Ir o contido principal
innovaicon
Plan Proxecta

O Plan Proxecta como unha oportunidade para a renovación metodolóxica no ensino secundario

O proxecto "A conca fluvial do río Mera" no IES Muralla Romana (Programa Ríos)
Este artigo pretende expor a vivencia persoal que como profesor de secundaria me supuxo a participación no Plan Proxecta e a miña opinión sobre este tipo de traballos na escola actual, e presentar, ademais dos seus obxectivos, a súa organización temporal, as saídas do centro, o traballo na aula e fóra dela, e o que supón a posta en común e a autoavaliación dun traballo interdisciplinar.

José Luis Meijide del Río
Profesor de ensino secundario no IES Muralla Romana de Lugo
Especialidade de Bioloxía e Xeoloxía
 jose.mei.rio [at] edu.xunta.es (jose[dot]mei[dot]rio[at]edu[dot]xunta[dot]es)

 

Os tempos que vivimos non son fáciles para contribuír a crear unha nova escola, a que tería que ser flexible e rica en métodos de traballo, aberta ao mundo exterior e formadora de cidadáns responsables e comprometidos. Este reto ao que nos enfrontamos supón esforzos do profesorado, xenerosidade, e principalmente poñer o punto de mira nos rapaces, aos que lles pertence o futuro máis inmediato.

Como profesor de educación secundaria obrigatoria do ámbito das Ciencias da Natureza, como biólogo interesado na preservación da biodiversidade e na persistencia dos ecosistemas fluviais, e preocupado pola problemática dos recursos hídricos, veño traballando cos rapaces dun xeito práctico ao participar nas campañas de voluntariado ambiental que anualmente se levan a cabo, na primavera e no outono, por instancia da Asociación de Ecoloxistas de Galicia.

Elixín o río Mera nun tramo preto da súa desembocadura pola proximidade ao IES Muralla Romana, por tratarse dun curso fluvial sen perigo para traballar cos rapaces e por ter un patrimonio etnográfico interesante, en especial polos muíños e os seus restos. É un dos afluentes que recibe pola esquerda o río Miño no tramo que, de norte a sur, percorre o municipio lucense. Nace a 700 metros de altitude preto do cordal do Chao, na parroquia de Vilafiz, e desemboca, despois de trece quilómetros, en Orbazai, atravesando entre outras as terras de Santa Eulalia de Bóveda e O Veral. O visor da Xunta de Galicia visorgis.cmati. xunta.es/ríos permite visualizar o tramo elixido.

O río configura un val que conserva o seu carácter agrario aínda hoxe, de xeito que a súa paisaxe é a un tempo indómita e antropizada. A súa marxe dereita coincide cun monte comunal ben conservado. Os seus muíños tiveron importancia no abastecemento de fariña á cidade de Lugo.

Co xurdimento do Plan Proxecta convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentóuseme a oportunidade de profundar no coñecemento deste ecosistema fluvial que non pode comprenderse só como a liña do leito e as súas beiras, senón como unha bacía completa, coas influencias antrópicas, definitivamente determinantes no seu estado de saúde ambiental. Xa que era requisito indispensable a participación dun equipo interdisciplinar para optar a un proxecto na convocatoria do devandito plan, fun en busca de profesores do noso centro que quixesen traballar, achegasen as súas ideas, e amosasen ilusión e dispoñibilidade do seu tempo, como así foi. Fago constar aquí o valor que lle dou á súa resposta.

Os profesores dos departamentos participantes, Lingua e Literatura galegas, Xeografía e Historia, Educación Plástica e Visual e de Bioloxía e Xeoloxía, a quen represento, e un grupo de 25 alumnos de cuarto da ESO, entre os que se atopaban sete de adaptación curricular, constituímonos en grupo de traballo, aqueles como axentes directores das parcelas da súa competencia, estes como capataces aprendices nas tarefas encomendadas, a xeito coas súas capacidades e itinerario formativo.

Despois das primeiras reunións cos profesores, seleccionamos os obxectivos máis viables, que foron os seguintes: a representación plástica a escala da bacía do río Mera, o estudo da paisaxe e a identificación de elementos de valor etnográfico e dos usos do territorio, a representación exterior e interior a escala dun muíño ben conservado cos elementos integrantes no seu funcionamento, a avaliación do estado de saúde do bosque ribeirán nun tramo dun quilómetro preto da desembocadura e, finalmente, o estudo dos topónimos das parroquias incluídas na súa extensión.

O traballo así planificado podería constituír as primeiras pinceladas dun cadro que representaría esta pequena bacía hidrográfica tan próxima á cidade, pero cuns valores naturais e etnográficos que merecen consideración. O descubrimento do significado dos topónimos engádelle un valor no eido das linguas, da xeografía ou da historia. Achegaríalle contrastes ao cadro. O estudo ambiental xa non sería entón o que máis primaría do proxecto. Todos os obxectivos tomaban carta de natureza.

As tarefas elixidas e levadas a cabo quizais non acadaron a cohesión que quereriamos, pero coas limitacións con que nos atopamos –por exemplo, a insuficiencia de períodos lectivos dedicados, o número limitado de saídas de campo que se fixeron, tres en total, as interferencias coas clases máis formais que establecen a continuidade dos programas, e outras–, malia todo, os logros conseguidos foron satisfactorios para todas as partes, como comentaremos máis adiante.

Unha axeitada planificación das actividades era importante para ir conseguindo os obxectivos propostos, aínda que ás veces houbese que introducir os cambios oportunos: estableceuse por iso un calendario de reunións para os profesores cunha frecuencia mensual para programar ou preparar o traballo común, especialmente para organizar as saídas escolares e as tarefas de aula en cada materia, así como a repartición entre os alumnos.

Do conxunto de alumnos participantes fixéronse catro grupos: catro que tiñan Xeografía dedicaríanse ás  tarefas relacionadas coa interpretación do contorno, os 12 que tiñan Bioloxía e Xeoloxía como materia optativa encargaríanse da toma de datos físico-químicos da auga e da mostraxe de macroinvertebrados acuáticos, catro alumnos con Educación Plástica e Visual estudarían os muíños e, finalmente, o grupo de alumnos de Ámbito Científico-Tecnolóxico de cuarto de PDC estudaría aspectos botánicos e recollería mostras para un herbario. Este grupo sería tamén o que realizaría a maqueta da bacía fluvial.

 

Por outra parte, o grupo de cuarto da ESO completo (sen contar cos do PDC) traballaría a toponimia como relatarei máis adiante.

É de supoñer que nas saídas participou o grupo de alumnos completo, aínda que non os acompañase o equipo completo de profesores. No traballo de campo, as tarefas diversificáronse segundo o plan preestablecido. Porén, todos os rapaces participaron activamente, recibiron apoio, axuda na interpretación do contorno, na toma de datos, e os profesores instruíronos in situ cando foi preciso.

Na primeira saída conviñemos en visitar o Museo de San Paio de Narla, próximo á cabeceira do Mera e cuxo rico contido etnográfico orientaría unha parte do traballo. O actual museo está composto por elementos construtivos que abranguen desde o século XVI ao XIX, aproveitando ás veces materiais medievais. Cada sala contén obxectos relativos a un tema, agricultura, artesanía, festas, caza, defensa etc. Certas partes da propia fortaleza axudan a situarse temporalmente, xa que recrean os costumes das diferentes épocas.

A visita ao museo foi ilustrativa e serviu para que os alumnos tivesen unha breve información histórica da zona, aínda que a eles lles correspondese estudala no presente. Consideramos importante esta base para os traballos prácticos que ían levar a cabo.

Foi nesta mesma xornada da visita á fortaleza de San Paio de Narla, na que o grupo fixo tamén un percorrido pola zona de cabeceira do río, onde se visitou o  pazo de Remesil e á tarde o xenuíno monumento de Santa Eulalia de Bóveda, este xa no tramo central da bacía.

A segunda saída levouse a cabo ao pouco tempo e tivo uns obxectivos enfocados á ecoloxía fluvial, xa que correspondía á inspección do río no outono, aínda que se recolleu gran cantidade de documentos fotográficos (flora, usos do solo, muíños, pasadoiros, hórreos, maquinaria, casas etc.). Moveriámonos polo tramo baixo do Mera.

A medición dos parámetros físico-químicos levárona a cabo entre os 12 alumnos de Bioloxía, utilizando un material achegado por ADEGA e coas pautas que establece o seu proxecto Ríos. Mediron así o caudal do río, a temperatura da auga, a turbidez, o osíxeno disolto, o PH e a concentración de nitratos. Tamén tomaron mostras do sedimento para facer un reconto de exemplares de macroinvertebrados capturados. Algún dos exemplares leváronse vivos para estudar nun acuario montado con esta finalidade. As lupas dixitais e o microscopio axudoulles a aclarar algunha característica morfolóxica para a súa determinación.

 

Os resultados destes estudos permitiron unha avaliación aproximada da calidade da auga. Figuran no blog devandito, nas páxinas correspondentes as campañas de outono e primavera.

Finalmente, na saída da primavera, despois das mostraxes e medicións na auga nos mesmos puntos da anterior campaña (e que corresponden ao tramo baixo do río), retornamos aos arredores de Santa Eulalia de Bóveda e así completamos o estudo do territorio e da paisaxe deste tramo medio do Mera. Nesta mesma xornada entrevistouse a don Nicandro Ares co obxectivo de resolver as dúbidas do estudo toponímico feito e de obter algunha achega deste experto na materia.  

A convocatoria do Plan Proxecta deixaba ver claro que as institucións educativas querían promover canles de traballo en común a través das novas tecnoloxías, así como facer partícipes os centros educativos da diversidade de actividades desenvolvidas nos proxectos. Por iso decidimos a creación dun medio propio onde verter os produtos do noso traballo, un blog de tipo educativo cunhas bases propias para non dar cabida a outros enfoques quizais atractivos pero con menor valor formativo.

A posta a punto deste medio de presentación xa referenciado no presente artigo precisaba unhas destrezas ás que non estabamos afeitos. Estes impedimentos salváronse coa xenerosa axuda de Vicente Martínez de Cestafe Ochoa de Eribe, especialista en Informática con destino no noso centro, e membro do seu equipo de dinamización lingüística.

Continuando co relato das actividades desenvolvidas nos diferentes departamentos didácticos, o profesor do Departamento de Xeografía e Historia, José Antonio Corredoira Teijeiro, foi quen de dirixir os alumnos nos estudos da paisaxe, usos do solo, elementos arquitectónicos e materiais construtivos, e outros aspectos en relación coa interpretación do contorno. En dúas xornadas de clase previas ás saídas, analizou cos rapaces a través de internet os mapas da paisaxe de Galicia, o topográfico nacional e de pendentes da cartografía do SITGA IDEG, os usos do solo e aqueloutra información de interese que aparecía nos visores xeográficos citados na bibliografía, coa finalidade de que os alumnos aprendesen o manexo desta información de acceso ao público e de grande utilidade para logo corroborar in situ. Despois das saídas, revisaron na aula as fotografías realizadas e corrixiulles os traballos de redacción que lles  propuxo sobre as visitas realizadas nas saídas de estudo.

Polo que respecta ao labor dirixido pola profesora do Departamento de Lingua e Literatura galegas, María Xesús Adán López, logo de comentar na aula que se ía facer un estudo toponímico das parroquias e aldeas pertencentes á bacía do río Mera, distribuíulle ao alumnado o traballo, o cal as localizou previamente nos mapas correspondentes ao Instituto Xeográfico Nacional e as repartiu entre eles. A continuación, unha vez delimitadas e adxudicadas as parroquias, consultaron o Nomenclátor de Galicia para elaborar unha relación das aldeas de cada unha delas e seleccionaron aquelas que estritamente pertencen á bacía do Mera, coa axuda, novamente, de mapas topográficos. Ordenáronse tanto as parroquias como as aldeas, tendo en conta a súa localización desde o nacemento ata a desembocadura a través dos visores indicados na bibliografía.

Unha vez rematado todo este traballo xeográfico, realizado todos os luns na aula de informática do instituto, comezaron a cerna do traballo propiamente dito. Os alumnos elaboraron o estudo dos topónimos que lles correspondían coa axuda de internet (ferramenta indispensable) e da bibliografía proposta. Tamén se requiriu a inestimable axuda da profesora de Latín e Grego, Belén Mosquera Camba, para completaren entre todos o estudo daqueles topónimos máis complexos.

Finalmente, baixo a dirección da citada profesora do Departamento de Lingua e Literatura galegas, os alumnos elaboraron o guión da entrevista realizada a don Nicandro Ares Vázquez, xa citado anteriormente. Este recoñecido estudoso da toponimia e membro correspondente da RAG mostrou unha disposición cara a nós totalmente desinteresada, o que nos permitiu enriquecer nesta parcela o noso proxecto. A entrevista fíxose no seu propio lugar de residencia, unha das aldeas da bacía do Mera (Cabanas-Santa Eulalia de Bóveda) e, ademais dos seus valiosos comentarios, aclarou algún aspecto dubidoso da toponimia.

O profesor do Departamento de Artes Plásticas e Visuais, Alejo López Abuín, dirixiu un equipo de catro alumnas na elaboración dos debuxos técnicos e ilustrativos do muíño de Aspai. A toma de contacto e comezo do estudo do muíño foi unha visual exterior e a realización de fotografías do edificio e dos arredores.

Tomando como base as fotos obtidas na visita ao muíño e as vistas cenitais obtidas en Google Maps comezaron a trazar os alzados e vistas en planta do muíño.                                                             

Acompañados polo propietario do muíño, fíxose a segunda visita ao seu interior. O propietario amosou o interior da edificación, explicou a que se dedicaban as distintas partes (alpendre do carro do cabalo, corte do cabalo,etc.) e as funcións das distintas moegas segundo o tamaño do gran que se ía moer, así como a finura da fariña que se quere obter.

Coas fotos obtidas nesta segunda visita, comezaron a distribución na planta interior do muíño, en dous niveis, a planta de entrada de acceso ao muíño e a planta onde se encontran as moegas e o cuarto do vixilante nocturno do muíño. Nunha nova etapa traballaron detalles do muíño con achega de fotos de distintas partes deste, cuartos, corredores de ligazón entre estes, moegas, con indicacións sobre as mesmas imaxes traballadas, e incorporaron esquemas de funcionamento do muíño que tomaron de internet.

Nesta terceira fase do proxecto elaboraron unha vista tridimensional do muíño cos distintos cuartos, a situación das moegas e a situación respecto do río.

Desde todas as fases do proxecto se intentou integrar tanto unha visión do muíño desde o punto de vista arquitectónico como do seu funcionamento.

As tarefas dirixidas desde este departamento levaron máis das catro xornadas de clase previstas nun principio.

Como profesor do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía dirixín a realización de mostraxes no río e o estudo dos exemplares recollidos no laboratorio do centro, coa axuda da fotografía coas lupas dixitais e, circunstancialmente, co microscopio dixital. Os alumnos puxéronlles ás fotos as indicacións oportunas. Traballaron con dúas familias de macroinvertebrados cada dous alumnos. Especifiqueilles como guía para o estudo os seguintes puntos: características xerais da orde (e suborde se procede), con información breve sobre a súa metamorfose e os tipos de larvas, características diferenciadoras da familia e nocións básicas sobre a súa bioloxía. Os traballos de observación e de fotografía levaron as seis xornadas de clase previstas no planning do proxecto.

Tamén guiei a representación da bacía fluvial do Mera, que levaron a cabo os alumnos do PDC a partir das follas de escala 1:25.000 do mapa topográfico nacional de España. Trasladaron as curvas de nivel e a hidrografía a papel vexetal e logo elaboraron os diferentes niveis en cortiza, cubrindo despois cunha mestura de papel hixiénico, alquil e auga. Finalmente, pintaron a maqueta con acrílicos e engadíronlle algúns elementos como os muíños. O resultado apréciase na seguinte fotografía.

 

Por último, propúxenlle ao alumnado de Bioloxía-Xeoloxía o alzado dun perfil lonxitudinal (escala 1:25.000 e escala vertical 1:5000) e de tres perfís transversais, con dirección, grosso modo, N-S, e na representación destes a ilustración do substrato xeolóxico con símbolos e cores axeitadas, baseándose nas follas xeolóxicas correspondentes.

Todo o traballado, por fin, colocouse no blog que denominamos Río Mera. Proxecto Ríos IES Muralla Romana, o que continúa actualmente aberto ao público e preparado para incorporar as novidades do actual curso escolar.

A avaliación do proxecto no que nos involucramos formulámola en primeiro lugar a través de cubrir un breve formulario dirixido aos alumnos participantes, que intentaba percibir o grao de satisfacción e de enriquecemento persoais que tiñan eles mesmos ao formar parte do traballo.

Un terzo dos alumnos valorouno moi ben, outro terzo ben e para o outro terzo non cumpriu completamente as súas expectativas. Ás veces, o verdadeiro valor do que un mesmo fixo chega máis tarde.

Aproveitando a Xornada Mundial do Medio Ambiente que se leva a cabo o 5 de xuño, organizamos a montaxe de paneis nos corredores da planta baixa do instituto, os cales mostraban parte do traballo levado a cabo. No salón de actos do centro, cinco alumnos representantes do grupo expuxeron durante 70 minutos cada unha das parcelas do proxecto. Os destinatarios eran compañeiros de terceiro curso da ESO e de primeiro de bacharelato.

Máis das tres cuartas partes dos alumnos que coñeceron o traballo realizado polos seus compañeiros a través das exposicións feitas no centro valorárono ben ou moi ben.

Os profesores coñecedores e non participantes do proxecto valoraron moi ben o traballo dos alumnos e o proxecto no seu conxunto e danlle un alto valor didáctico e educativo a este tipo de iniciativas.

O traballo completo foi tamén exposto no IX Encontro do Voluntariado do Proxecto Ríos, organizado por ADEGA, e consideramos moi meritorio por parte dos alumnos participantes (un grupo de cinco alumnos) a súa defensa ante un público adulto ao que eles non adoitan enfrontarse.

 

Os profesores encargados do traballo realizaron un proceso autoavaliador para o que tiveron en conta o grao de cumprimento dos obxectivos xerais e específicos dos respectivos departamentos, do que se extrae unha boa valoración do proxecto malia as súas dificultades. Estas poden resumirse, en primeiro lugar, en que non resultou fácil levar o ritmo preestablecido (sesións insuficientes do traballo na aula, dificultades coa implicación dos alumnos en épocas de moito traballo para eles etc.) e, por outra parte, en que o número de horas dedicadas a todas as tarefas levadas a cabo polos profesores superan moito do esperado nun principio. Xa que o número de sesións de clase dedicadas ao traballo debería ser máis para acadar as pretensións iniciais do proxecto, paga a pena reflexionar sobre se lle debemos restar tempo á metodoloxía tradicional a favor deste tipo de dinámicas de traballo, e canto tempo, de ser o caso. As institucións educativas deben promover estes traballos cun grande apoio ao profesorado que asume labores formativos destas características.

 

Bibliografía

 

Google Maps
Nomenclátor
Visor SIXPAC (FOGGA, Consellería do Medio Rural)
www.Visorgis.cemati.xunta.es
Corominas, J.: Breve diccionario etimológico de la lengua castellana
Dicionario da Real Academia Galega
Mapa topográfico nacional e mapa de pendentes (cartografía do SITGA IDEG)
Directrices da Estratexia galega da paisaxe
Mapa da paisaxe de Galicia: chairas e fosa luguesas na zona central 3.2. Lugo
 

Palabras clave

Educación medioambiental

O Plan Proxecta como unha oportunidade para a renovación metodolóxica no ensino secundario

Plan Proxecta

O Plan Proxecta como unha oportunidade para a renovación metodolóxica no ensino secundario

Programa Ríos

O Plan Proxecta como unha oportunidade para a renovación metodolóxica no ensino secundario