Ir o contido principal
escola
A nosa escola

Un museo etnográfico no colexio

O museo etnográfico do CPI Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez.
 
José María López Ferro
mestre responsable do museo
jmlopezferro [at] gmail.com (jmlopezferro[at]gmail[dot]com)
 
Imos contar a nosa experiencia de museo ao longo dos 28 anos da súa existencia. Mais, primeiramente, comezaremos expoñendo algo importante: aínda que o colexio é un CPI (temos infantil, primaria e secundaria nos dous ciclos), o museo está situado no edificio que corresponde a infantil e primaria, é dicir, as pezas do museo están á man de nenos de 3, 4 e 5 anos na planta baixa e á man dos de 6 a 12 anos na alta, e falta a primeira vez que, intencionadamente, rompesen algunha peza ou, simplemente, a trocasen de lugar. Este feito é moi importante e é de agradecerllo ao alumnado presente e a todo o que por aquí pasou ao longo deste 28 anos. Tamén ás compañeiras e compañeiros que ao longo deste tempo desempeñaron a súa función neste centro e que sempre souberon transmitirlles eses valores de respecto, coidado e de que chegasen a sentir o museo como algo propio deles. A todos e a todas as persoas colaboradoras, moitas grazas.
 

E agora fagamos un pouco de historia: os comezos

 
Alá polo curso escolar 1985-1986, propuxen no Claustro a creación dun museo etnográfico nos corredores do colexio. A idea non era orixinal, pois eu viña dun centro onde xa contaban cun museo: o Colexio Mosteiro de Caaveiro (A Capela). A idea foi ben acollida e comezamos pedindo a colaboración dos pais por carta. A resposta foi inmediata e moi positiva e un ano despois, o día 11 de maio de 1987, facíase unha inauguración oficial coa presenza das autoridades locais e amosando xa unhas 250 pezas. Na actualidade o número supera as 2500.

Obxectivos

 
  Loxicamente, como en todo traballo, ten que haber uns obxectivos e nós marcámonos varios (imos sinalar algúns a xeito de exemplo):
  - Recuperar as pezas que se estaban a perder (As Pontes, desde mediados dos anos setenta, padecía unha industrialización moi forte, o que implicaba unha desaparición das pezas relacionadas     cos oficios, os labores artesanais, os apeiros de labranza...).
   - Que o alumnado coñecese estes útiles, ferramentas, apeiros etc. dos oficios, da labranza, da casa… empregados polos seus devanceiros e que os identificase polo seu nome, o que ofrecería unha ampliación do vocabulario en lingua galega. 
   - Que valorase a riqueza cultural da nosa terra, tanto a cultura material coma a inmaterial.
   - Que o alumnado valorase a riqueza artesanal destas pezas, é dicir, que se decatase de que a maioría delas foi feita pola mesma persoa que as precisaba, imprimíndolle a súa personalidade.
   - Que o museo fose unha ferramenta máis da clase. 
 
 

O traballo 

 
Foi se cadra o máis custoso, xa que foron moitas horas dedicadas a desprazarse para ir buscar as pezas que nos ofrecían (algunhas tamén as traían), identificar e catalogar, inventariar sinxelamente (nome da peza, do doador, lugar de procedencia e utilidade), limpar, restaurar (se era preciso), colocar na sección correspondente e identificar cun carteliño coas epígrafes citadas no inventario. 
 

As seccións do museo 

 
A vella escola, a casa, a moblaxe, os xogos, o son e a imaxe, a cociña, o alumnado, a carpintería, a cestería, a cantería, a minería, o latón, os serranchíns, o liño e o tear, a la, os zoqueiros, os zapateiros, a matanza do porco, a caza, os troiteiros, as máquinas, o lavado no río, os ferreiros, a labranza, o froito, o muíño, o forno, a sega, a herba, os cabalos, o carro, a vestimenta, os útiles persoais (libros, documentos e obxectos da vida cotiá), a vida relixiosa, a vida militar, o hórreo e as vellas fotografías.
 
 

A súa utilidade

 
Mais o museo non podía quedar soamente nunha mera exposición de pezas, tiña que ser útil para o ensino diario. Ao redor del organizamos moitas actividades ao longo destes 28 anos facendo museo. Imos destacar algunhas: 
 
- O museo serve de espazo de consulta e estudo (cando o seu tamaño o permite, lévanse as pezas para a aula para explicalas ou falar sobre elas, cando se fala delas nos temas que se estudan; serviu de guía para moitos traballos de ex-alumnos que, cando ían estudar á universidade e tiñan que elaborar traballos relacionados con algún aspecto etnográfico, viñan solicitando orientación, facendo fotos etc.).
 
- Partindo do museo, elaboráronse traballos relativos a oficios, labranza, xogos… No curso 1986/1987 lógrase o primeiro premio (alumnado de 8.º) no concurso Apeiros de Labranza, convocado polo Museo Provincial de Pontevedra García Alén. Traballos relacionados co museo publicáronse nas revistas das festas patronais. Recolléronse anacos da nosa cultura popular (refráns, adiviñas, cantigas, recitados…). Elaborouse un libro de, aproximadamente, un metro de altura con lendas recollidas do noso concello.
 
- O museo explícaselle ao propio alumnado do centro con visitas organizadas.
 
- En moitas ocasións, a celebración das Letras Galegas estivo relacionada con algún aspecto do museo. Por exemplo, un ano o alumnado realizou diversas actividades manuais con algunhas das pezas do museo (escribir nun encerado cun lapis de lousa, escribir con pluma, plumiña, tinta e tinteiro, imitar diversas caligrafías de manuscritos –EUROPA–, pasar o ferro de brasas, lavar a roupa coa táboa, a bañeira e o caixón, facer un novelo de la, coser con agulla e fío, moer cun muíño do café etc.); outro ano, ao longo da semana das Letras, estiveron no centro varios artesáns (torneiros, canteiros, fiadoras, zapateiros, tallistas…) amosando o seu oficio e o alumnado participou na realización de pezas sinxelas.
 
- Tamén na celebración do Día do Libro se fixo uso do museo e o alumnado puido ver e manexar exemplares antigos existentes.
 
- As colaboracións con xornais, con cadeas de TV (local e autonómica) tamén son habituais.
 
- Houbo ocasións en que pezas do museo estiveron en exposicións fóra do centro.
 
- Existen libros publicados por autores non relacionados directamente co centro que recollen fotos das pezas do museo.
 
- Fixéronse obradoiros de construción ou fabricación de xogos e enredos
 
 

Visitas 

 
O museo está aberto ao público en xeral (venres de 17.00 h a 19.00 h, sábados e domingos de 11.00 h a 13.00 h). As visitas son guiadas, pois contamos cun guía desde hai xa uns anos, froito dun convenio entre a ANPA e o Concello. E tamén pode ser visitado, se se solicita previamente, por grupos amplos, excursións doutros centros etc.
Polo museo, ao longo destes anos, pasou moitísima xente e de moitas nacionalidades. E agardamos que siga vindo moita máis.
 
 

Outras actividades 

 
Desde hai uns once anos, comezamos coa recollida de vellas fotografías e a elaboración dun arquivo fotográfico. O procedemento consistiu en mandar, coma sempre, unha carta pedindo a colaboración dos pais e veciños. Estes foron emprestándonos os orixinais, dos que fixemos copias, facilitáronnos datos (data, lugar, persoas que aparecen, acontecemento etc.) e logo, todos os anos, coas fotos recollidas organízase unha exposición que queda permanente no museo durante medio ano aproximadamente, momento en que se inicia de novo a recollida de fotos para volver facer a seguinte (este ano imos coa XI Exposición de Vellas Fotografías). As que imos retirando están expostas nas vitrinas do museo, neste intre temos sobre 1400 que van desde finais do século XIX ata hai 30 anos. Témolas clasificadas en seccións (as escolas, os actos relixiosos, a nosa xente, as festas, a milicia, o agro, a vila, as vodas, o deporte, a emigración, os bailes…). As fotos colócanse sobre un folio enmarcado onde se recollen datos facilitados e estes sobre unha cartolina de cor (cada cor corresponde a unha sección determinada). E ano a ano o noso arquivo vai medrando.
 

Publicacións 

 
Temos un libro do museo, que xa vai pola terceira edición e co que agasallamos ás visitas. Nel recóllense algúns dos contidos do museo. Co arquivo fotográfico tamén fixemos dúas publicacións, que titulamos Imaxes da lembranza I e Imaxes da lembranza II e que tiveron moi boa acollida entre os pais e os veciños.
 

Logo de 28 anos de museo, unha pequena valoración

 
O museo é unha realidade importante para todos: para o Concello (pois é o único museo existente), para o centro (pois é un sinal de identidade), para as/os mestras/es (pois considérano como algo especial) e, sobre todo, para os alumnos (pois sénteno como propio e así o demostraron ao longo destes anos coidándoo e alimentándoo, pois a maioría das pezas trouxéronas eles).
 
Convídovos e anímovos a visitarnos, pois unha cousa é contar e outra moi distinta é ver a realidade, xulgar e valorar por un mesmo unha vez visto. 

 

Bibliografía

Palabras clave

Recuperación

Un museo etnográfico no colexio

Tradición

Un museo etnográfico no colexio

Cultura popular

Un museo etnográfico no colexio

Catalogación

Un museo etnográfico no colexio