Bibliotecas escolares inclusivas e solidarias no século XXI
A experiencia do CIFP Compostela destaca a importancia de transformar as bibliotecas en espazos de encontro e aprendizaxe, abordando problemáticas sociais e contribuíndo á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Mercedes Teijeiro Gato
CIFP Compostela (Santiago de Compostela - A Coruña)
mtgato [at] edu.xunta.gal (mtgato[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Contextualización
No século XXI, as bibliotecas escolares enfróntanse ao desafío de adaptárense a unha sociedade cada vez máis diversa e tecnolóxica. A inclusión e a solidariedade convertéronse en piares fundamentais para garantir que todo o estudantado teña acceso equitativo aos recursos educativos e culturais. As bibliotecas escolares non só deben ser espazos de aprendizaxe, senón tamén lugares onde se fomente a igualdade, a diversidade e a participación activa de toda a comunidade educativa.
Os principais obxectivos das bibliotecas escolares solidarias e inclusivas son:
- Garantir o acceso igualitario aos recursos informativos e culturais para todo o alumnado, independentemente das súas capacidades, orixe ou situación socioeconómica.
- Fomentar a diversidade e o respecto polas diferenzas, promovendo a convivencia e a empatía entre a comunidade educativa.
- Impulsar a participación activa da comunidade educativa na vida da biblioteca, creando un espazo de encontro e colaboración
Para acadar estes obxectivos, as bibliotecas escolares deben contar cunha serie de recursos:
- Coleccións diversas e accesibles, que inclúan materiais en diferentes formatos (libros, audiolibros, materiais dixitais, materiais sensoriais) e en varios idiomas.
- Tecnoloxía adaptada, como lectores de pantalla, lupas electrónicas e software de accesibilidade, para garantir que todo o estudantado poida utilizar os recursos da biblioteca.
- Formación continua para o profesorado do equipo da biblioteca.
Biblioteca escolar inclusiva
A Asesoría de Bibliotecas Escolares, no contexto do Plan LIA, leva anos traballando desde unha perspectiva inclusiva, impulsando programas para fomentar o cambio de actitudes nas liñas de traballo desde os equipos de bibliotecas escolares como o programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no contexto do Plan LIA (lectura, información e aprendizaxe) 2016-2020 de Bibliotecas Escolares que desenvolveu algunhas das liñas establecidas no desafío número tres deste plan.
No presente curso escolar, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) ofertou numerosas formacións en materia de inclusión educativa e recentemente puxo en funcionamento o curso A biblioteca escolar como centro inclusivo das aprendizaxes.

Participación no proxecto #CAFI_IncluIDAS
Do 7 ao 11 de abril de 2025 participei nun curso de formación sobre inclusión educativa: A diversidade e a inclusión nas escolas: Estratexias e indicadores da calidade das políticas e prácticas de inclusión na Facultade de Psicoloxía e de Ciencias da Educación da Universidade do Porto en Portugal.
A actividade está enmarcada dentro do proxecto Erasmus + incluIDAS sobre a educación inclusiva, abordada desde o traballo colaborativo de tres colectivos (persoal docente, inspector e asesor). A duración do proxecto é para catro cursos académicos.
Empregamos como ferramenta de colaboración o portafolios dixital, onde visibilizamos os fitos acadados ao longo da duración do proxecto. Estes fitos estarán relacionadas cada ano cunha temática:
- Curso 2024/25: dimensión global
- Curso 2025/26: dimensión dixital
- Curso 2026/27: dimensión comunicativa
- Curso 2027/28: escolla entre as dimensións
Para participar en vindeiras convocatorias ou recibir información sobre este interesante proxecto, podedes subscribirvos á newsletter informativa.
Foron días de intensa formación teórica e onde tamén tivemos a oportunidade de visitar o Agrupamento de Escolas do Cerco do Porto, modelo de boas prácticas, e participar nas actividades da xornada cultural que estaban a realizar.
Os equipos das bibliotecas escolares galegas levamos xa unha boa andaina intentando poñer en práctica moitas das metodoloxías e liñas de traballo que nos presentaron como modelos de boas prácticas nas formacións recibidas, na primeira fase do proxecto, en Santiago de Compostela, Desenvolvemento de habilidades e competencias necesarias para unha práctica educativa inclusiva, Galicia e no curso de na universidade do Porto, Portugal.

Biblioteca escolar solidaria
A biblioteca do CIFP Compostela está comezando a formar parte da vida do centro escolar. Durante anos, os libros e materiais estiveron pechados baixo chave e practicamente estivo convertida nun almacén de diversos materiais. Durante a pandemia foi reconvertida en comedor escolar e, por fin, no ano 2022, comezouse un proceso de renovación e actualización no que aínda estamos mergulladas. Ese mesmo ano, comezamos a formar parte do Plambe.
O equipo da biblioteca do CIFP Compostela pretende ser o eixe vertebrador entre todos os departamentos didácticos para traballar de xeito transversal e colaborativo. A biblioteca concíbese como un espazo de encontro e aprendizaxe, que non só busca promover a lectura, senón tamén abordar problemáticas reais que afectan á comunidade educativa e contribuír así á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) establecidos pola ONU na súa Axenda 2030.
Formamos parte do programa de bibliotecas escolares solidarias e contamos co programa de Voluntariado Escolar. Obtivemos o Selo de Biblioteca Escolar Solidaria o pasado curso 2023/24, un recoñecemento ás bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural e social entre todas as persoas integrantes da comunidade escolar e o traballo das comunidades educativas a prol dunhas bibliotecas escolares atentas ás necesidades de toda a comunidade escolar e ás súas familias, en materia de lectura e de acceso ao coñecemento. Coa axuda ecómica recibida, aumentamos a colección de libros de lectura fácil e humanizamos máis o espazo da biblioteca.

Exemplos de actividades realizadas:
Fomento da lectoescritura
Club de lectura Caldo de Gloria.
Concursos de escritura creativa: invitación ao estudantado a expresar as súas reflexións a través da escritura e a promover a educación para a paz: Microrrelatos sobre os conflitos bélicos II.
Realización de guías dixitais para reflexionar sobre outras culturas.
Difusión da plataforma de lectura dixital E-LBE.2 entre toda a comunidade educativa.
ALFIN e AMI
A biblioteca do CIFP Compostela forma parte do plan dixital do centro desde o curso 2024/25 e entre as súas liñas prioritarias pretende ofertar formación a toda a comunidade escolar en información mediática e informacional segundo as necesidades detectadas en cada curso académico.
Información mediática e informacional: realización da Semana AMI.
Obradoiro práctico Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais impartido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) dirixido ao alumnado da FP básica.
Obradoiro sobre selfies, retratos e feminismos.
Sensibilización sobre problemas sociais
Charlas, conferencias e encontros con escritoras: invitáronse persoas expertas para abordar diferentes temáticas de interese, como a igualdade de xénero, a loita contra o cambio climático e os dereitos humanos, entre outros.
Proxeccións de documentais: exhibición de documentais que visibilicen problemáticas sociais e promovan a reflexión e o debate.
Exposicións temáticas: montaxe de exposicións que aborden aspectos relacionados cos ODS, con información relevante e propostas de acción.
Colaboración na organización do mercado sostible de Nadal: O curruncho do Apalpador.

Colaboración coa comunidade educativa
Formación de persoas usuarias da biblioteca ao inicio do curso escolar. Organización de microvisitas para lle dar a coñecer o espazo á comunidade educativa no Día da Biblioteca.
Programa de voluntariado na biblioteca escolar: ofrécense oportunidades para que o alumnado participe no Programa de voluntariado da biblioteca escolar implicándose tanto en tarefas de deseño e xestión coma no coñecemento da temática e problemática relacionada cos ODS e a proposta de actividades para realizar.
Obradoiros para mellorar a competencia comunicativa do alumnado: obradoiros de expresión oral.
Desenvolvemento de talleres prácticos onde se aborden estratexias para promover a solidariedade e a inclusión no ámbito escolar e comunitario entre as diferentes familias profesionais do CIFP Compostela: Preparación do Entroido.
Asesoramento ás persoas que precisan axuda coas TIC para solicitar a acreditación de competencias no noso centro e no proceso de matrícula de inicios de curso.
Encontros cos centros da contorna: Día Mundial da LIX.
Traballo interdepartamental. Estreita colaboración co coordinador do equipo de dinamización da lingua galega, Serxio Carreira Trigo, para realizar unha programación conxunta e minimizar esforzos na celebración anual da Festa das Letras Vivas: A voz de Morgana, teatro con Mónica Camaño.
Videopoema Delincuente de Nuria Vil.
A actividade de máis éxito deste curso foi a proposta do alumnado do Programa de voluntariado: O CIFP Compostela en viñetas. A idea era realizar un mural no centro —fíxoo a artista Ana Santiso— con representación de todas as familias profesionais desde unha perspectiva inclusiva.
Actividades e accións futuras
Na nosa liña de traballo futura intentaremos continuar coa adaptación dos espazos para poder atender a todas as necesidades da comunidade educativa: colocación de sinalización en alfabeto Braille, adaptar as publicacións da biblioteca a formatos e tipos de letra máis inclusivos, adquisición de materiais en formatos multisensoriais e colaboración no vindeiro curso 2025/26 co proxecto iniciado pola nosa compañeira Joaquina Alonso Castro para dinamizar a aula multisensorial do CIFP Compostela.

Conclusións
As bibliotecas escolares solidarias e inclusivas son esenciais para construír unha sociedade máis xusta e equitativa. A través de actividades que fomenten a diversidade e a participación, estas bibliotecas poden converterse en espazos de encontro e aprendizaxe para toda a comunidade educativa. No século XXI, é fundamental que as bibliotecas escolares se adapten ás necesidades de toda a comunidade escolar e garantan que ningunha persoa quede atrás no seu proceso de aprendizaxe e desenvolvemento persoal.
A través de iniciativas como o proxecto de formación para o profesorado #CAFI_IncluÍDAS e a renovación das bibliotecas escolares, estanse a crear espazos que non só fomentan a aprendizaxe, senón que tamén abordan problemáticas sociais e contribúen aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A experiencia do CIFP Compostela demostra que, con esforzo, medios, orzamento e colaboración, é posible transformar as bibliotecas en centros de encontro e aprendizaxe, onde se promova a lectura, a inclusión e a solidariedade. As actividades desenvolvidas, desde clubs de lectura ata obradoiros sobre igualdade de xénero e sostibilidade son exemplos claros de como as bibliotecas poden influír positivamente na comunidade educativa.
En definitiva, as bibliotecas escolares do século XXI deben continuar adaptándose ás necesidades cambiantes da sociedade, garantindo o acceso equitativo aos recursos e fomentando a participación activa de todo o estudantado e da comunidade escolar en xeral. Só así poderemos construír unha educación máis inclusiva e solidaria, que prepare as novas xeracións para os desafíos do futuro.