Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información
O esforzo que supón a redacción dun novo plan suscita sentimentos confrontados: mentres algúns centros lembran a escasa repercusión de plans anteriores, outros móstranse esperanzados e ilusionados por mellorar a competencia lectora do seu alumnado.
No seguinte artigo, o Equipo de persoas asesoras PLEA intentará desvelar os segredos deste plan que está chamado a producir unha pequena revolución metodolóxica nos nosos centros educativos.
Mónica Patricia Muñoz Sobrino
CFR de Vigo
plea.vigo1 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]vigo1[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Iván Pena Sánchez
CFR de A Coruña
plea.coruna1 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]coruna1[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Miriam Rodríguez Vàzquez
CFR de Monforte
plea.lugo2 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]lugo2[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Diego Rúa Romero
CFR de A Coruña
plea.coruna2 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]coruna2[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Andrea de la Torre Rocafort
plea.vigo2 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]vigo2[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CFR de Vigo
Leonisa Vázquez Chousal
CFR de Ourense
plea.ourense [at] edu.xunta.gal (plea[dot]ourense[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
David Ángel Villares Sánchez
CFR de Burela
plea.lugo1 [at] edu.xunta.gal (plea[dot]lugo1[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

1. Descifrando o PLEA
1.1. Que é o PLEA
A Resolución do 16 de outubro de 2025 define o Plan de lectura, escritura e aceso á información (PLEA) deste xeito:
O PLEA é un documento de centro que integra todas as intervencións destinadas ao fomento da lectura, da escritura e das habilidades no uso e tratamento da información e tamén á comunicación do coñecemento, como apoio á adquisición das competencias clave.
A análise desta definición proporciónanos tres ideas fundamentais sobre o que debe ser este plan:
- É un documento de centro: polo tanto, require o coñecemento e cooperación de todos os sectores da comunidade educativa, e non soamente do profesorado que imparte materias do ámbito lingüístico.
- O plan non se focaliza unicamente na lectura, senón que tamén se relaciona coa escrita e co tratamento da información, habilidades que están inherentemente unidas.
- Ten como obxectivo contribuír á adquisición das competencias clave. Trátase, polo tanto, dun tema vital desde o punto de vista educativo.
1.2. Por que o PLEA?
O PLEA é un plan da Consellería de Educación enmarcado no Programa de cooperación territorial de reforzo da competencia lectora, impulsado desde o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Este programa xorde como reacción ao retroceso nos índices da competencia lectora no noso país, segundo se reflicte nas últimas avaliacións PISA.
Como consecuencia, sublíñase a necesidade de que todos os centros educativos españois sostidos con fondos públicos redacten e poñan en marcha un plan de lectura. No marco das súas competencias, a Consellería de Educación propón o presente Plan de lectura, escritura e acceso á información.
1.3. Que entendemos por competencia lectora?
A competencia lectora é a habilidade que abarca non só a práctica da lectura senón o uso que se fai desta, polo que debe ser entendida como facilitadora da aprendizaxe en todas as áreas do currículo.
Tendo isto en conta, na resolución incídese en catro fases do proceso para acadar o desenvolvemento completo da competencia lectora:
1. A descodificación. Cómpre unha reflexión por parte dos centros educativos sobre os métodos de lectoescritura empregados, avaliando os seus resultados e acadando consensos e acordos sobre o seu uso.
2. Comprensión profunda. A comprensión lectora non culmina coa descodificación. É necesario un proceso máis amplo ata conseguir comprender un texto de xeito efectivo e eficiente.
3. Análise crítica. Porén, a comprensión vai máis aló da literalidade do texto: é preciso que o alumnado advirta as inferencias subxacentes. Cando isto ocorre, comeza a facerse preguntas e a pensar dun xeito crítico.
4. Produción de textos propios. Eses pensamentos críticos deben dar lugar a argumentos e reflexións que se plasmarán en textos de distintos formatos (escrito, oral, audio, vídeo…).
1.4. Tratamento global de lectura, escritura e acceso á información
Á vista do punto anterior, o actual concepto de «competencia lectora» supera a tradicional «comprensión lectora», centrada na descodificación e na comprensión profunda. Lectura, escritura e acceso á información (tamén coñecida como ALFIN/AMI) van da man para acadar as fases máis avanzadas do proceso: a análise crítica e a produción de textos propios.
Cómpre sinalar, porén, o papel que a oralidade xoga en todo este itinerario. A través das palabras da nai ou do pai prodúcese o primeiro achegamento da cativada á linguaxe e, por extensión, á lectura. Mais a oralidade non debe abandonarse ao superar a fase de descodificación textual, senón que debe seguir acompañando o alumnado por medio de pequenas prácticas de oratoria nas que expoñer os seus coñecementos ou argumentar as opinións que van conformando.
1.5. Obxectivos do PLEA
- Mellorar a competencia lectora e fomentar a lectura crítica.
- Mellorar a produción de textos escritos en múltiples soportes.
- Favorecer as alfabetizacións múltiples (tamén a visual, a mediática e a informacional) e fomentar o uso crítico da información.
- Implementar estratexias en todas as áreas, materias e ámbitos do currículo que redunden na mellora da competencia lectora, escritora e informacional.
- Sistematizar a práctica lectora diaria en todos os niveis de primaria e secundaria.
- Consolidar as bibliotecas escolares como centros de recursos para a aprendizaxe e o gozo da lectura, da escritura e do acceso á información.
- Implicar a toda a comunidade educativa no fomento do hábito lector, da lectura e da escritura.
- Promover o uso de ferramentas de diagnose e avaliación da competencia lectora, escritora e informacional.
2. Elaborando o PLEA do noso centro
2.1. Características do documento
O Plan de lectura, escritura e acceso á información caracterizarase pola súa:
- Coherencia. Como elemento fundamental da proposta pedagóxica, debe estar deseñado en harmonía co proxecto educativo de centro (PEC).
- Contextualización. O plan adaptarase á realidade concreta de cada centro e basearase na análise das necesidades do alumnado e da comunidade educativa. Para detectalas, empregaranse os informes e as ferramentas que se consideren máis útiles.
- Integración. Deberá presentarse como unha proposta global que organice e coordine as decisións pedagóxicas e didácticas vinculadas coa lectura, a escritura e o acceso á información.
- Consenso. A súa elaboración debe implicar a todo o profesorado, aos distintos niveis educativos e a todas as áreas, materias e ámbitos de aprendizaxe.
- Realismo. Debe ser un documento viable, que se axuste ao contexto do centro e cuns obxectivos alcanzables.
- Estabilidade. Concíbese como unha proposta sostible no tempo (terá unha vixencia de catro cursos escolares), con metas a medio e longo prazo orientadas ao desenvolvemento integral do alumnado.
- Flexibilidade. Os mecanismos de seguimento e avaliación continua deberán permitir incluír correccións na programación xeral anual que garantan a eficacia do plan.
2.2. Elaboración do documento
Como en todos os plans e proxectos dun centro, o equipo directivo é o máximo responsable á hora de liderar o PLEA. Tamén é o responsable último do seu deseño, posta en marcha, seguimento, avaliación e difusión, así como de velar polo seu cumprimento e pola integración das actuacións propostas nas programacións didácticas.
O equipo directivo delega a responsabilidade da redacción do proxecto na persoa coordinadora do PLEA, que debe recoller as achegas e opinións consensuadas de todo o profesorado.
É o equipo directivo quen nomea a persoa coordinadora PLEA, pero… a quen designar?
- A primeira condición será que se trate dunha persoa con destino definitivo no centro, feito imprescindible, por unha banda, para coñecer ben o contexto e, pola outra, para poder darlle estabilidade e continuidade ao propio plan.
- Cumprida esta condición, deberíase designar unha persoa vencellada ao equipo de biblioteca (non necesariamente o coordinador ou coordinadora), por ser precisamente na biblioteca onde se concentran todos os recursos necesarios para o fomento da escritura, a lectura e o acceso á información.
As funcións da persoa coordinadora detállanse na resolución:
- Redactar o Plan de lectura, escritura e acceso á información, en coherencia co PEC.
- Deseñar e poñer en marcha estratexias e accións concretas que integren todas as áreas curriculares e se adapten ao contexto do centro.
- Coordinar e dinamizar a participación do profesorado, do alumnado e da comunidade educativa.
- Facer o seguimento e avaliación do plan, analizando o seu impacto a través de ferramentas ou indicadores obxectivos e fiables.
- Recoller evidencias e propoñer melloras nun proceso de avaliación continua que mellore os resultados do plan.
- E, en xeral, asumir todas as tarefas necesarias para garantir o correcto funcionamento do plan.
O profesorado do centro non ten un mero papel observador neste proceso. A través dos membros da CCP (ou do claustro, no caso de que o centro careza do órgano anterior), o profesorado fará as súas achegas ao plan. Unha vez que se remate e o aprobe o consello escolar, o persoal docente deberá poñer en funcionamento as propostas recollidas nas súas programacións didácticas e nas concrecións curriculares.


Dende esta perspectiva, pois, o PLEA é un documento que esixe a implicación de todo o profesorado do centro.
2.3 Estrutura do plan
Na resolución, cando se fala da estrutura do plan, sinálase que este deberá conter cando menos dous apartados:
- Contexto, que analiza a realidade do centro.
- Obxectivos:
- en relación coa lectura
- en relación coa escritura
- en relación co acceso á información.
Estes dous apartados trasladaranse ao PEC e á concreción curricular de centro e terán unha vixencia de catro cursos escolares.
En consonancia cos obxectivos establecidos no PEC, a concreción anual en canto ás actuacións, seguimento, avaliación e difusión incorporarase á PXA. Así pois, a estrutura completa do PLEA será:

2.4 Cronograma
Segundo a Resolución do 16 de outubro, o desenvolvemento do PLEA realizarase en dúas fases:
- Fase de elaboración e deseño durante o curso 2025/26, cunha planificación trimestral que rematará ao final do curso coa aprobación do plan polo consello escolar.
- Fase de implementación durante o curso 2026/27. Aquí, o plan xa aprobado pasará a formar parte do PEC e da concreción curricular. Na PXA incluiranse a concreción anual do plan correspondente a ese curso.

A partir deste momento, e ata a finalización do plan (cunha vixencia de catro cursos escolares), na PXA irán incorporándose as sucesivas concrecións do plan.
2.5 Actuacións
Pasamos agora á cuestión central do plan: as actuacións. Estas son o elemento fundamental para que o noso plan teña éxito.
Na liña que vimos comentando, segundo a resolución as actuacións previstas na PXA parten dunha visión transversal, interdisciplinaria e inclusiva, e implican a toda a comunidade educativa.
Neste aspecto, existe unha liña de actuación que se remarca de xeito moi insistente na resolución: o tempo de lectura (que xa se vén facendo en moitos centros e identificamos como Hora de Ler). Este tempo diario de lectura desenvolverase durante o horario lectivo e recollerase na concreción do PLEA que se fai anualmente na PXA.
Ademais do tempo de lectura, co fin de favorecer o desenvolvemento integral do alumnado e consolidar as súas competencias clave, levaranse a cabo diversas actuacións de fomento da lectura, da comprensión lectora, da expresión escrita e da alfabetización informacional. Na propia resolución aparecen exemplos que os propios centros poden desenvolver ou adaptar.
3. Rede de acompañamento
Para acompañar aos centros na redacción dos seus plans de lectura, escritura e acceso á información, a Consellería creou unha rede de acompañamento constituída por sete persoas asesoras, distribuídas ao longo de toda a comunidade.

Esta rede de persoas mentoras ten como función proporcionar materiais para a redacción do plan, acompañando os centros e resolvendo as dúbidas que poidan xurdir durante a súa elaboración. Neste sentido, cabería salientar as reunións en cabeceiras de comarca desenvolvidas durante o mes de novembro en toda a xeografía galega, ás que foron convidadas direccións e coordinacións PLEA de todos os centros implicados.
Por outra banda, este curso escolar a competencia lectora converteuse en liña prioritaria á hora de solicitar un PFPP. Ademais diso, o Servizo de Formación do Profesorado oferta cursos sobre este tema.
Por último, a Consellería promoverá a difusión de boas prácticas sobre competencia lectora que se desenvolvan nos centros. As experiencias máis destacadas poderán divulgarse como modelos de referencia, en colaboración cos propios centros, para inspirar e mellorar a organización e a posta en marcha do plan noutros contextos educativos.
Conclusión
Á vista de todo o anterior, o PLEA non debería ser un plan máis. Deberiamos consideralo unha oportunidade para contribuír a que os nosos alumnos e alumnas se convertan en persoas competentes que son quen de vivir en sociedade. Unha oportunidade para repensar, como docentes, as nosas prácticas metodolóxicas, traballando en equipo, recuperando a ilusión e incluíndo de xeito efectivo a todo o noso alumnado diverxente. Unha oportunidade para que cada centro atope a súa propia identidade, que é única e intransferible.
RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2025 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan de lectura, escritura e acceso á información nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. [en liña] [Consulta: 30 de novembro de 2025]. Dispoñible: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_plea_asinada.pdf
RIPOLL SALCEDA, Juan Cruz. (2023). Un marco para el desarrolo de la competencia lectora. Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes. [en liña] [Consulta: 30 denovembro de 2025]. Dispoñible: https://www.libreria.educacion.gob.es/libro/un-marco-para-el-desarrollo-de-la-competencia-lectora_183942/