Internacionalizar desde a biblioteca escolar
Alma López Figueiras
EOI de Lugo (Lugo-Lugo)
alma.lopez.figueiras [at] edu.xunta.gal (alma[dot]lopez[dot]figueiras[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Dentro das ensinanzas non universitarias, as escolas oficiais de idiomas (EOI) son centros públicos de educación postobrigatoria e especializada na capacitación lingüística con gran potencial de desenvolvemento a través da internacionalización. Con todo, as singularidades da comunidade escolar nestes centros dificultan atopar estratexias de internacionalización, máis aló da formación do profesorado, que inclúan un alumnado predominantemente adulto e moi heteroxéneo no seu perfil académico, profesional, persoal e motivacional.

A EOI de Lugo, por exemplo, comezou a dar os seus primeiros pasos no camiño da internacionalización hai dúas décadas con proxectos europeos Comenius Grundvig (2004-2006), mais aqueles inicios non tiveron continuidade no ámbito institucional ata dez años despois. En 2016, incluíuse entre os obxectivos específicos do proxecto educativo de centro (PEC) para a organización da escola «impulsar e fomentar a participación do centro en proxectos europeos, de intercambios de alumnado e de profesorado e tamén a incorporación de profesorado nativo de apoio, como auxiliares de conversa». Na mesma actualización do PEC valorizouse o espazo da biblioteca, establecendo nas directrices xerais para a elaboración das actividades culturais e de promoción dos idiomas que «a biblioteca polarizará a actividade cultural do centro e axudará ao desenvolvemento das actividades culturais e de promoción dos idiomas». No curso 2019/20 avanzouse cara á creación dunha coordinación de programas internacionais cunha actividade de formación do profesorado (PFPP) sobre proxectos Erasmus+ que permitiu comezar a desenvolver un equipo de profesorado implicado e unha estratexia de internacionalización a través da participación en dous proxectos Erasmus+ de curta duración (KA104) durante o período 2020-2022, marcado inicialmente polas limitacións e preocupacións derivadas da pandemia: GOAL (Garantindo a observación na aprendizaxe de linguas) e SBLENDID, unha proposta do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para profesorado de todas as escolas oficiais de idiomas de Galicia para promover a aprendizaxe sobre cursos semipresenciais. Estes proxectos, con todo, estaban focalizados na formación do profesorado e non incluían directamente o alumnado nas actividades de mobilidade, un enfoque que foi gañando peso na avaliación de solicitudes de proxectos e obrigou o centro a deseñar unha estratexia máis innovadora e coherente co seu PEC para aspirar a unha acreditación Erasmus+ en educación de persoas adultas, un paso fundamental para consolidar a internacionalización da EOI de Lugo.
Foi neste contexto, unha vez rexeitada a primeira solicitude da Acreditación Erasmus+ nos primeiros meses do ano 2024, cando xurdiu a idea de promover a mobilidade de alumnado a través da biblioteca escolar. Aproveitáronse os valiosos contactos dun proxecto eTwinning desenvolvido no ámbito interdepartamental durante ese curso (This is Who We Are: Stories of Our Elderly) para deseñar un proxecto Erasmus+ de curta duración (KA122) denominado M+I+S=Metodoloxía, Inclusión, Sostibilidade. Cara a unha EOI máis inclusiva e sostible, que incorporaba por primeira vez unha mobilidade conxunta de alumnado e profesorado e valoraba o compromiso das persoas participantes co desenvolvemento da biblioteca escolar. Esta mobilidade de observación a bibliotecas municipais e escolares das cidades de Lisboa e Entroncamento, realizada en marzo de 2025, foi un punto de inflexión na estratexia de internacionalización da EOI de Lugo, xa que fundamentou o plan de mobilidade recollido na segunda solicitude da Acreditación Erasmus+ en Educación de Persoas Adultas, que en febreiro de 2025 si resultou aprobada, garantindo unha vintena de mobilidades de alumnos e alumnas entre os anos 2025 e 2027.

A experiencia de observar bibliotecas en Portugal
Nesta mobilidade de observación participaron dúas profesoras e seis alumnos e alumnas de diversas linguas (inglés, portugués, alemán e chinés). Desde o principio do curso comunicouse á comunidade escolar que a colaboración coa biblioteca como alumnado voluntario sería un dos criterios para seleccionar as persoas candidatas a participar nesta mobilidade. Non foi o único, pois tamén se valoraron outros relacionados coa competencia lingüística e a inclusión, pero finalmente tres dos seis alumnos e alumnas participantes eran voluntarios da biblioteca no curso 2024/25 e outra fora voluntaria en cursos anteriores. Por parte do profesorado, participaron na mobilidade a vicedirectora e coordinadora de programas internacionais, María José Veiga, e a coordinadora de biblioteca e club de lectura, Alma López.
O grupo partiu de Lugo o sábado 15 de marzo e regresou unha semana despois, o sábado 22 de marzo. Entre os días 16 e 18 de marzo realizáronse actividades culturais e visitáronse espazos e servicios da Rede de bibliotecas municipais de Lisboa en varios barrios da cidade, logo da planificación cos contactos institucionais. Entre os días 19 e 21 completouse a mobilidade de observación visitando espazos e participando en actividades das bibliotecas escolares dos centros educativos integrados no Agrupamento de escolas cidade de Entroncamento (AECE), en compañía do profesorado anfitrión. Foron dúas etapas complementarias que permitiron entender o modelo de funcionamento e coordinación das bibliotecas municipais e escolares destes lugares. Aínda que para a biblioteca escolar da EOI de Lugo resultaba máis próxima a experiencia do AECE, a xestión de espazos e servizos na Rede de bibliotecas municipais de Lisboa tamén foi moi inspiradora.
O primeiro contacto coas bibliotecas municipais da capital portuguesa foi o servizo de inclusión, de carácter transversal dentro da rede e situado na freguesía da Penha da França. Observamos que é unha área moi dinámica en constante evolución, que traballa no deseño de actividades inclusivas para todas as persoas, aplica estratexias para visibilizar e incluír referentes LGTBI+ e promove a empatía entre o propio persoal para mudar o tratamento cara ás persoas sen teito que acoden ás bibliotecas públicas. A persoa que nos atendeu, como responsable de área, tiña problemas de audición e normalizou desde o primeiro momento esta situación. No equipo había máis profesionais con algunha discapacidade auditiva ou visual, condición que nese contexto estaba especialmente valorizada porque aumentaba a capacidade de escoita e acción do servizo de inclusión. Nese mesmo encontro presentóusenos a vinculación entre a Rede de bibliotecas municipais e a Rede de bibliotecas escolares na cidade de Lisboa. Os centros educativos e o seu profesorado reciben apoio directo na xestión das bibliotecas escolares, tanto no proceso de catalogación, que é asumido por técnicos da Rede de bibliotecas municipais, coma en materia de asesoramento e formación.

Na biblioteca da Penha de França, que visitamos a continuación, puidemos coñecer unha bibliotecaria que prestaba estes servizos para promover a organización de actividades de club de lectura nos centros educativos, dando formación ao profesorado sobre estratexias de dinamización, así como outras accións máis relacionadas co diálogo intercultural e interxeracional dentro do barrio, como un mapa emocional do territorio que constitúe unha acción artística comunitaria e o proxecto sociocultural Vidas e Memórias de Bairro, enfocado na recuperación, preservación e divulgación de historias de vida, vivencias e memorias da comunidade a través da poboación de maior idade. Esta biblioteca estaba integrada nun edificio residencial e separada en dous espazos da planta baixa que non tiñan conexión física: un destinado a público infantil e outro a público adulto. A ambientación estaba moi coidada e ambos resultaron inspiradores en materia de xestión de espazos e recursos.
Durante a segunda xornada de observación en Lisboa visitamos a biblioteca Orlando Ribeiro, en Telheiras, e a biblioteca Palácio Galveias, que actúa como sede central da Rede de bibliotecas municipais. Na primeira asistimos a unha actividade de contacontos para alumnado de primaria que se desprazaba ao espazo de biblioteca. Chamounos a atención que se aproveitase o conto para sensibilizar sobre o alzhéimer e promover a empatía dos nenos e das nenas coas persoas maiores. Tamén visitamos unha colección de música para préstamo e unha sección de libros en ucraíno para a poboación refuxiada por mor da guerra en Ucraína. O Palácio Galveias era un espazo máis ilustre, igualmente accesible, pero cun patrimonio histórico evidente na arquitectura exterior e interior. Alí puidemos achegarnos a un centenario exemplar ilustrado de Os lusíadas, de Luís de Camões, do que se celebraban os 500 anos do seu nacemento.

Na capital portuguesa aproveitamos o tempo libre para seguir explorando o patrimonio cultural e literario da cidade. Realizamos un paseo literario sobre a figura de Fernando Pessoa e visitamos varias librerías. Aínda que non o tiñamos planificado, tamén entramos na biblioteca de São Lázaro, na freguesía de Arroios, para contemplar o magnífico Salão Nobre, un espazo capaz de transportarnos ao universo literario de Harry Potter.
A mobilidade de observación continuou na cidade do Entroncamento, a uns 120 quilómetros de Lisboa. Chegamos en tren, o medio de transporte que puxo a Entroncamento no mapa e nos últimos anos acabou por convertela nunha cidade dormitorio de Lisboa debido ao elevado custo de vida da capital e á boa interconexión ferroviaria que continúa mantendo esta vila de case 25 000 habitantes en Portugal. Alí puidemos intercambiar experiencias nun contexto escolar. A pesar de que a EOI de Lugo é un centro de educación postobrigatoria e especializado na ensinanza de linguas para persoas adultas que non ten equivalencia no AECE, formado por diversos centros de educación primaria e secundaria, atopáronse puntos en común e oportunidades de colaboración a través das bibliotecas escolares e áreas relacionadas, como a radio escolar.
O mércores 19 de marzo visitamos a Escola Secundária com 3º ciclo do AECE. Desde a coordinación das bibliotecas escolares do AECE estaban promovendo actividades para levara a cabo a Semana da Leitura. Entre esas actividades estaba a Farmácia Literaria, unha coidada exposición de probetas e outros recipientes de laboratorio que contiñan coloridas propostas de lecturas para curar diversos males. Este Livrocetamol portugués estaba en total sintonía coas pílulas curativas da Botica da Lingua, unha iniciativa do equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) da EOI de Lugo, emprendida en colaboración co EDLG do CMUS Xoán Montes de Lugo no marco dun Plan Proxecta e tamén apoiada desde a nosa biblioteca escolar. Ao chegar fixemos entrega dun lote de pílulas curativas con receitas baseadas en música e poesía para diversas doenzas do espírito e o equipo da biblioteca escolar da Escola Secundária com 3º Ciclo do AECE instalou rapidamente unha mesa para visibilizalas entre o seu alumnado. Foi moi gratificante ver a boa aceptación que tiveron as pílulas curativas entre a comunidade escolar do centro. Nunhas poucas horas xa non quedaba ningunha. Durante esa mesma xornada visitamos as instalacións da radio escolar e propuxemos colaborar no maratón de escoita de poemas que estaban preparando para o venres 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. Improvisamos a gravación dalgúns versos en galego incluídos no tendal de poesía que se organizara a principios de curso na EOI de Lugo, tamén dentro do proxecto colaborativo para a innovación en dinamización da lingua galega Música e Poesía: Movendo a Lingua. O alumnado que participaba na mobilidade escolleu os poemas e leunos ante os micrófonos da radio escolar do AECE, contribuíndo a visibilizar a lingua galega nunha actividade multilingüe e nun contexto europeo. Durante esa primeira xornada de observación na AECE tamén asistimos a unha presentación de proxectos escolares de ilustración de libros e a unha actuación musical inspirada nos versos de Luís de Camões, que incluía recitación poética multilingüe en portugués, inglés e español. Algunhas alumnas que participaban na mobilidade incluso participaron ese día como observadoras nunha clase de español.

O xoves 20 de marzo houbo máis tempo para visitar a contorna do centro educativo, xa que asistimos a unha representación teatral inspirada na figura de Luís de Camões e puidemos entender mellor as orixes da cidade de Entroncamento no Museu Nacional Ferroviário. O venres 21 de marzo completamos a mobilidade visitando as bibliotecas escolares de varios centros educativos de primaria e secundaria que conforman a AECE, como a Escola Básica do Bonito ou a Escola Básica 2-3 Dr. Ruy d'Andrade. Nestes centros continuamos observando o deseño e xestión de espazos, así como a enorme diversidade cultural que caracteriza hoxe en día esta comunidade escolar. Durante esa xornada, Día Mundial da Poesía, tamén se puideron escoitar os versos en galego que gravamos na radio escolar e que quedaron documentados no blog das bibliotecas escolares do AECE.
Avaliación e perspectivas de futuro
A mobilidade de observación a bibliotecas municipais e escolares de Lisboa e Entroncamento foi especialmente valiosa para avaliar xestión de espazos, actividades de promoción da lectura e dinamización cultural, modelos de coordinación e cooperación institucional en rede e posibles proxectos de futuro no marco dos programas Erasmus+ e da Plataforma Europea de Educación Escolar (eTwinning).
En xestión de espazos trouxemos ideas sobre mobiliario e decoración que podemos aplicar no centro educativo o vindeiro curso. En actividades de promoción da lectura tamén nos sentimos inspirados pola Farmácia Literaria da biblioteca da Escola Secundária com 3º Ciclo do AECE. O Livrocetamol é semellante ás pílulas curativas de música e poesía que elaborou este curso 2024/25 o EDLG da EOI de Lugo, coa colaboración da biblioteca escolar, pero permite unha maior dinamización do espazo, da comunidade e da actividade de promoción da lectura. Ambas as iniciativas de Farmácia Literaria e Botica da Lingua conectan, así mesmo, coa orixinal proposta da librería londiniense The Poetry Pharmacy, polo que inciden na importancia da observación e do intercambio de experiencias para innovar.
En relación coa dinamización sociocultural, vemos factible desenvolver no centro algún proxecto inspirado nas actividades interxeracionais da biblioteca da Penha de França, en Lisboa, para recuperar, preservar e divulgar historias de vida, vivencias e memorias da comunidade. Durante o curso 2023/24 xa desenvolvemos un proxecto interdepartamental eTwinning (This is Who We Are: Stories of Our Elderly) baseado na recollida de historias persoais das xeracións máis vellas da nosa contorna, pero tamén estamos pensando na posibilidade de contar a historia da propia EOI a través das memorias dos antigos membros da comunidade escolar. En materia de colaboración, igualmente xurdiron ideas que se poden materializar no próximo curso. Por unha banda, descubrimos que a biblioteca da Escola Secundária com 3º Ciclo do AECE xestiona unha radio escolar coa que podemos iniciar unha colaboración na produción de podcasts, quizais dentro de proxectos eTwinning que inclúan outros centros educativos europeos. Por outra banda, tanto na Rede de bibliotecas municipais de Lisboa como na AECE coñecemos profesionais que poderiamos convidar como expertos no marco do proxecto Erasmus+ para ofrecer formación sobre estratexias de mediación en club de lectura e sobre como empregar textos literarios na aula como material de ensinanza e aprendizaxe de linguas. Ambas as liñas de formación inciden na innovación metodolóxica, que é un dos obxectivos xerais da internacionalización.

Así pois, esta experiencia de observación demostrou que internacionalizar desde a biblioteca escolar é unha estratexia que permite tecer redes sólidas e promover a motivación. O alumnado participante comprometeuse desde o primeiro momento co propósito da mobilidade e a transferencia de coñecementos para seguir desenvolvendo este espazo común de aprendizaxe non formal e dinamización sociocultural, e para compartir a experiencia coa comunidade escolar está realizando un mural colectivo. Nos vindeiros proxectos que leve a cabo a EOI de Lugo no marco da Acreditación Erasmus+ en Educación de Persoas Adultas (2025-2027) continuarase por este camiño, vinculando parte das mobilidades de observación do alumnado coas actividades de club de lectura que se organizan no espazo da biblioteca. A idea é aproveitar o que xa se fai para darlle unha dimensión internacional a través das mobilidades de persoas, integrando actividades culturais de biblioteca e departamentos que ata agora estaban bastante fragmentadas, como o club de lectura, as rutas literarias e as viaxes culturais, e promovendo a inclusión de alumnado con menos oportunidades.