Nortear
Impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte I.P., convócase a undécima edición do premio de relato curto Nortear que pretende distinguir obras literarias orixinais, co obxectivo de estimular o lanzamento de novos escritores, incentivar a creatividade literaria entre os mozos e mozas residentes na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e promover a circulación e distribución de obras literarias sen importar as fronteiras.
Dotado con 3.000 euros, o certame diríxese á mocidade de entre 16 e 36 anos de Galicia ou do norte de Portugal, que teñan unha escrita orixinal e inédita de 5.000 a 8.000 palabras de extensión. Ademais de recibir a dotación económica, a persoa gañadora tamén verá o seu traballo publicado fisicamente nas linguas galegas e portuguesa.
O prazo de presentación das candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de xuño de 2025 a través da web da plataforma Nortear.