Galiciaskills 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca o 8º Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2025, que se celebrará no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda - Pontevedra) durante os días 29, 30 e 31 de outubro de 2025.
GaliciaSkills 2025 é unha iniciativa clave para a promoción da Formación Profesional cuxo obxectivo é incrementar a súa visibilidade e proxección dentro da nosa comunidade, destacando a súa relevancia para o desenvolvemento profesional e empresarial.
Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional durante o curso 2024/25. O alumnado competidor debe ter un máximo de 21 anos cumpridos a 31 de decembro de 2025, excepto nas modalidades de Mecatrónica, Sistemas robóticos integrados, Ciberseguridade e Fabricación aditiva, nas que poderán ter un máximo de 24 anos cumpridos nesa mesma data.
Os centros que queiran participar deberán presentar unha solicitude por cada modalidade, cubrindo o formulario de inscrición, que estará dispoñible ata o 14 de marzo de 2025.