GaliciaLe
GaliciaLe é a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas galegas, desenvolvida pola Consellería en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades de lectura neste formato poñendo á disposición da cidadanía galega unha importante colección de títulos actuais en formato electrónico, en galego e en castelán, de xeito gratuíto.
Este novo servizo en liña, accesible en www.galiciale.es, supón un importante fito na ruptura das dificultades que a dispersión xeográfica pode supoñer en Galicia para o acceso á cultura, xa que as descargas poderán realizarse desde a casa, sen necesidade de desprazarse á biblioteca.
Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.
A colección está composta por 1.710 títulos que abarcan diferentes campos da cultura e do coñecemento e van dirixidos tanto ao público adulto como infantil, estruturados en diversos campos: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado.
Os obxectivos que se perseguen son:
- ofrecerlle a toda a cidadanía a posibilidade de tomar en préstamo, de forma gratuíta, obras en formato dixital.
- estender a lectura a novos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas públicas.
- aumentar o volume, a actualización e a diversidade de contidos e de soportes das coleccións das bibliotecas públicas galegas.
- impulsar o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actuais.
- no medio prazo, que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que permita acceder online a todos os fondos bibliográficos da rede de bibliotecas de Galicia.