KeyCoNet
KeyCoNet (Key Competence Network on School Education) é un sistema centrado na identificación e na análise para o Desenvolvemento das Competencias Clave (DCC) nos cursos de ensino primario e secundario en centros de toda Europa. En España o concepto de competencias clave e a súa clasificación reformúlase nas denominadas competencias básicas, ás que se fai referencia nos diferentes currículos.
Este proxecto, financiado coa axuda do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea, está coordinado por European Schoolnet, grupo de reflexión internacional de gran calado que está formado por unha rede de 30 ministerios de educación dos estado membros da Unión Europea, xurdida para orientar a innovación no ámbito europeo.
O obxectivo é propoñer recomendacións cara a creación de políticas educativas e a mellora da práctica profesional docente, cunha análise dos factores que favorecen a aplicación integral do DCC, a partir dos datos recollidos por medio de revisións de publicacións, notas e estudos sobre casos prácticos, informes de visitas de intercambio, información da situación por países e vídeos da posta en práctica en centros educativos.
A Consellería de Cultura e Educación intégrase en KeyCoNet grazas ao esforzo realizado pola integración das competencias básicas nos plans de innovación e formación permanente do profesorado, como queda reflectido coa creación da rede de formación COMBAS Galicia.
O proxecto ten unha web na que é posible estar ao día das noticias, actividades e resultados da rede cara ao desenvolvemento das competencias clave en Europa, así como darse de alta no boletín KeyCoNet Newsletter que se publica tres veces ao ano.