Echando una mano: 101 técnicas de andamiaje para el profesorado de lenguas desde una perspectiva CLIL
M.ª Cristina Villarmea Álvarez
cristinavillarmea [at] edu.xunta.gal (cristinavillarmea[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CAFI (Santiago de Compostela)

A implantación do ensino bilingüe a través do enfoque CLIL (Content and Language Integrated) esténdese rapidamente no noso país en todos os niveis educativos, desde a educación infantil ata a universidade.
CLIL fai referencia a unha situación educativa na que o alumno aprende unha materia non lingüística a través dunha lingua estranxeira. A súa gran vantaxe é que permite ir máis lonxe na concepción da lingua como comunicación auténtica, pois substitúe o mundo ficcional da clase de lingua estranxeira por un contexto de uso máis próximo ao do mundo exterior, na medida en que o idioma se converte nunha ferramenta para a aprendizaxe de contidos específicos.
Con todo, a implementación deste tipo de programas segue presentando retos e dilemas sobre a súa concreción en propostas aplicables á aula. Echando una mano, de Donna Lee Fields, súmase aos múltiples estudos e manuais que foron aparecendo nos últimos anos co obxectivo de propoñer modelos de programación e guías de elaboración de actividades.
A súa autora parte da perspectiva sociocultural e construtivista da aprendizaxe, que pon de relevo a natureza eminentemente social do proceso. A través da interacción colaborativa, os aprendices constrúen conxuntamente o coñecemento (lingüístico e non lingüístico), axudándose mutuamente na construción de significado, nun proceso coñecido como andamiaxe (scaffolfing). Así, a aprendizaxe considérase, en primeiro lugar, un proceso social e, a continuación, individual.
Nese sentido, Fields defende que a reflexión sobre CLIL non se limita a como ensinar a través doutra lingua, senón que debe tratar como ensinar en xeral e, polo tanto, debe impulsarnos a examinar o noso labor como docentes.
Así, as 101 técnicas de andamiaxe que se inclúen no libro poden considerarse unha ferramenta de apoio que facilitará a tarefa de planificar as clases, independentemente do enfoque CLIL. Propón actividades aparentemente simples para presentar e poñer en práctica na aula rapidamente, nas que se promove a creatividade e o pensamento crítico, coa finalidade última de que o alumnado reduza o seu nivel de ansiedade ante o descoñecido e se comprometa coa súa aprendizaxe, de xeito que estea disposto a seguir avanzando.
En definitiva, Echando una mano é unha boa escolma de recursos e dinámicas de aula, variadas e innovadoras, que poden servirlle de inspiración ao profesorado na planificación de clases, con ou sen enfoque CLIL, pois do que se trata é de ofrecer ferramentas para remodelar a aula e motivar o alumnado.