Proxecto Relaciona 2014
Relaciona é un proxecto para o fomento da igualdade entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero desde o ámbito escolar, dirixido ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, mediante a súa sensibilización e formación.
En Galicia lévase a cabo mediante a financiación do Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a convocatoria e coordinación da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a colaboración da Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
A actividade, co título “A responsabilidade na igualdade, unha cuestión de cambio de actitude”, desenvolverase baixo a modalidade de grupo de traballo cun máximo de quince persoas e mínimo de oito dunha mesma localidade ou zona educativa, durante o 1º trimestre do curso escolar 2014-2015.
Obxectivos:
- Promover o debate entre o profesorado sobre as situacións de violencia que se producen nos centros educativos.
- Reflexionar sobre a importancia da práctica docente nos cambios dos modelos e os valores que se asocian á masculinidade e á feminidade.
- Prestar atención ás relacións e á comunicación na educación como medio imprescindible para eliminar a violencia.
A solicitude enviarase por correo electrónico co asunto:"SOLICITUDE PROGRAMA RELACIONA 2014" ao enderezo vx.igualdade [at] xunta.es (vx[dot]igualdade[at]xunta[dot]es), e nela deberán figurar os seguintes datos:
Denominación do centro
Persoa de contacto no centro
Teléfono de contacto
Enderezo electrónico de contacto
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de setembro de 2014.