos recursos da biblioteca a un único espazo, debemos de ser flexibles para construír espazos comúns, abertos e cambiantes, que formen parte da vida diaria do centro e que cheguen aos distintos sectores da comunidade educativa.

Por ende é algo habitual que os nosos espazos sexan versátiles, pois cada ano a exposición ás familias do PDI do centro, alá polo mes de xuño, fai que cada espazo da escola sexa un expositor á hora de que as nenas e os nenos mostren á comunidade educativa o traballo realizado durante o curso.

 

 

Dinamizar para proxectar

No referente á dinamización deste espazos e materias é moi importante aclarar e sinalar as normas de uso así como os recunchos establecidos. A sinaléctica forma parte do deseño e distribución dos recantos da biblioteca pois crear esta linguaxe visual conecta toda a comunidade educativa, facendo máis sinxelo participar e involucrarse no seu día a día. Para isto axudámonos de carteis informativos elaborados polo equipo de apoio así como da responsabilidade que adquire nesta tarefa o voluntariado da biblioteca.

Colocar carteis e letreiros en cada recuncho permite que o alumnado se manteña atento ás novidades, ás tarefas que hai que desenvolver ou as actividades que están por vir. Poñamos, por caso, as sesións nas que se reúnen os membros da Despensa, sesións de Cine na Biblio, visitas que imos recibir, encontros con autores…, pero tamén as normas de uso, as lendas dos códigos de cores que empregamos e outra información que forma parte da formación e atención ás persoas usuarias.

Asemade, é destacable o perfil de biblioteca inclusiva que se está desenvolver, que ten moita relación coa importancia da linguaxe visual da que falabamos. É importante optar por un mobiliario adaptado e accesible, fondos que garantan unha inclusión efectiva (libros con pictogramas, con texturas, material multisensorial...),a colocación dos andeis para asegurar a autonomía do alumnado, priorizar sesións de educación emocional ou colocar en cada espazo pictogramas que axuden a comprender as normas de uso á totalidade do alumnado. Só así podemos garantir que chegamos e atendemos toda a diversidade do noso alumnado.

 

 

A dinamización da biblioteca escolar non pode desatender outros sectores da comunidade educativa, máxime nunha contorna rural na que adoita haber menos espazos de difusión cultural e de acceso á información, porque a biblioteca é un espazo cultural dinamizador que impulsa a vida do centro e conecta a comunidade, onde o coñecemento se comparte e se constrúe colectivamente. A comunidade educativa participa colaborando en concursos, certames, obradoiros, exposicións ou calquera das iniciativas que propoñemos. Ademais, creamos un andel de lectura para as familias no que se atopan diferentes libros, non só sobre psicoloxía infantil e crianza senón tamén de narrativa para persoas adultas, para que tamén gocen da lectura.

As familias participan en distintas iniciativas de animación á lectura: contacontos en familia, Mochilas Viaxeiras ou como integrantes do club de lectura, e tamén en obradoiros deseñados por elas mesmas.

 

Propostas para seguir medrando

Na diversidade de espazos da nosa biblioteca organízanse moitas actividades, en continuo cambio e adaptación ás circunstancias de cada curso e proxecto. Algunhas son de maior percorrido e permanencia, como é o caso do club de lectura ou os apadriñamentos lectores, e outras son máis circunstanciais e efémeras, pero todas responden á diversidade e variedade da Casiña de Faiuco e aos seus espazos. Sinalamos algunhas para rematar este artigo.

- Murmurios de contos polas distintas zonas de lectura compartida da escola, espalladas polas salas da biblioteca, corredores ou aulas a través dos apadriñamentos lectores.

- Recomendacións lectoras por medio de Booktubers ou A cadeira Vermella da sala de lectura, para a renarración de historias dos máis pequenos.

- Concursos de Ciencia e Fotografía: fotografía matemática, fotografía gastronómica e fototrampeo. Unha morea de fotos que expoñemos no mural do primeiro andar para visibilizar o resultado.

- Ambientación da festa do Samaín con casas do terror, vasoiras que lle poñen a unha os pelos de punta, sombreiros terroríficos e animais que poñen medo. Unha iniciativa que enche diferentes espazos da escola con maxia, misterio, fantasía e intriga.

- Exposicións de libros que axudan á planificación de distintas actividades e que fan que o espazo da sala de lectura se mimetice coas dinámicas preparadas: as novidades da semana, contos para conmemorar datas, libros informativos sobre o PDI, exemplares da autora ou autor homenaxeado nas Letras Galegas, materiais para recordar autores vencellados á nosa lingua e cultura...

- Colaboracións con institucións locais, como o centro de maiores ou a escola infantil, e outras entidades.

- A Voz do Corpiño, o noso xornal, que publica un número anual cargado de novas sobre o traballo de investigación do noso PDI; pasando a ser un exemplar máis para o quiosco da sala de lectura que organizamos na semana da prensa.

- Participación na Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá, coa primeira xuntanza Afianzando a Nosa Identidade un percorrido pola toponimia galega.

- Obradoiros de iniciación á escultura: experimentando co barro que sae da nosa contorna. Unha sesión de modelado na sala de arte, empregando as mesas deste espazo, con diferentes alturas e rodas que permiten unha rápida colocación, ademais de dispoñer no mesmo lugar do fregadeiro que facilita a limpeza do material.

- Talleres con material de refugallo, monicreques de cartón ou maquetación de libros artesanais con follas de papel feitas polas nenas e nenos. Actividades que se preparan na sala de arte, beneficiándonos da disposición e facilidade de adaptar o mobiliario.

- Talleres impartidos polas familias, como pode ser o taller de croché ou o de impresión 3D nas respectivas salas.

- Roteiros fotográficos por Begonte, camiños do Belén. Iniciativa que mostra que os recursos dispoñibles na biblioteca deben levarse alí a onde se precisen, neste caso a unha saída pola contorna.

En definitiva, A Casiña de Faiuco é o corazón creativo, tecnolóxico e cultural do centro. Un espazo que fomenta lectura, ciencia, arte, convivencia, investigación e participación comunitaria. Unha biblioteca viva, aberta, inclusiva e transformadora, que demostra que innovación e tradición poden convivir para darlle sentido ao labor educativo.