Ir o contido principal
bibliotecas
Biblioteca escolar

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

A participación no proxecto LIA 2 achegou novos aires á biblioteca do centro. Bibliotecadocole abriu novos camiños para a comunidade educativa, abrindo as portas a unha biblioteca escolar do século XXI.
O Proxecto LIA de biblioteca escolar incorpora a un centro educativo novos enfoques metodolóxicos, novos medios de expresión e comprensión e un espazo para a convivencia e a aprendizaxe que permite educar alumnado do século XXI mediante procesos acordes con este tempo, co obxectivo final de educar cidadáns social e emocionalmente activos con pensamento crítico propio.

Belén Escariz Ferrín
bescariz [at] edu.xunta.es (bescariz[at]edu[dot]xunta[dot]es)
CEIP de Quintela (Moaña - Pontevedra)

 

 

LIA 2: ampliando horizontes

O Plan de mellora de Bibliotecas Escolares facilitou recursos e formación necesarios para botar a andar as bibliotecas escolares galegas coa calidade do ensino como sinal de identidade.

Bibliotecadocole CEIP de Quintela en Moaña comezou cunha pequena colección catalogada en Biblos que permitía a coordinación de propostas para o fomento da lectura e a iniciación ao traballo documental nas aulas. Ao abeiro do PLAMBE, foron abordadas liñas de actuación referidas á xestión técnica en Meiga, as iniciativas a prol da mellora das competencias ALFIN e AMI, fomento da lectura, formación de usuarios e outras como a inclusión e a participación das familias.

O Plan LIA 2 2016-2020  para a mellora da lectura, a información e a aprendizaxe facilitou que moitos centros puidésemos desenvolver aqueles proxectos que foran medrando curso a curso e que resultaban inabordables pola falta de medios, recursos e espazo.

Para o noso centro era importante que a biblioteca seguise propoñendo novas metas, ampliando horizontes innovadores na metodoloxía e nos recursos, facilitando a aprendizaxe cun compoñente social e emocional. O Plan LIA 2 dinamizou a actividade do centro abrindo novas posibilidades de acción.

 

 

Que permitiu LIA 2?

Aquel novo proxecto facilitou o deseño dunha nova biblioteca, máis ampla, acorde coas necesidades que se foron derivando dos novos proxectos formulados no centro, enmarcados todos eles na formación competencial do alumnado; pero dándolles oportunidade á colaboración entre alumnado, á integración das familias e á participación no deseño das prácticas de ensino de entidades ou persoal externo ao centro.

Este novo deseño do espazo da biblioteca tivo a súa repercusión na distribución dos espazos do centro, que foron modificados redimensionándose baixo a perspectiva do metodoloxicamente máis axeitado e adaptándose ás pautas actuais da lexislación no ámbito da educación. Repensar como queriamos que se integrase a biblioteca nos demais proxectos do centro, como os Patios inclusivos, o Proxecto TIC, o Proxecto de ampliación de currículo e outros estarían presentes na biblioteca. Repensar as prácticas do alumnado para progresar na competencia de aprender a aprender, nun marco do aprender facendo ligando a aprendizaxe aos procesos, non tanto ao produto como resultado final. 

 

 

En definitiva, LIA 2 foi un proxecto que mellorou os espazos de todo o centro ao tempo que formulaba unha biblioteca máis creativa, dinámica e substancial.

Necesitabamos unha biblioteca cun fondo documental máis amplo, para poder facilitarlles recursos e información ás diferentes aulas. Un fondo que se adaptase aos diferentes currículos e centros de interese do alumnado. Lecturas e información para cada lector, lectores para todos os títulos. As necesidades de ampliación deste tipo de fondos, ademais de atender ás necesidades curriculares, permitía a diversificación de lecturas e adecuábase mellor aos gustos e necesidades lectoras do alumnado.

 

 

Outro dos obxectivos que pretendiamos acadar ampliando os fondos era o de apoiar as propostas no campo da competencia de aprender a aprender e as habilidades relacionadas coa alfabetización informacional para a busca, selección e elaboración de contidos. Deste xeito, a biblioteca podería nutrir máis facilmente o fondo documental dos proxectos que se desenvolven nas aulas, garantindo así a formación nos procesos de busca bibliográfica que cualifica parcialmente o alumnado para os procesos de busca no medio dixital.

Queriamos tamén facer da biblioteca un espazo máis inclusivo, con novas posibilidades de recursos e fondos adaptados ás necesidades do alumnado. Melloramos os rexistros de lectura fácil e creamos o rexistro de diversidade (entre outras propostas), o que apoiou a idea de adaptar a colección ás necesidades educativas do centro.

Lectura, pero tamén información e aprendizaxe. A nova biblioteca permitiu incluír espazos para a creación de contidos a través das multilinguaxes: a creación audiovisual, a creación plástica e impresión 3D, a robótica, radio escolar, xogos de mesa cooperativos e xadrez. A biblioteca pensada como espazo creativo para deseñar producións propias en calquera dos ámbitos mencionados. 

A biblioteca pensada tamén como espazo para a convivencia, onde fose posible a aprendizaxe compartida, que puidese acoller a todo o alumnado tanto no tempo lectivo como no tempo de lecer. Permitiría organizar espazos para o traballo en grupo con todos os recursos á súa man; permite acoller visitas de expertos e a organización de obradoiros con diferentes propostas e materiais. Na actualidade, a biblioteca é o espazo máis demandado do centro cando se deseñan actividades lectivas e non lectivas por parte de calquera sector da comunidade educativa.

 

 

Porque a biblioteca integra e está integrada nos proxectos do centro e pode ofrecer os seus recursos tamén no tempo de lecer, como unha proposta mais do proxecto de Patios inclusivos.

 

O proxecto: ampliando horizontes

Ampliación de espazo, fondos, medios, todas estas pezas encaixan na medida na que os recursos humanos mobilicen a súa participación. É precisa a activación do alumnado, as familias e o profesorado para que a engrenaxe rode fluidamente e poida repercutir na calidade da oferta educativa.

LIA2 facilita a participación do alumnado, que rapidamente demanda o emprego dos medios ofertados á súa disposición. Estes son un axente motivador potente diante das aprendizaxes e o alumnado responde de xeito activo a todas as propostas.

As familias, integradas xa no proxecto, valoran o enfoque que sostén a renovación da biblioteca, participando nos obradoiros, nas charlas de formación, no equipo de apoio á biblioteca, no club de lectura de adultos e nas propostas anuais da biblioteca. A súa participación activa facilitou as tarefas no momento de recoller a colección e volver a distribuíla nos novos espazos creados; o mesmo ocorreu neste curso, cando a introdución no programa Koha fixo necesaria sacar e recolocar nos andeis cada título da colección.

As familias son un importante piar no que se apoia a biblioteca para facer comprensibles os seus obxectivos.

Neste contexto, a biblioteca convértese no espazo máis atractivo do centro, recrea os proxectos que a sustentan (bibliotecas creativas, radio escolar, clubs de lectura, fomento da lectura...) e transmite dinamismo arredor da lectura e da aprendizaxe. 

Outra peza clave dos recursos humanos implicados é o profesorado, que participa da mesma ilusión e entusiasmo: ten á súa man novos recursos para o ensino, que facilitan metodoloxías activas no desenvolvemento das competencias. O novo espazo fomenta o traballo cooperativo permitindo que o alumnado asuma responsabilidades no desenvolvemento das habilidades documentais. Buscamos nos fondos actualizados ou na rede de xeito cómodo e inmediato, con equipamento móbil, tabletas e portátiles. Só con esta accesibilidade se pode desenvolver un programa secuenciado sobre as habilidades e destrezas que debe adquirir o alumnado para buscar, seleccionar, ordenar e elaborar a información, porque nos permite resolver estas tarefas no aquí e agora, relacionadas coas necesidades concretas do día a día.

Redeseñar a biblioteca precisa do compromiso de todo o claustro, para compartir tarefas propias do tratamento da colección inicialmente, mais a garantía do éxito do novo proxecto estará ligada á incorporación nos principios metodolóxicos do profesorado da razón de ser dunha biblioteca activa, innovadora e comprometida co ensino competencial de calidade. 

 

A biblioteca como centro creativo de aprendizaxes

Unha biblioteca innovadora e renovada debe permitirlles ao alumnado e ao profesorado formarse para producir contidos en diferentes formatos, empregando habilidades de expresión múltiples. No deseño da secuencia didáctica, o profesorado pode propoñer que o produto final sexa un dosier, un folleto, unha presentación con soporte gráfico, un vídeo, un xogo de aprendizaxe con soporte dixital e para a súa creación precisamos os recursos da biblioteca.

O espazo croma e de gravación audiovisual reúne o material necesario para gravar e editar vídeos didácticos, informativos, literarios ou de calquera natureza. Conta con focos de iluminación, trípodes, micro, fondo croma...

O espazo dedicado a programación e robótica inclúe tabletas, xogos de programación, pequenos robots, placa Makey Makey etc. Permite o desenvolvemento e a formación en pensamento computacional, sempre como tarefa de grupo, aproveitando a resolución de problemas para desenvolver habilidades sociais e o espírito crítico.

 

 

Moitas das competencias atopan na biblioteca amplos recursos para o seu desenvolvemento. Ligada inicialmente á competencia lingüística a través das habilidades da lectura e escritura; a oralidade, protagonista este curso da proposta anual da Asesoría de Bibliotecas Escolares, peza clave no desenvolvemento das relacións sociais do noso alumnado, no apoio á adquisición de coñecemento e en etapas futuras e recurso crucial para a inserción profesional, atopa na radio escolar un dos seus máis potentes recursos. En RadioQuintela conflúen de xeito sincronizado as habilidades citadas, ademais doutras relacionadas coa educación emocional e a competencia social. Sen dúbida, un dos espazos máis apreciados polo alumnado e o profesorado.

O Proxecto LIA incorporou ao noso centro novos enfoques metodolóxicos, novos medios de expresión e comprensión e un espazo para a convivencia e a aprendizaxe que permite educar alumnado do século XXI mediante procesos acordes con este tempo co obxectivo final de educar cidadáns social e emocionalmente activos con pensamento crítico propio.

 

 

 

Palabras clave

Biblioteca

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

Biblioteca escolar

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

LIA

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

Lectura

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

Información

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

Aprendizaxe

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

asesoría bibliotecas escolares

Bibliotecas LIA, ampliando horizontes