Ir o contido principal
bibliotecas
Biblioteca escolar

Rutas de aprendizaxe: Integrando as experiencias Erasmus+ na programación da biblioteca escolar

Alma López Figueiras
EOI de Lugo (Lugo - Lugo)
alma.lopez.figueiras [at] edu.xunta.gal (alma[dot]lopez[dot]figueiras[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Image

 Coincidindo co Día Europeo das Linguas, a EOI de Lugo organizou un pícnic literario en setembro de 2025 para presentar o programa de Club de Lectura e as mobilidades Erasmus+ relacionadas.

 

A transformación das bibliotecas escolares na última década trouxo consigo unha mudanza profunda na maneira de entender o seu papel dentro dos centros educativos. Lonxe de constituíren unicamente espazos de custodia documental, préstamo ou consulta, as bibliotecas son hoxe contornos vivos de interacción, creación e participación. Esta visión sitúa a biblioteca como un laboratorio creativo de aprendizaxes: un espazo desde o que conectar persoas, coñecementos e experiencias arredor dun proxecto educativo compartido.

Na EOI de Lugo −unha escola oficial de idiomas que lle ofrece ensinanza e certificación en oito linguas a arredor de 1500 persoas matriculadas−, a biblioteca escolar ocupa un lugar central na estratexia integral do centro. A súa programación de actividades concíbese como unha extensión do proceso de ensino e aprendizaxe desenvolvido na aula, e configúrase como un espazo que promove a lectura, a creatividade e a cooperación, desde o enfoque do deseño universal da aprendizaxe (DUA) e con participación de alumnado voluntario.

A biblioteca escolar está integrada en programas de Bibliotecas Escolares de Galicia como o Plan de mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), o Club de Lectura, Bibliotecas Escolares Solidarias, Radio na Biblio e Biblioteca Creativa. Durante o curso 2025/26 contou cun equipo formado por 14 docentes −incluída unha persoa coordinadora de equipo e programas− e 15 alumnos voluntarios con dedicación horaria semanal. Na súa programación de actividades de dinamización, traballa colaborativamente cos departamentos lingüísticos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), a coordinación TIC, a coordinación de Programas Internacionais, a responsable de Igualdade e a recentemente creada Comisión de Medio Ambiente.

Neste contexto, a estratexia de internacionalización confluíu co labor da biblioteca na definición de rutas de aprendizaxe, entendidas como itinerarios que articulan as accións xa existentes do centro. Estas rutas responden a retos específicos das escolas oficiais de idiomas: unha comunidade interxeracional e diversa, con motivacións heteroxéneas, taxas de asistencia irregulares e dificultades para consolidar o sentimento de pertenza. Nun escenario así, o reto non reside tanto en crear novas actividades coma en articular de forma coherente as xa existentes, dotándoas de continuidade e sentido compartido.

 

A experiencia Erasmus+ como ruta de aprendizaxe

Para os membros da nosa comunidade educativa, o concepto de ruta de aprendizaxe foi construíndose progresivamente a partir da experiencia desenvolvida no proxecto Erasmus+ do centro.

Nun primeiro nivel, unha ruta de aprendizaxe pode entenderse como a propia mobilidade Erasmus+ en grupo. Esta non debe interpretarse como un episodio illado, senón como un proceso educativo que comeza antes da viaxe e continúa despois dela. A preparación previa, as lecturas compartidas, a investigación sobre o destino, a definición de obxectivos, a observación de prácticas educativas, a interacción intercultural e a reflexión posterior conforman un itinerario complexo no que se desenvolven competencias lingüísticas, sociais, dixitais e interculturais. A mobilidade convértese así nunha experiencia integral na que o alumnado participa activamente na construción da súa aprendizaxe e fortalece os vínculos coa comunidade educativa a través da vivencia compartida.

Existe, porén, unha segunda dimensión de maior alcance estratéxico: a ruta de aprendizaxe como resultado da transferencia ao centro das experiencias vividas. As aprendizaxes adquiridas nas mobilidades non quedan restrinxidas aos participantes, senón que se incorporan progresivamente á dinámica escolar mediante novas actividades, metodoloxías e proxectos. Deste xeito, unha observación nunha biblioteca pública, unha experiencia de inclusión dixital ou unha actividade de escrita creativa poden transformarse en iniciativas estables da biblioteca escolar.

 

Das mobilidades ás rutas de aprendizaxe en comunidade

A EOI de Lugo obtivo a Acreditación Erasmus+ en Educación de Persoas Adultas en 2025, co obxectivo de construír unha comunidade educativa máis participativa, inclusiva e sostible. Esta acreditación permite planificar mobilidades de forma continuada ata 2027, consolidando unha estratexia a medio prazo.

Aínda que os primeiros contactos co programa −Grundtvig, daquela− se remontan ao período 2004-2006, foi a partir de 2016 cando a internacionalización se incorporou ao proxecto educativo de centro (PEC). No curso 2020/21 creouse a Coordinación de Programas Internacionais como resultado dun grupo de traballo do Programa de formación permanente do profesorado. Durante eses anos (2020-2022), marcados pola pandemia, desenvolvéronse proxectos KA104 como GOAL (garantindo a observación na aprendizaxe de linguas) e participacións en SBLENDID, promovido polo Centro Autonómico de Formación e Innovación para formar en ensino semipresencial. Con todo, a actividade reducíase á formación de profesorado.

O punto de inflexión produciuse co proxecto KA122 do curso 2024/25 (M+I+S=metodoloxía, inclusión, sostibilidade. Cara a unha EOI máis inclusiva e sostible), que incorporou por primeira vez mobilidades en grupo con alumnado. En marzo de 2025,  seis alumnos e dúas docentes visitaron durante unha semana bibliotecas municipais de Lisboa e bibliotecas escolares de Entroncamento, en Portugal. Esta iniciativa estivo precedida por un proxecto eTwinning que contribuíu a tecer redes de colaboración coa organización de acollida nesa mobilidade, así como pola reafirmación do compromiso do centro coa internacionalización. Neste sentido, en 2024 incorporáranse ao PEC novos obxectivos relacionados coa «promoción e participación en proxectos europeos que faciliten a actualización lingüística e cultural do profesorado» e coa «participación en proxectos eTwinning» e «proxectos de mobilidade» no eido de mellora da competencia lingüística e cultural do alumnado.

Para a comunidade educativa da EOI de Lugo, o curso 2025/26 comezou a finais de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, coa presentación do programa de Club de Lectura e as mobilidades para alumnado, no marco da acreditación Erasmus+ 2025-2027. Organizouse un pícnic literario nos hortos urbanos da Deputación de Lugo no paseo do río Rato como actividade de convivencia para lle dar a benvida a un curso que prometía experiencias transformadoras.

Nese momento do curso, boa parte das mobilidades estaba por definir; porén, xa existía unha clara intención de vincular as aprendizaxes e observacións derivadas delas coas actividades da biblioteca escolar para avanzar, ao mesmo tempo, cara á definición de rutas de aprendizaxe. Na programación xeral anual (PXA), de feito, xa se establece como indicador de logro dos obxectivos de organización do centro (lograr a implicación de toda a comunidade educativa na xestión do centro e no compromiso coa sociedade a través dunha estratexia integral de centro e converter a escola nunha comunidade de aprendizaxe permanente, inclusiva e sostible) que «o alumnado voluntario elabora unha proposta de rutas de aprendizaxe que se inclúe na PXA do curso 2026/27», partindo da base de que a biblioteca escolar traballa desde o curso pasado na implicación do alumnado voluntario na organización de actividades de dinamización.

Os resultados da mobilidade de alumnado a Portugal evidenciáronse a principios de curso cunha maior participación. O alumnado voluntario no equipo de biblioteca pasou de seis a 15 persoas, e o compromiso do alumnado participante na mobilidade aumentou considerablemente: cinco das seis persoas incorporáronse ao equipo de biblioteca, dedicando tempo semanal durante todo o ano escolar, e a outra colaborou puntualmente na organización dunha actividade.

Image

A mobilidade Erasmus+ de alumnado e profesorado a Portugal, realizada enmarzo de 2025, permitiu coñecer experiencias e boas prácticas desenvolvidas en bibliotecas municipais e escolares de Lisboa e Entroncamento. Na imaxe, as persoas participantes durante a presentación dunha iniciativa de cartografía emocional impulsada nun barrio pola Rede de bibliotecas de Lisboa (BLX).

 

No deseño das mobilidades Erasmus+ para alumnado, iniciado xa a finais do curso 2024/25, vinculouse a experiencia de aprendizaxe e observación con actividades do programa de Club de Lectura, de tal xeito que se puidese organizar como unha ruta literaria internacional. Con este enfoque xurdiron as mobilidades en grupo a Potsdam (Alemaña) e a Enniscorthy e Dublín (Irlanda). A primeira, malia ter como organización de acollida a Stadt- und Landesbibliothek Potsdam (SLB), foi concibida a partir do club de lectura en alemán arredor de Unterleuten, a novela de Juli Zeh ambientada nesa rexión. A segunda, pola súa banda, foi tomando forma ao longo do proceso a partir da escolla de dúas novelas ambientadas en Irlanda para o club de lectura en inglés: Brooklyn, de Colm Tóibín, e Conversations with Friends, de Sally Rooney. Contactouse con diversas entidades e, finalmente, desenvolvéronse actividades de aprendizaxe e observación nas bibliotecas do Wexford County Council e na organización Fighting Words, dedicada á promoción da inclusión social a través da escrita creativa. As estancias en Enniscorthy e Dublín permitiron, ademais, experimentar in situ os espazos e contextos que serviran de marco ás lecturas do club.

Outra das mobilidades que quedara definida antes do inicio do curso fora a observación de aulas de galego no Instituto de Lingüística Aplicada e Tradutoloxía (Institut für Angewandte Linguistik und Translatologie, IALT) da Universität Leipzig, en Alemaña, onde existe un lectorado de galego. Nesta mobilidade déuselle prioridade ao alumnado de galego. Con todo, as actividades realizadas foron máis alá da observación da actividade docente: o alumnado tamén puido visitar a emblemática Bibliotheca Albertina e a radio universitaria Mephisto 97.6, xestionada directamente polo alumnado.

As outras dúas mobilidades en grupo —a primeira en Sertã (Portugal) e a penúltima en Klaipėda (Lituania)— xurdiron do contacto con entidades localizadas de maneira fortuíta na rede durante o proceso de solicitude da Acreditación Erasmus+. Tanto coa CULTIV–Associação de Ideias coma coa Biblioteca Pública Ieva Simonaitytè do condado de Klaipèda (Klaipėdos apskrities Ievos Simonaitytės viešoji biblioteka) existía a intuición de que eran entidades europeas de referencia na xestión de proxectos transformadores, tanto no eido da promoción da lectura coma no da alfabetización mediática e informacional. Ademais, tiñan experiencia en programas europeos e iso facilitaba a comunicación.

A mobilidade en grupo á Sertã (Portugal) estivo inicialmente vinculada ao club de lectura en portugués promovido polo alumnado da asociación Terras Irmãs. Ademais de permitir a observación de actividades de dinamización e inclusión cultural da Rede de bibliotecas da Sertã, favoreceu o establecemento de sinerxías coa CULTIV–Associação de Ideias. En xaneiro de 2026, tres semanas antes da mobilidade, a EOI de Lugo recibiu a visita de Filipe Lopes, da CULTIV, e Nicolau Marques, da Biblioteca de São Roque do Pico, nos Azores. Este intercambio de experiencias máis persoal consolidou a relación, tanto do centro educativo coma da asociación de estudantes, para seguir colaborando no futuro. Desde o centro xa se está traballando na organización dunha mobilidade de observación de profesorado nos Azores para o vindeiro curso, relacionada co medio ambiente e a sostibilidade, e desde a asociación Terras Irmãs, vinculada á comunidade educativa do centro, está previsto participar a principios de xullo na Maratona de Leitura da Sertã lendo fragmentos literarios en galego.

Image
Image

Durante a mobilidade Erasmus+ a Klaipėda, o alumnado e profesorado participante tiveron a oportunidade de visitar o Centro Internacional de Escritores e Tradutores (IWTC), vinculado á Biblioteca Pública Ieva Simonaitytė do condado de Klaipėda, e de conversar coa tradutora residente Irena Aleksaitè sobre o seu oficio.

 

A mobilidade en grupo a Klaipėda (Lituania) consistiu na observación do funcionamento da Biblioteca Pública Ieva Simonaitytė do condado de Klaipėda, un centro metodolóxico de referencia no ámbito nacional situado na terceira cidade máis grande do país, na costa báltica. No proceso de selección de candidatos déuselle prioridade ao alumnado voluntario da biblioteca escolar. Estaba programado coñecer o funcionamento dos programas de alfabetización mediática e informacional e de voluntariado da biblioteca, así como participar en actividades de intercambio cultural, tanto no Centro Internacional de Escritores e Tradutores (International Writers and Translators Centre IWTC) de Nida, no istmo de Curlandia, como no American Corner de Klaipèda. Descubríronse fórmulas de interese para promover a inclusión dixital a través de actividades formativas e da implicación do alumnado voluntario, así como oportunidades vinculadas ao European Solidarity Corps (ESC), susceptibles de seren implementadas na nosa biblioteca escolar para dar un salto cualitativo na programación de actividades.

 

Despois das mobilidades: as rutas de aprendizaxe expandidas

As mobilidades Erasmus+ constituíron en si mesmas auténticas rutas de aprendizaxe ao propiciar procesos de transformación persoal nunha boa parte do alumnado e do profesorado participante. Demostraron, ademais, o seu carácter inclusivo, ao ofrecer oportunidades de participación a persoas de diferentes idades e procedencias socioeconómicas. A experiencia compartida contribuíu a tecer vínculos emocionais e a fortalecer o sentimento de pertenza á comunidade escolar, sentando así as bases para un compromiso máis sólido e duradeiro.

Con todo, a implementación dun proxecto de mobilidades Erasmus+ en grupo tan ambicioso, tanto polo número de destinos coma polo volume de persoas participantes, non estivo exenta de retos organizativos e loxísticos. Un dos primeiros desafíos aos que houbo que facerlle fronte foi a propia comprensión do concepto de mobilidade, xa que a dimensión internacional deste tipo de experiencias tende a asociarse, de maneira reducionista, cunha viaxe de turismo cultural orientada á práctica da lingua estranxeira do país de destino. Porén, unha mobilidade Erasmus+ en grupo vai moito máis alá desa concepción. Ademais de contribuír ao desenvolvemento das competencias lingüísticas e interculturais das persoas participantes, constitúe fundamentalmente unha experiencia de aprendizaxe compartida que require da colaboración dunha organización de acollida e a planificación dun programa de actividades recollido nun compromiso de aprendizaxe, asinado tanto polo alumnado coma polo profesorado antes da partida. O seu propósito último non se limita a vivir unha experiencia internacional, senón que busca compartila, reflexionar sobre ela e favorecer a transferencia ao centro dos coñecementos, experiencias e aprendizaxes adquiridas.

Outra das dificultades xurdiu durante o proceso de deseño das mobilidades desenvolvidas no curso 2025/26, especialmente na procura de organizacións de acollida con experiencia no programa. No caso das mobilidades vinculadas aos clubs de lectura, partiuse inicialmente da definición dunha ruta literaria para, posteriormente, buscar organizacións de acollida nos destinos seleccionados. A experiencia puxo de manifesto, porén, que unha estratexia inversa —partir dunha organización de acollida con experiencia en Erasmus+ e construír a partir dela a proposta de mobilidade—  facilitaría o proceso de planificación. A pesar dos desafíos identificados ao longo do proceso, conseguiuse avanzar de maneira satisfactoria na configuración dun programa de actividades sólido, coherente e plenamente aliñado cos obxectivos formulados inicialmente.

Image

Durante as mobilidades Erasmus+, as persoas participantes colaboraron na documentación da experiencia a través de diversas canles. Na imaxe, alumnado e profesorado traballando en Klaipėda (Lituania) no diario de mobilidade compartido nun espazo da aula virtual da EOI de Lugo.

 

Ademais de seren documentadas e difundidas a través de publicacións en redes sociais e de diarios de mobilidade integrados nunha aula virtual accesible e interactiva mediante un foro aberto a todo o alumnado e profesorado do centro, as reflexións derivadas das experiencias de aprendizaxe e observación en Europa quedaron tamén recollidas en episodios do pódcast En Ruta, gravados na radio escolar e dispoñibles para escoitar nos blogs de Programas Internacionais e Biblioteca Escolar.

Co obxectivo de ampliar o concepto de ruta de aprendizaxe e darlle un encaixe estrutural na programación da biblioteca escolar, organizouse igualmente, nas últimas semanas do curso, unha actividade de transferencia de resultados no taboleiro de Programas Internacionais instalado no centro. Nela, o alumnado e o profesorado participante nas cinco mobilidades en grupo do curso 2025/26 elaboraron e compartiron propostas de actividades susceptibles de seren integradas en futuras rutas de aprendizaxe para o vindeiro curso. Solicitóuselle expresamente ao alumnado que deseñase propostas inspiradas na observación e na reflexión colectiva derivadas da mobilidade Erasmus+, nas que estivese disposto a participar activamente, mesmo na súa propia organización.

Image
Image

En abril de 2026, alumnado e profesorado da EOI de Lugo participou nunha mobilidade á EOI Carlota Remfry de Linares (Xaén), no marco dun proxecto de agrupación de centros educativos financiado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e desenvolvido durante os mesmos cursos ca a Acreditación Erasmus+. Na imaxe, participando en Linares nunha dinámica de visual thinking, unha metodoloxía que posteriormente serviu de inspiración para o deseño das actividades de transferencia vinculadas ás mobilidades Erasmus+ en grupo.

 

O enfoque desta acción estivo inspirado, así mesmo, na experiencia de intercambio de boas prácticas desenvolvida en abril deste ano na EOI Carlota Remfry de Linares (Xaén), no marco da primeira mobilidade de alumnado e profesorado do proxecto de agrupación de centros educativos Sinergias para un aprendizaje inclusivo y sostenible en las escuelas oficiales de idiomas de Linares, Lugo y Terrassa, coordinado pola EOI de Lugo. Este proxecto de cooperación territorial, financiado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, a través da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial e Innovación Educativa, foi solicitado en xuño de 2025 como complemento á Acreditación Erasmus+, co propósito de reforzar o intercambio de experiencias e afondar en ámbitos estratéxicos como a innovación docente, a inclusión, o medio ambiente, o pensamento crítico e a construción de comunidade escolar. Cunha duración de dous cursos académicos (2025-2027), coincidente coa da Acreditación Erasmus+, o proxecto amosou xa desde as súas primeiras actuacións unha clara complementariedade co programa europeo.

Dese proceso de xeración de propostas, orientado a explorar e definir rutas de aprendizaxe en comunidade, xurdiron iniciativas do alumnado de grande interese, como a creación dun grupo de experimentación en escrita creativa, un laboratorio de radio escolar centrado na Axenda 2030 ou un banco de tempo orientado ao intercambio entre membros da comunidade educativa. Así mesmo, como resultado das observacións realizadas en Sertã e Potsdam, formulouse unha sucesión de actividades de lectura compartida en voz alta que podería derivar nun spin-off da Maratona de Leitura. Do mesmo xeito, a partir da conversa cunha tradutora residente no Centro Internacional de Escritores e Tradutores de Nida (Lituania), propúxose unha serie de encontros con profesionais das linguas que sitúe a aprendizaxe de idiomas en contextos reais de uso. A estas iniciativas súmanse outras relacionadas coa xestión dos espazos e servizos da biblioteca, que xa se están avaliando para a súa posible implementación no vindeiro curso.

Image

No taboleiro de Programas Internacionais da EOI de Lugo están expostas as propostas de actividades derivadas de cada mobilidade Erasmus+ en grupo, co fin de que os membros da comunidade educativa poidan seleccionar aquelas nas que se comprometerán a participar activamente no vindeiro curso. Estas actividades formarán parte do itinerario de varias rutas de aprendizaxe que parten da biblioteca escolar.

 

Aínda que nos atopamos xa no tramo final do curso, está previsto animar os membros da comunidade escolar a votar aquelas propostas nas que desexen implicarse activamente a partir de setembro. Este será o paso final cara á definición das actividades que integrarán as rutas de aprendizaxe, actualmente orientadas ao desenvolvemento de competencias en distintos ámbitos: o lingüístico-cultural, a través da comprensión e expresión, tanto escrita coma oral, con actividades estruturais xa consolidadas como o club de lectura, a radio escolar, os obradoiros e concursos de escrita creativa, a práctica de recitación poética ou o intercambio de idiomas; o dixital, mediante a consolidación das actividades formativas do plan RochoTIC da biblioteca escolar, co obxectivo de promover a inclusión do alumnado que enfronta barreiras de aprendizaxe, a experimentación e o pensamento crítico no uso das novas tecnoloxías; e o social, a través dun itinerario de novas propostas centradas na promoción da conciencia medioambiental, a conexión co territorio e a sostibilidade.

Ao mesmo tempo, somos conscientes da necesidade de seguir tecendo redes de colaboración coas entidades visitadas durante as mobilidades Erasmus+. O club de lectura pode actuar como ponte para manter esas conexións, especialmente coa Rede de bibliotecas da Sertã, a través da CULTIV–Associação de Ideias, e co lectorado de galego da Universität Leipzig. Coas EOI Carlota Remfry de Linares (Xaén) e Terrassa (Barcelona) estase a traballar xa nunha proposta de club de lectura multilingüe e colaborativo de temática medioambiental, que inclúe a realización de encontros virtuais entre as tres comunidades educativas. Este mesmo enfoque é perfectamente aplicable ás entidades europeas visitadas no marco das mobilidades Erasmus+. A radio escolar constitúe, así mesmo, outro recurso clave que pode favorecer o desenvolvemento de proxectos colaborativos, incluso a través da plataforma eTwinning.

Neste curso 2025/26 xa puidemos comprobar o valor de coidar e fortalecer as redes de colaboración. Na primeira mobilidade en grupo a Lisboa e Entroncamento (Portugal), tivemos ocasión de coñecer as boas prácticas do profesorado de linguas estranxeiras do Agrupamento de Escolas Cidade do Entroncamento. Froito daquela experiencia, a coordinación de Programas Internacionais da EOI de Lugo convidou este curso a Paula Couto e Almerinda Pereira, profesoras de inglés e español en educación secundaria, para impartir a principios de maio unha formación sobre o aproveitamento de recursos literarios na ensinanza de idiomas. Esta relación, iniciada no curso 2024/25 a través dun proxecto eTwinning, evolucionou posteriormente cara a unha mobilidade Erasmus+ con alumnado e profesorado, e continúa a inspirar procesos de intercambio e aprendizaxe.

Agárdase que as experiencias desenvolvidas ao longo deste curso contribúan á consolidación de redes de colaboración estables, orientadas á innovación educativa permanente. De cara ao curso 2026/27, prevese finalizar o proxecto de Acreditación Erasmus+ 2025-2027 coa participación de 30 alumnos e alumnas en mobilidades grupais, así como concluír o proxecto de agrupamento de centros educativos desenvolvido xunto á EOI Carlota Remfry de Linares e a EOI de Terrassa. Aínda que o medio ambiente e a sostibilidade ocuparán un lugar destacado na programación destas mobilidades, a biblioteca escolar manterase como eixe vertebrador do proceso de transformación do centro nunha comunidade de de aprendizaxe máis inclusiva, aberta e sostible.

 

 

Palabras clave

Biblioteca

Rutas de aprendizaxe: Integrando as experiencias Erasmus+ na programación da biblioteca escolar

Erasmus+

Rutas de aprendizaxe: Integrando as experiencias Erasmus+ na programación da biblioteca escolar