Ir o contido principal
escola
A nosa escola

Os castelos de Johán Vicente Viqueira

Homenaxe no centenario do seu pasamento (1924-2024). Unha experiencia compartida no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña e no CPI Cruz do Sar de Bergondo.
No ano 2024 fixéronse 100 anos do falecemento dun gran descoñecido: Johán Vicente Viqueira (1), un home con fondas raíces en Bergondo, onde se conserva a casa familiar e onde está soterrado, e ligado á cidade da Coruña, onde residiu e traballou como catedrático. Isto levounos ao CPI Cruz do Sar de Bergondo e ao IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña a desenvolver unha experiencia docente conxunta para espallar e conservar na memoria colectiva todo o seu legado.

Dulce Fernández Graña, catedrática de Lingua Galega e Literatura
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)
Natalia Lodeiros Souto, profesora de Lingua Galega e Literatura 
Marta Pumares Varela, catedrática de Lingua Galega e Literatura 
CPI Cruz do Sar (Bergondo - A Coruña)

 

Unha homenaxe necesaria

Cando a corporación municipal do Concello de Bergondo declarou por unanimidade que 2024 sería o Ano Johán Vicente Viqueira, no CPI Cruz do Sar de Bergondo e no IES P. Eusebio da Guarda comezamos a investigar para poder achegar a súa obra e o seu herdo ao noso alumnado e á comunidade educativa en xeral, e iniciamos a colaboración entre os dous centros educativos.

Neses meses previos de investigación contactamos con estudosos e especialistas en Viqueira: Xesús Torres, Antón Costa, Narciso de Gabriel, Victorino Pérez, António Gil, José Luís do Pico, Alicia López Pardo, Pedro Lamas ou Antón Sánchez, e tamén acudimos á veciñanza de Vixoi, onde se conserva a casa familiar, coñecida como Quinta de San Vitorio, para recompilarmos datos da familia do noso homenaxeado e coñecermos os lugares onde residiu. Tampouco podemos esquecer a comunicación que mantivemos con Manuel Rodríguez Viqueira, fillo de Luísa Viqueira Landa e neto de Johán Vicente Viqueira, que nos guiou durante todo o proceso.

Cales foron os motivos que nos levaron a establecer esta colaboración entre os dous centros? Consideramos que, malia Viqueira ser un dos maiores referentes do seu tempo, continuaba a ser un gran descoñecido tanto en Bergondo como na Coruña e, por extensión, tanto no CPI Cruz do Sar como no IES P. Eusebio da Guarda, onde nós impartimos clases, e quixemos reverter esta situación. Cómpre, daquela, facer unha breve sinopse do seu percorrido vital para poder comprender o noso interese.

Johán Vicente Viqueira López-Cortón naceu en Madrid o 22 de outubro de 1886 (o mesmo ano que Castelao), pero ao pouco tempo a familia trasladouse á Coruña e posteriormente instalouse na parroquia bergondesa de Vixoi, onde se sitúa a casa familiar coñecida como Quinta de San Vitorio ou Casa Cortón. Nestas terras bergondesas viviu ata os 12 anos, época na que se mesturaron os seus estudos dentro do ámbito familiar culto coa sabedoría popular da veciñanza a través da amizade cos rapaces e rapazas da contorna, as xornadas de xogos, os paseos, o contacto coa natureza..., e aquí xurdiu o amor incondicional pola súa lingua, pola súa terra e polas súas xentes.

Cursou os seus primeiros estudos na vila de Betanzos e, en 1898, grazas á amizade da súa familia con Francisco Giner de los Ríos e ao parentesco co seu tío Manuel Bartolomé Cossío, foi estudar na Institución Libre de Ensinanza de Madrid, onde recibiu unha profunda formación intelectual. Licenciouse en Filosofía e Letras, formouse en universidades europeas (París, Berlín, Londres), aprendeu a tocar o piano e o violín, chegou a dominar varios idiomas e converteuse nun humanista con fondas inquedanzas pedagóxicas que creou unha obra de pensamento filosófico e psicolóxico que podemos incluír dentro das correntes europeístas do primeiro terzo do século XX.

Desde moi novo sufriu unha doenza crónica, unha osteomielite que, como el mesmo afirmou, «destruíu o meu corpo, pro afianzou a miña alma» (2), mais iso non lle impediu destacar como filósofo, estudoso da psicoloxía, político, docente, pedagogo, tradutor, poeta, músico… Ademais, foi membro das Irmandades da Fala desde a súa fundación, figurou entre os dirixentes da Irmandade coruñesa e colaborou co xornal A Nosa Terra, polo que se converteu nun referente do nacionalismo e das ideas avanzadas do seu tempo.

Traballou como catedrático de Psicoloxía e Lóxica no Instituto da Coruña e preocupouse por cuestións relacionadas co ensino: a creación dunha escola galega, a súa galeguización, a súa pertinente reforma, a escolarización plena das mulleres e reclamou a aproximación normativa da escrita da lingua galega á lingua portuguesa.

No verán de 1924 a súa saúde empeora e, malia os intentos dos médicos que o trataron, faleceu o 29 de agosto de 1924. Seguindo os seus ideais, foi enterrado civilmente no cemiterio bergondés de Ouces e, aínda que no ano 1974 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas, a morte tan prematura (con 37 anos) impediu o seu merecido recoñecemento.

En resumo, e tomando como base as palabras do seu neto Manuel Rodríguez Viqueira: «O meu avó foi, é e será por sempre un home ilustre».

Johán Vicente Viqueira

 

Homenaxe desde o CPI Cruz do Sar

No inicio do ano 2024 propuxémoslle á Dirección do centro e á comunidade educativa apoiar a celebración do Ano Johán Vicente Viqueira que promovía o Concello de Bergondo e daquela, co apoio do Claustro, convocamos varias reunións co profesorado de primaria e de secundaria para explicar quen era Johán Vicente Viqueira e organizar un calendario de actos arredor da súa figura desde primeiro de EP a cuarto da ESO.

Nunha desas xuntanzas tomamos a decisión de crear a personaxe de Luísa Viqueira Landa (filla do noso homenaxeado) para achegar a importancia de Viqueira ao alumnado dos primeiros cursos de primaria. Neste punto foi fundamental a colaboración de dúas persoas: Ana Pereiro, profesora do centro que creou un álbum de fotografías que axudou a ilustrar as dramatizacións de Luísa Viqueira cando falaba do seu pai e da súa nai, e Manuel Rodríguez Viqueira, fillo de Luísa e neto do noso homenaxeado, que mesmo nos indicou como era a súa nai, como vestía ou cales eran as súas afeccións.

Nos meses de abril e maio, e grazas á colaboración do Concello de Bergondo, organizáronse uns obradoiros co proxecto literario Apiario impartidos por Dores Tembrás, que traballou cos grupos de quinto e sexto de primaria e todos os cursos da ESO co obxectivo de partir da súa poesía e de fragmentos da súa obra ensaística para abordar posteriormente a creación literaria co alumnado e conseguir que fosen escritores igual que o foi Viqueira.

O día 10 de maio participamos no Correlingua da Coruña cos grupos de cuarto e sexto de primaria e terceiro da ESO, e durante o percorrido portamos unha pancarta coa súa imaxe mentres que cantabamos:

Comezamos a regueifa                                Nós vivimos en Bergondo,                          E lembramos en Bergondo 
cantando con alegría,                                   terra de moita fortuna,                                a Johán Vicente Viqueira, 
un saúdo aos amigos                                   preto de Sada e Betanzos,                         no centenario da morte, 
e unha aperta á familia.                               na provincia da Coruña.                              cantando esta regueifa. 


O xoves 16 de maio levamos a cabo a II Feira da Ciencia «Johán Vicente Viqueira» e organizamos cun grupo de terceiro da ESO unha xincana viqueiriana pola que pasou todo o alumnado do centro e que permitiu investigar sobre a súa vida e obra desde unha perspectiva lúdica.

Ao tempo, o Concello convidounos a participar no programa Bergondo en feminino para compartir coa veciñanza as dramatizacións que estabamos facendo no CPI. Así, o 19 de maio, Marta Pumares converteuse en Jacinta Landa Vaz, diante da Quinta de San Vitorio en Vixoi; e o 1 de xuño en Luísa Viqueira Landa, no cemiterio de Ouces.

No inicio do curso 2024/25 retomamos a homenaxe con novas dinámicas que van aparecer descritas no apartado 4 deste artigo, xa que se realizaron de forma paralela e en común co IES P. Eusebio da Guarda.

Nas redes sociais do EDLG do CPI Cruz do Sar pódense atopar as reportaxes gráficas que se corresponden con todo o que acabamos de describir:

 

3. Homenaxe desde o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Contaxiadas do entusiasmo suscitado no CPI Cruz do Sar de Bergondo, no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda levamos a cabo varias iniciativas dentro do programa de actos do ano Viqueira. Grazas ao traballo colaborativo entre os departamentos de Lingua Galega e Literatura, Debuxo, Música, Filosofía, a biblioteca e o EDLG, e mais coa axuda de persoas tan achegadas como Xulio Cuba ou Charo Soto, profesorado xubilado do noso departamento, realizamos diversas actividades didácticas para poñelo en valor.

A primeira foi unha exposición de fotos relacionadas coa súa biografía para dar a coñecer á comunidade escolar a súa figura. Nun primeiro momento, imprimíronse as fotos familiares de estudo e tamén as tiradas na Quinta do Cortón, no instituto, e algunhas posteriores ao seu pasamento; mentres o alumnado de terceiro da ESO elaboraba un precioso álbum de fotos familiar coordinado pola profesora Dulce Fernández Graña, o de cuarto da ESO levaba a cabo unha actividade de decoración das fotos mediante coloración artística, abrindo as cancelas da imaxinación, guiado pola súa titora, Vitoria Sánchez Regueiro. Así, Johán Vicente Viqueira aparece nalgunhas delas vestido coa camiseta do Deportivo da Coruña ou a familia posando diante dun decorado psicodélico.

A profesora Karina Pereira Rei encargouse de coordinar o alumnado de cuarto da ESO por grupos para elaboraren sopas de letras con palabras clave da súa traxectoria vital e intelectual a partir da lectura e comentario dos seus textos. Así, naceron 11 sopas de letras que recollen palabras clave na súa obra como «progreso», «ensino», «galeguismo» ou «filosofía».

Orientado polas profesoras Montserrat Puíme, Teresa Pastor Novo e Dulce Fernández Graña, o alumnado de diferentes cursos, mediante un proceso que combinou reflexión crítica e creatividade, elaborou marcapáxinas con motivos do Nadal representando a Viqueira, imaxinou posibles variacións dalgunhas das cantigas tradicionais recollidas pola súa dona, Jacinta Landa Vaz, escolmou as citas máis relevantes do seu pensamento ou ben, especialmente nos cursos de bacharelato, realizou reflexións críticas sobre os seus ensaios.

Nas diferentes aulas do instituto o profesorado de Lingua Galega e Literatura proxectou un breve vídeo realizado pola Asociación Alexandre Bóveda en lembranza de Johán Vicente Viqueira, que foi gravado no noso centro.

Como consideramos preciso prolongar os actos conmemorativos ata os comezos de 2025, o día 28 de febreiro, con motivo da celebración do Entroido, alumnado e profesorado caracterizado da época reuniuse nun lugar semellante ao que serve de pano de fondo para as dúas fotografías que existen de Viqueira no instituto, imitando no posible as súas posturas e vestiario. O resultado conseguido na foto recreada tirada polo profesor Manuel Varela Domínguez foi moi interesante e evocador, aínda que na imaxe actual aparezan menos persoas que na antiga.

 

IES Antiga/actual

  

Con música do propio Viqueira, conservada grazas a unha preciosa gravación na fermosa voz da súa esposa, Jacinta Landa Vaz, o coro do instituto, coa colaboración do profesor de Música Faustino Porras, traballa no acompañamento vocal e instrumental para a voz da alumna Candela Nielsen na súa interpretación.

Finalmente, difundíronse estas actividades a través da páxina web do IES e púxose recentemente á disposición da comunidade educativa como ligazón á páxina web do instituto, o blog Viqueira centenario para centralizar todos estes traballos de homenaxe á súa figura, coa finalidade de manter viva a súa luz, e para que no seu instituto ninguén esqueza a súa relevante contribución á nosa Galicia.

 

4. Homenaxe en Ouces no centenario do seu falecemento

No mes de agosto de 2024 varias entidades e asociacións da contorna de Bergondo (Rede Cultural Betanzos e Bisbarra, ACLP Roxín Roxal, Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, Zona Hadal, Proxecto Pesquedellas e a Asociación Eira Vella de Betanzos) entraron en contacto cos nosos centros de ensino para organizarmos e realizarmos varios actos de homenaxe no centenario do falecemento de Johán Vicente Viqueira:

- O martes 27 de agosto fomos convidados a participar nunha mesa redonda organizada pola Asociación Cultural Roxín Roxal coa intervención de Iolanda Aldrei, Antón Costa, Xesús Torres e Marta Pumares. (Mesa Redonda en Facebook)

 - O xoves 29 de agosto, día do seu falecemento, tivo lugar unha homenaxe na parroquia bergondesa de Ouces. No cemiterio léronse textos de Viqueira e fíxose unha ofrenda floral; Pedro Lamas (saxo soprano), Eva Otero (violonchelo) e Marta Pumares (voz) interpretaron o «Cantar do berce». (Vídeo dos actos no cemiterio). Posteriormente presentáronse varias dinámicas e experiencias relacionadas con Johán Vicente e, a través dunha dramatización, Marta Pumares deu voz a Jacinta Landa Vaz e, tal e como se estaba a facer no CPI Cruz do Sar, explicou a vida e a contribución do seu home ao noso país. (Vídeo no arboredo de Ouces).

 

5. Homenaxe conxunta no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e no CPI Cruz do Sar

Cando o 29 de agosto coincidimos na celebración do centenario de Viqueira Dulce Fernández Graña do IES P. Eusebio da Guarda e Marta Pumares Varela do CPI Cruz do Sar de Bergondo, axiña soubemos que tiñamos que levar aos nosos centros de ensino o espírito de Johán Vicente e que nos gustaría traballar xuntas e organizar propostas didácticas en común para o alumnado coruñés e bergondés.

Ese día coñecemos en persoa algúns dos estudosos e veciños de Bergondo cos que xa contactaramos anteriormente e así iniciamos a coordinación entre os dous centros para continuarmos no curso 2024/25 a homenaxe a Viqueira. Sumouse a nós Natalia Lodeiros Souto con destino en Bergondo e xuntas elaboramos un calendario arredor da data do seu nacemento, o día 22 de outubro. De forma paralela levouse a cabo a Semana Johán Vicente Viqueira coa colaboración dos departamentos de Lingua Galega e Literatura, os EDLG, as bibliotecas e outros departamentos dos dous centros. Velaquí o programa:

 

Durante todo o trimestre divulgamos nas aulas o seu legado e nas bibliotecas dos dous centros creamos un recuncho no que se recompilou a súa obra; ademais aprendemos co alumnado o «Cantar do berce», poema creado e musicado por Johán Vicente Viqueira e do que se conserva a gravación da voz da súa muller Jacinta Landa Vaz:

 

Do 21 ao 29 de outubro organizamos varias actividades conxuntas arredor do día do seu nacemento, que denominamos Semana Johán Vicente Viqueira:

O luns 21 achegamos a súa figura aos grupos de sexto de EP e de toda a ESO do CPI Cruz do Sar a través dunha dramatización na que Marta Pumares fixo de Jacinta Landa Vaz, a súa muller, e falou da súa vida e da súa herdanza.

O día 22 de outubro (día do seu nacemento) os dous centros escolares participamos na organización de dúas propostas fóra do horario escolar para as familias e para todo o público interesado, xunto co Concello de Bergondo, a Rede Cultural Betanzos e Bisbarra a ACLP Roxín Roxal, Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, Zona Hadal, Proxecto Pesquedellas e a Asociación Eira Vella de Betanzos:

- 17:00 h. En Vixoi, visitamos a Quinta de San Vitorio, a casa familiar de Johán Vicente Viqueira, con Xesús Torres como guía e con el percorremos o seu lugar de residencia, onde viviu boa parte da súa vida. Paseamos polo xardín, visitamos o edificio da biblioteca, o miradoiro, o pombal e puidemos ver a antiga carruaxe na que se desprazaba acotío. (Vídeo en YouTube)

- 19:30 h. Asistimos no edificio da Senra ao concerto da Quinta San Vitorio, trío formado por Pedro Lamas, Sabela Caamaño e Sofía Adriana, que lles deron voz ás grandes mulleres da nosa música que foron inxustamente relegadas ao esquecemento, entre elas, Jacinta Landa Vaz. Este concerto tamén se fixo pola mañá para o alumnado do CPI Cruz do Sar.

Outra das iniciativas conxuntas realizadas polos dous centros foi a ruta pola Coruña de Johán Vicente Viqueira e das Irmandades da Fala o mércores 23 de outubro con alumnado de terceiro e cuarto da ESO e bacharelato. O punto de partida foi o IES Eusebio da Guarda, onde Viqueira foi profesor catedrático de Psicoloxía e Lóxica entre 1917 e 1924. Unha vez no salón de actos, a vicedirectora María Dolores Blanco Vieites e a profesora Dulce Fernández Graña pronunciaron unhas palabras de benvida, e alumnado de ambos os centros de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato colaborou lendo diversos textos de Viqueira ou que trataban sobre el.

Unha vez rematado este acto inicial, desde a entrada do instituto contemplamos a casa na que viviu, no número 7 da praza de Pontevedra, mentres se recitaba o poema «O meu lar» e comezamos o percorrido pola cidade.

Lectura poema IES Eusebio

 

No Círculo de Artesáns revivimos a exposición do álbum Nós de Castelao realizada nese mesmo local, cando Viqueira era primeiro conselleiro das Irmandades da Fala en 1920. O alumnado deu lectura a un texto xornalístico que relembrou aquel momento, mentres algúns compañeiros e compañeiras camiñaban arredor do público mostrando as diferentes láminas do álbum.

A seguinte parada foi nas Escolas do Insiño Galego, na praza de María Pita, escolas fundadas polas Irmandades da Fala onde se seguía o espírito da Institución Libre de Ensinanza de Giner de los Ríos, onde Viqueira se formara.

Praza de María Pita

 

Na mesma praza localízase a Casa do Concello, onde lembramos a Lois Peña Novo, compañeiro de Viqueira nas Irmandades da Fala, que foi o primeiro concelleiro que falou en galego nun pleno.

Dirixímonos despois á Real Academia Galega, na rúa Tabernas, e, aínda que non puidemos acceder ao seu interior debido ás obras, lemos diante da porta de entrada o anaco final dos artigos «A nosa lingua» e «Miña Galicia».

Desde alí non puidemos menos que achegarnos visitar a casa de Rosalía de Castro, na rúa Príncipe, e lembrarmos a referencia que a ela fai Viqueira nos seus ensaios cando defende a entrada da muller no ensino secundario. Tamén lemos o poema «A Rosalía de Castro, morta», de Federico García Lorca, autor formado, así mesmo, no espírito progresista da Institución Libre de Ensinanza.

Rúa Príncipe

 

Xa no camiño de volta, no local que foi chamado a Cova Céltica, lugar de fundación das Irmandades da Fala en 1916, lemos algúns textos na súa lembranza e, a seguir, detivémonos no teatro Rosalía de Castro, antigo teatro Principal, onde as Irmandades representaban as pezas teatrais que editaban, ás que lles dedicamos tamén unhas palabras.

Finalmente, a última parada foi no lugar de fundación da Editorial Nós, na rúa Real. Alí destacamos a importancia do seu fundador, Ánxel Casal, e da súa muller María Miramontes, nacida na parroquia bergondesa de Guísamo, e mais cantamos xuntos o «Cantar do berce» como punto final da ruta.

O venres 25 de outubro Marta Pumares Varela e Dulce María Fernández Graña participaron en varios actos celebrados no IES Eusebio da Guarda.

O alumnado de primeiro da ESO puido gozar en directo da presentción da figura de Johán Vicente Viqueira realizada pola súa esposa Jacinta (Marta Pumares), que foi axudada pola filla de ambos os dous, Luísa (Dulce Fernández). Entre as dúas relataron os aconteceres da súa vida a través das fotos do álbum familiar. Como remate desta, público e actrices cantaron en conxunto a cantiga recollida por Jacinta Landa Vaz, «Non quero, non quero», ao ritmo da pandeireta.

Dramatización no IES

 

Narciso de Gabriel Fernández, autor do prólogo de Ensaios sobre Galicia (Galaxia, 2021), Xesús Torres Regueiro, autor de Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego (O Castro, 1987), e Marta Pumares Varela, catedrática no CPI Cruz do Sar de Bergondo, foron as personalidades convidadas á mesa redonda «100 anos despois de Johán Vicente Viqueira». Na semana en que se conmemoraba o seu nacemento, 138 anos atrás, as persoas expertas falaron ante un público integrado por alumnado e profesorado de primeiro e segundo de bacharelato que ateigaba o salón de actos do IES P. Eusebio da Guarda.

Tras a presentación e benvida da directora do centro, María Isabel Ruso de Lago, interveu Narciso de Gabriel destacando a actualidade e o carácter innovador das propostas de Viqueira sobre o ensino. A seguir, Xesús Torres abordou a faceta galeguista do autor, seguindo a súa liña biográfica e incidindo no seu compromiso coa lingua e a terra. Tamén se centrou na vertente filosófica a través dos seus ensaios e da súa profesión. Finalmente, Marta Pumares percorreu a súa biografía e detívose na actualidade do seu pensamento, incidindo na súa importancia como intelectual galeguista.

Despois da mesa redonda, o alumnado realizoulles unha entrevista aos investigadores e á investigadora para satisfacer a súa curiosidade sobre a pescuda dos conferenciantes, así como sobre as diferentes facetas do propio Viqueira.

Rematamos os actos conmemorativos desta Semana Johán Vicente Viqueira o martes 29 de outubro co alumnado de cuarto da ESO do CPI Cruz do Sar e do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda realizando un itinerario arredor de Viqueira polo concello de Bergondo. Comezamos o percorrido no edificio da Senra, onde José Antonio Iglesias, director do centro, nos deu a benvida. O alumnado de Oratoria de cuarto da ESO actuou como anfitrión e realizou unha presentación e descrición das características do concello, do edificio da Senra, do CPI e do motivo que nos reunía, e posteriormente fixemos unha lectura compartida de textos de Viqueira cos participantes dos dous centros.

Posteriormente subimos aos autobuses e dirixímonos a Vixoi onde está situada a Quinta de San Vitorio, casa que aínda conserva a familia. Alí explicamos as características da parroquia de Vixoi, describimos a quinta, lembramos as vivencias de Johán Vicente Viqueira neste lugar ata que marchou estudar a Madrid e aproveitamos para ler o poema «O meu castelo»:

De ouro e brilante pedrería
acugulado,
eu fixen un castelo, no que vivo
agachado!

N'el soño, n'el levo unha existencia
sobrehumana,
amiga d'as estrelas que tremelen
na bóveda uraniana.

N'el canta miña alma os meus amores
qu'alumean meu mundo,
cantiga qu'atopa no universo
eco profundo.

Non quero m'espertar. No meu castelo
misterioso e forte,
soñarei hastra que a min chegares

ou, negra morte!

 

Lembramos que, xa casado, conseguiu praza como catedrático na Coruña, cidade na que viviu un tempo, pero despois o matrimonio, coa súa filla Luísa, regresa a Vixoi. Desde esta parroquia Johán Vicente desprazaríase todos os días nunha carruaxe ata o apeadoiro de Guísamo, collendo o tren que o levaría ata a cidade herculina.

 

Quinta de San Vitorio

 

Continuamos o noso camiño cara á praia de Gandarío, onde o alumnado explicou que, debido á súa enfermidade, Viqueira tiña necesidade de bañarse a diario no mar e o matrimonio, xa con tres fillos, alugou unha casa no lugar da Lagoa. Alí detivémonos na lectura do que se pode considerar unha das primeiras composicións neotrobadoristas da nosa literatura, o «Poemeto da vida» do que reproducimos a primeira parte e que quizais estea inspirada no mar no que nadaba acotío:

Ao raiar do sol, Amiga, gracia de lúa, dona das donas, foi, cas súas compañeiras, se bañar e

con reminiscencias raciás cantou esta alborada:

Vinde, amigas, da beira, ás frondas
e bañar nos hemos nas ondas,
cantando amores;

Vinde, vinde, no albeo do día,
cando no ceu alto sobe a cotovía,
cantando amores;

Vinde, amigas, na riba do mar
con infinita sede d´amar,
cantando amores;

Santifical-a vida entre bruma
envolveitas de florida escuma,
cantando amores

Praia de Gandarío

 

A seguinte parada foi no cemiterio de Ouces, onde Viqueira está soterrado e onde repousan tamén as cinzas da súa filla Luísa. Alí fixémoslles unha ofrenda floral mentres que lemos varios textos e cantamos o «Cantar do berce» que Viqueira asinara en Vixoi en 1922, ao pouco de nacer o seu fillo Jacinto.

Cemiterio de Ouces

 

Con este paseo viqueirán por Bergondo dabamos por rematados os actos programados de forma conxunta en homenaxe a Viqueira nos nosos centros escolares, pero axiña soubemos que diferentes entidades e persoas particulares estaban interesadas en coñecer a ruta coruñesa das Irmandades da Fala centrada en Johán Vicente Viqueira. Foi así como contactamos coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña que se encargou da súa organización e, o sábado 30 de novembro ás 16:00 h, Dulce Fernández Graña e Marta Pumares Varela iniciamos o percorrido no IES Eusebio da Guarda, onde unha placa colocada na entrada lembra que Viqueira traballou como catedrático desde 1917 ata a súa morte en 1924.

Co público asistente quixemos salientar que nesta época Viqueira se preocupou por numerosas cuestións relacionadas co ensino e coa nosa lingua e xogou un papel importante dentro das Irmandades da Fala, xa que foi primeiro conselleiro da Irmandade da Coruña. Lemos un pequeno fragmento dunha conferencia lida na Irmandade da Fala da Coruña e publicada posteriormente en A Nosa Terra para demostrar que as súas palabras a prol da lingua, continúan estando hoxe en día de actualidade:

Endejamais fatigarei de espor os motivos, as razós de por qué o noso probrema lingüístico é de suma importancia. O primeiro motivo é que a língoa é un anaco da nosa alma coleitiva, do que ningunha lei humana poderá obrigar a desprendernos. O segundo motivo é que a división lingüística trai consigo unha división cultural perigosa na Galicia (...). Ainda hai outro motivo para o cultivo e afirmación da nosa língua. O galego, pol-a súa somellanza co-o portugués, é un instrumento de comunicación internacional que á España enteira lle convén cultivar e conservar. Un galego bilingüe ten mais probabilidades d’éxito no mundo que un galego que non coñeza máis qu’o castelao.

 Roteiro Irmandades da Fala

 

No mes de decembro continuamos a homenaxe de forma paralela nos dous centros con diferentes traballos que iamos compartindo:

No IES P. Eusebio da Guarda, o alumnado elaborou marcapáxinas para agasallar os seus familiares. Para isto utilizaron imaxes e textos de Johán Vicente Viqueira, motivos decorativos e moita imaxinación.

No CPI Cruz do Sar preparamos unha nova dramatización con Luísa Viqueira Landa dirixida ao alumnado de primeiro e segundo de primaria explicando a vida do seu pai Johán Vicente e da súa nai Jacinta. A través dun álbum ensinou fotografías da Quinta do Cortón, da familia, dos amigos, da Lagoa, da praia de Gandarío...; abriu unha carteira que tiña, entre outras cousas, unha chave antiga de ferro, un pano de tea e varias cartas. Tamén cantou o «Cantar do berce» que compuxo o seu pai e tocou a pandeireta. Cando rematou, deixou como agasallo un libro que Alicia López Pardo fixo hai anos co alumnado da escola de Vixoi e unha presa de caramelos. (Reportaxe gráfica en Facebook)

Finalmente animamos o alumnado a elaborar recursos na nosa lingua relacionados con Johán Vicente Viqueira e destacamos unha curta creada por Luján, Mariña, Rèka e Vega, alumnas de terceiro da ESO do CPI Cruz do Sar, que nos fan soñar a través do canto de berce composto por Viqueira e cantado por Jacinta e unha postal de Aroa Paz Pombo que nos serviu para felicitar o Nadal.

 

6. Avaliación e conclusións

Malia o obxectivo desta iniciativa estar ben definido desde o comezo, debemos admitir que o resultado final superou amplamente as expectativas iniciais. O esforzo conxunto de distintos organismos e entidades, a colaboración dos dous centros de ensino, a dedicación do profesorado e a implicación do alumnado, deron froitos gorentosos que aos poucos, case sen nos decatar, fortaleceron os lazos entre os dous centros cun ambiente de aprendizaxe moi enriquecedor e dinámico. Porén, a mellor experiencia naceu da convivencia entre o alumnado da Coruña e de Bergondo, que non puido resultar máis satisfactoria.

Podemos concluír que os castelos de Viqueira foron múltiplos e variados; desde o castelo do seu instituto, do alto pensamento, do vocacional labor docente, da intensa reflexión filosófica, do convencemento ideolóxico progresista e comprometido co país e a lingua, ao castelo da Quinta de Vixoi, o seu acubillo familiar e literario.

Coa conmemoración deste centenario coñecemos e demos a coñecer non só a importancia de Johán Vicente Viqueira para Galicia, senón tamén a dunha época na que a cidade da Coruña e a súa bisbarra eran o punto neurálxico do galeguismo. Tamén tomamos conciencia das ideas progresistas e liberadoras que profesaban tanto Viqueira como a súa familia e achegámonos ao seu modelo de país. Quen nolo dera 37 anos máis! En palabras de Viqueira (4):

¿O noso ideal? Un povo culto, nobre, traballador, creador do mais alto que existe nunha terra fecunda; unha inmensa perspectiva de searas, bosques, de talleres, de portos, de poesía, de ciencia, de ideal…

Esa é a nosa Galicia do futuro.

J. V. Viqueira

 

 

Notas:

(1) Respectamos a elección ortográfica de Viqueira ao escribir o seu nome: Johán. Tomamos como referencia a súa correspondencia e os manuscritos que se conservan.

(2) Domingo García-Sabell no limiar de Ensaios e poesías cita estas palabras de Viqueira.

(3) As fotografías antigas foron tiradas do Consello da Cultura Galega e do arquivo de Xesús Torres, e as actuais, polo profesorado dos dous centros e as autoras deste artigo.

(4) Do artigo «Diálogo transcendental». Publicado en A Nosa Terra o 31 de maio de 1922.

 

 

Bibliografía

 

 

BARRIOS MANZANO, P. e DO PICO ORJAIS, J. L. (2017). O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz: Galiza, Portugal e Estremadura. Santiago de Compostela: A Central Folque.

CARBALLO CALERO, R. (1981). Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia, 613-614.

COSTA RICO, A. (1996). A reforma da educación (1906-1936). X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia. Sada-A Coruña: Edicións do Castro.

GIL HERNÁNDEZ, A. (2024). Poemas e ensaios. Santiago: Através Editora.

LÓPEZ VÁZQUEZ, R. (2024). Xoán Vicente Viqueira, poeta e filósofo. Santiago: S. X. da Lingua. Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.

TORRES REGUEIRO, X. (1987). Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego. Sada-A Coruña: Edicións do Castro.

VIQUEIRA, X. V. (1918-1922). Artigos, A Nosa Terra. A Coruña.

VIQUEIRA, X. V. (1974a). Ensaios e poesías. Vigo: Galaxia. Limiar de Domingo García-Sabell.

VIQUEIRA, X. V. (1974b). Escolma de prosa e verso. Santiago: Secretariado de Publicacións da Universidade de Santiago.

VIQUEIRA, X. V. (1974c). Da Galicia de mañá. Vigo: Galaxia.

VIQUEIRA, X. V. (2021). Ensaios sobre Galicia, Vigo: Galaxia. Limiar de Narciso de Gabriel.

VIQUEIRA, X. V. (1924). Poemas, Ronsel, revista de arte, núm. II. Galicia-Lugo.

 

 

Palabras clave

Viqueira

Os castelos de Johán Vicente Viqueira

centenario

Os castelos de Johán Vicente Viqueira

homenaxe

Os castelos de Johán Vicente Viqueira

Bergondo

Os castelos de Johán Vicente Viqueira

A Coruña

Os castelos de Johán Vicente Viqueira