Ir o contido principal
innovaicon
Contidos educativos

Somos escritores... por primeira vez

É un recurso educativo aberto que pretende servirlle ao profesorado do primeiro ciclo de educación primaria como unha guía para desenvolver nas aulas unha secuencia didáctica na que ensinarlle ao alumnado a escribir textos literarios de calidade. Dispoñible no repositorio do Espazo Abalar, este REA ten o seu complementario en Fotografía e contos dirixido á etapa de educación infantil. Estes dous recursos comparten a estrutura e teñen a mesma finalidade: formar alumnado competente lendo e escribindo.

M.ª Teresa Neira González
Mestra de educación infantil no CEIP Pío XII de Santiago de Compostela
terepola [at] edu.xunta.es (terepola[at]edu[dot]xunta[dot]es)
Pablo Nimo Liboreiro
Mestre de educación primaria no CEIP de Belesar (Baiona)
pablonimo [at] edu.xunta.es (pablonimo[at]edu[dot]xunta[dot]es)

 

Contextualización e descripción do proxecto

En Somos escritores... por primeira vez o traballo co texto literario céntrase na produción e mellora de borradores ata editar un conto individual, co paso previo da edición dun texto colectivo. O recurso Fotografía e contos é unha secuencia didáctica que parte do uso dunha fotografía, provocadora, como elemento xerador do espazo onde se vai desenvolver a acción. O fin é producir un texto literario incidindo na descrición do personaxe principal, na estrutura e no sistema de escritura (obxectivo a ir acadando no final desta etapa e no primeiro curso de primaria).

Contemplamos a conquista do proceso lector e escritor desde unha perspectiva construtivista, coherente cunha metodoloxía que respecte os seus coñecementos previos e que avance cara á construción de coñecemento por parte das nenas e nenos, de xeito significativo e funcional.

 

 

Este proxecto responde a un cambio metodolóxico que se vén dando desde hai tempo, no que se pode prescindir de manuais pechados recorrendo a textos de uso social. Acompañando a este cambio metodolóxico está a premisa de deseñar propostas adaptables a calquera nivel educativo.

Os recursos están publicados como recursos educativos abertos, de xeito que son accesibles de xeito universal. Ademais, permítese e recoméndase a súa adaptación para cada un dos contextos onde se decida poñelos en práctica, agradecendo a publicación das melloras. Isto é posible grazas a que están publicados baixo unha licenza aberta Creative Commons BY-SA e elaborados coa ferramenta de software libre eXeLearning

Estes recursos educativos abertos non están pensados para ser consultados directamente polo alumnado, xa que non é este o modelo de interacción tecnolóxica que defendemos nestas idades. Son unha guía para o persoal docente e, polo tanto, a súa visualización non require do grao excesivamente icónico ao que estamos acostumados cando están dirixidos a alumnado de menos de 8 anos.

Obxectivos

Os obxectivos didácticos que se detallan a continuación son xerais e aparecen desagregados en cada un dos recursos:

  • Comprender, reproducir e reescribir textos literarios narrativos apropiándose das características máis relevantes destes textos.
  • Escribir, atendendo ás distintas etapas, os seus primeiros textos literarios.
  • Coñecer as características das ilustracións nos álbumes ilustrados e incorporalas ás súas producións, valorando a importancia da estética na edición dos textos literarios.
  • Editar o seu primeiro conto individual evolucionando na estrutura segundo a proposta de Adam (situación inicial estable + complicación + reacción + novo elemento perturbador + situación final + avaliación) e facendo un uso axeitado da linguaxe.
  • Identificar a fotografía como recurso artístico e xerador de espazo e ambiente para situar a acción nunha trama literaria.
  • Aplicar os coñecementos da lingua e comprender as normas lingüísticas para comprender e expresarse eficazmente mediante textos orais e escritos.
  • Desenvolver a competencia lectora e escritora en interacción con outras áreas ou materias.
  • Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación para ler e escribir, producir textos e editalos.

Recursos empregados

Para a posta en práctica destas propostas non son precisos recursos especiais, xa que teñen a condición de servir a calquera docente que decida utilizalos. En canto ás ferramentas dixitais que se poden propoñer, como LibreOffice ou Audacity, o propio recurso ofrece ligazóns con acceso aos manuais de uso de todas as ferramentas propostas.

Experimentación na aula

Estas secuencias didácticas desenvolvéronse en dúas aulas moi diferentes: unha de segundo de educación primaria dun pequeno centro rural e outra de 25 alumnos de 4 anos dun centro urbano. En primaria levouse a cabo dentro das materias de Lingua Galega e Lengua Castellana, en educación infantil, ao ser horario globalizado, desenvolveuse durante todo o segundo trimestre.

Para a súa posta en práctica nas aulas, as tarefas foron organizadas en tres fases. Unha primeira de iniciación e motivación, onde se presentaron modelos de contos de calidade (texto que abordamos coa lectura por parte da persoa docente). Nesta fase foi importante a recompilación de bibliografía e a organización do espazo adicado á secuencia didáctica: expositor libros, imaxes e producións do alumnado.

Unha segunda fase de desenvolvemento, onde realizamos as actividades que nos permitiron desenvolver os contidos propostos e acadar os obxectivos de cada REA. Discusións, argumentación, traballo en equipo, reflexión, creación, interacción, busca de información, selección, produción textual e ilustración.

E por último unha fase final, coa edición dun produto de uso social que se compartiu coa comunidade educativa: contos individuais e libros de aula colectivos.
Podemos afirmar que tivo sentido o traballo co texto literario narrativo, texto fundamental para desenvolver a competencia lectora, tan necesaria non só ao longo da formación académica, senón na propia vida. Podemos afirmar que o noso alumnado adquiriu de forma significativa, lóxica e coherente contidos relevantes do currículo oficial.

Metodoloxía

Unha breve referencia, concretando os principios metodolóxicos que rexen o traballo con calquera tipoloxía textual e que se aplicaron nestas secuencias didácticas:

  • A partir da observación do que sabe o alumnado podemos intervir en cada caso de xeito máis próximo aos seus coñecementos: axudar a reflexionar sobre o modo de indagar o que di un texto, buscar pistas, buscar coherencia etc.
  • O máis axeitado é unha organización que favoreza interaccións a distinto nivel: en relación co grupo-clase, en relación con grupos de traballo, interaccións individuais —da propio neno con textos, láminas...— etc. Para ofrecer unha intervención que conecte co saber, co saber facer e co saber estar do alumnado, é necesario partir dos seus esquemas de coñecemento, en relación coa lectura e a escritura, e do significado que lle atribúen.
  • Débese evitar valorar máis os acertos ca os erros e evitar corrixilo todo, empregando os erros sen intentar evitalos.
  • Aceptar aquilo que os nenos interpretan sobre o que di o texto e interesarnos máis por saber que fixeron para descubrir o que este di e afastarnos de corrixir o que está mal.
  • Deseñar tarefas que permitan que o alumnado poida acceder a elas desde diversos puntos de partida, e compartir tamén o obxectivo de cada tarefa.
  • A persoa docente exerce como modelo de escritora e lectora competente, pero non a través dunha práctica pouco programada senón de maneira sistemática durante toda a educación infantil e toda a educación primaria: escribindo notas informativas, recollendo propostas, escribindo textos colectivos, individuais, lendo contos, cartas, textos científicos… e será modelo realizando tanto escrituras e lecturas en voz alta coma en silencio.

Avaliación

No deseño destes recursos foron tidas en conta diferentes dimensións da avaliación que a recoñecen como un proceso integral no que se valoran a análise do proceso de aprendizaxe do alumnado, a análise do proceso de ensino e da práctica docente, reflexionando sobre o deseño do propio recurso educativo.

En canto ao proceso de aprendizaxe do alumnado tense en conta unha avaliación individualizada, que se centra na evolución do alumnado e na súa situación inicial e particularidades. Integradora, para o que se establece a existencia de diferentes grupos e contextos, así como a flexibilidade na aplicación dos estándares e indicadores de avaliación seleccionados. Cualitativa, na medida en que se aprecian todos os aspectos que inciden en cada situación particular e se avalían de forma equilibrada os diversos niveis de desenvolvemento do alumnado, non só os de carácter cognitivo e orientador, dado que achega ao alumnado a información precisa para mellorar a súa aprendizaxe e adquirir estratexias apropiadas.

En canto á avaliación do proceso de ensino e da práctica docente, tivéronse en conta diversos aspectos como a retroalimentación das diferentes postas en práctica realizadas, o clima de aula creado, a motivación do alumnado, a participación e colaboración das familias.

No que se refire ao deseño do propio recurso valórase a posibilidade de aplicación do mesmo noutros contextos e noutros niveis, o axuste na planificación das tarefas e distribución dos tempos e a coherencia entre obxectivos, contidos, actividades e estándares ou indicadores.

Como elemento vertebral da avaliación ofrécese no recurso unha rúbrica de avaliación que é presentada ao inicio da secuencia e que está presente en todo o proceso. En educación infantil os estándares de aprendizaxe correspóndense cos indicadores de avaliación derivados dos criterios. A diferenza é que, sendo prescritivos os estándares para educación primaria, os indicadores son referenciais.

Conclusión

Para pechar hai que destacar a implicación e motivación do alumnado. O feito de culminar dándolle un uso social ao seu traballo, respectando as etapas polas que pasa o alumnado no proceso de adquisición da lingua escrita e empregando textos significativos de uso social (e non manuais descontextualizados elaborados por outras persoas), presenta a difícil aprendizaxe da lectura e da escritura como un reto motivador cheo de sentido, feito que repercute directamente na competencia lingüística das nenas e nenos.

 

 

Bibliografía

 

 

Bofarull, M. T. e outros (2001): Comprensión lectora. El uso de la lengua como procedimiento. Barcelona: Graó.

Ferreiro, E. e Teberosky, A. (1979): Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño. México: Siglo XXI.

Fons Esteve, M. (2004): Leer y escribir para vivir. Alfabetización inicial y uso real de la lengua escrita en la escuela. Barcelona: Graó.

Nemirovsky, M. (1999): Sobre la enseñanza del lenguaje escrito… y temas aledaños. Maestros y Enseñanza. Barcelona: Paidós.

Teberosky, A. (1992): Aprendiendo a escribir. Barcelona: Ice-Horsori.

Tolchinsky, L. e Simó, R. (2001): «Escribir y leer a través del currículum». Cuadernos de Educación. Barcelona: Ice-Horsori.

REA no repositorio do EspazoAbalar

Material complementario no repositorio do EspazoAbalar

Palabras clave

lingua escrita

Somos escritores... por primeira vez

Educación infantil

Somos escritores... por primeira vez

primeiro ciclo educación primaria

Somos escritores... por primeira vez

recurso educativo aberto

Somos escritores... por primeira vez