O Mupega cumpre 10 anos
O 21 de outubro de 2004, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) abría as súas portas ao público na compostelá rúa de San Lázaro, en plena ruta xacobea. O museo inseríase dentro da Consellería de Educación, na súa Secretaría Xeral, onde permanece ata a actualidade.
Naquel momento histórico representaba o primeiro museo especializado en temática educativa de carácter institucional aberto na península Ibérica e como tal convertíase nun referente no ámbito nacional e internacional. Empurrado polo entusiasmo de cantos nel traballan e traballaron, fachendoso de ser o primeiro museo desta temática e sempre, hai que dicilo, cun inquebrantable apoio institucional, foi quen de sucar estes mares procelosos, impasibles ao desalento e confiados no porvir.
Nesta singradura, ás veces engaiolante e sempre frenética, organizou catro eventos congresuais de carácter nacional e internacional e cinco cursos de formación para especialistas, instalamos nesta sala de temporais dez exposicións temáticas de produción propia e colaboramos noutras tantas con outras institucións que viron no noso museo un lugar ben acaído para os seus fins, visitamos con distintos formatos de exposicións itinerante arredor dun cento de localidades que van desde Madrid ata a aldea máis afastada do noso territorio, cedemos os nosos locais sociais a multitude de organismos e para actos moi diversos, facilitamos información e apoio a cantos investigadores se achegaron polo noso arquivo documental, mantivemos vivo ese orixinal acordo de mutualismo patrimonial cos queridos centros da Rede Mupega, emocionámonos coas fermosas historias de vida que recollemos en DVD de máis dunha ducia de profesionais entrañables do noso maxisterio, atendemos con enorme cariño a case 70.000 visitantes e fómonos incorporando paseniñamente nas organizacións museísticas máis sobranceiras, desde o ICOM ata a máis próxima e sentida: o Consello Galego de Museos, sen esquecer as relacionadas co mundo do xogo e xoguete tradicional, como Brinquedia ou Asociación Galega do Xogo Tradicional.
Para conmemorar tan importante efeméride, presenta na actualidade e ata o mes de marzo de 2015 unha exposición conmemorativa desa andaina histórica na súa primeira planta. Preto dun cento de imaxes e textos lémbranlle ao visitante que alí se achegue os acontecementos máis sobranceiros que neste decenio tiveron o museo compostelán como protagonista.