Quero Cantar
Coa intención de promover e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre a rapazada e a mocidade, a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca o VIII Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil.
O prazo de presentación de maquetas remata o 14 de marzo, e a gala de finalistas que decidirá os gañadores, celebrarase o domingo 6 de abril no Teatro Colón da Coruña.
Poderá participar calquera grupo ou solista que presente a maqueta dunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, en calquera das dúas categorías a concurso: infantil (ata 12 anos) e xuvenil (de 13 a 16 anos).
O concurso repartirá 6000 euros en material musical, e asumirá os custos da gravación de maquetas e videoclips nun estudio profesional e dun programa formativo que inclúe unha titoría artística, unha residencia e o obradoiro 'Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música'.