Ir o contido principal
formacion
Ampliacións

Aprender a enseñar a leer y a escribir

Autor: Juan C. Ripoll, Nadina Gómez-Merino e Vicenta Ávila Clemente
Editorial: SM

Autor da recensión: Sergio García Liñares
sergiogarcialinares [at] edu.xunta.gal (sergiogarcialinares[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Centro autonómico de formación e innovación de Galicia (CAFI)

 

Image

 

A competencia lectora constitúe unha competencia clave para a aprendizaxe, ao favorecer a adquisición de coñecementos, o desenvolvemento do pensamento crítico e a comunicación eficaz. Neste marco, Juan C. Ripoll, mestre especialista en Audición e Linguaxe, psicopedagogo e doutor en Educación; Nadina Gómez Merino, logopeda e doutora en Lectura e Comprensión; e Vicenta Ávila Clemente, doutora en Psicoloxía e profesora da Universidade de Valencia, presentan unha obra fundamentada na evidencia científica sobre a adquisición da lectoescritura e as dificultades asociadas á súa aprendizaxe.

O libro estrutúrase en catro bloques. Na primeira parte faise un achegamento aos conceptos de lectura e escritura, desmitificando algúns aspectos sobre a súa aprendizaxe. Os autores abordan a dimensión do código ou forma e a dimensión do significado ou contido; valoran resultados en base a distintos sistemas nos cales a ensinanza formal é a idades distintas e, por último, aclaran ideas desestimadas pola ciencia pero que perviven na cultura popular.

A segunda parte, céntrase nos preditores da aprendizaxe da lectura, especialmente na conciencia fonolóxica, no coñecemento das letras, nos coñecementos sobre a linguaxe escrita e na velocidade de denominación. Para a súa análise, os autores toman como referencia o “modelo da corda” de Hollis Scarborough (2001).

A terceira parte, versa sobre o proceso inicial de ensino-aprendizaxe da lectoescritura: os métodos de ensino, a decodificación, o ensino da escritura e a comprensión. Primeiramente clarifícase a diferencia entre métodos, enfoques e programas. Tamén se reflexiona sobre o principio alfabético e as regras que relacionan grafemas con fonemas, cuxo ensino explícito favorece a adquisición do principio, así como a práctica da habilidade de síntese. Ademais, incorpóranse reflexións sobre aspectos controvertidos relacionados coa escritura manuscrita ou con teclado, así como estratexias para o desenvolvemento da comprensión, entre elas a lectura compartida e a lectura orientada a tarefas.

Finalmente, a cuarta parte, adícase á atención á diversidade no ensino inicial da lectoescritura. Para iso céntrase na zona de desenvolvemento próximo, na aprendizaxe sen erro, na presentación controlada de contido e na aprendizaxe centrada nos intereses do alumnado como eixes fundamentais a ter en conta.

Tal e como se reflexa, a obra, incide nos aspectos fundamentais da adquisición do proceso lectoescritor dende unha fase inicial ata unha comprensión do propio proceso. Asemade, fundamenta na evidencia científica os diferentes aspectos que desenvolve co fin de dotar de rigor a análise dos distintos procesos que inciden no desenvolvemento da competencia lectora nas nosas aulas.