Parlamento Xove
O Parlamento Xove é un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura que deberá adoptar cada equipo, "a favor" ou "en contra", en relación á cuestión formulada.
O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.
O prazo para enviar as solicitudes de participación estará aberto ata o 17 de xaneiro de 2025. As prazas son limitadas (24 equipos para cada unha das modalidades de ESO e Bacharelato, 16 na categoría universitaria e 8 na categoría de FP).