O legado de Europa
Eduardo Rodríguez Sáiz
eduardorsaiz [at] edu.xunta.es (eduardorsaiz[at]edu[dot]xunta[dot]es)
CFR Vigo

En 1942 Stefan Zweig suicidouse no Brasil en compañía da súa segunda esposa, atormentado pola pantasma do totalitarismo que ameazaba o planeta. Hitler era o dono de media Europa e varios miles de quilómetros cara ao leste, O Xapón, outra das potencias do Eixe, estendía os seus tentáculos polo Pacífico. Metódico ata o final, ordenou os seus asuntos persoais, despediuse por carta dos amigos e, antes de tomar a dose de veleno, escribiu aquilo de «... prefiro, pois, poñerlle fin á miña vida no momento apropiado, ergueito, como un home cuxo traballo cultural sempre foi a súa felicidade máis pura e a súa liberdade persoal...».
A desesperación ante o negro futuro no que, segundo Zweig, se mergullaba a humanidade fíxoo claudicar. Paradoxos do destino, poucos meses despois da súa morte, as potencias aliadas comezaron a recuperar terreo ante as potencias fascistas e, anos máis tarde, en 1957, a vella arela dunha Europa unida iniciaba a súa andaina coa sinatura do Tratado de Roma. «Non coligamos Estados, nós unimos as persoas», afirmaba Jean Monnet, un dos pais da idea da Europa unida. O soño de Zweig, un continente unido baixo o paraugas da fraternidade e da liberdade, comezaba o seu camiño.
En El legado de Europa o editor de Zweig, Richard Friedenthal, compila varios textos do autor austríaco escritos entre 1912 e 1942, cun fondo en común: o soño dunha Europa fraternal. Tomando como fío condutor as vidas de artistas e figuras destacadas de carácter universal (Montaigne, Tagore, Jaures, Mahler,…), Zweig reflexiona sobre as bondades dunha Europa unida baixo a bandeira do Humanismo e a xustiza. Neste exercicio intelectual é quen de tender pontes que conectan fenómenos históricos moi afastados entre si cun claro obxectivo: entender o presente e, por riba de todo, tratar de advertir o lector sobre o futuro. Nesta liña, no capítulo dedicado a Montaigne traza un paralelismo entre o convulso século XVI —coa intolerancia relixiosa que conduciu o continente ao desastre— e a primeira metade do XX, onde para Zweig «... se produce unha espantosa recaída do Humanismo na bestialidade… como a que hoxe estamos a vivir...».
Porén, o pouso que deixa a súa lectura é optimista. Na obra aprécianse valores universais como o Humanismo, a fraternidade ou o gozo intelectual, inherentes á historia de Europa. Precisamente eses valores son os que fan que, segundo Zweig, a idea dun continente unido valla a pena, malia séculos de guerras, desencontros ou os tempos escuros que a el lle tocaron vivir.