A poesía é unha caléndula e unha caixa de mistos e unha galleta
Esmeralda Quiroga Rodríguez
IES Val do Tea ( Pontevedra - Ponteareas)
equiroga [at] edu.xunta.gal (equiroga[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Hay ocasiones en que la poesía habita en la escena marginal que solo percibe quien se detiene a mirar de otras maneras. Pero también la poesía como obra cincelada por la inteligencia sensible, la más humana, nace materializada en palabras y los poetas nos la ofrecen como el gran regalo. «Inútiles» llaman los insensatos a los poetas, ignorantes de que la poesía puede serlo todo. Lo es cuando se convierte en la única fuerza capaz de verbalizar lo endiabladamente verbalizable.
Remedios Zafra, El informe
Que a poesía non gusta demasiado todo o mundo o sabe, que é difícil e ás veces escura tamén se escoita dicir nos corredores dos institutos, pero a poesía é emoción e intensidade e xustamente iso é o que teñen, de sobra, os e as adolescentes. Como, entón, pode non gustarlles? Escóitana, báilana, escríbena, séntena e, ás veces, son poesía. Esta é unha experiencia de como foi a poesía quen buscou os seus lectores e lectoras nun instituto público. E de como quere ficar alí, feita galleta, caléndula e caixa de mistos.
Profe, e se facemos un club de lectura? E como a poesía é caléndula, é misto, é refuxio... quen pode negarlle iso a unha alumna?
O club de poesía do IES Val do Tea naceu porque unha alumna mo pediu. E non só mo pediu, ademais ofreceuse a axudarme a levalo. Conto, no presente artigo, como artellamos o club e cal foi o seu percorrido nestes dous cursos académicos que ten, de momento, de vida e celebración.
Como o organizamos, tempos e lugares?
Decidimos, en consenso cos alumnos e alumnas que se interesaron na actividade, xuntármonos dous recreos no mes para ler, en alto, os poemas que seleccionamos previamente. As primeiras xuntanzas foron no escenario do salón de actos, por iso que de escénico ten a poesía. Tamén porque seguimos os versos do poeta Samuel Merino, «cuerpo a tierra, corazón». Por este motivo, obedecendo o poeta, botamos o corpo á terra e fixémonos corazón. Comemos galletas con versos das poetas que iamos ler en futuros encontros
Por que lemos poesía?
En primeiro lugar, lemos poesía porque unha alumna mo pediu e iso xa é motivo suficiente para que unha profesora decida montar un club do que sexa, pero máis de poesía, que é a irmá esquecida da literatura. Pero tamén porque, se hai alguén a quen lle pode gustar a poesía, moito, e coa intensidade coa que viven todo e case sempre, é aos e ás adolescentes, que son pura emoción e intensidade. E se hai un xénero que sabe recoller e ofrecer emoción, ese é a poesía. Porque nos axuda a compredérmonos e a comprender o mundo e o que nos fai humanos e humanas, porque nos salva (e cómpre que o alumnado saia do instituto coñecendo, polo menos, esta táboa de salvación que pode supoñer a poesía ante a vida e a súa dureza) e nos quenta. Porque tamén hai que ler poesía lonxe da mirada académica, libre das análises e das disquisicións literarias que ás veces trae consigo o estudo regrado da lírica. Porque nos contrúe, porque nos fai de espello, porque agudiza a mirada, porque a intelixencia e a sutileza son cualidades que deben cultivarse neste século XXI tan globalizado e racional.
Que lemos?
Eliximos ler, en xeral, poemas de mulleres novas e vivas para que o alumnado se achegue a un tipo de poesía máis viva ca a que ás veces atopan nos temarios. Máis libre e divertida, máis cotiá, máis bailable, que se pareza ás cancións que escoitan porque tamén están feitas do tacto do ritmo e do latexo. E, por suposto, para compensar as miradas poéticas masculinas que habitan nos libros de texto. Alén diso, en moitas ocasións pedímoslles a autoras que nos graven algún texto ou algún vídeo e nolo envíen para poder escoitar a súa voz (tamén física). É o caso de Andrea Nunes, que nos gravou o poema dedicado a Begoña Caamaño de Dores Tembrás, que «enxertou» un poema para nós, ou de Olga Novo, con quen bailamos a bachata que A Banda da Loba compuxo a partir dun dos seus poemas. E, por suposto, vimos recitar en directo a Samu Merino e a Silvia Penas, que é posibilidade de ver falar a poesía.
Lemos tamén poesía social e comprometida coa dignidade e a xustiza. A «poesía é unha arma cargada de futuro» e o alumnado debe sabelo. Por iso mesmo lemos unha antoloxía de Shahd Wadi (poeta luso-palestina que estivo presente no noso club acompañada dos caraveis vermellos da Revolución portuguesa), unha selección de poesía biosbarda, na que se recollen poemas sobre animais de diferentes poetas galegos e que foi creada para recoller fondos para a protectora de animais de Ponteareas, Os Biosbardos. A propósito desta lectura, viñeron ao instituto dúas voluntarias da asociación para dar a coñecer o seu traballo. E, por suposto, poemas feitos con voces rebeldes e críticas.
Outro grupo de poemas lidos está constituído polos que se xuntan arredor dos «días de...» que aproveitamos para poetizar, como non podería ser doutro xeito. Así, polo Día da Candeloria lemos poemas que intentan desfacer o mito do amor romántico ou da media laranxa (Penúltimas tendencias, Rosalía feminista, unha pequena selección de textos extraídos de Antoloxía da poesía galega próxima... son algúns títulos). En novembro, arredor do 25N lemos a antoloxía de haikus Libro do mal amor (realizada pola profesora Gracia Santorum) ou poemas extraídos de As amantes de Hamlet, de Marta Dacosta.
Tamén celebramos, léndoos, os autores e autoras que foron premiados recentemente, como é o caso de Iolanda Castaño, Chus Pato, Olga Novo, Miriam Reyes, Paula Carballeira, Manuel Rivas...
Por outro lado, saímos ao encontro das lecturas que len noutros clubs de lectura do centro e seguimos as «miguiñas» poéticas que nos deixan: así, se o club de lectura das familias le os relatos de Marica Campo, nós lemos tamén a poesía de Marica Campo; se len unha novela de Gioconda Belli, nós tamén incursionamos na súa poesía; se len a Isabel Blanco, nós entramos tamén no «bambú» poético da autora...
Que facemos?
Ademais de ler poesía en alto, de escoitala e de bailala, tamén facemos outras actividades ao seu redor: saímos á vila coa poesía, recibimos visitas poéticas e creamos textos líricos.
Con respecto ás saídas, fomos aos campanarios e ás hortas. Para celebrar o Día da Poesía 2025 fomos ler badaladas poéticas (fixemos unha antoloxía de poesía e campás baixo a mirada cómplice do artigo de Olga Novo en Luzes á igrexa de Angoares, en Ponteareas. Ademais de escoitar poesía, o noso alumno, Hugo Pino, campaneiro galego, deunos un concerto de campás. Este curso fomos celebrar a poesía á horta de Rosi, «Aloumiños da terra», onde recibimos un pequeno obradoiro sobre hortas ecolóxicas, comemos petiscos e lemos unha antoloxía de poemas vencellados á nosa terra. Inauguramos a lectura cun texto do poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro.
Ademais, tivemos a sorte de recibir visitas moi poéticas. Xa falamos das dos poetas Marta Dacosta, Samuel Merino, Silvia Penas... mais tamén as doutras persoas que tecen e fan, dalgunha maneira, poesía coas mans. É o caso das meleiras do Suído que nos explicaron como fan mel as abellas. Por outro lado, a poeta Noa Moreira fíxose tamén abella (que ao cabo é o que son as poetas todas, abellas que liban flores e crean mel. Velaí temos a editorial Apiario para lembrárnolo!) e veu facer un obradoiro de poesía co noso alumnado do club de poesía e de primeiro da ESO. Poesía e mel. Poesía para comela.
A poesía e o mar tamén estiveron presentes no club de poesía e no instituto, en xeral. Lemos a poesía de Bernardino Graña, socio de honra da CEMMA e poeta do mar, e recibimos a visita de Xabier Pin, veterinario da CEMMA, e de Marta Ortega, voluntaria da organización, que nos explicaron como funciona a asociación. Recibímolos a eles e a todos os alumnos e alumnas que asistiron ao relatorio con diferentes poemas nas butacas para que os lesen antes de comezar o acto.
Finalmente, tamén facemos creacións poéticas ao abeiro das que lemos. Dese xeito, fixemos un obradoiro de haikus (tomando como referencia aqueles lidos polos 25N), outro de poemas das primeiras veces (inspirados por un poema que nos mandou por WhatsApp Dores Tembrás, extraído do seu libro Enxertos, no que describía a primeira vez que fora ao cine co seu pai) ou creacións colectivas sobre «A que sabe o amor...» a partir dun poema de Carlos Negro que leva ese mesmo título).
A poesía máis alá do club de lectura de poesía...
Máis alá do noso club tamén pretendemos espallar a poesía polo instituto, como xa describimos no apartado anterior, e fíxose presente noutros clubs. Os alumnos e alumnas máis cativos leron, xunto coa rapazada de primaria, o libro de poesía Nos(outras) de Marica Campo e Menchu Lamas. E todos e todas, arredor desa lectura, xantamos coa súa autora, Marica Campo. Tamén os papás e as mamás merendamos con Dores Tembrás arredor dos seus Enxertos, e con Olga Novo e Laura Porto, poeta e dramaturga, que visitaron o club de lectura das familias.
Desde o nos club de poesía tentamos achegar a poesía ao noso instituto, ás nosas vidas e á nosa vila. Porque a poesía é mirar doutro xeito. É un caixa de mistos e unha caléndula. Tamén unha galleta. Quen pode non querer mirar doutro xeito? Quen pode non necesitar estas tres cousas para vivir?
Toda a información que aparece recollida neste artigo é compartida coa comunidade nas nosas redes sociais. Podedes velo aquí