Ir o contido principal
formacion
Ampliacións

La voz de los libros

Una historia de la lectura, desde los escribas hasta los audiolibros

Autor: Riaza Chaparro, Maribel
Editorial: Aguilar, Madrid, 2024

Autor da recensión: José Javier Pintor Elizalde
jjpineli [at] edu.xunta.gal (jjpineli[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Centro de formación e recursos de A Coruña

 

Image

 

A autora deste libro, Maribel Riaza, ten unha ampla experiencia no ámbito da xestión de proxectos culturais relacionados coas bibliotecas e as editoriais. É unha grande coñecedora do mundo do libro e da lectura. Nos últimos anos colaborou con asiduidade na crecente industria do audiolibro en español. Este libro é froito desta experiencia acumulada ao longo do seu desempeño profesional.

O libro realiza un percorrido moi ameno pola historia das narracións orais dende tempos remotos ata a actualidade. É incuestionable que as narracións orais existiron antes que os libros e que a sociedade evolucionou dende un rexistro oral a outro textual. Esta obra debuxa esta traxectoria con infinidade de exemplos que amosan a importancia da literatura oral. O percorrido abarca outras artes como son a pintura e o cine. 

A autora defende a tese de que o lector empeza a consolidarse como tal dende as primeiras lecturas que escoita xa na súa infancia. Ese é un momento crucial na adquisición do hábito lector. De feito, son moitos os lectores que, como a autora deste libro, din que a súa afección pola lectura naceu destas narracións orais realizadas no fogar.

Nas páxinas deste libro podemos apreciar como ao longo da historia o xeito máis estendido de gozar da lectura foi facelo en voz alta. Será a mediados do século XX cando a lectura silenciosa comezou a ser máis común, apoiada na maior alfabetización da sociedade.

Este ensaio propón un percorrido polas primeiras historias orais coñecidas ata a actualidade na que cada vez están cobrando máis importancia os audiolibros. O libro atravesa diferentes épocas amosando exemplos de lectura en voz alta e nos vai amosando como se levou a cabo o paso cara á lectura silenciosa. Nas páxinas de este ameno ensaio poderemos descubrir infinidade de curiosidades en torno ao espectáculo da lectura en grupo.

Tamén é evidente que evolutivamente estamos máis preparados para escoitar que para ler xa que levamos máis tempo exercitando a escoita. Por este motivo, reivindica a lectura en voz alta xa que esta crea apegos e fornece lazos afectivos entre quen a practica e a comparte. O éxito actual dos audiolibros e dos podcast poderíamos atopalo na predisposición do individuo cara aos textos orais. Pero quizais tamén na comodidade que supón escoitar fronte a ler, principalmente nestes tempos que reclaman esforzos máis liviáns.

Unha das ideas valiosas deste libro é a de que a lectura en voz alta crea comunidade e é un axente de carácter socializador. Eu apuntaría que non só a lectura en voz alta, tamén actividades como os clubs de lectura compren esta función xa que posibilitan que un grupo de persoas compartan ideas e emocións propias a partires do comentario dunha obra.

Coincido con Maribel Riaza en que a lectura, non só en voz alta, é un acto de rebeldía que nos permite desconectar das tecnoloxías e conectar con outras persoas coas que podemos compartir intereses a través dos libros. Nunha sociedade tan infoxicada como esta, deterse todos os días un momento para dedicarlo á lectura ou a escoita dun libro é unha experiencia sumamente saudable.