Premio de oratoria Ramón Otero Pedrayo
A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo convoca a cuarta edición do seu premio de oratoria en formato pódcast, dirixido ao alumnado galego de entre 15 e 18 anos. O certame anima a mocidade a reflexionar en galego sobre temas vencellados ao pensamento do autor e a exercitar a expresión oral.
Este galardón, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua e da cooperativa agraria Coren, busca fomentar o coñecemento da figura do escritor e político galeguista entre os máis novos, así como alimentar o cultivo da oratoria, faceta na que o patriarca das Letras Galegas era todo un mestre.
A participación poderá ser individual ou en grupo.
Os temas preferentes das pezas que se presenten ao premio serán o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral. Todos temas do universo oteriano. O idioma será o galego.
As pezas enviaranse ao correo da asociación: amigos.de.otero.pedrayo [at] gmail.com (amigos[dot]de[dot]otero[dot]pedrayo[at]gmail[dot]com) ata o 25 de xullo de 2026.