Os retos e as experiencias da dinamización da biblioteca do CIFP A Carballeira
A adaptación a estas circunstancias será a chave para que a biblioteca sexa un espazo de consulta e estudo, e tamén un lugar vivo e dinámico.
Mariña Fontenla Fortes.
CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense)
marina.fontenla [at] edu.xunta.gal (marina[dot]fontenla[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
1. Os nosos principais retos
Todas as bibliotecas escolares teñen os seus propios desafíos, os cales, desde os distintos equipos, tratamos de superar día tras día. No caso do CIFP A Carballeira, situado en Ourense, identificamos varios «obstáculos» que afectan á participación do alumnado nas actividades propostas:
- Horario de funcionamento: o noso centro está aberto ininterrompidamente desde as 8.30 ás 22.20. As sesións lectivas duran 60 minutos e os períodos de lecer son breves (pola mañá 30 minutos e pola tarde 20 minutos), o que deixa pouco tempo para que o alumnado poida implicarse nas actividades propostas.
- Diversidade do alumnado: a nosa oferta formativa abrangue catro familias profesionais nas que se atopan distintos ciclos formativos de grao básico, medio e superior, e catro cursos de especialización. Isto crea un perfil diverso de estudantes, que varían en idades, intereses e situacións persoais. Por exemplo, o rango de idade vai desde os 15 ata os 65 anos e maioría son adultos entre 25 e 50 anos, con responsabilidades como o traballo ou os coidados familiares.
- Obxectivo do alumnado: o estudantado dos CIFP ten como principal obxectivo obter unha titulación que lle permita mellorar o seu expediente académico ou acceder ao mundo laboral. A súa permanencia no centro non supera os dous anos, o que dificulta a creación de vínculos duradeiros co centro e coa biblioteca. Ademais, o tempo que pasa no centro educativo adoita estar na aula ou estudando/preparando clases.
- Horario profesorado: a carga lectiva do profesorado tamén é un factor que complica a organización das actividades do centro. Moitos docentes teñen un horario amplo de clases, o que deixa pouco tempo para colaborar no desenvolvemento das iniciativas que leva a cabo a biblioteca.
Tendo en conta estes factores, a principal dificultade á que nos enfrontamos é motivar o alumnado a participar nas iniciativas propostas. Para poder adaptarnos ás circunstancias que nos rodean, a maior parte das actividades organizámolas fóra do horario lectivo (de 15.00 a 16.00) ou cun formato que non requira un compromiso excesivo de tempo e dedicación.
2. A Carbateca
A nosa biblioteca, denominada Carbateca, é centro Plambe-15 e intentamos dinamizar o noso espazo a través da participación nas distintas iniciativas propostas desde a Consellería.
En concreto, levamos varios cursos formando parte do programa de clubs de lectura e cinco participando no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias, co que acadamos en tres ocasións o Selo BES.
Porén, non todas as liñas de traballo do Plambe resultan viables para a nosa realidade. Por exemplo, a participación no programa Lecturas e Familias vese limitada pola escasa implicación que habería e a participación na Radio na Biblio está impedida principalmente por motivos de espazo.
Intentamos, polo tanto, consolidar as liñas nas que xa traballamos de forma estable antes de ampliar o abano de actuacións, para así poder garantir a calidade e a continuidade das nosas iniciativas.
3. As nosas experiencias
Para poder contar as experiencias do noso centro, decidiuse estruturar a información en diferentes áreas, incluíndo en cada unha exemplos do traballo realizado.
3.1. Xestión, organización e promoción
Os recursos bibliográficos e tecnolóxicos
A selección de recursos é unha das decisións clave na dinamización da biblioteca. Desde o inicio eu tiven claro que esa elección debía ser colectiva, evitando os meus propios intereses, coñecementos e experiencias. Por iso, nesta escolla, promovemos a participación de toda a comunidade educativa a través do formulario da nosa web , enquisas de inicio e final de curso, e recomendacións en distintas actividades realizadas durante o ano escolar.
Ademais, o equipo de biblioteca aposta por manter un fondo actualizado, con especial atención ás novidades editoriais e ós títulos máis demandados. Malia sabermos que non se axustan sempre aos criterios de lectura ideais, este tipo de libros responden aos gustos reais do noso público lector; o que favorece o seu achegamento á lectura e á biblioteca.
Neste aspecto tamén decidimos hai dous anos ampliar a colección de literatura xuvenil e adulta, con especial atención á novela fantástica, á poesía e á novela gráfica; todos eles xéneros demandados polo alumnado (obras como Maximum Berserk, Harry Potter en inglés ou a saga de Una corte de rosa y espinas)
En canto aos idiomas dos que dispoñemos, tentamos equilibrar a presenza de títulos en galego e incorporar recursos en inglés e portugués, linguas presentes no plurilingüísimo do noso centro. Tamén ampliamos a colección de libros técnicos e de divulgación científica, especialmente aqueles relacionados cos ciclos formativos que impartimos. Por exemplo, mercamos libros de Career Paths, que son «libros de texto» en inglés especializados en áreas como informática, enfermería, xenética etc.; o que axuda o profesorado a preparar as sesións dos módulos bilingües.
Por último, desde o pasado curso temos presentes xogos de mesa, os cales tiveron unha excelente acollida por parte do alumnado e do profesorado.
Como se comentou máis arriba, o formulario en liña da páxina web é o medio de solicitude máis utilizado actualmente para facer as suxestións de compras. Malia o feito de cubrir o formulario non garantir a compra directa do recurso, estas recomendacións téñense en conta á hora de elixir o que mercamos. Por último, e por razóns prácticas, non se mercan materiais que non encaixen co perfil do noso centro.
En canto aos recursos tecnolóxicos, actualmente na Carbateca dispomos dos seguintes:
- 7 ordenadores de sobremesa
- 5 portátiles para usar na sala
- 2 tabletas con acceso a El País e a La Voz de Galicia (en físico tamén La Región e Nós Diario)
- 1 tableta gráfica Wacom One para o debuxo dixital
- 6 dispositivos Kindle con máis de 100 títulos dispoñibles
- Rede wifi propia
A organización da biblioteca e o seu ambiente
A organización do fondo bibliográfico responde a criterios prácticos, adaptados ao limitado espazo dispoñible. Dispoñemos de estantes para os libros técnicos e de texto (organizados por materia e por ciclo formativo, respectivamente), un estante específico para a divulgación científica e varios estantes para a literatura non informativa.
En relación co ambiente da biblioteca, tratamos de facer desta un lugar agradable no cal apeteza estar. O primeiro ano mercamos un conxunto de sofás e mesiñas, os cales permitiron crear unha zona de lectura informal que mellorou o ambiente e a comodidade do lugar. Posteriormente substituímos as cortinas por estores, que achegaron luz e calidez, e decoramos unha das paredes que estaba baleira con cadros acordes co estilo do noso espazo.

Contacto coa comunidade educativa
A difusión das actividades e recursos da biblioteca é tamén un dos retos máis grandes que temos.
A cartelería ten un escaso impacto, xa que nin alumnado nin profesorado adoitan ler carteis. Decidimos entón empregar múltiples canles para facer chegar a información: cartelería física nos distintos espazos, mensaxes a través de Abalar, publicacións na aula virtual e contido regular en Instagram . Tamén debemos remarcar que un método que funciona ben é que o profesorado transmita a información, aínda que isto depende en gran medida do grao de implicación do profesorado nesa tarefa.
Desde hai dous cursos implementamos unha actividade que chamamos Tour Xornada de Portas Abertas. Durante outubro, cada grupo visita a biblioteca durante media hora e nesta sesión explícaselles o funcionamento da Carbateca, os recursos dispoñibles e algunhas das actividades que realizamos. Esta dinámica permite visibilizar o espazo e captar usuarios, especialmente aquel alumnado que descoñece a súa existencia ou a súa oferta. Ao rematar esta sesión, recóllese un cuestionario con información sobre os intereses e preferencias, o que serve de guía para deseñar actividades e realizar novas adquisicións.
3.2. Biblioteca inclusiva
Dentro das liñas prioritarias do Plambe atopamos facer das bibliotecas un lugar inclusivo, onde teñan cabida todas aquelas iniciativas que se comprometan coa igualdade e a diversidade. As accións que desenvolvemos neste ámbito articúlanse arredor de tres bloques: o programa Voluntariado de Bibliotecas Escolares Solidarias, a organización dun Mercado Solidario de Nadal e obradoiros creativos, e a implicación en actividades vinculadas ao colectivo LGTBIQA+, ao 8M e ao 25N.
Voluntariado BES
Participamos activamente neste programa desde o curso 2020/21, cun enfoque baseado na metodoloxía de ensino-aprendizaxe. O alumnado voluntario, fóra das súas horas lectivas, acode ao centro para realizar obradoiros a través dos cales comparten con outros compañeiros e compañeiras os coñecementos adquiridos nos seus módulos. Desta forma, o alumnado que imparte a formación reforza dunha forma práctica as aprendizaxes que levou a cabo na aula e o que a recibe aprende algo novo nun clima de respecto mutuo e confianza.
Nese primeiro curso tivemos alumnado de Emerxencias Sanitarias impartindo obradoiros sobre RCP e Heimlich e, no seguinte curso, establecemos a Primeira Semana da Saúde no recibidor do centro. Nas tardes desa semana, houbo alumnado de diferentes ciclos participando en obradoiros sobre RCP, medidas de tensión arterial, hixiene de mans etc.
Porén, e baixo o noso punto de vista, a experiencia de máis éxito tivo lugar no curso 2022/23, coa realización da Segunda Semana da Saúde. Nese curso organizáronse obradoiros tanto en horario de mañá coma de tarde nos que participou alumnado de Hixiene Bucodental, Dietética e Nutrición, Química e Saúde Ambiental, Emerxencias Sanitarias e Farmacia e Parafarmacia. Esta foi unha actividade valorada moi positivamente tanto polo alumnado coma polo profesorado e destacou o seu carácter dinámico, útil e participativo.
O problema que temos con estas dinámicas é que dependemos da dispoñibilidade e da implicación do alumnado e do profesorado que o acompaña. Isto fai que nalgúns cursos, como o pasado e o actual, a participación sexa máis reducida; aínda así mantéñense sempre as iniciativas impartidas sobre primeiros auxilios.
Este modelo de voluntariado demostrou ser moi eficaz, xa que é unha dinámica que, cando se pon en práctica, funciona moi ben; malia deixar patente unha realidade: sen docentes motivados que impulsen estas propostas, resulta difícil mantelas no tempo.
Mercado Solidario de Nadal
Desde hai dous cursos, e en colaboración co EDLG, vimos realizando na última semana de decembro un Mercado Solidario de Nadal. Ao longo do mes de novembro recollemos doazóns daqueles obxectos (libros, complementos, obxectos decorativos, xogos...) que os membros da comunidade educativa non queiran para poder darlle unha segunda vida. Un dos grandes éxitos deste mercado tamén son as cremas que elabora o alumnado de Farmacia e Parafarmacia. Por último, durante esa semana tamén temos distintos obradoiros para adornos de Nadal (esquíos feitos con abelás, bólas de Nadal con teas recicladas etc.).
Todos os fondos recadados son doados a causas benéficas da contorna (bancos de alimentos, ONG etc.).
Actividades LGTBIQA+, 8M e 25N
Como biblioteca comprometida coa igualdade e a diversidade, tamén participamos na conmemoración de datas como o 8M (Día Internacional da Muller) ou o 25N (Día contra a Violencia de Xénero). Entre as iniciativas realizadas nos últimos cursos atopamos a visibilización de autoras como Antía Yáñez, Ledicia Costas etc., elaboración de chapas reivindicativas e creación de lazos violetas.
Para facer da biblioteca un lugar LGTBIQA+, no pasado curso instaláronse vinilos decorativos no corredor que dá acceso a esta, os cales simulan un paso de peóns coas cores da bandeira e con palabras como «respecto», «diversidade» ou «convivencia». Tamén se incluíu nalgún descanso das escaleiras o logo do centro adaptado coa bandeira do colectivo.

Con todo, desde o pasado curso e debido á creación da Comisión de Convivencia, Igualdade e Benestar (CIB), temos un papel distinto na organización das actividades. Esta comisión deseña as distintas accións e nós colaboramos na súa execución. Por exemplo, no pasado curso axudamos na organización dun encontro sobre visibilidade de xénero polo 8M e na elaboración dunhas lentes violetas polo 25N.
3.3. Club de Lectura
Unha das actividades que ao longo dos últimos anos se consolidou como un espazo de encontro interxeracional e interxerárquico con profesorado, persoal non docente e alumnado é o Club de Lectura. Nel compartimos lecturas, reflexións e vivencias, á par que buscamos manter un equilibrio entre as nosas temáticas favoritas e outros novos estilos.
Lecturas e temáticas
Ao comezo de cada trimestre planificamos a lectura de tres libros (entre sete e nove anuais), cun ritmo aproximado dun por mes. O feito de ter a secuencia lectora programada con antelación facilita a organización persoal de cada un, permitindo que, se alguén non se engancha a un título, poida pasar ao seguinte sen presión por acabalo.
En canto ao idioma da lectura, alternamos entre galego e castelán para manter un equilibrio lingüístico e, malia a novela negra ser o noso xénero favorito, actualmente introducimos unha gran variedade de xéneros. Desta forma, abordamos cuestións como o acoso escolar, as distopías, a saúde mental e a diversidade afectivo-sexual; temáticas que están á orde do día e que axudan a facer dos nosos coloquios un lugar de debate interesante.
Unha posibilidade que nos gustaría ter é facer club temáticos paralelos, pero na práctica resulta inviable actualmente pola falta de tempo e de profesorado dispoñible para a súa coordinación.
Reunións
As reunións facémolas de forma presencial, unha vez ao mes, no único momento en que estamos todas libres, que é de 15.00 a 16.00.
Tradicionalmente reuniámonos na cafetería para comer e comentar a lectura; pero era caótico e o ruído e o ambiente informal impedían un diálogo tranquilo. Desde hai dous anos xuntámonos na biblioteca, ambiente que permite centrarnos mellor no noso coloquio.
Actualmente, o grupo está formado por entre quince e vinte docentes (incluídas dúas conserxes) e entre oito e doce estudantes, número que varía segundo a época do ano e os ciclos nos que están matriculados. Todas somos mulleres, xa que a participación masculina foi descendendo nos últimos cursos por causas persoais.
A comunicación sobre as distintas sesións mantense mediante un grupo de Telegram e correos electrónicos nos que se resume o tratado en cada reunión e se recollen os acordos adoptados.
Amigo/a invisible
Todos os anos no Nadal organizamos un amigo/a invisible, no que nos agasallamos cun libro de peto para non comprometer o alumnado a gastar máis de 10-12 €. Este curso decidimos cambiar a temática e ampliar as opcións, permitindo tamén detalles de papelería, artigos de Nadal ou incluso comida, dinámica que gustou moito, triunfando sobre todo o material de papelería.

Encontros con autores
Outra das actividades máis especiais dos clubs de lectura son os encontros con autores e autoras das obras lidas. Ao longo dos últimos anos tivemos diversas visitas:
- Pedro Feijoo compartiu con nós unha intensa e interesante sesión de tres horas na que nos contou moitos dos pormenores da súa novela Un lume azul (2021/22).
- Roberto Martínez Guzmán acudiu falar da súa obra La suerte de los idiotas e de como é o proceso de autopublicación (2022/23).
- Arantza Portabales conectouse de forma telemática para falar de O home que matou a Antía Morgade tras acudir varias persoas do club á súa presentación nunha librería da contorna (2022/23).
- Jorge Arinoa, profesor nese momento no noso centro, falounos do proceso da escrita de ¿Y tú quién te crees que eres? (2023/24).
- Rober Cagiao falou connosco, un ano despois de lelo, da súa novela Entroido (2024/25).
- Todos estes encontros son experiencias moi enriquecedoras que paga a pena organizar, pois nelas conseguimos ter outra perspectiva do libro xa comentado.
Outras actividades
Ao longo destes cursos incorporamos outras iniciativas relacionadas coa lectura:
- Elaboración de calendarios lectores de sobremesa, tanto para os membros do club coma para as aulas do centro.
- Realización de rutas literarias. O pasado curso fomos a Celanova e este ano imos ao pazo de Oca, lugar no que se ambienta unha das últimas novelas lidas, Pel de cordeiro.
- Organización dun obradoiro de booktrailers dirixido a todo o club. Os vídeos están dispoñibles na web do centro e nun QR nos libros correspondentes.
- Decoración dunha parede da biblioteca cun mural de frases significativas dos libros lidos.
- Elaboración dunha clasificación de lecturas ao final de cada curso escolar.
- Elaboración de breves recensións para publicar no blog da biblioteca e incorporar QR nos libros coas devanditas opinións.
3.4.Días especiais e actividades varias
Nesta última parte presentamos un abano de actividades diversas para datas conmemorativas, actividades que intentan manter a biblioteca dinámica e viva.
Outubro
En outubro destácanse dous días, o Día das Escritoras (17) e o Día das Bibliotecas (24). No 2022/23 publicamos un post en Instagram e un cartel da Semana das Bibliotecas nos que se mostraban os recursos que tiñamos.
Desde o pasado curso levamos a cabo O Mes da Biblioteca, durante o cal facemos o Tour Xornada de Portas Abertas e é o momento no que todo o alumnado do centro coñece este lugar e a nosa oferta.
Ademais, este ano tivemos un encontro con Antía Martín, alumna do centro e autora de Amores extraños. Organizamos unha xuntanza no recreo da mañá con ela, pero lamentablemente só acudiron profes.
Novembro
Novembro é o Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca.
- No 2022/23 montamos unha exposición de eXXperimenta en feminino, centrada nas mulleres que nos levaron á Lúa.
- No 2023/24 expuxemos na entrada do centro libros científico-técnicos e de divulgación científica, e colocamos un posto con enigmas científicos onde se ofrecía un agasallo a quen os resolvese
- Repetimos no 2024/25 a dinámica dos enigmas e esta vez tivo moita mellor acollida.
- Tamén organizamos neste curso o Día do Origami e, durante a semana do 11 de novembro, puxemos na entrada do centro un roller up con instrucións de figuras de papiroflexia e papeis de cores. A participación foi moi boa e houbo premios á participación.
Decembro
- Decembro é o mes do Nadal e, ademais de decorar a biblioteca, desde o pasado curso elaboramos un calendario lector.
- No 2023/24 era de rascar e o primeiro que chegaba descubría o libro que tocaba ese día.
Este ano tivemos a sorte de contar cunha compañeira que fixo un edificio lector, convertendo cada libro nunha porta deste. Os libros elixidos eran novidades do 2024, había diferentes temáticas e idiomas, e adquirímolos para a biblioteca.

Xaneiro
En xaneiro ten lugar o Día da Ilustración (31) e desde o 2023/24 organizamos o concurso Son Artista! Os membros da comunidade educativa poden enviar unha foto dunha obra que queiran compartir con nós. Nós imprimímola en cartón pluma e colgámolas no corredor que leva á biblioteca, o que crea un ambiente acolledor.
Despois hai un período de votación e as dúas obras máis votadas reciben un premio. O número de obras presentadas duplicouse este ano, pasando de oito a dezaseis.

Febreiro
Febreiro é o Mes da Nena e da Muller na Ciencia. No 2022/23 expuxemos outra das mostras de eXXperimenta en femenino, centrada nas mulleres na ciencia, e este curso intentamos organizar un encontro con mulleres STEM, pero foi inviable.
Abril
Abril é o Mes do Libro.
- No 2022/23 organizamos un E ti que libro recomendas?, actividade que tivo moita acollida entre o alumnado. As súas recomendacións foron utilizadas para adquirir libros para a biblioteca. Neste mesmo ano tamén fixemos un sorteo entre aqueles que levaran libros en préstamo durante abril e elaboramos chapas con frases sobre lecturas e libros.
- No 2023/24 fixemos unha mestura de libros e sinopses «graciosas» para que a xente as emparellara. Había tamén premio entre os participantes.
- Todos os anos organizamos outro amigo/a invisible entre profesorado e PAS, no que participan entre dez e trinta persoas, dependendo do ano.
Outras actividades
Entre outras actividades xerais que realizamos ao longo dos diferentes anos atopamos:
- Realización de expurgo da biblioteca. Descartamos libros, que se ofreceron á comunidade educativa.
- Colaboración na organización das graduacións creando chapas dos ciclos e supervisando a impresión 3D de chaveiros do centro.
- Visibilización do que o alumnado solicite: debuxos dun rapaz de Farmacia, mascotas da carballeira de alumnado de informática etc.
A nosa biblioteca tamén é un espazo para diferentes actividades, como obradoiros de intelixencia emocional coa FP básica e cursos de desenvolvemento creativo para o profesorado. Así mesmo, fomentamos as relacións con outras bibliotecas, como co CIFP A Farixa, e a creación dun WhatsApp con coordinacións doutras bibliotecas de CIFP.
Por último, e no ámbito de novas iniciativas, este curso probamos a traballar, dentro do programa de Educación Responsable, unha iniciativa de aprendizaxe a través do videoxogo con alumnado de FP básica. A través dun videoxogo (Gris), traballaríanse as emocións, a comunicación etc. Malia ao principio o alumnado estar motivado, ao pouco tempo perdeu o interese e houbo que abandonar a actividade antes das sesións previstas.
Conclusións
Cando fun convidada a compartir as nosas experiencias, aceptei contenta por visibilizar novamente as vivencias desta tipoloxía de centros, mais con medo, pois tiña a sensación de ser unha biblioteca pouco «produtiva». Ao preparar a presentación dos Encontros Plambe, decateime de que esa percepción non se correspondía coa realidade. A análise do traballo realizado nos últimos catro cursos permitiume decatarme de que, malia as nosas limitacións, desenvolvemos múltiples actuacións de interese.
Moitas cousas non funcionan e moitas outras quedan por facer. Ademais, cando algo proposto non sae da forma esperada e cando nos comparamos coas nosas bibliotecas veciñas, é inevitable sentir certa frustración.
Con todo, debemos lembrar que chegamos ata onde podemos e que o éxito non depende unicamente das nosas intencións. Agora mesmo eu quedo con que, se unha soa persoa participa na actividade que propoñemos, xa pagou a pena o esforzo.