Literatura a flor de piel
Autor: Lara de la Casa, Gabriel
Editorial: Libros Cúpula, Barcelona, 2024
Autor da recensión: Javier Pintor
jjpinel [at] edu.xunta.gal (jjpinel[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Centro de Formación e Recursos da Coruña

Gabriel Lara é profesor de lingua e literatura castelá nun instituto en Barcelona. Como curiosidade comentar que ten o seu corpo tatuado con frases e versos de novelas, contos ou poemarios que o emocionaron e nun momento da súa adolescencia, segundo as súas propias palabras, salváronlle a vida. Na súa pel atópanse frases de Muñoz Molina, Valle-Inclán, versos de Antonio Lucas ou de Brines. Estas tatuaxes que percorren o seu corpo representan a súa propia cartografía literaria e son unha invitación para que o seu alumnado se achegue con expectación a unha serie de obras fundamentais da literatura.
Este libro nace da paixón do autor pola literatura e pola lectura dunha serie de obras que condicionaron a súa existencia. Os dez libros que comenta son clásicos da literatura, libros que como di Italo Calvino non son indiferentes e que serven para definirse a un mesmo. Son libros que resisten o paso do tempo e admiten lecturas infinitas en cada época da historia e da vida.
O propósito de Gabriel Lara é conseguir que os clásicos seduzan o lector, neste caso, o seu alumnado e que sexan quen de gozar da súa lectura. Defende que os clásicos son textos que conseguirán a procura dunha vida de maior plenitude. Reivindica o esforzo, a paciencia e a lentitude que precisan porque a recompensa final é o coñecemento. Fronte a tanta banalidade e mensaxes banais e superficiais, os clásicos fornecen o pensamento crítico e libre.
O autor invita ao lector a mergullarse en dez autores que conforman unha nómina contrastada de escritores polos que entrar no pórtico da literatura clásica universal. Este percorrido polas obras clásicas arranca en Valle-Inclán e continúa por Unamuno, Zweig, Salinger, Kafka, O`Henry, Lorca, Mary Shelley, Williamg Golding ata arribar a Joan Didion. O autor relaciona cada unha das obras con problemáticas actuais coas que o alumando pode facilmente identificarse xa que están presentes moitos dos anhelos, frustracións e ironías propias da condición humana.
Unha das intencións deste libro é que o alumnado poida aproximarse a estes textos clásicos e afonde nos mesmos con curiosidade e mirada inquisitiva. Analízanse aspectos de cada un dos libros cos que os adolescentes poden verse representados. O autor intenta que estas lecturas propicien reflexións sobre a nosa existencia e o lugar que ocupamos nun mundo dominado polo ruído e a velocidade. As historias representadas nos libros comentados son un excelente instrumento para observar o mundo en toda a súa complexidade.
Todos os capítulos péchanse cunha carta na que Gabriel Lara rende a súa particular homenaxe aos escritores e algúns personaxes das obras comentadas. O libro remata cun decálogo de requisitos que caracterizan a todo gran lector, e unhas recomendacións lectoras relacionadas con cada un dos libros analizados.
Este libro é unha invitación para que o alumnado acceda con rebeldía aos textos clásicos sen a solemnidade que moitos docentes lles atribúen. Ademais, en momentos convulsos, que mellor recurso que o coñecemento que nos aportan os libros para loitar contra a barbarie.