Ir o contido principal
formacion
Ampliacións

Necesidad de la literatura

Autor: Lledó Íñigo, Emilio
Editorial: Nórdica, Madrid, 2025

Autor da recensión: José Javier Pintor Elizalde
jjpineli [at] edu.xunta.gal (jjpineli[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Centro de formación e recursos de A Coruña

 

Image

 

Emilio Lledó é unha das personalidades clave do pensamento contemporáneo. Catedrático de Historia da Filosofía, desenvolveu gran parte da súa actividade docente na Universidade alemana de Heidelberg. Concluíu esta actividade académica na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), da que foi tamén vicerrector. Entre moitos outros galardóns obtivo o Premio Nacional de Ensayo (1992) pola súa El silencio de la escritura; Premio Internacional Menéndez Pelayo (2004); Premio Fernando Lázaro Carreter (2007), Premio María Zambrano (2008); Premio Nacional de las Letras (2014), Premio Princesa de Asturias de Comunicación y Humanidades (2015) e foi condecorado coa Cruz Oficial de la Orden del Mérito de la República Federal Alemana (2005). É, ademais, membro de La Real Academia Española na que ocupa o sillón L.

Este libro, magnificamente ilustrado por Eugenia Ábalos para a editorial Nórdica, recolle tres ensaios de Emilio Lledó sobre a literatura, a cultura e a identidade. En tempos confusos nos que  predominan os bulos, as informacións falsas e interesadas e nos que a cultura está cada vez máis arrinconada son necesarias mentes lúcidas como a de Emilio Lledó que tiren luz e razón entre tanta oscuridade. Na actualidade precisamos de faros que con intelixencia, bondade e un sentido estricto da ética nos axuden a navegar por un mar de información cada vez máis turbio e encrespado. 

No primeiro ensaio titulado “Necesidad de la literatura” Lledó formula ideas tan relevantes como que a lectura e os libros son o máis asombroso principio de liberdade e fraternidade; a literatura e un territorio de infinitas posibilidades e os libros son portas que ningún podería pechar nunca; os clásicos constrúen unha humana manifestación de eternidade. No segundo texto titulado “La libertad de hablar” argumenta que a linguaxe, fundamentada na honradez persoal e política, abre as portas á razón e nos invita a rebelarnos fronte á ditadura da indecencia. O libro péchase co ensaio “Identidad” no que o autor reclama ao periodismo que recupere os conceptos de identidade e independencia, esenciais para educar a intelixencia, a sensibilidade e a felicidade dos lectores.

A única vía para loitar contra a “pragmacia”, termo acuñado por Emilio Lledó para describir  obsesión polo económico, o consumismo e o materialismo, son os valores culturais e humanos. A cultura e a educación son as ferramentas que temos ao noso alcance para enfrontarse ao utilitarismo e o lucro.

Nunha sociedade que sofre de excesiva información e onde nunca fora tan arrolladora a maquinaria para crear alienación é máis importante que nunca desenvolver un pensamento crítico propio que se nutra de liberdade. O libro é un canto ao poder da literatura, das palabras que conforman o noso pensamento e que son a sustancia da que se nutre a intelixencia. Esta obra de imprescindible lectura, conclúe cunha tese que debería guiar a nosa actitude vital: hai que amar a vida, toda a vida, e non so a nosa, a dos nosos.