Ir o contido principal
formacion
Ampliacións

Edumitos

Ideas sobre el aprendizaje sin respaldo científico

Autor: Ruiz Martín, Héctor
Editorial: Editorial International ScienceTeachingFoundation, Barcelona, 2023

Autor da recensión: Alberto Huerga
alberto.h [at] edu.xunta.gal (alberto[dot]h[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

 

Nos ambientes educativos existen multitude de crenzas sobre os procesos de ensino-aprendizaxe que gozan de enorme arraigamento entre os diferentes actores: profesorado, familias, pedagogos, políticos, alumnado, etc. Moitas desas crenzas permaneceron no ideario colectivo durante anos e outras xorden esporadicamente e instálanse na comunidade educativa sen pasar por ningún tipo de escrutinio científico.

“Edumitos: Ideas sobre el aprendizaje sin respaldo científico” é unha obra na que o autor, Héctor Ruiz Martín, analiza a abundancia de ideas preconcibidas existentes na contorna educativa, carentes de evidencia científica contrastada e coa intención de informar sobre a validez das mesmas. Algunhas destas conviccións orixináronse por unha mala interpretación ou unha terxiversación de estudos científicos; outras proveñen de nocións intuitivas derivadas da experiencia persoal. Fronte a elas, o autor proponse contribuír a unha educación informada e apoiada polas evidencias das ciencias cognitivas. Para iso, presenta unha recompilación de mitos sobre a aprendizaxe (edumitos), que son moi prevalecentes nos círculos educativos e contrástaos coas probas achegadas polo método científico.

O libro estrutúrase en diferentes bloques, e en cada un deles ocúpase dos edumitos que afectan a diferentes áreas da educación: ensino e aprendizaxe, técnicas de estudo, emocións e aprendizaxe, cerebro e memoria, habilidades cognitivas… No libro cuestiónanse ideas pseudocientíficas relacionadas coa aprendizaxe, como os estilos de aprendizaxe, os períodos críticos, as contornas enriquecidas, o potencial cerebral e os hemisferios dominantes. Ademais, ao final de cada edumito tratado ofrécese unha ampla bibliografía científica que apoia os argumentos do autor.

Xunto a esa confrontación de crenzas que predomina na obra, o profesorado poderá atopar unha ampla colección de ideas para enfocar dun modo máis eficaz o seu labor docente, e ingredientes clave que contribúen a promover a aprendizaxe significativa no discente.

En resumo, o enfoque desta obra concéntrase en desmontar as falsas conviccións que prevalecen no ámbito educativo mediante as investigacións levadas a cabo en ciencias cognitivas. Asemade, o lector docente tamén poderá atopar proveitosas orientacións para aplicar na aula, sobre todo, o que subxace no complexo desenvolvemento dos procesos de ensino-aprendizaxe.