Cookies, reels e likes
Sara Fernández Louro. Departamento de Orientación
Roberto González Pardo. Departamento de Tecnoloxía
IES Plurilingüe Adormideras (A Coruña)

Desenvolvemento do obradoiro
Contextualización
A través da Resolución do 13 de setembro de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocou o programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais e estableceu as bases para a participación no devandito programa. O IES Plurilingüe Adormideras (A Coruña), desde o convencemento da relevancia da temática para o desenvolvemento persoal, educativo e mesmo profesional do alumnado, solicitou a participación no proxecto e fóronlle concedidos dous obradoiros de hora e media de duración cada un deles cuxos destinatarios foron estudantes de terceiro e cuarto cursos da educación secundaria obrigatoria. Tal e como se indica na convocatoria do programa, o seu desenvolvemento correu a cargo dun especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Cómpre destacar que o IES Plurilingüe Adormideras (centro de referencia da contorna para cursar a rama de bacharelato de artes plásticas, imaxe e deseño) conta na ESO con dúas liñas por nivel, de tal xeito que só unha parte do alumnado de terceiro curso (aquelas persoas matriculadas en Educación Dixital) e outra parte do alumnado de cuarto (as alumnas e alumnos que cursan a materia de Dixitalización) asistiron ao obradoiro. Os e as estudantes que non acudiron á actividade foron empregados cun propósito comparativo neste estudo, é dicir, coa finalidade de discriminar os efectos e/ou consecuencias que puidesen derivar da asistencia á actividade.
Que pretendemos con este estudo?: os obxectivos
A finalidade primordial deste estudo consistiu basicamente en comprobar se o alumnado, tras asistir aos talleres do programa, mudou a súa percepción e actitude sobre o uso das tecnoloxías e, de ser así, verificar en que medida.
Polo tanto, o propósito perseguido sería a comprobación do grao de consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria do programa que, segundo a Resolución do 13 de setembro de 2023, son os que se refiren a continuación:
Obxectivo xeral:
- Capacitar o alumnado no uso seguro, responsable e proveitoso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
Obxectivos específicos:
- Reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais.
- Explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital.
- Afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas.
- Ofrecerlles aos e ás menores ferramentas e recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.
Que recursos se empregaron?
Tal e como xa se explicou con anterioridade, unha parte das alumnas e alumnos de terceiro e cuarto da ESO tivo a oportunidade de asistir aos obradoiros do programa. Tras a celebración dos devanditos obradoiros, tanto ao alumnado asistente coma a aqueles rapaces e rapazas que non asistiron facilitóuselles a ligazón para que puidesen cubrir un formulario realizado na plataforma AbalarBox no que figuraban preguntas sobre cuestións como as redes sociais máis empregadas e o número de horas diarias dedicadas a elas, a cantidade de perfís en cada rede social, número de seguidores e de perfís seguidos, o tipo de información que adoitan compartir e con que finalidade etc. O alumnado foi tamén inquirido sobre conceptos como a identidade e a pegada dixital, claves no desenvolvemento do programa.
Como foi levada a cabo a actividade?
O alumnado das materias de Educación Dixital (un total de 30 alumnas e alumnos de terceiro da ESO) e de Dixitalización (un total de 15 alumnos e alumnas de cuarto da ESO) cubriu o formulario nunha das sesións das mencionadas materias e con posterioridade á realización dos obradoiros, mentres que o alumnado restante (aquel que non asistiu aos obradoiros e que son un total de 50 alumnas e alumnos) puido levar a cabo esta tarefa na sesión semanal que cada un dos grupos ten destinada á titoría. En ambos os casos, o alumnado estivo acompañado de profesorado tanto do Departamento de Tecnoloxía coma do Departamento de Orientación.
Respecto da ferramenta seleccionada polo profesorado encargado do estudo (AbalarBox), é preciso destacar que a súa elección responde esencialmente a criterios de eficacia, seguridade, accesibilidade e facilidade de manexo tanto por parte do alumnado coma dos docentes implicados. Esta ferramenta corporativa posibilitou que toda a información recadada a través da realización dos formularios fose almacenada, compartida, analizada e tratada posteriormente nunha contorna segura.
Cales foron os resultados?: a avaliación
Unha vez aplicadas as estratexias de tratamento estatístico dos datos obtidos coa finalidade de facilitar a súa análise e interpretación, é posible extraer algunhas conclusións de interese que cómpre ter en conta se o que pretendemos, en última instancia, é que o alumnado incremente a súa competencia á hora de facer un uso responsable, seguro e crítico das tecnoloxías dixitais.
É preciso aclarar que a totalidade do alumnado participante neste proxecto, dentro das opcións respecto do xénero que se ofreceron na enquisa, manifestaron identificarse co masculino e co feminino, de tal forma que as restantes opcións non foron escollidas. É por isto que só aparecen reflectidas nas gráficas as respostas de homes e mulleres.

Gráfica 1

Gráfica 2
Así pois, tal e como se pode apreciar na gráfica 1, existe unha diferenza considerable en canto ao número de horas que, polo xeral, se dedican diariamente ás redes sociais se establecemos unha comparativa entre rapaces e rapazas. Deste xeito, as mozas dedicarían de media máis de catro horas ao día, mentres que os mozos se moverían nun abano de entre dúas e tres horas.
Esta diferenza de xénero tamén se reflectiría ao ter en conta as redes sociais máis empregadas, xa que, aínda que o uso de WhatsApp e Instagram se distribúe dun xeito máis ou menos análogo, si pode observarse que as persoas de xénero feminino amosan preferencia por redes como Tik-Tok ou BeReal, mentres que os varóns empregan con maior asiduidade outras como YouTube ou Discord. É preciso tamén destacar que algunhas das redes sociais máis populares hai algúns anos, como Facebook, teñen hoxe en día un uso residual ou practicamente inexistente nestas franxas de idade (véxase a gráfica 2).
Outro dos datos que cómpre ter en conta fai referencia á idade á que a mocidade dispón dun móbil propio. Os resultados acadados neste senso (véxase a gráfica 3) revelan, por unha banda, que o móbil é o dispositivo máis empregado (por diante doutros como a consola ou a tableta) e, por outra, que teñen este dispositivo ao seu dispor arredor dos 12 anos de idade, coincidindo co tránsito da educación primaria á ESO. Estes datos serían concordantes cos referidos por Andrade, Guadix, Rial e Suárez (2021), que determinan que o móbil é o dispositivo máis habitual no 71 % do alumnado de primeiro curso da ESO, porcentaxe que se amplía ao 73,2 % en segundo da ESO.

Gráfica 3
As respostas obtidas sobre a interrogante relativa ao «por» e ao «para que» adoitan empregar as redes sociais son, se cadra, un dos aspectos máis reveladores, xa que a maioría recoñece que mantén diferentes perfís nunha mesma rede social coa intención de incrementar o seu número de seguidores, darse likes a si mesmos ou coñecer aspectos da vida doutras persoas sen seren recoñecidas e recoñecidos. Estas afirmacións corroborarían o afirmado por De Haro (2020), quen indica que nas redes como Instagram, nacidas cunha vocación de difundir imaxes máis que palabras, o realmente importante non é estar ou desfrutar, senón amosar publicamente que se estivo e que se desfrutou e mesmo aparecer alí onde os outros non poden. A competencia por acadar o maior número de seguidores posible conduce nunha alta porcentaxe de ocasións (neste caso a porcentaxe ascende a un 68 % do alumnado que realizou a enquisa) a aceptar como «amigas» persoas que non coñecen, con todos os riscos que isto pode supoñer (grooming, ciberacoso, sexting, phishing…) e dos que en bastantes ocasións non son conscientes, de aí a enorme importancia de que alumnado poida recibir a necesaria formación que lle permita desenvolverse dun xeito responsable na contorna dixital. Estes riscos vense incrementados debido a que o acceso ao mundo virtual ten, hoxe en día, un carácter practicamente permanente e instantáneo, é dicir, existe a posibilidade de conectarse desde calquera lugar, situación e momento. De feito, unha porcentaxe do 83 % do alumnado que realizou a enquisa afirma que adoita consultar as súas redes sociais en sucesivas ocasións ao longo do día, independentemente de onde se atope (véxase gráfica 4).

Gráfica 4
Nesta liña, ao establecer unha comparación entre os datos obtidos nos dous grupos participantes, é dicir, aquela parte do alumnado que tivo a oportunidade de asistir ao obradoiro fronte ás alumnas e alumnos que non asistiron, vemos como o grao de coñecemento sobre conceptos como pegada dixital, egosurfing ou os distintos riscos aos que se poden enfrontar na rede é notablemente superior no grupo que participou no obradoiro (un 80 % fronte a un 25 %). Así mesmo, este grupo tamén amosou unha maior competencia con respecto ás medidas de prevención ou estratexias que se poden levar a cabo coa finalidade de manter a súa privacidade e, con carácter xeral, para facer un uso seguro da tecnoloxía (configuración de cookies, emprego de buscadores que non almacenan información privada, reflexión sobre a pertinencia dos contidos que publicamos etc.).
Conclusións
Á vista dos resultados obtidos, podemos constatar unha vez máis como é evidente que a tecnoloxía forma, hoxe en día, parte esencial do noso día a día. No caso das e dos adolescentes, é imprescindible que tomen consciencia dos riscos que un uso excesivo e unha conexión constante poden ter na súa saúde non só física, senón tamén mental, emocional e social.
Con respecto ás redes sociais e aos diferentes perfís que con moita frecuencia manteñen naquelas máis empregadas, é importante que, como persoas adultas, nos decatemos da falsa percepción que en moitas ocasións temos de que estamos a controlar o uso que os e as menores están a facer delas.
É de suma importancia que o alumnado se dea de conta de perigos como aceptar como «amigas» persoas descoñecidas, compartir os seus contrasinais, publicar determinadas imaxes e/ou comentarios etc.
Lograr que os e as adolescentes acaden unha nova relación coas tecnoloxías na que sexan conscientes da importancia de xestionar axeitadamente a súa identidade dixital constitúe un desafío importante para a totalidade da sociedade en xeral e, particularmente, desde o sistema educativo é primordial traballar na procura de alternativas de carácter innovador que permitan ofrecer unha resposta o máis axustada posible a esta nova realidade.
Neste senso, a participación do IES no programa Iniciación segura á pegada dixital e as redes sociais revelouse, á vista dos resultados do estudo levado a cabo, como unha actividade de interese para a consecución deste obxectivo. O alumnado participante nos obradoiros amosou un maior nivel de competencia e máis coñecementos en asuntos como a xestión dos perfís nas redes sociais, a configuración das distintas opcións de seguridade e privacidade e ademais foron quen de explicar conceptos como identidade e pegada dixital en comparación con aqueles e aquelas estudantes que non acudiron ás charlas. Porén, e a pesar do relevante papel que desenvolve o eido educativo, é necesario ter en conta que a resolución dun asunto tan complexo como o que nos ocupa non pode perder de vista a necesidade de que tanto a industria tecnolóxica coma as autoridades amosen unha implicación real e adquiran un rol activo na busca de alternativas encamiñadas á abordaxe desta cuestión.
Andrade, B., Guadix, I., Rial, A. e Suárez, F. (2021). Impacto de la tecnología en la adolescencia. Relaciones, riesgos y oportunidades. Madrid: UNICEF España.
De Haro, J.J. (2020). Ciudadanía e identidad digital. Madrid: Ministerio de Educación y Formación Profesional.