E- DIXGAL
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que os centros soliciten incorporarase ao proxecto de libro dixital E- DIXGAL, enmarcado no Proxecto Abalar. O obxectivo é que no vindeiro curso 2015/16 os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 7000 alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º de ESO.
Poderán participar no procedemento de selección desta nova convocatoria os centros de ensino adscritos á rede Abalar que impartan o vindeiro curso 5º de Primaria ou 1º de ESO. Para solicitaren a súa participación na iniciativa terán que presentar un proxecto no que indiquen as experiencias TIC desenvolvidas no centro, así como os seus obxectivos e logros acadados ata o momento no desenvolvemento da dixitalización do ensino, entre outros factores.
O prazo para cursar a solicitude estará aberto ata o 12 de xuño.